Ir al contenido principal

3 Coresma A

ADENTMONOS NO CAMIÑO SEN MEDO A PERDERNOS
Descarga o arquivo
SINAL DE CORESMA: Neste ir falando a través dos sinais, continuamos poñendo por riba do altar unha nova pedra, para que nos lembre a necesidade de ir facendo o corazón moito máis sensible e achegado á realidade dos demais. 

ESCOITA ACTIVA 
Avanzando no tempo de coresma, a celebración de hoxe ten unha idea guía desde a que se nos invita a celebrar a fe neste domingo: temos sede. Si, temos sede de todo canto poida ir facendo de nós mulleres e homes en actitude de romper inercias que nos impiden vivir de xeito verdadeiramente alegre o seguimento de Xesús. Cantas persoas sedentas imos atopando cada día ao noso redor!. Persoas sedentas de paz, de xustiza, de respecto, de tolerancia, de... Oxalá que as persoas que esta mañá nos xuntamos para compartir este momento de oración, atopemos na Palabra proclamada e no pan compartido a auga que cura a nosa sede, e nos leve a ir deixando atrás outro pouco dese corazón de pedra que nos fai tristes, desesperanzados e aburridos!. Xesús quérenos alegres, e o Papa Francisco non deixa de lembrarnos que o evanxeo é gozo e alegría. Esforcémonos por vivilo!. 
CORAZÓN MISERICORDIOSO 
  • Porque nos pechamos na nosas teimas, que nos impiden sacia-la sede de paz con nós mesmos, SEÑOR, DÁNOS DA TÚA AUGA. 
  • Porque prestamos máis atención a canto nos leva ao consumismo que á túa voz de solidariedade e igualdade, CRISTO, DÁNOS DA TÚA AUGA. 
  • Porque perdemos tempo e folgos en cousas banais, namentres descoidamos o importante, o que nos emociona e nos descubre a necesidade de practicar a misericordia, SEÑOR DÁNOS DA TÚA AUGA. 
PALABRA ENRAIZADA 
  • Tod@s nós nalgunha ocasión temos sentido sede de auga. Nesa situación experimentamos incapacidade -mesmo paralización- á hora de facer unha actividade. A auga é un tesouro para a vida, pero especialmente para a vida dos seres humanos. Sen ela todo seca e esmorece. Do mesmo xeito que a necesidade física da auga nos incapacita para calquera actividade que esixa constancia e esforzo; tamén para outras facetas da vida podemos utilizar a imaxe da auga e dicir que cando vivimos no deserto, na secura, no ermo, cando nada parece ter sentido nin horizonte, Deus aparece no camiño como a auga que nos vai descubrir a frondosidade e a riqueza de canto levamos dentro. Desde Deus a nosa vida vai cobrando sentido e horizonte. Claro que paga a pena o esforzo por facer de Deus o compañeiro na viaxe da nosa vida!. Con El ao noso lado o deserto convértese en verxel e a secura en manancial de esperanza e plenitude. Saber dar razón do sentido desta presenza de Deus en nós é o que nos pon no camiño dunha fe persoal, madura e alegre. Unha fe que nos axuda a crecer non desde a queixa, senón desde o agradecemento sentido e ofrecido para compartir con quen imos atopando no camiño cara á fonte. Todos buscamos auga. En Deus atopamos o mellor dos mananciais, e nunca quedaremos defraudados e insatisfeitos. Nel e con El participamos da misericordia e abrimos o corazón a acoller -que non desprezar- a quen ao noso lado sente a necesidade de ser querido e respectado como persoa. En Deus e con Deus, os seres humanos non somos nin estatísticas nin números, senón gozosos fill@s, abertos á comunicación e chamados a camiñar xunt@s. Escoitar esta voz e responderlle non só non endurece o corazón, senón que o vai abrindo ao latexo solidario da sístole e diástole do amor e non da indiferenza. 
  • E todo ese caudal de amor que percibimos a través dunha relación seria e madura con Deus –nunca medo e sempre confianza– vai enchendo pouco a pouco os vasos que agardan a auga que reborda e cura a sede que tantas veces nos produce a mala conciencia por non encarar os problemas e dificultades de fronte. Diante deles non paga a pena enganarnos, están aí, afrontémolos, e que mellor xeito de facelo que sentindo a forza da cercanía de quen se mostra como Pai/Nai e amig@ nesta, tantas veces, difícil tarefa. A presenza do Espírito non é un recurso literario para poetas, senón unha realidade que concreta e dá sentido á nosa vida. Así, falar de amor non é unha palabra baleira, senón unha experiencia real e concreta, que necesita para ser verificada a coherencia dos nosos comportamentos, do noso actuar, do noso xeito de entender e facer as cousas. 
  • E esta vida agradecémola acolléndoa, respectándoa e termando dela para que creza e se vaia desenvolvendo. O noso grazas, Señor graciñas, que tantas veces cantamos, non quere máis que expresar o agradecidos que estamos a Deus por ofrecernos un camiño de sentido para a nosa vida, para o que facemos e o que desexamos facer. Asemade, mostramos agradecemento porque a pesar do dura e difícil que esta vida se nos vai facendo, desde El sempre hai unha saída, e nunca topamos un sinal de camiño cortado. A utopía do Evanxeo é unha experiencia de continuo crecer e desenvolverse sen ter mala conciencia nin sentir culpabilidade, senón todo o contrario. No evanxeo atopamos a auga que, curando a nosa secura, abre en nós mananciais inesgotables de alegría, achegamento a quen está só, perdón ofrecido e recibido, misericordia rebordante e, por riba de todos eles, amor non domesticable en consumo de usar e tirar, senón xenerosidade ofrecida e compartida con quen queira beber da mesma auga e do mesmo vaso. 
FRATERNIDADE ORANTE 
Señor, porque querermos beber da túa auga, auga de paz, xustiza e respecto, unímonos en oración comunitaria para dicirche:  
QUE NUNCA CANSEMOS DE BEBER NA TÚA AUGA DE ESPERANZA 
  • Señor, danos azos para entre tod@s fagamos unha Igrexa viva, tolerante e con capacidade de escoitar aos de dentro e aos de fóra, OREMOS. 
QUE NUNCA CANSEMOS DE BEBER NA TÚA AUGA DE ESPERANZA 
  • Señor, danos folgos para non desesperar diante da crítica do veciño, a retirada da fala do familiar e a incomprensión do amig@, OREMOS. 
QUE NUNCA CANSEMOS DE BEBER NA TÚA AUGA DE ESPERANZA 
  • Señor, danos paciencia para saber escoitar, acoller e dedicar tempo a aqueles que cando o tiñan todo se esqueceron de nós, e que agora nos buscan para que non os deixemos tirad@s nas beiras do camiño, como lles fixeron os que eles pensaban que eran os seus amig@s, OREMOS. 
QUE NUNCA CANSEMOS DE BEBER NA TÚA AUGA DE ESPERANZA 
Grazas, Señor, por seguir ofrecéndonos da túa auga para calmar as nosas sedes. Que non esquezamos nunca que a túa fonte nunha seca e o teu manancial sempre reborda. P.X.N.S. Amén. 
MIRADA DE ESPERANZA 
Ela tiña sede e gritaba. 
A auga das fontes non a saciaban. 
Nin as augas dos rezos, das charlas, das meditacións, 
dos sermóns, das tradicións, das costumes relixiosas... 
Ela tiña sede, 
deshidratada e reseca, 
ata con chagas no corpo e na alma. 
Ela tiña sede, 
e rezábaa e chorábaa. 
Para que serve a sede, 
preguntábase sen atopar resposta. 
Serve para busca-la fonte... 
Pero eu búscoa e non a atopo –dicía-. 
Alguén lle ofreceu a Biblia, e alí 
buscou de xeito apaixonado e atopou 
a resposta que anceiaba: 
Eu son a fonte, eu son a luz, 
eu son a palabra... 
E só me atoparás se te achegas ao irm@n 
e sen medo nin vergoña lle dis: 
Quérote, dáme a túa man para camiñar xunt@s. 
Só alí descubrirás que a sede xa endexamais volverá. 
(A partires dunha idea do texto de ritas para a coresma) 
CANTO GOZOSO 
  • ENTRADA: Seguirei os teus pasos 
  • LECTURAS: A auga do Señor 
  • OFERTORIO: Como che cantarei 
  • COMUÑÓN: Acharte presente 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor