Ir al contenido principal

DOMINGO 11 2010

Como nos gusta alternar cos poderosos e que pouco caso lle facemos aos pobres e marxinados!.

Unha igrexa para isto?.

PÓRTICO

    A tod@s nos gusta que nos inviten, que nos rían as grazas, que nos valoren, que… pero xa nos gusta menos que nos critiquen, que nos digan que non gusta o que facemos, que ninguén se lembre do noso esforzo e traballo para facer unha cousa que logo é disfrutada polos demais, que.... É dicir, somos moito do "lalailo", pero pouco do silencio, do estar como se non estiveramos, do facer sen necesidade de que os demais saiban quen o fixo. Hoxe vai ser un bo día para recoñecer este noso equivocado xeito de facer e ver as cousas, e poder empezar de novo, recoñecendo que non importa tanto que nos digan o ben que o facemos, senón que descubramos que temos que facelo.

    Aprendamos de Xesús, e non nos deixemos levar de falsos cantos de serea. A celebración que agora comezamos é una invitación a este cambio. Respondamos.

O PERDÓN

  • Polas moitas veces nas que actuamos para que nos palmeen e nos digan o ben que facemos as cousas, e non estamos dispost@s a camiñar de xeito máis humilde traballando polos demais, SEÑOR, QUE SUPEREMOS A HIPOCRISÍA.
  • Porque seguimos escandalizándonos diante dos que non pensan, non falan, non rezan, non aman ou non actúan coma nós, CRISTO, QUE SUPEREMOS A HIPOCRISÍA.
  • Porque utilizamos aos demais sempre como medio para conseguir algo, e somos insensibles cando precisan de nós, SEÑOR, QUE SUPEREMOS A HIPOCRISÍA.

REMUÍÑO

Imaxinemos qué ocorrería se, co gallo dun banquete ao que fora invitado un bispo, unha prostituta o agasallara. Sería unha magnífica nova para a primeira páxina de todos os xornais, de todos os programas de televisión, de todas as tertulias dos medios de comunicación. Imaxinemos tamén os rostros escandalizados de toda a xente ben da sociedade (empezando polos demais bispos e curas do mundo enteiro). O bispo, entrecortado e nervioso, miraría de reollo ao seu redor, sen saber cómo reaccionar para evitar o escándalo e seguramente pediría, con máis fe que nunca, que se abrise a terra e o tragase.

Pero por un momento, só por un momento, soñemos o imposible e imaxinemos que, en lugar de escandalizado, o bispo respondera de xeito inesperado e moi pouco habitual, invitando á prostituta ao palacio episcopal para xantaren xunt@s, dialogando sobre os seus problemas…Isto sería infinitamente máis escandaloso. Os presentes non saberían cómo encaixalo, e para a meirande parte dos que nos dicimos católicos, aquel bispo deixaría moito que desexar e a nosa crítica sería moi dura cara el.

Pois ben, esta mesma situación presentóuselle a Xesús. Vimos de proclamalo no evanxeo de hoxe: El reparou no amor daquela pecadora. Así de simple, pero tamén así de complicado e difícil. Cant@s de nós seriamos capaces de achegarnos aos marxinad@s, aos parias, aos máis miserentos das nosas parroquias, dos nosos barrios, das nosas vilas… sen medo ao que os demais poidan opinar?. Cantas veces calamos por medo diante de verdadeiros escándalos para non sermos sinalad@s co dedo?. Quen non tragou sapos e aguantou inxustizas por manter o cu no asento, o carguiño, o prestixio, o poder?... E a cousa é infinitamente peor se, coma no caso que nos ocupa hoxe, hai unha muller polo medio. Cando aínda escoitamos dos nosos curas frases do tipo "agarrádevos ao altar, que o ambón xa o colleron elas", cando co gallo dunha misa solemne presidida polo bispo e coa presenza dun grupo importante de curas se lle nega participar nas lecturas ás mulleres porque "non lles gusta ver a unha muller no altar", cando determinadas consignas do tipo "non é bo que as mulleres falen cos curas, diáconos, bispos ou seminaristas, non vaia ser que perdan a vocación", cando falar de mulleres e falar de pecado son termos sinónimos.. e que algo, realmente escandaloso, está a pasar dentro da nosa Igrexa.

