Ir al contenido principal

5 domingo coresma 2011

A XUSTIZA DE CRISTO ÁBRENOS CADA DIA O CAMIÑO DA SALVACIÓN E DA FRATERNIDADE

SIGNO SINXELO E EXPRESIVO

Colocamos a derradeira póla na nosa árbore da Coresma. Lembramos as frases escollidas polo noso equipo:

1) NON SÓ DE PAN VIVE O HOME

2) ERGUÉDEVOS, NON TEÑADES MEDO!

3) SEÑOR, DÁME LOGO DESA AUGA PARA NON TER SEDE

4) SÓ SEI UNHA COUSA: QUE EU ANTES ERA CEGO E QUE AGORA VEXO

5) EU SON A RESURRECCIÓN E A VIDA. QUEN CRE EN MIN, AÍNDA QUE MORRA, VIVIRÁ.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

PÓRTICO

No final do camiño da coresma, podemos xa mirar cara atrás e tentar descubrir cales foron os fardos pesados que fomos capaces de ir deixando atrás nas catro semanas anteriores. Podemos preguntarnos se as pólas do noso carballo van medrando en harmonía cos nosos feitos, coas nosas actitudes e coas nosas palabras. Se fose así, que mellor que reunirnos de novo este domingo para agradecelo; pero se a realidade fose outra, non perdamos a oportunidade que outra vez Deus nos volve dar de rectificar e cambiar o rumbo da nosa vida.

Que a celebración que damos comezo neste momento, sexa caxato que nos manteña na fidelidade ao proxecto de amor que Deus nos vai ofrecendo de continuo.

O PERDÓN

  • Porque moitas veces coas nosas palabras, cos nos feitos ou omisións somos causa de morte e infelicidade, SEÑOR, QUE VIVAMOS NA ESPERANZA.
  • Porque seguimos empeñados en non demostrar os nosos sentimentos, agochándoos detrás de máscaras que non fan máis que volvernos insensibles, CRISTO, QUE VIVAMOS NA ESPERANZA.
  • Porque cando dicimos que ti es resurrección e vida para nós, non acabamos de crelo, SEÑOR, QUE VIVAMOS NA ESPERANZA.

REMUÍÑO

  • O Deus de vida ao que tantas veces lle temos pedido e agradecido, hoxe volve invitarnos e, desde a escoita atenta da súa palabra, mostrarnos por onde e cara onde nos leva a esperanza da que tantas veces temos escoitado falar nas celebracións, á que lle temos rezado encomendando ás persoas que se nos foron, desde a que temos vivido acompañando a cantos queremos e nos queren. A esperanza que nos aporta a fe no Deus de Xesús. Que ben o recolle Ezequiel neste pequeno texto que proclamamos na primeira lectura!. Cantas veces non temos celebrado funeral, cabodano, misa lembrando e encomendando ás persoas que queremos e se nos foron?. E que poucas destas veces temos intentado comprender, interiorizar, máis alá dos rezos externos, que significaba e supuña para cada un de nós o que estabamos a facer. A resposta vólvenola ofrecer o texto do profeta: o noso é un Deus de vivos, non de mortos. Dóenos separarnos fisicamente daquelas persoas que nos queren e ás que lles seguimos querendo, pero esa separación só é física, porque a oración, a confianza, o amor que por medio deles Deus foi deixando en nós, fai manter viva a súa presenza, únenos a Deus, e ábrenos á esperanza de que un día, non sabemos día nin hora, volveremos xuntarnos con eles para participar, e para sempre, dese amor de Deus que no noso aquí na terra somente temos experimentado de xeito parcial.
  • Esta convición e confianza fan que diante da dureza das situacións que se nos van presentando na vida, e moitas das veces a dor que nos causa é fonda e grande, as vivamos coa esperanza de saber que o mal non vai dominarnos. Que ainda que haberá momentos duros, incomprensibles moitas veces, sen explicación lóxica… non estaremos solos para afrontalos: fe e comunidade van ser os nosos caxatos para mirar cara adiante e loitar contra a tentación do derrotismo. Non estamos solos, moit@s camiñan coma nós e buscan non perderse no camiño. E o Deus que resucitou a Xesús non nos vai deixar solos nin da súa man. El ha dar vida á nosa pequenez e pobreza; El ha dar forza á nosa limitación e incapacidade. Como Xesús, tamén nós somos invitados a confesar a fe desde a convicción de "que todo o podemos naquel que nos conforta".
  • E do mesmo xeito que a irmá de Lázaro, tamén nos diremos cos nosos beizos, "Ben sei que resucitará". As bágoas e a rabia que tantas veces nos ten provocado o sensentido de moitas mortes, desde esta confianza que Xesús nos ofrece, hanse converter en esforzo, traballo e loita para que a desesperanza e o afastamento de Deus non entren na nosa vida. El é "a resurrección e a vida", e desde El somos invitados a facer a nosa travesía, non afastados nin del nin do mundo, senón desde o mundo asumindo as contradición que ese mundo, o noso mundo, vai creando. E sen deixarnos levar do abandono, saibamos que por moito que nós queiramos prescindir de Xesús, El vai estar sempre ao noso dispor. E antes ou despois acabaremos tendendo a man na súa busca. E coma Lázaro, tamén nos dirá a nós: "sal fóra". Sal fóra para que en ti non agrome a desconfianza, o materialismo, unha vida baleira ou o deixarse ir sen máis ao que saia. A chamada a saír fóra é a que nos encamiña para que un día nos quedemos para sempre con El. A iso os crentes chamámoslle esperanza e resurrección: fe.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Porque queres que botemos fóra todo aquilo que nos encerra en nós mesmos, e nos impide descubrir a gran tarefa que temos cada día para facer presente a túa esperanza, dicimos:

QUE SAIAMOS FÓRA DA NOSA DESESPERANZA

  • Pola Igrexa, para que non teña medo de anunciar unha mensaxe de alegría e liberación a tódalas persoas, e decididamente rompa con todo o que a ata a privilexios e ó poder, OREMOS:

QUE SAIAMOS FÓRA DA NOSA DESESPERANZA

  • Moitas veces as nosas comunidades caen na rutina, a mediocridade e o desalento, para que como Marta e María, saibamos buscar medios que nos axuden e endereita-lo noso rumbo, OREMOS.

QUE SAIAMOS FÓRA DA NOSA DESESPERANZA

  • Para que na nosa vida, diante de situacións duras, desgarradoras e difíciles polas que moitas veces temos que pasar, non nos deixemos levar pola desesperanza e a ruptura da nos relación con Xesús, OREMOS

QUE SAIAMOS FÓRA DA NOSA DESESPERANZA

  • Para que sempre nos esforcemos por coidar e conservar a nosa vida e a dos demais, especialmente as vidas dos mais débiles e necesitados, non sendo nunca verdugos que troncen e non respecten a dignidade de tódalas vidas, OREMOS.

QUE SAIAMOS FÓRA DA NOSA DESESPERANZA

Señor, que saiamos fóra da desesperanza que tantas veces quere acampar, e acampa na nosa vida, para remontar horizontes e non perder o teu guieiro. P.X.N.S.

PARA A REFLEXIÓN

Pero rí mellor quen rí o último.

Lázaro, amigo, ti non morres,

ti non vas morrer, porque te quero.

Eu quiteille á morte o seu aguillón.

Eu son a resurrección e a vida.

Lázaro, sae do sepulcro, achégate!.

Achégate á liberdade, achégate á vida,

escoita a miña palabra poderosa;

vén fóra, cantar e dar grazas;

e repartir abrazos, bicos e bágoas,

vén ver a luz do sol, vén aos meus brazos.

Quédannos moitas cousas por facer, a ti e a min.

Logo, na súa hora, o Pai agárdanos.

Entón iremos á súa casa da man, ti e máis eu.

Cantos

  • ENTRADA: Unha xuntanza de amor
  • LECTURAS: A túa palabra
  • OFERTORIO: Sede o sal
  • COMUÑÓN: Acharte presente

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor