Ir al contenido principal

33 domingo TO A

O TRABALLO: ESE BEN TAN ESCASO E QUE TANTA FALTA NOS FAI

PÓRTICO

Nestes momentos de crise, tod@s apreciamos a importancia que o traballo ten na vida de cada un e cada unha de nós. Agora xa non facemos riso daquel dito que preguntaba cando sería domingo para poder ir á misa; é dicir, cando será o día de descanso. E non se fai riso porque cada día, tristemente, son máis os que perden ou ven o seu posto de traballo ameazado, á vez que non perciben posibilidades ou perspectivas de que esta situación poida cambiar. Fronte desta dificultade, a situación tamén pode ser un momento para que nos paremos e pensemos se de verdade temos feito canto estaba na nosa man para que o traballo que realizamos sexa desenvolvido responsablemente, se nos temos formado para coñecer e saber facelo mellor. É este o momento para que tamén tomemos en conta que o traballo non é só unha experiencia para gañar cartos, senón que é unha experiencia de crecemento e madurez persoal, de sentido comunitario e contribución á sociedade, de posibilidade de relación e coñecemento de outras persoas... e un momento de crecemento espiritual e experiencia de presenza de Deus. Sendo tan rica e importante a experiencia do traballo, poucas foron as veces nas que o temos vivido así. Que a celebración de hoxe nos faga reflexionar sobre a importancia do traballo e a súa necesidade para que crezamos, maduremos e nos formemos de xeito integral, e non pensando só en cartos.

O PERDÓN

  • Por ser incapaces de descubrir que o traballo non só é un medio para obter cartos, senón unha experiencia de desenvolvemento persoal e comunitario, SEÑOR, QUE NON SEXAMOS PREGUICEIROS.
  • Por non saber valorar que o aforro, o esforzo e o sacrificio de hoxe son pan para mañá, CRISTO, QUE NON SEXAMOS PREGUICEIROS.
  • Por non acabar de descubrir que o traballo non só ten unha dimensión persoal, senón que é tamén contribución ao desenvolvemento social e comunitario, SEÑOR, QUE NON SEXAMOS PREGUICEIROS.

REMUÍÑO

Durante moitos anos, falar de traballo era referirse a traballo manual, artesán, con poucos medios técnicos e moito esforzo físico. Mesmo hoxe, a moitas persoas cústalles entender que a realidade do traballo é moito máis ampla, e vai máis alá do traballo manual. A evolución da sociedade, a capacidade de poñer ao servizo de tod@s novos descubrimentos fixeron que pouco a pouco o traballo manual se vise axudado para un menor desgaste físico e como consecuencia, para unha mellor saúde. Lonxe queda, en xeral e en occidente, a situación que viviu o proletariado durante o século XIX. Pero se ben isto é verdade, tamén o é afirmar que con todo este cambio no mundo laboral, a incorporación da máquina para substituír ou facer máis doado o traballo da persoa, dou lugar tamén a novos problemas, e non poucas dificultades. A crise que estamos a vivir non é máis que un pequeno exemplo desta situación. Problemas e dificultades que deron lugar a supresión de postos de traballo –moitos deles xa eran cubertos polas máquinas– e tamén á pouca estima que durante bastante tempo, debido a que a bonanza económica o permitía, moitas persoas, especialmente xente nova, non dedicou tempo nin valorou a importancia da formación; mesmo aquel@s traballadores que levaban anos nun mesmo posto de traballo, non tiveron en conta a necesidade da formación permanente e a reciclaxe. De todo aquilo, neste momento de crise estamos a ver as súas consecuencias, xa que a falta de preparación fai que non se puidera responder á solicitude de postos de traballo con formación especializada, o que ten levado a moitas persoas, especialmente xente nova que se fora ao mundo laboral na busca dun diñeiro abondoso e a postos con pouca cualificación –a triste experiencia do ladrillo– a engrosar as listas do paro. E que ten que ver isto coa palabra de Deus que acabamos de ler hoxe?, poderá preguntarse alguén. Se temos escoitado con atención o que aquí se proclamou como Palabra de Deus, non fará falta dar moitas explicación para descubrir a importancia do traballo como unha realidade non só para obter medios/bens económicos –cartos– senón como unha profunda experiencia antropolóxica que lle vai dando sentido a vida e nos fai co-partícipes do desenvolvemento e crecemento da sociedade. Cómo non vai estar isto en relación co que Deus nos di na súa palabra?. Canto nos pasa, canto nos ocupa e preocupa, ten repercusión na nosa experiencia e vida de fe. O "ide e anunciade" concrétase tamén hoxe nesta palabra proclamada, porque a fe non é algo que quede pechado dentro das igrexas, senón que temos que vivila en todos e cada un dos momentos, situacións e realidades da nosa vida. O compoñente social da mesma vai facendo que canto nós aportemos co noso traballo a unha maior e mellor humanización da sociedade sexa á súa vez a nosa resposta a poñer a render os talentos que Deus puxo en cada un de nós para que foran dando o seu froito. Non todos somos iguais en capacidade, formación... pero si todos somos complementarios e iguais na posibilidade de poñer todas esas nosas capacidades ao servizo dunha sociedade moito máis xusta, libre, plural, democrática e sempre solidaria e na que a man de Deus vai descansando sobre o esforzo que cada un/ha de nós pon en conseguilo.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Preocupad@s pola realidade do traballo, ben cada vez máis escaso, poñemos sobre a mesa do altar a nosa oración comunitaria para que xunto co pan e co viño, sexan ofrenda que xunt@s presentamos a Deus, e digámoslle:

QUE OS NOSOS TALENTOS RENDAN AO BEN DOS DEMAIS

  • Para que na Igrexa teñamos sempre sensibilidade, convertida en compromiso e obras, para compartir, promover e apoiar accións que supoñan considerar o traballo como aquel valor no que hai que formarse para logo contribuír con el ao ben común, Oremos.

QUE OS NOSOS TALENTOS RENDAN AO BEN DOS DEMAIS

  • Neste día da Igrexa diocesana, pedimos tamén para que como Igrexa de Tui–Vigo sexamos sempre sensibles aos problemas e dificultades que a crise e a falta de traballo está a deixar en moitas familias da nosa diocese. Que como Igrexa saibamos dedicar recursos, tamén os que son froito do noso esforzo e da nosa contribución, para poñer en marcha accións e proxectos que supoñan axudar a quen está a pasar necesidade, para que atopen un camiño que os axude a descubrir que hai futuro e esperanza, e deixen de vivir da beneficencia, Oremos.

QUE OS NOSOS TALENTOS RENDAN AO BEN DOS DEMAIS

  • Que nas nosas comunidades poñamos a render os nosos talentos, ofrecendo canto podemos e sabemos facer, para todos poidamos disfrutalo. E poñéndoo ao servizo uns dos outros, sexamos comunidades verdadeiramente solidarias e preocupadas en que
    ninguén quede excluído ou sufra as consecuencias da falta de traballo,
    Oremos.

QUE OS NOSOS TALENTOS RENDAN AO BEN DOS DEMAIS

  • Que cada un e cada unha de nós saibamos aproveitar os talentos que Deus puxo en nós, e os poñamos a render na busca dunha mellor formación no noso traballo, na responsabilidade de facelo o mellor posible e na esixencia de afastar de nós a tentación egoísta da preguiza, para que ninguén cargue coas tarefas que nós tiñamos que facer, Oremos.

QUE OS NOSOS TALENTOS RENDAN AO BEN DOS DEMAIS

Grazas, Señor, por invitarnos a valorar a importancia do traballo na nosa vida e a descubrir que non se reduce a un simple gañar cartos polo tempo dedicado. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

ORACIÓN NAS DIFICULTADES ECONÓMICAS

Señor,

que creaches todo o universo

e dotaches a terra de riqueza suficiente

para alimentar a todas as persoas que nela habitan,

vén na nosa axuda.

Señor, que coidas dos lirios do campo e das aves do ceo,

vístelos, aliméntalos e falos prosperar,

manifesta sobre nós a túa providencia paterno/materna.

Axúdanos, Señor,

xa que a salvación só pode vir de persoas honestas e boas.

Infunde no corazón dos nosos próximos

o sentido da xustiza, da honestidade e da caridade.

Coida das nosas familias,

que confiadamente esperan de ti o pan de cada día.

Enfortece os nosos corpos.

Dálle serenidade á nosa vida

a fin de que poidamos corresponder máis facilmente

á túa graza divina,

e sentir que sobre nós,

sobre as nosas preocupacións e angustias,

a túa agarimosa vela de Pai/Nai. Amén.

CANTOS

  • ENTRADA: Amigos nas penas
  • LECTURAS: Escoita ti a palabra de Deus
  • OFERTORIO: Eiquí están Señor
  • COMUÑÓN: Acharte presente na vida/Non vou so

Comentarios

Olá, que belíssimo blog, parabéns!
Vim fazer uma visita e fiquei muito feliz, pois o blog contem muito espiritualidade, saio daqui enriquecida.
Meu blog é http://catequistadecca.blogspot.com se me visitarem ficarei feliz.
A Paz de Cristo a todos

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...