Ir al contenido principal

5 Coresma C

PORQUE A PASCUA NON É CALENDARIO SENÓN EXPERIENCIA DE RENOVACIÓN E CAMBIO, PREPARÉMONOS PARA GOZAR DA PRIMAVERA DO EVANXEO EN CADA UN DE NÓS
SIGNO: Colocamos o quinto colector do lixo, de cor azul, que leva escrito: “O Señor fai connosco cousas grandes; estamos cheos de alegría”.
 
PÓRTICO
No final deste tempo de coresma, co camiño a piques de rematar, somos de novo convocados para celebrar e compartir a fe. Estamos xuntos, sentímonos comunidade, pero non debemos esquecer que, inda que acompañados, somos nós persoalmente os que temos que ir rematando as etapas do camiño, ninguén as vai poder facer por nós. Por iso, desde a sinceridade que debemos ter para non caer no noso propio engano, nesta mañá de domingo acheguémonos ao altar dispostos a botar no colector do lixo canto se nos resistía polo moito apego que lle tiñamos, e incorporémonos coa limpeza de corazón, respondendo á invitación de participar deste encontro de fe, misericordia e gratitude compartida en comunidade.

O PERDÓN
  • Que esteamos sempre dispostos a recoñecer que as adherencias que provocan a envexa, a vinganza ou o odio aos demais, temos que botalas ao noso colector persoal de lixo, SEÑOR, QUE NON NOS ENGANEMOS A NÓS MESMOS.
  • Que nunca renunciemos a facer canto estea na nosa man e leve aos demais consolo, paz e ledicia, CRISTO, QUE NON NOS ENGANEMOS A NÓS MESMOS.
  • Que as nosas actitudes sexan as de superar o derrotismo, e mirar cara ao futuro, para deixar atrás a nostalxia dun pasado que xa non virá e para vivir desde o presente que entre todos podemos cambiar, SEÑOR, QUE NON NOS ENGANEMOS A NÓS MESMOS.

REMUÍÑO
  • Contra o que moitas veces pensamos e manifestamos, a referencia a Deus constantemente se nos mostra como o gran facedor e propulsor do respecto da natureza. O Deus ao que lle rezamos é o Deus da harmonía, do equilibrio sostible co cosmos, ese cosmos que El mesmo puxo nas nosas mans para que o agarimásemos, o coidásemos e o protexésemos. Saber que o mundo é un agasallo recibido, convértenos no só nos seus receptores, senón en propulsores de todo canto signifique termar do mundo e de cantos estamos e formamos parte del. Como poderemos vivir con xustiza e dignidade as persoas,se non coidamos a casa –oikós– na que vivimos, o mundo onde nos relacionamos uns cos outros, onde facemos proxectos xuntos, onde a través das criaturas imos percibindo e gozando da presenza de Deus?. Tamén neste tempo de coresma hai lugar para esta reflexión sobre o coidado que nos merece o mundo no que estamos e construímos. Ese mundo que non pode ser nunca algo alleo a nós, senón parte integrante. A actualidade do texto de Isaías axúdanos a entender por que a fe non se pode reducir a algo privado, íntimo e individual, senón que abrangue e ábrese a toda a realidade da que forma parte o ser humano e todo canto este ten sido capaz de recrear. Somos logo invitados a loar a Deus por todo canto temos recibido, por todo canto temos que ofrecer e compartir cos demais, por todo canto temos que legar ás xeracións que veñen tras de nós. Beber desta fonte dun mundo que é de todos, é querer poñerse no camiño do Deus que nos abre as mans para acollernos, e que nos invita tamén a nós a ser acolledores con todo canto del temos recibido. Aquí está verdadeiramente o novo que comeza a xurdir: a Palabra de Deus que nin se queda nas páxinas dun libro, nin perde a frescura para poder ser comprendida como palabra de esperanza que loita, consola e alenta contra calquera desesperanza que poida xurdir e someter a quen ten que ser centro de todo o creado: a persoa, nacida para ser e desenvolverse como imaxe e semellanza do Deus Pai/Nai no que sempre nos sentiremos queridos e acollidos. Que mellores grandezas ca estas, tal e como cantaba Israel no seu exilio en Babilonia. Porque non nos deixou solos, porque terma de nós, porque nos ofreceu o mundo como casa de todos, casa incluínte e acolledora, estamos ledos e saímos ás prazas e ás rúas a anuncialo e a compartilo.
  • Todo o demais que nos incumbe xira ao redor desta presenza de Deus coa que nos agasallou en Cristo. El é forza, alento,consolo… desde o que facer as cousas, desde o actuar honesto e responsable. Non é, logo, a fe unha confianza absoluta e cega en algo que non vemos, senón confianza e gratuidade naquel que nos ofrece a Cristo como espello, imaxe da súa presenza, do seu querer estar e ser con nós, do traballo por dignificar e humanizar a vida das persoas, principalmente daquelas que máis sofren, menos as entenden e se van quedando nas beiras dun mundo que mira demasiado para adiante e pouco para os lados. Como lle ocorría a Paulo, a meta inda a temos lonxe, pero se temos a Xesús como referencia do que facemos, nunca perderemos o horizonte, e algúns, non importa o cando concreto, chegaremos a ela, porque nela está o premio. Non temos logo que preocuparnos de mirar atrás, de queixarnos levar polo de agora e de enxalzar o que xa pasou, senón que a tarefa que temos por diante é seguir camiñando para poder acadar o premio de poder descansar nel e con el. 
  • Pero para conseguir chegar a esa meta non podemos crernos nin erixirnos en salvadores e redentores da ortodoxia, da seguridade doutrinal e do verbo ampuloso e demagóxico, senón avanzar con paso pequeno e seguro, sen ter medo a equivocarnos. Non son os xuízos de calidade sobre a santidade individual os que nos achegan a Cristo, senón a sinceridade para ir botando no colector todo iso que nos impide ser sinxelos e nos leva a converternos en xuíces dos demais, dos que non cumpren co patrón que nos consideramos que é único. A iso se atreveron aqueles que querían lapidar á muller. Sacaban peito para ver quen era o que máis pedras tiraba, pero Xesús cálalles a boca ao poñer a forza da acusación no actuar de cada un deles: “quen non teña pecado, que tire a primeira pedra”. Unha fermosa lección que ninguén nin nunca deberiamos esquecer.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Achegámonos agora á mesa do altar para poñer ao lado do pan e mais do viño a nosa oración comunitaria dicindo xuntos:
CHEOS DE LEDICIA, SENTIMOS A TÚA PRESENZA
·        Para que todos cantos formamos parte da Igrexa nos esforcemos por beber da auga que nos ofrece a mensaxe de Xesús, e nos abramos ao mundo con actitudes de participación, diálogo e escoita, OREMOS.
CHEOS DE LEDICIA, SENTIMOS A TÚA PRESENZA
·        Para que nas nosas comunidades parroquiais esteamos sempre atentos ás situacións das persoas sabendo descubrir o sufrimento, a dor ou a pobreza dos seus membros, non para criticalos polo que non fixeron, senón para tenderlles a man e axudalos no que poidamos, OREMOS.
CHEOS DE LEDICIA, SENTIMOS A TÚA PRESENZA
·        Para que desde a honestidade coa que cada un de nós foi deixando no colector canto non nos facía nin axudaba a sentírmonos a ben con nós e cos demais, aproveitemos esta limpeza de corazón para non deixar que volva crecer a coroza da insensibilidade, a soberbia ou a despreocupación polos demais, OREMOS.
CHEOS DE LEDICIA, SENTIMOS A TÚA PRESENZA
Señor, que cheguemos verdadeiramente preparados para participar con gozo na celebración do gran misterio da nosa fe: a Semana Santa, coa que ti nos segues alentando para que non fagamos da nosa vida un campo cheo de broza, senón un prado no que creza a herba verde da esperanza que ilusione a nosa vida e nos leve a recoñecernos como irmáns. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Tremía a muller, condenada a morrer,
cando aínda lle quedaba tanta vida.
Morrer a pedradas, lentamente.
Malditas pedras!
Cantas serían necesarias?
Pero non, as pedras eran inocentes, non saben.
Malditos homes que as tiraban!
É unha desgraza ser muller,
os homes utilízante,
e despois limpan as mans nas páxinas da Escritura...
Como se Deus tamén o quixera.
(Do libro de Cáritas, Coresma e Pascua 2013, p.78/79)
CANTOS
*    ENTRADA: Na noite escura
*    LECTURAS: Arrepentido
*    OFERTORIO: Déixate querer
*    COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...