Ir al contenido principal

Lecturas 5 coresma A

DOMINGO V DE CORESMA
Primeira Lectura Ez 37, 12-14
Daréivo-lo meu Espírito e viviredes
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA EZEQUIEL

Isto di o Señor Deus:
- Velaí que eu vou abri-las vosas sepulturas,
e vouvos facer subir das vosas sepulturas, meu pobo,
e vouvos levar á terra de Israel.
Recoñeceredes que eu son o Señor,
cando eu abra as vosas sepulturas,
e cando vos faga subir das vosas sepulturas, meu pobo.
Vou poñer en vós o meu espírito
e vouvos facer revivir na vosa terra.
Así recoñeceredes que eu, o Señor, o digo e o fago
-é o Señor quen fala-.
 Palabra do Señor

SALMO RESPONSORIAL Sal 129, 1-2. 3-4ab. 4c-6. 7-8
R/. (7): Do Señor vén a misericordia, e nel a redención é cumprida.

Desde os abismos clamo a ti, Señor;
Señor, escoita a miña voz.
Ten atentos os oídos
á voz da miña súplica.

Se levas conta dos pecados, Señor,
Señor, ¿quen poderá terse en pé?
Mais en ti está o perdón
para te faceres respectar.

Eu espero no Señor,
a miña alma espera na súa palabra;
a miña alma agarda ó Señor,
máis do que os vixías á aurora.

Agarde Israel ó Señor,
pois do Señor vén a misericordia
e nel a redención é cumprida.
El é quen redime a Israel
de tódolos pecados.

Segunda Lectura Rm 8, 8-11
O Espírito de quen resucitou a Xesús de entre os mortos habita en vós 
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO ÓS ROMANOS

Irmáns:
Os que viven conforme a condición carnal, non poden agradar a Deus.
Pero vós non vivides conforme a carne, senón conforme o espírito, se é que o Espírito de Deus habita en vós: se algún non ten o Espírito de Cristo, ese non é de Cristo.
Pero se Cristo está en vós, o voso corpo certamente está morto por culpa do pecado, mais o espírito é vida por causa da xustiza.
Se o Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que resucitou a Cristo Xesús dos mortos, vivificará os vosos corpos mortais polo seu Espírito que habita en vós.
Palabra do Señor

VERSÍCULO Xn 11, 25a. 26
Eu son a resurrección e a vida, di o Señor;
quen cre en min non morrerá endexamais.

