Ir al contenido principal

5 pascua 2010

DA ENFERMIDADE DE SERMOS DOUTRINALMENTE SEGUROS, RÍXIDOS E FRÍOS.... LÍBRANOS, SEÑOR!

SIGNO:
Seguimos co signo neste tempo de pascua: aspersión da comunidade e a renovación das promesas bautismais


 

PÓRTICO


 

    Son moitas as persoas que gardan pedras no seu corazón. Si, son demasiados os conflitos que sacoden hoxe a nosa sociedade (políticos, económicos, sociais....) e que impiden entre nós unha convivencia pacífica. E para resolver estes conflitos, só hai dúas opcións: a do diálogo e o mutuo entendemento e a da violencia e o enfrontamento destrutor. Fronte desta cultura de violencia, o Resucitado invítanos, dun xeito especial neste tempo de Pascua, a promover a cultura da paz, que esixe buscar a eliminación das inxustizas sen introducir outras novas; que esixe diálogo social, promovendo actitudes de respecto e escoita, que esixe coherencia e verdade, sen dobres morais.

    E no marco desta celebración, hoxe tamén celebramos a Pascua do Enfermo. A enfermidade plantéxanos dúbidas e, en ocasións, sentimos o silencio e a ausencia de Deus. Porén, El está aí, coma sempre, no centro da nosa vida. O aprezo e o agarimo cara ás persoas doentes é o mellor expoñente do noso amor na verdade. A práctica cristiá do amor é o sinal máis claro e evidente da nosa pertenza á Igrexa de Xesús. Porque unha sociedade avanza cara á paz cando renuncia a dogmatismos, buscando o achegamento de posturas e clarexando co diálogo as razóns enfrontadas. Oxalá que as palabras de Xesús que hoxe escoitaremos ("Déixovos a paz, dóuvos a miña paz"), resoen sempre no noso corazón.


 

O PERDÓN


 

  • Por ter posto cangas excesivas aos irmáns, sen ser o mesmo de esixentes con nós, SEÑOR, QUE NOS ERGAMOS E COMECEMOS DE NOVO.
  • Polas veces en que cremos que a nosa fe se reduce a unhas prácticas baleiras, porque somos incapaces de descubrirte a Ti nas demais persoas, CRISTO, QUE NOS ERGAMOS E COMECEMOS DE NOVO.
  • Porque, créndonos en posesión da verdade, no nome dunha falsa xustiza divina, as nosas palabras son ferintes e insultantes, o noso rostro é frío e duro; o noso corazón é insensible e de pedra, SEÑOR, QUE NOS ERGAMOS E COMECEMOS DE NOVO.

Remuíño

  • De acordo coa Igrexa, a Igrexa que somos tod@s: Unha das cousas que máis nos pode chamar a atención dos relatos do libro dos Feitos dos Apóstolos é que sempre falan de que as decisións as toman en común, ninguén decide polos outr@s. É dicir, discútenas, coméntanas, mostran o seu acordo ou a súa diferenza..., e ao final toman, entre tod@s, unha decisión. Isto vímolo escoitando desde hai varios domingos. Ben, pois se contrastamos esta maneira de facer das primeiras comunidades coa nosa, ben seguro que descubrimos moitas e palpables diferenzas. Así, onde eles poñen diálogo nos poñemos, sexan uns ou sexan outros (curas/bispos ou segrares ) ben imposición ben silencio ou despreocupación. E se uns non nos dan oportunidades de manifestarnos, aportar, colaborar no desenvolvemento das nosas comunidades, da Igrexa; outros tampouco facemos moito para ocupar o lugar e responsabilidade que nos corresponde; por pedir que se nos trate como adult@s e non coma nenos aos que se lles coida de xeito paternalista; por facer fincapé en que se nos respecte e trate como membros do pobo de Deus. Deste xeito, uns e outros, acabamos indo cada un polo seu lado, sen esforzarnos por buscar camiños comúns e tarefas comunitarias. E quen sae perdendo sempre é a Igrexa, a comunidade que Xesús quixo e puxo en camiño. Canto necesitamos volvernos ás páxinas do libro dos Feitos para poñernos as pilas e comezar a actuar como cristiáns adultos, maduros e sempre preocupados por vivir, non aparentar, a mensaxe do Reino!.
  • Ser adultos, sabendo aledarnos da confianza que pos en nós: Ser adultos, entón, vainos supor que nós tomemos en serio o ser crentes e membros da Igrexa, pero tamén responder con responsabilidade ás esixencias que isto supón: testemuñar coa vida e feitos que de verdade a fe vai enchendo e dando sentido ás nosas accións, á vez que dá contido tamén ás nosas actitudes e comportamentos. Ser tratados como adultos non ha ser entón unha excepción, senón un xeito cotián de sentírmonos cristiáns, e isto sen caer na tentación do clericalismo, é dicir, de que os curas falen pola nosa boca. Non, non teñen que falar nin os curas, nin os bispos nin o papa, senón Xesucristo. Así o entenderon os primeiros cristiáns e así somos invitados a entendelo nós.
  • Superar o inmobilismo: erguédevos que nos imos de aquí:
    Espertar a esta responsabilidade lévanos tamén a desinstalarnos, a superar a rutina do sempre foi así; a pasividade do non facer nada; a comodidade de que o fagan os outros; a nostalxia de que os tempos pasados foron idílicos, bucólicos e polo tanto mellores: o inmobilismo de quen se sente cómodo e vive a fe como unha relación mercantil na que a ti danche a ti limítaste a pagar o consumido, pero non se vive e sente como un compromiso no que estou inmerso e me sinto implicado xunto con outras moitas persoas. Construír o Reino, camiñar coa Igrexa é tarefa de tod@s, ninguén debe quedarse fóra. Espertemos do sono e, como nos di hoxe a Palabra: "erguédevos que nos imos da aquí". A nosa tarefa está en evanxelizar co noso testemuño e a nosa palabra no medio do mundo, non dentro das igrexas. Iso é o fácil, a gran tentación. Superémola.

RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS

(A poder ser, desde a fonte bautismal)


 

Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo fixeron por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se reúne para escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por iso, pregúntovos:

  • Credes no Deus da luz e da auga, que ilumina o noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza nel; que é Pai que nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza?. Si, creo.
  • Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo Pai, pasou polo mundo facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se erixiu na voz dos sen voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o amor nos deixou as benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos chamamos seguidores seus?. Si, creo.
  • Credes no Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que vai actuando na nosa vida, enfortecendo as nosas comunidades e invitándonos a non deixarnos levar da desgana e do derrotismo?. Si, creo.
  • Credes na Igrexa, comunidade nacida en Pentecostes e que ao longo de dous mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús, que a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a súa voz?. Si, creo.
  • Credes na esperanza da resurrección, que compartimos e actualizamos en cada celebración, facendo presenza viva de Deus entre nós, o Deus que nos invita a ser construtores do Reino, no aquí a agora do noso tempo, e nos abre á plenitude do encontro con El e para sempre, onde compartiremos en totalidade a esperanza que nos leva a vencer a morte?. Si, creo


 

Oración da comunidade

    Como a comunidade de Xerusalén, tamén nós nos xuntamos para deixarnos levar do sopro do Espírito, que é un sopro de liberación e non de imposición e sometemento, para poñer nas túas mans a nosa vida e dicirche:

QUE POÑAMOS O CORAZÓN E A VIDA NO QUE É IMPORTANTE

  • Esta Igrexa, Señor, que ti alentaches e chamaches a ser familia que quere, comprende e acolle, ten esquecido moitas veces esta misión que ti lle encomendaches, poñéndolle a moitos irmáns e irmás cangas insoportables e pesadas enriba dun lombo que non as pode soportar. Para que entre todos nos comprometamos a facela fiel non ás imposicións, senón ás persoas, OREMOS.

QUE POÑAMOS O CORAZÓN E A VIDA NO QUE É IMPORTANTE

  • Tamén nas nosas comunidades nos temos esquecido do que somos: irmáns, e polo tanto as nosas relacións han estar rexidas polo amor e a capacidade de perdoar. Porque estamos dispostos a cambiar para facer delas verdadeiras casas de acollida, na que non se nos berra, senón que se nos quere, OREMOS.

QUE POÑAMOS O CORAZÓN E A VIDA NO QUE É IMPORTANTE

  • Hoxe, na xornada do enfermo, queremos pedir dun xeito especial por todas as persoas que cangan sobre os seus ombreiros a pesada cruz da enfermidade. Por todos os doentes e polos seus familiares, para que atopen en Deus fortaleza e paz, e en nós a axuda que precisan, OREMOS.

QUE POÑAMOS O CORAZÓN E A VIDA NO QUE É IMPORTANTE

  • Tamén pedimos polos profesionais do mundo da saúde: investigadores, médicos, enfermeiros, capeláns, administrativos, celadores, limpadores, auxiliares... para que nunca esquezan que traballan con persoas, e saiban ser para elas mans amigas e corazón quente, realizando a súa tarefa con espírito xenerosos, OREMOS.

QUE POÑAMOS O CORAZÓN E A VIDA NO QUE É IMPORTANTE

  • Non queremos, Señor, deixar pasar este momento de oración comunitaria sen pedirche por cada un e cada unha de nós, que tantas veces non quixemos poñer amor no corazón de cantos estaban ao noso lado, senón tensión, enfrontamento, egoísmo, desconfianza… decepción. Porque estamos dispostos a cambiar, e sen medo a comezar de novo, OREMOS.

QUE POÑAMOS O CORAZÓN E A VIDA NO QUE É IMPORTANTE

Señor, que tamén nós, como fixeron aqueles primeiros cristiáns, deixemos atrás a tentación de poñer canga insoportables por riba dos ombros de tantos irmáns nosos que esperan de nós mans e corazóns amables, e non dureza e obrigas baleiras de contido. Por Xesucristo o noso Señor. Amén.


 

PARA A REFLEXIÓN


 

Ser libre é asumir o risco de equivocarse

e aceptar con humildade o erro.

Ser libre é superar a moda,

os tabús, os prexuízos,

e animarse a vencer os condicionamentos.

Ser libre é aceptarse como un é,

tendo a valentía de cambiar

aquilo que pode mellorar.

Ser libre é asumir a responsabilidade

dos propios pensamentos, palabras e actos.

Ser libre é saber dicir non

cando o fácil é dicir si;

e dicir si,

cando todo impulsa a dicir non.

Ser libre é ser forte cando todos son débiles,

é gritar cando os demais calan.

Por iso, ser verdadeiramente libre

é entregarse, por amor, aos demais.

Por iso a verdadeira liberdade

non é unha meta,

é unha práctica: A DO AMOR.

Coma Xesús,

que viviu plenamente a súa liberdade,

porque viviu para amar.


 

CANTOS


 

  • ENTRADA: Que ledicia a miña
  • ASPERSIÓN: A auga do Señor
  • GLORIA
  • LECTURAS: Canta aleluia
  • OFERTORIO: Canta o sol, canta o mar
  • COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...