1 Advento 2011

ADVENTO, TEMPO DE INICIACIÓN
INICIAD@S NO BAUTISMO

SIGNO
O noso advento este ano é tempo de iniciación. Por iso, o signo que escollemos son catro candeas (reais ou debuxadas e recortadas en cartolina). Nestas catro candeas iremos colocando os nomes dos sacramentos de iniciación e reconciliación ou ben os signos de ditos sacramentos (concha bautismal, pomba, pan e viño, estola morada). Cada domingo iremos acendendo a candea ou colocándoa no taboleiro.


PÓRTICO

Na nosa vida estamos constantemente iniciándonos: iniciamos un noivado, iniciamos a vida en familia, iniciamos a paternidade/maternidade, iniciamos unha experiencia laboral, iniciamos unha amizade.... Tamén na nosa experiencia-vivencia da fe experimentamos a realidade da iniciación. O calendario litúrxico sinala esta iniciación na vida de fe renovada co tempo do advento, co que comezamos o camiño que nos levará, ao longo de todo o ano, a sentir e expresar que a fe ha ser: celebrada, vivida e gozada, para poder ser compartida en comunidade. E se o advento marca o inicio dun novo ano litúrxico, ao longo destes catro domingos seremos invitad@s a reflexionar sobre as consecuencias desta iniciación, para que poidamos chegar anovados e plenamente coñecedores da ledicia que nos trae o feito de que Xesús naza outra vez en e entre nós, na vida de cada un/unha, no medio das comunidades, na experiencia do compartir solidario, na apertura á reconciliación co irmán e coa irmá, no pan comido en comuñón, expresión da unión para vencer este tempo de crise que tanta tristura, vivida coma profunda desesperanza, está levando a corazóns e familias que ven ameazado o seu presente e cheo de negróns o seu futuro. Porque non queremos quedar nesta negrura, o tempo de advento quere ser para nós tempo de iniciación á vida de fe na esperanza e sempre tendo referencia á solidariedade. E que mellor xeito de facelo que a través e por medio dos sacramentos de iniciación e da reconciliación?.

PERDÓN
  • Porque nos sobran motivos e nos falta esixencia para vivir cada día o Evanxeo do amor, SEÑOR, QUE NON FAGAMOS O CAMIÑO SOLOS.
  • Porque son demasiadas as veces nas que esquecemos que o bautismo pide de nós que sexamos pedras vivas na Igrexa e non simples espectadores ou consumidores de celebracións, CRISTO, QUE NON FAGAMOS O CAMIÑO SOLOS
  • Porque non damos entendido que o bautismo é algo máis que un rito, é un compromiso dunha vida entregada, SEÑOR, QUE NON FAGAMOS O CAMIÑO SOLOS.
REMUÍÑO
*      O novo ano litúrxico comeza co tempo de Advento, e quere ser un estímulo para a nosa vida. Un estímulo que nos faga reflexionar sobre as razóns que nos levan a actuar con coherencia e responsabilidade, inda que o máis cómodo e fácil sexa deixarnos levar e acabar sendo permisivos e xustificándoo todo –onde vas Vicente...-; un estímulo que nos faga vivir na perseveranza a pesares das nosas gañas de abandonar; un estímulo para facer da oración un verdadeiro diálogo desde a nosa vida con Deus: canto nos pasa, bo ou malo, canto nos preocupa, aleda, entristece, proxectos que nos  propoñemos levar adiante ou dúbidas que aparecen na nosa vida, sabemos poñelo nas mans do Deus que non é un algo abstracto, senón a concreción que se manifesta en Xesús, e nos invita a seguilo; en fin, un estímulo que non teña medo a recoñecer que inda hai moito que facer, que temos moita tarefa por diante e que nos corresponde a nós, xa que ninguén nos vai saca-las castañas do lume, afrontar canto a realidade nos vai presentando, sen virnos abaixo e sen caer no conformismo de que nada podemos facer. Advento quere ser logo, tempo de iniciación e  renovación que mova a nosa vida e non a deixe esmorecer nin caer na mediocridade.

*      E esta iniciación á que se nos invita quere hoxe que nos fixemos no sacramento do bautismo. Un día os nosos pais e padriños leváronnos á Igrexa e pediron para nós o bautismo. Esta petición non foi un acto puramente formal ou de tradición, senón que a solicitude do bautismo encerra e esixencia de educar e acompañar a introdución e formación na vida de fe. De ser imaxe e testemuño de vivir cada día, e en todas as situacións nas que esteamos presentes, o Evanxeo de Xesús. E isto é así porque o Evanxeo non é un rito nin tampouco unha cuestión cultural, senón a vivencia dos valores que Xesús nos propón e das actitudes que desde estes valores xorden. Que mellor que este primeiro domingo de Advento para pararnos un momento e pensar de que xeito estamos a cumprir este compromiso, e como nos imos esforzando para que a nosa vida deixe de ser rutina e abandono, e se converta en experiencia estimuladora de canto leve a sentírmonos ben con nós mesmos, e orgullosos de poder testemUñalo aos demais.