Evanxeo Xn 11, 1-45 (longo)
Eu son a resurrección e a vida
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Naquel tempo, Lázaro de Betania, da aldea de María e da súa irmá Marta, caera enfermo. María fora a que unxira ó Señor con perfume e lle enxugara os pés cos seus cabelos; o seu irmán Lázaro era o enfermo. Por iso, as irmás mandaron a dicirlle a Xesús:
- Señor, mira, o que amas está enfermo.
Ó oílo, dixo Xesús:
- Esta enfermidade non é para a morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela se glorifique o Fillo de Deus.
Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro. Anque oíu que este estaba enfermo, deixouse estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba. Despois disto, díxolles ós discípulos:
- ¡Vaiamos outra vez a Xudea!
Os discípulos respondéronlle:
- Mestre, aínda non hai nada que te querían apedra-los xudeus, ¿e vas ir outra vez alí?
Xesús replicou:
- ¿Non hai doce horas de día? Se alguén camiña de día, non tropeza, pois ve a luz deste mundo; mais se alguén camiña de noite, tropeza, pois non hai luz nel.
En dicindo isto, proseguiu:
- Lázaro, o noso amigo, dorme; pero eu vouno espertar.
Dixéronlle entón os discípulos: - Señor, se dorme, curará.
Xesús dicíao da morte. Pero eles coidaban que falaba do repouso do sono. Entón Xesús díxolles abertamente:
- Lázaro morreu, e alégrome por vós de non estarmos alí, para que creades. ¡Así que vamos onda el!
Díxolles entón Tomé -o chamado Xemelgo- ós outros discípulos:
- ¡Vaiamos tamén nós morrer con el!
Cando chegou Xesús, atopouse con que Lázaro xa levaba catro días no sepulcro.
Betania estaba preto de Xerusalén, a uns tres quilómetros; moitos dos xudeus foran onda Marta e María para lles daren o pésame polo irmán. Cando oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle ó encontro. María, en cambio, quedou na casa. Díxolle entón Marta a Xesús:
- Señor, se ti estiveses aquí non morrería meu irmán; pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera cousa que lle pidas.
Xesús díxolle:
- Teu irmán resucitará.
Marta respondeulle:
- Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro.
Díxolle Xesús:
- Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, anque morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. ¿Cres ti isto?
Ela respondeu:
- Si, Señor: eu creo que ti e-lo Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ó mundo.
E, ditas estas cousas, saíu e chamou por María, súa irmá, dicíndolle polo baixo:
- O Mestre está aquí e chámate.
Ela, ó oílo, ergueuse de contado e foi onda el. (Aínda non chegara Xesús á aldea, senón que estaba no mesmo sitio onde o atopara Marta). Entón os xudeus que estaban con ela na casa para lle daren o pésame, vendo a María que se ergueu de contado e saíu, foron detrás dela, coidando que ía á sepultura para chorar alí. María chegou onde estaba Xesús e, ó velo, caeu ós seus pés, dicíndolle:
- Señor, se ti estiveses aquí, non morrería meu irmán.
Ó ver Xesús que ela estaba chorando, e tamén os xudeus que viñeran con ela, apretóuselle o corazón e, profundamente conmovido, preguntou:
- ¿Onde o puxestes?
Contestáronlle:
- Señor, ven ver.
E Xesús botouse a chorar.
Entón comentaban os xudeus: "¡Ai que ver como o quería!"
Pero algúns deles dixeron: "E logo este, que deu vista ós ollos dun cego, ¿non podía facer que non morrese?"
Xesús, estremecéndose de novo, chegou á sepultura. Era unha cova e tiña unha pedra por riba.
Xesús ordenou:
- Arredade a pedra.
Marta, a irmá do finado, díxolle:
- Señor, xa cheira, que leva catro días.
Xesús contestoulle:
- ¿Non che dixen que se cres, vera-la gloria de Deus?
Arredaron entón a pedra. Xesús ergueu os ollos e dixo:  
- Meu Pai, douche gracias porque me escoitaches. Eu ben sabía que ti sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que está aquí, para que crean que ti me mandaches.
E dito isto, gritou con voz forte:
- ¡Lázaro, ven para fóra!
Saíu o morto; tiña os pés e as mans atados con vendas e a cara envolta nun sudario. Xesús ordenoulles:
- Desenleádeo e deixádeo ir.
Entón, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel.
 Palabra do Señor
Ou máis breve: 3-7. 17. 20-27. 33b-45
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Naquel tempo, as irmás de Lázaro mandaron a dicirlle a Xesús:
- Señor, mira, o que amas está enfermo.
Ó oílo, dixo Xesús:
- Esta enfermidade non é para a morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela se glorifique o Fillo de Deus.
Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro. Anque oíu que este estaba enfermo, deixouse estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba. Despois disto, díxolles ós discípulos:
- ¡Vaiamos outra vez a Xudea!
Cando chegou Xesús, atopouse con que Lázaro xa levaba catro días no sepulcro.
Cando oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle ó encontro. María, en cambio, quedou na casa.
Díxolle entón Marta a Xesús:
- Señor, se ti estiveses aquí non morrería meu irmán; pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera cousa que lle pidas.
Xesús díxolle:
- Teu irmán resucitará.
Marta respondeulle:
- Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro.
Díxolle Xesús:
- Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, anque morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. ¿Cres ti isto?
Ela respondeu:
- Si, Señor: eu creo que ti e-lo Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ó mundo.
A Xesús, véndoos chorar, apretóuselle o corazón e, profundamente conmovido, preguntou:
- ¿Onde o puxestes?
Contestáronlle:
- Señor, ven ver.

E Xesús botouse a chorar.
Entón comentaban os xudeus: "¡Ai que ver como o quería!" Pero algúns deles dixeron: "E logo este, que deu vista ós ollos dun cego, ¿non podía facer que non morrese?"
Xesús estremecéndose de novo, chegou á sepultura. Era unha cova, e tiña unha pedra por riba.
Xesús ordenou:
-Arredade a pedra.
Marta, a irmá do finado, díxolle:
- Señor, xa cheira, que leva catro días.
Xesús contestoulle:
- ¿Non che dixen que se cres, vera-la gloria de Deus?
Arredaron entón a pedra. Xesús ergueu os ollos e dixo:
- Meu Pai, douche gracias porque me escoitaches. Eu ben sabía que ti sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que está aquí, para que crean que ti me mandaches.
E dito isto, gritou con voz forte:
- ¡Lázaro, ven para fóra!
Saíu o morto; tiña os pés e as mans atados con vendas e a cara envolta nun sudario. Xesús ordenoulles:
- Desenleádeo e deixádeo ir.
Entón, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel.


Palabra do Señor

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...