Ir al contenido principal

DOMINGO 13 2010

DETENTE!!!!!!!! A INTOLERANCIA E O FANATISMO NON CONSTRÚEN REINO

PÓRTICO

Hoxe toda a celebración xira ao redor do seguimento. Un seguimento que se nos mostra como alegría e dispoñibilidade. Un gozo que soamente o pode entender quen é capaz de poñer a Xesús coma guieiro da súa vida. É verdade que ao noso redor vemos moitas persoas, homes e mulleres, que din seguir a Xesús, pero logo na súa vida, nos seus feitos, esta afirmación queda baleira. Miran atrás non con gozo, senón con nostalxia, buscando repetir o que noutro tempo foi pero agora xa non pode ser; e como miran con nostalxia son incapaces de descubrir que a fe é esperanza, gozo, liberación. Si, son incapaces porque seguen a estar no onte, e non entenden que só orientando a vida cara a plenitude do mañá se lle pode dicir a Xesús; "aquí estou, Señor."

O PERDÓN

  • Cantas veces. Señor, temos convertido o noso seguimento en nostalxia dun pasado que non acabamos de deixar atrás, por iso che dicimos, SEÑOR, ENSÍNANOS TI O CAMIÑO DA VIDA .
  • Cantas veces, Cristo, a nosa vida está máis preocupada de contar o que xa foi, que de construír o que vai vir, por iso che pedimos, CRISTO, ENSÍNANOS TI O CAMIÑO DA VIDA.
  • Cantas veces, Señor, non temos pelos na lingua para falar dos demais, especialmente para facer críticas destrutivas e que no levan a ningunha parte, por iso che dicimos, SEÑOR, ENSÍNANOS TI O CAMIÑO DA VIDA.

REMUÍÑO

  • Deus, unha vez máis, sae ao noso encontro e ofrécenos, non nos impón (como tantas veces facemos nós) un proxecto de salvación, que nos vai mostrando que só desde o esforzarnos por recoñecelo nos irmáns, poderemos verdadeiramente responder á súa chamada. O amarás a Deus, o respectar o seu nome, o santificar o domingo, a nosa oración rutinaria e monótona..... non servirán de nada se non somos capaces de amar aos irmáns, respectar a súa dignidade (en todas e cada unha das situacións nas que esta se vexa ameazada), respectar a súa vida (sempre, e non só no seu inicio ou remate, tamén cando é maltratada: violencia, explotación, discriminación, falta de xustiza...) respectar o que son e teñen actuando con limpeza de corazón, mirada acolledora e mans dispostas a axudar. Por que nos resulta tan difícil?. Mellor, por que o facemos tan difícil?. Aprendamos da Palabra, pero non só da súa letra, senón tamén da música que a acompaña, é dicir, do seu espírito.
  • Porque hoxe o Señor déixanos claro que as fidelidades, algunhas delas hoxe tan de moda, non se quedan na frialdade do cumprimento dunhas normas dadas ou duns comportamentos externamente impecables. Non, a fidelidade da que nos fala Deus, é a do corazón limpo, sinxelo, sen dobres lecturas, nin intentos de quedar ben diante dos demais. Por iso a nosa fe non pode converterse nun conxunto de normas que afogan e impiden vivir con ledicia, senón que debe ser un camiñar descubrindo en cada momento e situación cal e como ha ser a nosa fidelidade ao o único que nos debera importar: Cristo. Sabendo telo a El como razón do noso ser e vivir, seguro que non nos deixaremos tentar por aqueles que só buscan signos e sabedoría, púlpitos e vanaglorias. Nós, aprendendo Del, descubriremos que o que verdadeiramente importa é o amor. Un amor descuberto e expresado no sinxelo, pobre, desprendido e misericordioso; un amor que se manifesta nesas pequenas cousiñas que van enchendo a nosa vida. Porque o seguimento de Xesús non ten compensacións económicas, ao contrario, orixina déficit: de tempo, de esforzos, de traballos...Seguir a Xesús é un privilexio pero para servir, para darnos aos demais.
  • Se o camiño anterior fomos capaces de ilo facendo, entenderemos moi ben a resposta que hoxe Xesús lles dá aos seus. El non se alporiza con aqueles que son violentados, incomprendidos, aldraxados ou ninguneados na súa dignidade; senón con aqueles que, no nome de Deus, son capaces de converter os templos, todos os templos, non só os materiais, en búsquea do seu prestixio, poder ou recoñecemento público. Con aqueles capaces de rachar as vestiduras por defender privilexios doutro tempo, pero incapaces de tender a man a quen pensa distinto para facer novos camiños xuntos. Con aqueles capaces de pasar horas e horas diante do Santísimo; pero incapaces de descubrilo en quen está ao seu carón. Claro que a razón, pode incluso soar convincente: "no son de los nuestros, que los parta un rayo". Será convincente para o Señor?.

Oración da Comunidade

    Orar é abrir o corazón á confianza de Deus, para poñer nas súas mans a nosa vida, por iso dicimos xuntos:

GRAZAS POR CREARNOS LIBRES

  • Que na Igrexa, cantos a formamos: papa, bispos, curas, relixios@s, segrares, abandonemos a nostalxia do pasado, para construír presente gozoso e futuro de salvación, Oremos.

GRAZAS POR CREARNOS LIBRES

  • Entre nós, moitas veces, Señor, esquecemos que a fe é alegría, solidariedade, traballo común e acollida fraterna, o que leva a que sexamos unhas comunidades pasotas e sen vitalidade. Dános azos para cambiar este rumbo, e forza para vivir na fraternidade, Oremos.

GRAZAS POR CREARNOS LIBRES

  • Hoxe queremos ter presentes ás persoas enfermas da parroquia, aos que non se senten a gusto coa súa vida, a cantos se ven perdidos e desorientados á hora de tomar decisións, para que nós, os que nos chamamos seguidores e testemuñas túas, saibamos estar ao seu lado tendéndolle a nosa man e compartindo con eles o noso tempo, trasladándolle a nosa esperanza, Oremos.

GRAZAS POR CREARNOS LIBRES

Señor, acolle canto hoxe estamos a compartir. Aléntanos especialmente para facer da nosa vida unha experiencia non de pasado, senón de futuro liberador. P.X.N.S. Amén.

Reflexión

Preguntáronlle ao Mestre:

Que é a espiritualidade?

-A espiritualidade, respondeu, é o que consigue proporcionar á persoa a súa transformación interior.

-Pero si eu aplico os métodos tradicionais que nos transmitiron os mestres,

iso non é espiritualidade?.

-Non será espiritualidade se non cumpre para ti esa función.Unha manta xa non é manta se non dá calor.

-De modo que a espiritualidade cambia?

-As persoas cambian, e tamén as súas necesidades.

-De modo que o que noutro tempo foi espiritualidade xa non o é?

-O que moitas veces pasa por espiritualidade non é máis que a constancia escrita de métodos pasados.

(Hai que cortar a chaqueta de acordo coas medidas da persoa, e non ao revés)

(Anthony de Mello, S.j. El canto del pájaro, 24-25)

CANTOS

  • ENTRADA: Que ledicia a miña
  • LECTURAS: Sede o sal
  • OFERTORIO: Por riba das nosas distancias
  • COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...