Ir al contenido principal

3 Pascua 2012

TESTEMUÑAS DA ESPERANZA

PÓRTICO

Lémbrasenos nos textos que hoxe imos proclamar que a fe que compartimos non se impón a través de leis, normas ou mandatos, senón desde o testemuño. Os cristiáns damos razón da nosa esperanza, das nosas ilusións ou do sentido da vida non pola imposición nin o medo, senón desde a acollida gozosa e libre da mensaxe que nos deixou Xesús. Unha mensaxe que El vivira primeiramente, e da cal os seus seguidores foron aprendendo. Logo nós, estamos chamados a ser, entre os amigos, os compañeiros de traballo, as persoas da familia. os veciños.... as testemuñas da resurrección de Xesús; non con grandes sermóns ou palabras ilustradas pero pouco comprensibles, senón coa maneira sinxela, leda, gozosa e sempre chea de positividade do noso testemuño. Que a pascua sexa tempo para ir comezando a rodar neste camiño.

PERDÓN

  • Polas veces nas que nos faltaron ilusión e ledicia á hora de dar testemuño da nosa fe, SEÑOR, QUE A TÚA ESPERANZA ACOMPAÑE OS NOSOS PASOS.
  • Polas veces nas que reducimos a expresión da fe a un simple cumprimento de obrigas ou normas, e non ao gozo de atoparnos contigo, CRISTO, QUE A TÚA ESPERANZA ACOMPAÑE OS NOSOS PASOS.
  • Polas veces nas que os prexuízos non deixaron que tenderamos pontes de perdón e misericordia cara ás persoas das que nos tiñamos distanciado, SEÑOR, QUE A TÚA ESPERANZA ACOMPAÑE OS NOSO PASOS.