O evanxeo de hoxe déixanos moi claro que non sempre podemos ser politicamente correct@s, que non podemos ser un mexericas, que temos moito que facer, moito que evanxelizar… Aquela muller, co seu xesto, estaba a dicir que era capaz de cambiar, que no descubrilo a El estaba o cambio na súa vida; que non son as formas externas, senón o que brota do corazón o que nos vai facendo persoas que, conscientes de que na vida hai que facer de cando en vez punto e seguido, somos capaces de analizar o por qué e cómo facemos as cousas, para poder recomezar e deixar atrás a hipocrisía do actuar para que nos vexan. Non teñamos medo e, tamén coma Xesús, aprendamos a mirar aos ollos e ao corazón das persoas, e non aos seus cartos, os seus títulos ou o seu poder, conscientes de que nesta tarefa estamos implicados do mesmo xeito homes e mulleres, porque, se algo descubrimos de novo hoxe é que a relación de Xesús coas mulleres era de igual a igual. Un trato natural, iso é o que se pide. O demais...., irá chegando por engadidura.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Con sinxeleza, sabéndonos pequenos e necesitados de Deus e dos irmáns, poñamos sobre a mesa do altar a nosa vida para ofrecerlla a quen hoxe nos ten dado unha verdadeira lección do que é o amor. E digamos xunt@s:

FAINOS PERSOAS SINXELAS, SEÑOR

Para que na Igrexa, onde todos deberíamos ter sitio e nunca ser excluídos, aprendamos a respectarnos e a non movernos pola imaxe, senón polo convencemento de que Deus nos chama a actuar na igualdade e sen facer distincións, Oremos.

FAINOS PERSOAS SINXELAS, SEÑOR

As nosas comunidades, Señor, moitas das veces están tamén cegas aos irmáns necesitados, por iso queremos dicirche que nos deas folgos para superar a tentación do ben visto, o ter medo a defender a quen é inxustamente tratado ou deixado de lado, Oremos.

FAINOS PERSOAS SINXELAS, SEÑOR

No noso actuar de cada día, moitas veces non queremos recoñecer que estamos necesitados de perdón porque facemos moitas cousas mal, e que nos falta capacidade de misericordia para cos demais. Para que saibamos ver cos teus ollos, Oremos.

FAINOS PERSOAS SINXELAS, SEÑOR

Señor, invítasnos a ser persoas sinxelas. Que non se quede esta invitación que nos fas só en palabras. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Cando entrei na túa casa, non me ofreciches auga para os pés;

ela, pola contra, regoumos coas súas bágoas e enxugoumos co seu longo cabelo.

Ti non me bicaches;

ela, en troques, desde que entrou non deixou de bicarme.

Ti non me unxiches a cabeza;

ela, en troques, unxiu os meus pés cun caro perfume.

E se pasamos a outras cousas....

Ti invitáchesme e deixáchesme plantado;

ela invitouse e acompañoume.

Ti estiveches mirando de reollo;

ela, cos seus ollos húmidos.

Ti, no teu interior, murmuraches dela e de min sen reparo ningún;

ela amoume como sabe que me gusta que me amen.

Ti fuches rañica e ata arteiro;

ela, agradecida cos seus xestos humanos.

Ti escandalizácheste;

ela recuperou a súa dignidade perdida e salvouse.

O banquete rematou.

Non te sorprendas.

Deus quere persoas novas.

CANTOS

  • ENTRADA: Camiñarei na presenza do Señor
  • LECTURAS: O Señor é o meu pastor
  • OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas
  • COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...