Ir al contenido principal

7 domingo TO 2011

Nin nos compran nin nos vendemos. Somos agasallo de Deus: somos para o amor

Pórtico

Unha das maiores aspiracións que temos as persoas é a vivir en paz, sen conflitos; pero pensamos que iso se reduce a que non haxa guerra nin violencia. Porén, somos consumidores de programas na televisión e na radio que nin fomentan nin educan na paz e moito menos no amor, especialmente a aquela persoa que nos fixo mal. A celebración de hoxe é unha chamada de atención a nós que nos consideramos cristiáns, para que fomentemos o amor dende o mais cotiá, dende a familia, o barrio, as parroquias e que sexamos quen de non quedar calados diante de tanta inxustiza e de tanta prepotencia. Non esquezamos que é a raíz e o profundo do noso sermos cristiáns.

O PERDÓN

  • Porque confundimos amor con comodidade e utilización dos demais, SE NOS FALTA O AMOR, SEÑOR, NON NOS SIRVE DE NADA.
  • Porque esquecemos que sen amor falar de felicidade, xustiza e liberdade é baldío, SE NOS FALTA O AMOR, CRISTO, NON NOS SIRVE DE NADA.
  • Porque nos faltan compaixón e misericordia para escoitar e buscar entender aos que temos máis preto, SE NOS FALTA O AMOR, SEÑOR, NON NOS SIRVE DE NADA.

Remuíño

  • Amar ao próximo. Este é o reto que cando nos erguemos cada día temos por diante. E que difícil é!. Porque próximo é o compañeiro de traballo que é un folgazán e preguiceiro; próximo é aquel familiar que só aparece pola casa para pedir que lle dean e é incapaz de botar unha man cando sabe que hai moito que facer e se lle necesita; próximo é aquel veciño que está máis preocupado do que fan os outros que de orientar a súa vida traballando con honestidade, tratando con igualdade e respecto aos da súa casa ou poñendo creatividade e esforzo comunitario á hora de facer cousas na e pola parroquia. Desde esta clave temos que entender o texto da primeira lectura que nos invita a amar ao próximo como a nós mesmos. Un amor que é entrega xenerosa e que redunda no ben de tod@s: no dos demais e no de un mesmo.
  • E no centro dese amor, o que move, o que orienta, o que vai facendo que teña sentido e pague a pena vivir desde el, está Cristo. Non o Cristo que tantas veces aparece secuestrado polos intereses duns e doutros; tampouco o Cristo que lle serve aos fundamentalistas para excluír a quen non pensa coma eles; e menos o Cristo que a pesares de encarnarse para asumir a nosa mesma condición de seres humanos, tratan de presentárnolo lonxe das nosas preocupacións e dentro dunha espiritualidade baleira e sen enraizar nos problemas e dificultades que nos van ocorrendo cada un dos días da nosa vida. Un Cristo ausente!. Non, ese non é o Cristo do que Paulo lle falaba aos cristiáns de Corinto, todo o contrario. O Cristo que sendo noso nos converte nun dos del, é o Cristo que imos descubrindo na dor da enfermidade, na tristura dun fracaso matrimonial, na incomprensión dun ERE que manda a un grupo de traballadores ao paro, o Cristo que se fai compañeiro e consolo para quen vén de perder un ser querid@ de xeito inexplicable, o Cristo… que asume a nosa condición humana porque un de nós e dos nosos.
  • Por iso nos manda amar. Amar sen poñer nin peros nin condicións. Amar sen facer cálculos do que poderíamos gañar ou perder nese amor. Amar a fondo perdido. E como ben sabemos, como custa iso!. Porque non é nada fácil, porque necesita moito esforzo pola nosa parte, porque esixirá ter que deixar atrás cousas que nos teñen feito dano en cantidade; sabemos que non é a alfombra vermella dos grandes acontecementos, senón o camiño empedrado duro, difícil e que magoa os nosos pés, pero non nos queda outro remedio, porque amar é tarefa constante de abrir futuro e construír presente. E niso tod@s, con maior ou menor acerto, estamos invitados a ir facendo camiño con pasos pequenos e corazón grande.

Oración da comunidade

    Compartamos, desde este esforzo por ir facendo da nosa vida berce de amor, a nosa oración comunitaria, e digamos xunt@s:

QUE A COMPAIXÓN E A MISERICORDIA NOS LEVEN AO AMOR

  • Para que na Igrexa nos esforcemos por entender que amar e tamén tender pontes que unan e non condenas que separan e afastan, Oremos.

QUE A COMPAIXÓN E A MISERICORDIA NOS LEVEN AO AMOR

  • Para que nas nosas comunidades non lle deamos nunca as costas a cantos necesitan do amor que podemos ofrecer en forma de axuda, tempo compartido, compromiso comunitario, participación veciñal… ou calquera outra acción que sirva para mostrar que estamos a construír comunidade desde o amor que nos fala Xesús, Oremos.

QUE A COMPAIXÓN E A MISERICORDIA NOS LEVEN AO AMOR

  • Para que nós aprendamos a descubrir que a fe non é unha ideoloxía teórica e pechada, a modo dun libro que hai que aprender, senón unha disposición de vida que nos leva a poñernos nas mans de Deus para loitar por facer cada día realidade o proxecto de Xesús, un proxecto que fai presente mirando ao futuro, Oremos.

QUE A COMPAIXÓN E A MISERICORDIA NOS LEVEN AO AMOR

Grazas, Señor, porque pos o teu amor nos nosos corazóns, capacitándonos para amar aos demais sen pedir nada a cambio. PXNS. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Esperar a chegada do reino total, é dicir, ao Liberador que trae xustiza, amor e conversión plena; eses son os signos do reino que xa viu, segue a vir e tamén virán. O plan de Deus, a súa vontade, é que todas as persoas se salven, que todas sexan liberadas, que ninguén quede escravizado. Aceptar que o amor de Deus é universal, é para todas as persoas. A vontade de Deus non é capricho, terquedade ou autoritarismo. É o don do amor.O plan de Deus axuda a redefinir o noso proxecto persoal e comunitario de liberación.

(A.Cussianovich, Nos ha liberado)

CANTOS

  • ENTRADA: Fagamos da misa unha festa
  • LECTURAS: Contade as marabillas do Señor
  • OFERTORIO: Cantádelle ao Señor unha cantiga nova
  • COMUÑÓN: Señor Xesús, bendito sexas


 

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...