REMUÍÑO

Nós somos testemuñas: Si, o libro dos Feitos dos Apóstolos lémbranos algo que tiñamos/temos un pouco esquecido: que hoxe as testemuñas de Xesús somos nós. Non é a historia da Igrexa, coas súas luces e sombras, tampouco o nome dos santos e santas que enchen os día do calendario, tampouco os grandes documentos de Bispos, papas ou teólogos, e moito menos os sermóns e homilías dos que cada semana nos predican. Non, as verdadeiras testemuñas de Xesucristo somos cada un e cada unha de nós. Pero non unhas testemuñas de palabras, senón unhas testemuñas de vida; unha vida coa que lle imos dicindo aos demais por que cremos, como nos axuda a fe, e canto nos aporta para seguir mirando ao futuro sen medo e encarando o presente con esperanza. Sobran palabras, xa pasou o tempo delas. Hoxe o que necesitamos son historias vivas nas que mostremos que cremos no amor, que somos capaces de poñelo en práctica con quen está necesitado, que é posible abrir claros por moi pechado e cheo de nubes baixas que estea o ceo. Por iso e para iso, somos testemuñas de algo grande que non só pronunciamos cos beizos, senón que vivimos cada día da nosa vida no que facemos e como o facemos: o amor.
En paz déitome e logo adormezo, porque só ti, Señor, me dás seguridade: E se cremos no amor, entendemos a razón que nos leva a rezar agradecendo a oración do salmo responsorial. Deitámonos en paz porque nos sentimos agarimados, protexidos e acompañados por Deus. Ese é o diálogo co que cada día comezamos unha nova xornada: porque me dás seguridade, eu vivo en paz: comigo e cos demais. A paz que vai xermolando no corazón e que non ten dobre cara nin busca quedar ben, senón que se sente no profundo da vida de cada un de nós, porque esa paz dánola Cristo. E a paz de Cristo non nos leva a ter mala conciencia, senón que nos fala de persoas, de respecto para esas persoas, de valores e actitudes nas que se mostren que a sinceridade, a preocupación desinteresada, a compaña compartida, a verdade expresada non son ficións nin maneiras de buscar quedar ben, senón vivencias profundas que cremos e poñemos en práctica. E iso é o que nos fai poder durmir tranquilos e en paz, sen pesadelos nin remorsos. Quen senón nos pode logo dar esa seguridade, máis ca Xesús resucitado!.
Recoñecérano ao partir o pan: Por iso estamos aquí, porque coma os seguidores da primeira hora, tamén nós o recoñecemos ao partir o pan. Pan da eucaristía, pan de amor, pan compartido, pan escoitado, pan vivido, pan, pan, pan, sempre o pan do Deus que non quixo quedar na morte, senón que abriu camiño de novidade e renovación. E esa novidade e renovación é a que nós temos que proclamar cada día, e á que hoxe, desde esta celebración, somos invitados. O que nos vai axudar a botar tamén fora de nós o medo e máis o susto, do mesmo xeito que lles pasou aos que entenderon que resucitar é vivir de novo e en esperanza.
Vós seredes testemuñas de todo isto: A Eucaristía é para un crente momento de encontro, experiencia compartida de solidariedade e gozo persoal e comunitario da presenza de Deus. No partir e compartir o pan, ábresenos a tod@s nós unha invitación e unha urxencia: alí onde esteamos debemos facer o mesmo que fixo Xesús. El deuse aos demais, nós, non podemos facer outra cousa máis que darnos a quen poida necesitarnos. Iso porá de manifesto que o partir o pan é para nós unha praxe, un xeito habitual e cotián de responder á misión que se nos encomendou.
ORACIÓN da COMUNIDADE
Poñamos á carón da luz pascual que nos fai presente a Cristo a nosa oración e a nosa acción de grazas, para que El se faga tamén compañeiro da nosa andaina cotiá e digamos:
QUE A TÚA PRESENZA, SEÑOR, SEXA LUZ PARA NÓS
  • Teñamos presente hoxe na nosa oración ás persoas que conforman as comunidades cristiás dun cabo ao outro do mundo, para que saibamos sempre sentírmonos Igrexa enchoupada de esperanza e con gañas unir esforzos con quen busca o respecto e a dignidade das persoas, OREMOS.
QUE A TÚA PRESENZA, SEÑOR, SEXA LUZ PARA NÓS
  • Lembrándonos das persoas das nosas comunidades parroquiais, encomendemos neste momento a aquelas que están enfermas, viven solas, se senten desacougadas ou están a pasar por un momento de dificultade económica, familiar ou laboral. Por todas elas, OREMOS.
QUE A TÚA PRESENZA, SEÑOR, SEXA LUZ PARA NÓS
  • Fagamos o esforzo de converter a nosa oración en comunicación e diálogo con Deus desde o mundo do que formamos parte, e agradezamos a súa invitación a ser comunidades onde nos queiramos, axudemos, respectemos e nos esforcemos por non caer na indiferenza nin na exclusión de quen non pensa ou non actúa coma nós, OREMOS.
QUE A TÚA PRESENZA, SEÑOR, SEXA LUZ PARA NÓS
Grazas, Señor, por este momento no que nos chamas a poñer nos nosos beizos a oración desde a que lembrar a tantos irmáns e irmás que comparten con nós un corazón disposto a amar. P.X.N.S. Amén.
REFLEXIÓN
Xesús envíanos. Esta misión é hoxe urxencia diante das dificultades e problemas polos que están a pasar moitas persoas en moitas partes do noso mundo, preto pero tamén lonxe de nós, por iso o seu ide chámanos :
Para encher a terra de luz
Para sementar ledicia e esperanza
Para proclamar misericordia e perdón
Para traballar pola paz
Para consolar aos que sofren
Para evanxelizar aos pobres
Para ser testemuñas de resurrección
Para asegurar que Deus nos ama e que a vida consiste en amar
(Sobre un texto de Cáritas, Cuaresma Pascua 2012)
CANTOS
· ENTRADA: Ti es camiño
· LECTURAS: Xesús é Señor
· OFERTORIO: Douvos un mandato
· COMUÑÓN: Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...