Ir al contenido principal

Domingo 5 to 2010

SEMENTADORES DE ILUSIÓN

Pórtico

    Estamos cansos de palabras. Sobran. Parece que cada un/ha de nós vémonos obrigados a dar sentencia, a opinar, e sobre todo a sentírmonos sempre importantes e protagonistas. Porén a mecánica de Deus é ben distinta; sóbranlle as nosas palabras e fáltanlle os nosos feitos.

    Que pouca atención lle prestamos!. Segue a faltarnos o máis importante: a vida. Onde está o noso testemuño?. As enquisas dinnos que a Igrexa é a institución da nosa sociedade menos valorada. Tan pouca ilusión temos para transmitir?.

    A nosa celebración de hoxe xira arredor do tema do seguimento: Isaías, Paulo, Pedro... son chamados por Deus, coma cada un e cada unha de nós, que vimos aquí convocados por El para celebrar a nosa fe. Non é un mago nin un tapaburacos que vaia resolver os problemas que temos, pero si nos vai alentar, agarimar e acompañar para que fuxa de nós a soidade. Que saibamos descubrilo!.

Perdón

  • Porque seguimos tentando pescar coas vellas redes do cumprimento, da imposición e do autoritarismo, en vez de cambialas polas redes evanxélicas da coherencia, do testemuño e do amor, SEÑOR, TI AXÚDASNOS A CAMBIAR.
  • Polas veces en que nos pechamos a túa palabra, que vén reflectida nas palabras dos demais, que chaman por nós para axudalos, escoitalos, comprendelos, valoralos e querelos, CRISTO, TI AXÚDASNOS A CAMBIAR.
  • Porque son demasiadas as persoas que imos deixando nas beiras por unha falsa fidelidade á letra e non ao espírito, SEÑOR, TI AXÚDASNOS A CAMBIAR.

Remuíño

  • DEUS CHAMA...A PERSOA RESPONDE...: ¿Que fai falla para ser discípul@s de Cristo?, ¿que fai falla para ser cristián e cristiá?. Hai vocacións e profesións que requiren cualidades especiais, porque non todas as persoas somos aptas para todo. ¿É ese tamén o caso do cristianismo, é unha vocación?. Pois si, tamén para ser cristián cómpren determinadas cualidades. Imos destacar tres:
    • confianza absoluta en Xesús, fiarse da súa persoa e da súa mensaxe, que non é máis que amalo e amar aos irmáns e ás irmás. Entramos entón nunha aventura perigosa e que ás veces a moit@s mesmo lles pode resultar ridícula: ¿a quen se lle ocorre lanzar as redes a pleno sol?, ¿a quen se lle ocorre pensar que as mulleres sexan iguais aos homes dentro da Igrexa?, ¿a quen se lle ocorre que os curas promovan e o que é peor, participen, en festivais parroquiais?, ¿a quen se lle ocorre non facer a xenuflexión?, ¿a quen se lle ocorre non cobrar estipendios ou non ter lampadarios?, ¿a quen se lle ocorre... Se sempre se fixo así!.
    • fiarse de Xesús é descubrir a alguén polo que paga a pena apostar. Pero esa entrada de Xesús no noso propio terreo, alí onde estabamos segur@s: na nosa boa vida, nesta barca, nos nosos cartos, no noso catecismo, na nosa comodidade... ponnos en crise. Como Pedro estabamos afeit@s ao noso mar familiar e aos nosos traballos ben dominados e coñecidos... e El vén espertarnos da nosa rutina e do noso acomodamento.
    • ir aos demais, saír ao seu encontro, levarlles algo deste descubrimento persoal, sacalos, coa nosa propia vida dos seus horizontes, ampliar a súa esperanza e acompañalos na súa tarefa de facer un mundo máis humano, máis xusto, máis fraterno. O seguimento de Xesús provoca, desde o aquí e agora, un novo presente, unha función, un servizo cara aos outr@s.
  • ...CO SEGUIMENTO, NON COA IMITACIÓN...: Porque ser imitador supón copiar un modelo, non ter personalidade propia, non cuestionarnos nunca nada... Por iso, nós non queremos ser imitadores, senón que somos seguidores: porque nos identificamos coa persoa e coa mensaxe de Xesús de Nazaret, porque estamos segur@s de que paga a pena apostar por El, porque estamos dispost@s a seguir o seu camiño de amor, humildade e servizo... poñémonos en camiño desde a nosa liberdade e desde a nosa pluralidade. Deus chámanos ao seguimento, pero a súa é unha chamada persoal, porque cada persoa é diferente, porque os dons que Deus pousou nos nosos corazóns son diversos, porque en cada persoa intervén a súa propia liberdade... e porque grazas á nosa resposta positiva somos libres de verdade.
  • ...DEIXANDO ATRÁS TODO: E para o seguimento de Cristo, ¿que é o que hai que deixar?. Durante moito tempo parecía que o que había que abandonar era todo o que fai agradable a vida: o amor, a festa, a familia, o sorriso, a diversión... pero así ademais de ser insoportable a nosa vida, presentamos a imaxe dun Deus sádico que se comprace no sufrimento das súas criaturas. Certamente, trátase de deixar atrás todo, pero todo o que estorba, o que é contrario ao mundo que queremos construír: a inxustiza, a ambición, o egoísmo, as ansias de poder, os silencios cómplices.... Asemade, hai que deixar atrás calquera cousa que supoña renuncia á propia dignidade da persoa, calquera xeito de escravitude: a intolerancia, os exclusivismos.... Pero paga a pena embarcarse neste proxecto no que a felicidade está asegurada. A que esperamos?.

Oración da comunidade

Señor, invítasnos a facer vida a túa mensaxe. Que saibamos responder á invitación que nos fas con alegría e convicción, por iso che dicimos:

QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS DA TÚA PALABRA

  • Pola Igrexa, comuñón de comunidades, para que saibamos co testemuño de tódolos seus membros ser pan e palabra, oración e compromiso, esixencia e fraternidade no medio do mundo do que formamos parte, Oremos.

QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS DA TÚA PALABRA

  • Polas comunidades das que formamos parte e coas que celebramos e compartimos a fe, que venzamos a tentación de converternos en grupos pechados, para abrirnos á comuñón con cantos con nós queren facer do mundo a casa de tod@s. Oremos.

QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS DA TÚA PALABRA

  • Por nós, para que nos comprometamos a non facer do Evanxeo algo teórico, senón o alento, a forza e a esperanza da nosa vida, e ser así testemuñas do que nos invitas a crer e vivir, Oremos.

QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS DA TÚA PALABRA

Grazas por lembrarnos que só vivindo o que cremos estamos a responder a túa invitación. PXNS. Amén.

Reflexión

Quero aceptar o teu reto,

pero sinto na gorxa un nó apertado e non sei dicir nada.

Escoito a túa invitación,

pero non solto as miñas amarras e

non atino a zapar para ir a alta mar.

Eu quedo á beira,

porque é pequena a miña barca e son poucas as miñas forzas

para cruzar as augas.

Non poderei ser o teu amigo

se quedo na praia,

recibindo os bicos da tarde dourada?.

Pero.....non.

Vén ao meu bote,

desenvaíña a espada e corta, dun só golpe, as cordas que me atan.


 

CANTOS

  • Entrada: Pedras vivas / Vinde axiña
  • Lecturas: Seguirei os teus pasos
  • Ofertorio: Eiquí están

Comuñón: Ide e pregoade/ Deixade esta terra

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...