Ir al contenido principal

Domingo 32

AS MATEMÁTICAS DE DEUS: CALIDADE SOBRE CANTIDADE


 

PÓRTICO

O modelo de sociedade e convivencia que configura o noso vivir diario está baseado non no que cadaquén é, senón no que cadaquén ten. O importante é "ter": cartos, traballo, prestixio, poder, vacacións, casa... O que posúe todo isto sae adiante e triúnfa na vida. Quen non logra algo disto é un ninguén, non merece moita atención e sempre andará á marxe.

Por iso, cómpre que escoitemos ben a invitación que se nos fai na celebración de hoxe: valorar ás persoas pola súa capacidade de servizo e de solidariedade. A grandeza dunha vida mídese, en último termo, non polos coñecementos que posuímos nin polos bens que acumulamos, nin tampouco polo éxito social, senón pola capacidade de servir e de axudar a todas as persoas. A auténtica relixiosidade e o culto a Deus comeza cando empezamos a compartir non do que nos sobra, senón do que temos necesidade. E para isto non fai falla ter moito.

A que esperamos?.

ACTO PENITENCIAL

  • Porque non damos entendido que a solidariedade consiste en compartir o que temos, e non en dar do que nos sobra, SEÑOR, TÉNDENOS A TÚA MAN.
  • Porque moitas veces vestímonos co traxe ostentoso das apariencias para que a xente nos admire e gabe, CRISTO, TÉNDENOS A TÚA MAN.
  • Porque nos nosos estreitos esquemas seguen a ocupar os primeiros postos as persoas que teñen máis riqueza e máis poder, SEÑOR, TÉNDENOS A TÚA MAN.

REMUÍÑO

O libro dos Reis narra a historia do profeta Elías e a viúva pobre que case non tiña alimento para ela e para o seu fillo; pero que confiou no home de Deus e tivo o seu premio. Ter fe, esperar contra toda esperanza, tirarse esperando caer nas mans seguras de Deus. Dar todo, ata quedar sen nada. E canto máis entreguemos, máis grande será a recompensa. Que insensat@s somos, que mal@s negociantes... non nos damos de conta que o pouco que entregamos hásenos devolver centuplicado, revalorizado.

No evanxeo Xesús denuncia aos letrados xudeus. Eles son os especialistas da lei e sen embargo, esquecen o principal: o amor a Deus e ao próximo. Xesús denuncia a súa ostentación e a súa soberbia. Reacciona contra o seu proceder inxusto, enganando aos máis débiles con pretextos piadosos. El toma partido a favor dos sinxelos, dos que precisan axuda. E nós, que somos a súa Igrexa, ¿tamén facemos nosa a opción de Xesús polos pobres?. Nun mundo globalizado, no que os pobres levan a pior parte e teñen pouco que esperar, os cristiáns e cristiás temos que asumir a opción que fixo Cristo, que veu anunciar a Boa Nova aos pobres.

Xesús descúbrenos que El é servido e acollido nos fament@s e nos forasteir@s, e fíxase nunha viúva, símbolo de persoa desamparada e débil, destacando a súa xenerosidade. Os ricos daban unha maior cantidade de cartos, pero a súa vida seguía igual, non o notaban, porque daban o que lles sobraba. Sentíanse seguros. Pola contra, a viúva deu do que necesitaba; e quedou sen algo do que precisaba para comer. Por mor da súa esmola, a súa vida cambiou. É esta xenerosidade a que destaca Xesús.

Hoxe a pregunta que se nos lanza é ¿como entendemos a solidariedade, a caridade?. Porque moitas veces quedámonos na simple esmola que adormece a nosa conciencia do sentimento de culpa. Mentres millóns de persoas pasan fame, a nosa sociedade malgasta o que outros precisan para vivir. Como cristiáns e cristiás estamos chamad@s a compartir o que recibimos. Cómpre estar espert@s para descubrirmos os novos rostros que ten a pobreza neste mundo globalizado. E unha vez que o descubramos, examinar as súas causas e poñernos mans á obrar para solucionarnos (ver, xulgar, actuar). Xesús veu demostrarnos que o amor transforma os corazóns e a sociedade. Só falta que nolo creamos.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Dispostos a escoitar a túa voz, abrimos o noso corazón a compartir o que nos ilusiona e tamén canto nos preocupa, dicindo xuntos:


 

        QUE SAIBAMOS DESCUBRIRTE NO PEQUENO

  • Pola Igrexa, por tod@s nós, para que sempre haxa coherencia entre o que predicamos e o que cumprimos, entre o que cremos e o que vivimos, entre o que dicimos e o que facemos, OREMOS.

        QUE SAIBAMOS DESCUBRIRTE NO PEQUENO

  • Hoxe, coma o Señor, fixámonos no testemuño de todas aquelas persoas: catequistas, voluntari@s de cáritas, cantores, as que limpan e poñen flores... que, nas nosas comunidades, sen excesivo protagonismo, invisten tempo e esforzos para que Xesús sexa coñecido, amado e tido en conta. Por todas elas, OREMOS.

        QUE SAIBAMOS DESCUBRIRTE NO PEQUENO

  • Por todas aquelas persoas que todos os días depositan a súa moeda na arca da nosa felicidade: a nosa familia, @s nos@s amig@s, @s compañeir@s de traballo, @s nos@s veciñ@s...., OREMOS.

        QUE SAIBAMOS DESCUBRIRTE NO PEQUENO

Grazas, Señor, por invitarnos a ter unha fe activa e comprometida con todo canto supoña e signifique o traballo comunitario de facer a vida máis agradable e alegra aos demais. Pedímoscho por Xesucristo, noso irmán, noso Señor. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Un vaso de auga de balde,

dous minutos axudando a cruzar a rúa,

un obxecto menos nas nosas cousas,

unhas moedas que nin van nin veñen,

un día de xaxún consciente,

esas tardes con persoas marxinais,

unhas horas do noso tempo escoitando soidades,

unha compra menos...

Son cousas pequenas que non rematan coa pobreza,

que non sacan do subdesenvolvemento,

que non reparten os bens,

que non socializan os medios de produción,

que non cambian as leis...

Pero que desencadean a ledicia de facer

e manteñen vivo o remol do teu querer e do noso deber.

Ao fin e ao cabo,

actuar sobre a realidade e cambiala,

aínda que sexa un pouquichiño,

é o único xeito de mostrar

que a realidade é transformable.

Señor da historia e da vida,

que non sexamos nós quen menosprecemos e deixemos de facer

as cousas pequenas de cada día.

CANTOS

  • ENTRADA: Todo o mundo un fogar
  • LECTURAS: Oh Señor, escólleme
  • OFERTORIO: Eiquí están Señor.

COMUÑÓN: O pouco que Deus nos dá

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...