Ir al contenido principal

Cristo Rei 2011

INDA QUE ABANEEN OS CIMENTOS, NON NOS DERRUBAMOS: EL MIRA POR NÓS

"Á luz das palabras de Cristo, o sur pobre xulgará ao opulento norte.

E os pobos pobres –pobres de xeitos distintos, non só faltos de alimento,

senón tamén privados de liberdade e doutros dereitos humanos-,

xulgarán aos que lles arrebatan eses bens, acumulando para eles

o monopolio imperialista do predominio económico e político a expensas doutros".

(Beato Xoán Paulo II - Homilía en Namao, Canadá, 17/9/1984)

Pórtico

Chegamos ao final do ano litúrxico e non queda outra máis que revisar se o noso zurrón está cargado de froitos de boas obras ou se segue aleiro e en ermo. Os tempos litúrxicos, as festas que ao longo deste ano fomos celebrando, quixeron ser unha achega para dar sentido, fondura e coherencia á nosa vida; para desenclaustrala e poñela a render coma os talentos. E no remate o mellor de tódolos ramos: a festa de Cristo Rei. O Cristo do reinado de paz e xustiza, de vida e verdade, de solidariedade e igualdade. O Cristo que se nos manifesta nas persoas que teñen fame, sede, están núas, no cárcere... e nos chama sempre a recoñecelo aí. Que a celebración que comezamos sexa pulo de revisión e arela de renovación dunha fe que ten os seus cimentos naquel que non nos deixa sol@s.

Perdón

  • Por borrar as nosas pisadas para impedir que ti poidas seguilas e así mirar por nós, SEÑOR, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.
  • Por ir deixando que esmoreza e se contamine a fe que esperanza, renova e comparte, CRISTO, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.
  • Por non esforzarnos en distinguir cal é o lado bo da vida: Aquel onde estás ti en quen ten fame, sede ou está enfermo, SEÑOR, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.

Remuíño

  • O recurso literario da alegoría é moi habitual nos diferentes textos da S.E., pero especialmente nos textos dos profetas. Hoxe, unha vez máis, a linguaxe quere facérsenos comprensible con esta imaxe do pastor preocupado e sempre centrado en atender e vivir para o coidado do seu rabaño. Un coidado que non é por horas nin por contrato, senón na totalidade, a tempo completo. A tempo e a destempo. Isto dános unha imaxe moi nítida do que queremos expresar e manifestar canto dicimos da palabra Deus. Non é algo abstracto e ao que recorremos cando nos vemos apertados; tampouco é o tendeiro que nos vai dispensando mercancía segundo necesitemos e previo pago pola nosa parte da taxa establecida; e menos aínda o mago que soluciona, porque quere e pode, canto lle pedimos. Non, esta non é a imaxe de Deus sobre a que nós asentamos a vida e en cuxa man poñemos esforzos e tarefas. E non o é porque como acabamos de escoitar na primeira lectura, a cuestión é ao revés. Non é que El non queira estar ao noso lado, senón que somos nós os que imos pondo trabas e dificultades para que El poida acompañarnos. Como entender senón cando di: "eu en persoa virei seguirlles as pisadas", ou "vounas salvar, sacándoas de tódolos sitios por onde se espallaron un día de nubes e escuridade". El, que se ocupa e preocupa de nós, sempre está en disposición de respectar a nosa liberdade e non decidir por nós (aínda que sabe que moitas das nosas decisións son equivocadas e non nos producen felicidade), facendo realidade a afirmación de que somos libres e con capacidade de decidir. E así, inda que non lle guste o que eliximos, respecta a nosa liberdade, porque para El non somos monicreques aos que se manipula e cos que se xoga, senón persoas libres e con capacidade de tomar decisións. Pero respectar a nosa liberdade non supón deixarnos ao pairo, senón que El sempre está ao dispor de saír ao noso encontro e invitarnos a volver cando nos temos afastado; a curarnos cando nos temos magoado e a alimentarnos coa fondura da súa palabra cando temos enfraquecido pola nosa teimosía de querer prescindir de Deus na nosa vida.
  • Sendo El todo en todos, é dicir, sen poder prescindir da súa presenza en nós, vai ofrecéndonos continuamente raiolas de luz e esperanza en todo momento. Non só cando as cousas van mal e necesitamos ser rescatados; senón sempre e en todo momento. O camiño que a resurrección, pilastra e cimento da fe, nos abre quere ser sempre luz e espazo de encontro, no que a morte non é máis ca paso. Paso duro e moitas veces difícil de comprender, pero nunca final de camiño. Tras dela segue a haber moitos máis pasos que nos van indicando o enderezo que nos leva a repousar en Deus. No a tempo e destempo da vida de cada un, ningún de nós escapa da morte, pero tampouco se queda nela; paso necesario, si, pero nunca final de camiño, que segue a estar en Deus e que é sempre resurrección e máis vida.
  • De aí que cando teñamos fame, sede, esteamos nus, necesitemos ser acollidos ou visitados por estar enfermos, sempre atoparemos a súa presenza a través da man, solidaria e desinteresada, de tantas persoas boas coas que imos atopando no noso camiño. Persoas que non teñen cargos importantes, non se poñen nas tribunas públicas, non mandan, tampouco teñen pasado pola universidade, e ás veces nin pola escola, pero nas que si hai un corazón grande que, incapaz de coller dentro delas, vaise expandindo no servizo, a solidariedade e a entrega xenerosa aos irmáns. Persoas que, sen sabelo, van facendo realidade e vida canto Xesús nos di no Evanxeo de hoxe: "vinde, benditos do meu Pai, porque tiven fame e déstesme de comer, sede e déstesme de beber... cando, Señor?: cando llo fixestes a un destes irmáns".

Oración da comunidade

Poñemos agora diante de Deus e da comunidade a nosa oración, que quere ser acción de grazas e alento no noso camiñar cotián. Por iso dicimos xunt@s:

QUE TRABALLEMOS CADA DÍA POLO TEU REINO

  • Para que cant@s serven dentro da Igrexa teñan sempre como texto de cabeceira o Evanxeo de hoxe e non convertan o seu servizo en imposición, dominio e exclusión de quen pensa diferente, OREMOS.

QUE TRABALLEMOS CADA DÍA POLO TEU REINO

  • Nun día no que estamos chamad@s a exercer o noso dereito de voto, pedimos para que o fagamos dun xeito responsable, maduro e coherente, sentíndonos cidadáns activos, comprometidos no mundo e co mundo, OREMOS.

QUE TRABALLEMOS CADA DÍA POLO TEU REINO

  • Polos nosos gobernantes, para que nunca busquen apacentarse, senón servir fielmente aos cidadáns que confiaron neles, buscando o ben común, OREMOS.

QUE TRABALLEMOS CADA DÍA POLO TEU REINO

  • Para que entre nós, homes e mulleres que nos chamamos cristiáns e cristiás, non esquezamos nunca que o mellor alimento para a nosa vida é o Evanxeo, e non costumes e tradicións que se esquecen dos irmáns e nos afastan da preocupación de tender a nosa man a quen a necesite, OREMOS.

QUE TRABALLEMOS CADA DÍA POLO TEU REINO

  • Para que nunca lle pechemos a vida á presenza de Deus en nós, sabendo descubrilo ao noso carón, non para manipularnos, senón para aledarse co que nos aleda e sufrir con canto nos produce dor, OREMOS.

QUE TRABALLEMOS CADA DÍA POLO TEU REINO

Grazas, Señor, por abrir os nosos ollos e os nosos corazóns para que poidamos ser construtores do teu Reino desde a realidade cotiá da nosa vida, facendo do presente tempo de salvación. PXNS.

Reflexión

Fuches posto na terra cun propósito: servir a Deus e aos demais. Sempre que serves a outros de calquera maneira, verdadeiramente estás servindo a Deus e cumprindo unha das súas invitacións. Non estamos na terra só para respirar, comer, ocupar un espazo e divertirnos. Deus formounos individualmente para construír solidariedade e comuñón coas nosas vidas.

Xesús abriunos o camiño, un camiño que nos enriquece porque nos pon sempre ao dispor dos demais. Non nos salvamos porque haxa boas obras, senón por facer esas boas obras. No reino de Deus tes un sitio. De ti depende poder ou non ocupalo. Non deixes que pase por diante túa!, cólleo!. Dálle á túa vida a razón pola que vivir: se Deus te ama, vai e fai o mesmo: ama ti tamén. E estórzate por ser os seus ollos, a súa man, o seu corazón cada día. Esa é a túa misión no mundo!

Cantos

  • ENTRADA: O amor é o meirande
  • LECTURAS: Veña o teu Reino
  • OFERTORIO: O Señor é o meu pastor

COMUÑÓN: Oh, Señor, escólleme

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor