Ir al contenido principal

Pentecostes 2010

Soprar, sopra calquera. Non enganes ao Espírito


Pórtico


Remata hoxe o tempo de pascua. Atrás quedaron os 50 días nos que, de xeito constante e continuo se nos foi invitando a anovarnos, a non deixarnos levar dos problemas e preocupacións, a poñer a nosa esperanza no fundamental, deixando atrás canto nos distrae e enreda. Toca agora construír, continuar, desenvolver toda esta bagaxe de responsabilidade acolledora que foron sementando en nós as experiencias vividas por aqueles primeiros seguidores de Xesús; toca agora que, esa enerxía que nos foron transmitindo desde a vida as primeiras comunidades, a saibamos nós poñer a render.

Que o efecto fervorín ou gasosa, como o chaman outros; que fai que non asentemos nin vivamos con estabilidade esta experiencia de gozo e traballo solidario, non nos impida sentir o gran agasallo que nos deixou Xesús: o Espírito Santo. Que El sexa sempre o que nos manteña ben espertos e dispostos a non perder folgos no anuncio e vivencia da Boa Nova de Xesús.

Perdón

  • Para que o ruído da presenza do Espírito estimule a nosa vida e nos leve a saír do noso mediocre estilo cristián de vida, SEÑOR, QUE ABRAMOS OS OLLOS AO ESPÍRITO.
  • Para que os nosos medos e dúbidas non nos leven a esquecer que o Espírito segue a estar ao noso lado, e que necesitamos abrir ben os ollos para descubrilo, CRISTO, QUE ABRAMOS OS OLLOS AO ESPÍRITO.
  • Para que saibamos ser, como o foron os apóstolos, austeros no vivir e sinxelos, alegres e solidarios no compartir, SEÑOR, QUE ABRAMOS OS OLLOS AO ESPÍRITO.

Remuíño

  • Que rápido pasan os días, e que capacidade temos de esquecer o vivido e celebrado!. Isto que nos ocorre noutras facetas da nosa vida, pásanos tamén no que respecta á fe. Si, porque metidos neste "dálle-dálle" das moitas cousas que temos que facer cada día, podemos correr o perigo de ir esquecendo que é Xesús o que guía e marca a orientación da nosa vida; e como El non era parvo e sabía moi ben de qué falaba, íase dando conta de que os seus seguidores corrían tamén este perigo. Por iso antes de irse failles unha promesa: que non os ía deixar solos, que o Espírito Santo sería o seu valedor, nas trouladas e tamén nos desencontros. E aquel anuncio fíxose realidade o día de Pentecostes. A partires dese momento cambioulles a vida, e estaban tan seguros do que tiñan que facer que, inda que a dificultades eran moitas, non se viñan abaixo nin se desanimaban facilmente. Ao contrario, sabían afrontalas e buscaban non deixarse afogar por elas. Como nós dicimos moitas veces, a partires dese momento, comezaron a ver a botella medio chea; é dicir, botaron fóra o, tantas veces presente en nós, "eu non vallo, eu non sei, eu non vou ser capaz, eu…", e comezaron a tomar en serio o encargo de Xesús. Tamén en nós, como pasou cos seus seguidores, pon ao noso lado ao Espírito Santo, para que nos mova, nos anove e nos faga caer na conta que non podemos ser nin mediocres nin socios do laio permanente.
  • Tal era a forza que sentían que, cantos viran como o seu medo os pechaba na casa e lles impedía compartir e contar canto viviran con Xesús, "non daban crédito" do que estaba a pasar. Parecíalles que perderan o "oremus", que lle dera a volta a cabeza. Pero non era así, senón todo o contrario: déronse conta de que xa estaba ben de mirar para o propio embigo, que chegara o momento de tomar en serio o que dixera e fixera Xesús, e iso levounos a facerse entender, mostráronse como eran: foron transparentes. E esa transparencia foi a que lles deu credibilidade e fixo que os que os escoitaban comezaran a prestarlles atención ao que dicían. Porén, na nosa Igrexa, durante moitos anos, non foi a transparencia, senón as medias verdades, a protección de quen non debía ser protexido, o amparo aos verdugos e a desatención das vítimas, o que marcou a maneira de facer as cousas. Cantos silencios!. Canta falta da humanidade á que Xesús sempre chamou e que tan ben puxo na práctica!. Que pouca atención se lle prestou á presenza do Espírito Santo!. Canto se ten mirado para outro lado!. Pero nunca é tarde, porque sabemos que nos estamos solos, que sempre hai momento para comezar de novo, para saber pedir perdón e recoñecer os erros; porque é para nós unha obriga facernos entender, temos que volver á fonte desta Palabra que acabamos de proclamar e que nos invita a saber estar no medio do mundo sendo luz e sal, forza e alento, compromiso e responsabilidade… falar no idioma que se nos entenda e non ter medo a dicir a verdade e a poñernos sempre da parte do máis débil. Porque iso é o que fixo Xesús, e o que nos pide que fagamos nós.
  • Só deste xeito deixaremos de vivir na carne, é dicir: na mentira, no engano, na protección de quen non pode ser protexido, e comezaremos a vivir de verdade segundo o Espírito. O Espírito de Cristo, o Espírito que El nos deixou. E isto supón que tod@s: papa, bispos, curas, diáconos e segrares temos que deixar atrás, moi atrás, ese corpo morto polo pecado, para comezar a vivir no Espírito que nos trae a xustiza. O Espírito que nos di que a resurrección supuxo un cambio radical para os Apóstolos, e tamén o quere ser para nós. E isto só o podemos facer desde o amor. Un amor que recoñecemos no facer de tantas persoas de ben que son capaces de poñer a súa vida a disposicións dos demais. Aí é onde temos que aprender a descubrir a presenza de Xesús. Que o Espírito nos faga recuperar a memoria viva, do antes e do agora, de cada un/unha de nós!