*      Por iso a chamada á vixilancia da que nos fala hoxe o Evanxeo de Marcos quere facernos caer na conta de que sempre estamos en tempo de remover o noso interior, de ilusionalo, de agradecer que saibamos cal ha ser o rumbo da nosa vida, e que a mellor de tódalas brúxulas, para que saibamos colle-lo rumbo adecuado, non pode ser outra que Xesús de Nazaret. Por iso podemos dicir desde a confianza: vixiade, para que cando chegue o dono da casa nos atope preparad@s.

*      Abrámonos á confianza dunha vez por todas!. Que este Advento sexa ese momento que nos leve a tomar conciencia da nosa situación e da necesidade de cambiar, de “pornos as pilas” de deixar de lado, e oxalá para sempre, un cristianismo de imaxe e costume, para comezar a vivir plenamente os nosos compromisos bautismais, cun seguimento de Xesús viva e verdadeiramente transformador da nosa persoa, do noso contorno, da nosa sociedade. Que este advento sexa de verdade tempo de iniciación, porque... para a tenrura, tamén para a de Deus, sempre hai tempo.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Porque queremos que o rostro de Deus brille nas nosas accións que cada día facemos, dicimos agora xunt@s:
GRAZAS, SEÑOR, POLO DON DO BAUTISMO
*        Para que sentíndonos Igrexa necesitada de conversión, cambio e renovación, fagamos o posible para que a presenza do Espírito, que quixo vir a nós no día do noso bautismo, sexa alento para dialogar co mundo, e non para condenalo, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLO DON DO BAUTISMO
*        Para que as nosas comunidades sexan verdadeiramente lugares onde celebremos o compromiso permanente de acoller a quen vén, de perdoar a quen se equivoca, de defender a quen se sente maltratad@ ou menosprezado, Oremos.
GRAZAS, SEÑOR, POLO DON DO BAUTISMO
*        Para que cada un/ha de nós nos deixemos enchoupar pola túa misericordia e polo teu amor que nos invitan a sermos voz das persoas sen voz, alento para as persoas enfermas, mans amigas para as persoas ignoradas, sorriso agarimoso para as persoas que están soas ou son desprezadas e corazón quente para as persoas que sofren, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLO DON DO BAUTISMO
            Grazas, Señor, porque co tempo do advento, vólvesnos dar a oportunidade de reiniciar o noso camiño, un camiño no que nos chamas a ser sementes do teu Reino. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Falar é cousa fácil, non así escoitar.
Sen dúbida por iso nos deu o Señor dúas orellas pero solo unha lingua.
Oír como quen oe chover. Oía campás sen saber onde, tamén resulta sinxelo. Non así o de escoitar
Poñerse á escoita de alguén é, en primeiro lugar, rexeitar todo o que pode distraer os nosos oídos, a nosa mente, o noso espírito.
Escoitar é acalar os tumultos interiores, apartar as fascinacións do exterior, afastar as interferencias que dispersan a atención e distorsionan a palabra que o outro me dirixe.
Escoitar é facer un silencio o suficientemente denso como para que eu grite desde el: Agora ti es mi centro!, a miña meta!, a miña carreira lévame unicamente a ti!
Poñerse á escoita de alguén é apartar a mirada dun mesmo e volverse cara o outro, chegar ao cara a cara, como dicindo: Aquí estou!. Non existe para min ningún outro interese!. Estou listo para percibir ata o murmurio da túa palabra!
Escoitar equivale a acoller; a abrir de par en par todas as portas tras das que un se agocha; a derribar tanto aramado e fronteira tras das que nos parapetamos.
Escoitar a alguén é descoidarme a min e preferir ao outro. É preferir ao que está aí, diante de min; e acollelo co seu saco cheo de roupa máis ou menos limpa, pero que é a súa. É aceptar que entre en min, é recibir ao outro, son os seus soños e os seus desexos; cos seus gustos e desgustos; coas súas filias e as súas fobias. É prever que vai desordenar os estantes tan coidadosamente ordenados da miña existencia; é cederlle o sitio; é ofrecerlle as chaves da casa, como dicíndolle: “A túa presenza vaime revolucionar todo; pero corro o risco:  escóitote!. As palabras que me digas serán para min espírito e vida”.
Advento é o tempo da escoita porque é o tempo no que, lentamente, asimilamos esa Palabra que viu habitar entre nós. Advento é o tempo no que todos os que escoitan  a Palabra aprenden a cambiar as súas tebras en claridade. O tempo no que, poñéndose a súa escoita, arriscámonos a facer un camiño cara a luz.
Advento é o tempo no que as persoas escoitan ao Señor polo altofalante de cada próximo. É cando todo o que endurece os corazóns se derrete ante a calor do Evanxeo. É cando saltan á boca dun palabras novas e ao corazón dun sentimentos novos e á conduta dun actitudes novas... Así nace o Outro nun. Por iso, porque...
Advento é tempo de iniciación!
CANTOS
ð  ENTRADA: Preparade o camiño ao Señor
ð  LECTURAS: A auga do Señor
ð  OFERTORIO: Xesús chamado amigo
ð  COMUÑÓN: Volve Señor
Add caption


Comentarios

Entradas populares de este blog

Propostas para o Domingo 25 TO B

Trindade 2019 C

3 domingo Pascua 2019