Ir al contenido principal

Domingo 12 TO

Non oias simplemente. Aprende tamén a escoitar, porque só así saberemos dicir quen é El. Abride os ollos, movede os pés!!


 

Pórtico

    Cada día é maior o número de xente que se esforza por buscar as súas raíces, saber de onde xurde a súa identidade, coñecer a súa propia cultura e lingua… é dicir non esquecer que a memoria histórica, persoal e colectiva, é fundamental. Pois se no noso ámbito de cidadáns é importante non esquecer de onde vimos e onde estamos, moito máis importante, fundamental teriamos que dicir, é cando nos referimos ao mundo da fe, a canto se refire ás conviccións persoais; esas conviccións que van modulando e configurando a nosa vida. Tamén a nós Xesús nos fai a pregunta, nada retórica por certo, como lla fixo aos seus discípulos: e vós, quen dicides que son?. E para respondela xa non nos valen as respostas que lle temos escoitado a outros, non, o que nos pide Xesús a cada un de nós é o esforzo por pararnos a pensar e responder de xeito persoal a esta pregunta. Noutro tempo valía o que dixera o cura, o bispo, a nai, o pai, o mestre… e, inda que non se entendera, diciamos o que escoitaramos. Hoxe xa non vale ser cristiáns de orella, senón de convicción persoal. Para ti que estás hoxe nesta celebración, quen é Xesús de Nazaret?. De que maneira vai encamiñando e dando forma á túa vida?.

    Da resposta que deamos, sairá poder entender e vivir a fe como un gozo e unha alegría cheas de esperanza, ou simplemente coa rutina de quen repite cousas que viu facer a outros, pero non sabe por que as fai nin que lle aportan. Baixemos da burra e comecemos a camiñar a pé.


 

O PERDÓN

  • Porque dedicamos pouco tempo a pensar sobre canto nos aporta e enriquece persoalmente a fe, SEÑOR, REVÍSTENOS DA TÚA ESPERANZA.
  • Porque demasiadas veces esquecemos que só debemos ser de Cristo, non do cura, do bispo ou do papa…CRISTO, REVÍSTENOS DA TÚA ESPERANZA.
  • Porque escoitar a túa Palabra, vivila e celebrala, non se converte para nós non nunha experiencia de liberación, senón en costume, tradición e rutina, SEÑOR,REVÍSTENOS DA TÚA ESPERANZA.


     

REMUÍÑO

Neste momento na sociedade hai unha tendencia a crear "grupitos" que fan que se viva a súa pertenza de xeito pechado, case sectario, o que leva a tomar actitudes violentas cando alguén cuestiona o grupo ou a algún dos seus membros. Isto pasa no fútbol, nos sindicatos, na política, na educación, no traballo… e tamén, non podía, tristemente, ser de outro xeito, na Igrexa. E iso que Xesús se algo nos deixou claro, e se esforzou por converterse en exemplo, foi en insistir que as divisións non son boas, que os enfrontamentos desgastan e non levan a ningún sitio, que as divisións só crean resentimento, que… pero polo que se ve non lle fixemos moito caso. Porén, as lecturas de hoxe volven insistir en que o camiño non é a división, senón o traballar xuntos, o buscar entre todos as solucións, en que o botar uns contra os outros, fainos perder enerxías e esquecer que é o fundamental. E do mesmo xeito que Paulo llo dicía aos cristiáns de Galacia, aos gálatas, nolo di tamén a nós: non somos nin deste papa nin daquel; nin deste bispo nin do outro, nin desta diocese nin daquela outra, nin desta parroquia nin daquela… somos de Cristo. E isto nós, ás veces, mesmo, moitas veces, esquecémolo.


 

A nosa tarefa, entón, ha consistir en superar as divisións aprendendo a descubrir o positivo da pluralidade, de non ser iguais nin de facer todos o mesmo. Os cristiáns non somos fotocopias de ninguén; pero esa enriquecedora diferenza entre nós, ten que valer non para separarnos e dividirnos, senón para unirnos máis. Non é na división, senón no comunitario, na comuñón, onde se pode descubrir e camiñar no amor. O amor ao que tantas veces Xesús se ten referido coa súa maneira de falar e actuar. Non debemos confundir a necesaria pluralidade coa existencia de grupos pechados, individualistas e excluíntes dentro da Igrexa. Superar divisións non é mirar para outro lado ou pensar que facendo o que a cada un se lle ocorre é actuar con liberdade. Non nos enganemos, a liberdade da que nos fala Xesús, é aquela que sabe respectar, pero que leva a clarificar as opcións que un toma e a asumir as consecuencias desas opcións. Pluralidade sempre, divisións nunca. Pluralidade sempre, confusión nunca.


 

O que os outros digan non ha esquecerse, pero iso non supón que teñan razón: somos seguidores de Cristo, o Mesías, e isto ábrenos un camiño distinto, novo, disposto sempre a acoller, pero sabendo que confesar a fe Nel lévanos a entender as consecuencias desta confesión dun xeito diferente ao que pidan facelo outros credos. Xesús, o que naceu, viviu e morreu, o que nos deixou a tarefa de construír o Reino, o que sabía escoitar, pero tamén sabía diferenciar entre o moito que escoitaba, invítanos a facer o mesmo. Pero se non sabemos quen e como é El, como imos seguilo?. Se non o coñecemos, como imos confesar a fe Nel e na súa mensaxe?. Se só nos limitamos a ser cristiáns de frigorífico; é dicir, que sacamos a nosa fe do conxelador -onde estivo conxelada o resto do ano- polas festas, cando hai procesión, o día que hai enterro… dificilmente poderemos responder como respondeu Pedro. Máis ben todo o contrario. E neste momento no que son tan necesarias as explicacións que fagan entender a cantos non cren e nos ven, cal é a razón que nos leva a seguir e non abandonar, é moi importante formarnos. E non hai formación sen tempo, non hai formación sen reflexión, non hai formación sen lectura e diálogo compartido do que se leu. É verdade que isto cámbianos a perspectiva, polo que a moitos xa non lles vai interesar, que xa lle chega tarde, que non van estar dispostos a concederlle a Deus máis tempo que a media hora da celebración do domingo. Pero a cantos non pensamos así, a cantos non queremos vivir unha fe conxelada, senón viva, aos que nos gusta entender para logo explicar a quen non sabe e pregunta, inda é tempo de comezar; ou de seguir se xa temos comezado, e entendamos que temos que ser testemuñas no medio do mundo, co noso xeito de facer as cousas e tratar aos demais, do Deus ao que recoñecemos como Mesías. A Xesús. Mestres seica hai moitos, pero o que nos faltan son testemuñas, e somos nós os chamados a selo.


 

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Orar é querer compartir con Deus a nosa vida. Nesta confianza presentamos xuntos a nosa oración e dicimos:

QUE BUSQUEMOS A UNIÓN E SUPREMOS AS DIVISIÓNS

  • Por unha Igrexa sempre plural e libre, pero que non esqueza nin renuncie á súa responsabilidade de acompañar, orientar e educar, Oremos.

QUE BUSQUEMOS A UNIÓN E SUPEREMOS AS DIVISIÓNS.

  • Por unhas parroquias cada vez máis vivas, participativas e plurais, nas que non sexa o enfrontamento, senón o traballo común, o que as una, Oremos.

QUE BUSQUEMOS A UNIÓN E SUPEREMOS AS DIVISIÓNS.

    Por cada un e cada unha de nós, para que nos esforcemos por ser cristiáns non de orella, senón de vida; e busquemos momentos e grupos nos que poidamos coñecer mellor a mensaxe de Xesús e renovar a nosa fe, para así vivila con gozo e esperanza cada día, Oremos.

QUE BUSQUEMOS A UNIÓN E SUPEREMOS AS DIVISIÓNS.

Na sinxeleza de quen se sabe necesitado da túa compaña, poñemos hoxe por riba do altar esta oración comunitaria. Nela mostramos as nosas preocupacións, tamén o noso desexo de ser máis libres e fieis á túa mensaxe, neste sempre difícil camiño da vida. PXNS. Amén.


 

PARA A REFLEXIÓN

Aquí estamos, Señor Xesús:

xuntos na túa búsquea.

Aquí estamos co corazón buscando a liberdade.

Aquí estamos, Señor, xuntos como amigos. Xuntos.

Danos a forza de camiñar xuntos.

Danos a alegría de sabérmonos unidos.

Danos o gozo do irmán do lado.    

Danos a paz dos que buscan en grupo.

Camiñamos cara Ti, subimos cansados a túa montaña.

Sabemos que a ascensión é dura, pero a comunidade ampáranos.

Sabemos que Ti estás aquí, e alá enriba.

Sabemos que nos tendes a man.

Sabemos que paga a pena collela, subir e atoparte.


 

CANTOS


 

ENTRADA: Unha parroquia nova

LECTURAS: Amóstranos Señor os camiños da vida (rezase o Salmo e cántase)

OFERTORIO: Cantádelle ao Señor unha cantiga nova

COMUÑÓN: Camiñando polo vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...