Oración da comunidade

Neste momento no que unimos os nosos corazóns e lle poñemos voz a canto queremos por nas mans de Deus, abrámonos á compaña do Espírito, dicindo xunt@s:

QUE O SOPRO DO ESPÍRITO ALENTE A NOSA VIDA

  • Para que na Igrexa saibamos vivir no medio do mundo, sen medo, desconfianzas nin vergoñas a Boa Nova da salvación, que nos chama a ser transparentes nas nosas accións, e sempre preocupados por non crear vítimas coa nosa maneira de comportarnos e vivir, OREMOS.

QUE O SOPRO DO ESPÍRITO ALENTE A NOSA VIDA

  • Para que nos esforcemos en ir construíndo nas nosas comunidades espazos de expresión sincera, libre e solidaria, que supoñan camiñar coas mans abertas a quen o necesite, e afastando o que supoña marxinar persoas ou ideas, inda que sexan diferentes ás nosas, OREMOS

QUE O SOPRO DO ESPÍRITO ALENTE A NOSA VIDA

  • Para que cada un de nós, non nos pechemos nunca á voz nin á presenza do Espírito que nos vai falando por medio de situacións e persoas. Que non caiamos na tentación de crer que O Espírito está na riqueza, nos templos ou nos grandes pazos, esquecendo que nos invitas sempre a descubrilo nas persoas sinxelas de corazón e ollos limpos, OREMOS.

QUE O SOPRO DO ESPÍRITO ALENTE A NOSA VIDA

Que a presenza do teu Espírito na nosa vida, nos leve a perder medos e a dar testemuño esperanzado de que paga a pena seguirte. PXNS. Amén.

Reflexión

Cremos en Deus Pai,

cuxa palabra liberadora sostén a vida das persoas e o seu traballo creador,

xa que El é a vida.


Cremos no seu Fillo,

presente entre nós, que camiñamos nas tebras,

e nado entre os máis pobres para manifestar o poder liberador de Deus,

xa que El é o Señor.


Cremos no Espírito Santo,

que nos fixo nacer á vida de Deus

e que nos enche de forza e de valor nas nosas loitas co pobo e polo pobo,

xa que El é o amor.


Cremos na Igrexa,

posta ao servizo das persoas para que todas reciban a plenitude de Deus,

Xa que El é mensaxeiro de boas novas.


Cremos na Igrexa eterna

de todas as testemuñas do amor de Deus no mundo,

porque esta é a nosa esperanza.

Cantos

ENTRADA: Que ledos

LECTURAS: Vén Espírito Santo, dános o teu amor//Manda o teu Espírito

OFERTORIO: Cantádelle ao Señor

COMUÑÓN: Non vou só


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...