Ir al contenido principal

Venres Santo


ESQUEMA
1)                        LITURXIA DA PALABRA

o    Lecturas:
§  Isaías
§  Canto: A túa palabra
§  Paixón segundo Xoán

o    Palabra enraizada

2)                    FRATERNIDADE ORANTE

o    Solidarizámonos e pedímoslle a Deus especialmente por tod@s @s crucificad@s do mundo

3)                     ADORACIÓN DA CRUZ

4)                    COMUÑÓN


CRUZ DE CRISTO, CRUZ DE VIDA, CRUZ DE ESPERANZA, CRUZ DE SALVACIÓN


ESCOITA ACTIVA

          Nesta tarde de Venres Santo, convocados para seguir avanzando cara á Pascua de vida e resurrección, xuntámonos na igrexa para compartir o contrapunto da experiencia da vida: a sensación de fracaso e frustración. Pero compartir non significa quedar nela, senón descubrir que necesitamos superar este paso, nada doado e tan difícil sempre para nós. Quen non ten experimentado na súa vida a sensación de impotencia, derrota, incapacidade ou tristura?. A diferenza de quen non ten a Xesús como referencia no camiño, os cristiáns, diante destas situación non reaccionamos nin con resignación nin tampouco mirando cara outro lado, como se a cousa non fora con nós. Ao contrario, a experiencia de Xesús ábrenos unha perspectiva, senón nova, si polo menos distinta: Deus non nos deixa solos, senón que nos acompaña, facéndose compañeiro no camiño para superar a sensación de derrotismo e fracaso. Diante das cruces que a tod@s nos chegan, a experiencia cristiá dinos que non podemos volver a cara, senón buscar persoas, medios e convencemento para superalas e non deixarnos ir cara á morte. Porque esta non é o final do camiño, non nos limitemos a cantalo sen sentilo: traballemos para vivilo, convencid@s de que a santidade desta semana remata na ledicia da pascua.

(Oración de xeonllos, prostrados)
(Desde a sé faise a oración sen dicir oremos)

ORACIÓN

Señor, o teu Fillo Xesucristo,
vertendo o seu sangue na Cruz,
instituíu para nós o misterio pascual.
Acórdate da túa misericordia:
santifica e protexe sempre aos teus fillos.
Por Cristo, noso Señor. Amén






LITURXIA DA PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Velaí: o Excelso, o Sublime, o Altísimo daralle éxito ao seu Servo.
A grande multitude quedará abraiada ante el,
pois o seu aspecto non parecía o dun home,
a súa figura non parecía a dun fillo de Adán.
Pero agora fará conmover a pobos numerosos:
por causa del os reis pecharán a súa boca,
porque contemplarán o que nunca se lles contou,
e comprenderán o que nunca escoitaron.
Quen creu o que lle dixemos?.
A quen se lle revelou o brazo do Señor?.
El subiu coma tenro gromo na súa presenza,
coma raíz en terra reseca.
Non tiña beleza nin esplendor;
vímolo, e o seu aspecto non era atraente.
Desprezado, o máis rexeitado dos homes,
varón de sufrimentos, familiarizado coa dor.
Coma alguén de quen se esconde a cara,
desprezado, non lle tivemos aprezo.
El cargou coas nosas dores,
el soportou os nosos sufrimentos.
Nós considerámolo ferido,
castigado por Deus e aflixido.
Pero foi ferido por causa das nosas rebeldías,
foi esmagado polas nosas iniquidades.
O castigo que nos trouxo a paz caeu sobre el,
a súa ferida foi a nosa curación.
Por medio del cumprirase a salvación do Señor.
Polos traballos da súa vida verá a luz,
alcanzará a sabedoría.
O Xusto volvera xusto o seu Servo
para o ben de moitos.
                                                PALABRA DO SEÑOR

PAIXON DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN
Saíu Xesús cos seus discípulos para a outra banda do regueiro Cedrón, onde había unha horta, na que entrou el e mailos seus discípulos. Tamén Xudas, o que o había entregar, coñecía aquela horta, pois en moitas ocasións estivera alí Xesús cos seus discípulos. Xudas levaba a patrulla e a garda dos sumos pontífices e dos fariseos, chegou alí con farois, fachos e armas. Entón Xesús, sabendo todo o que lle viña enriba, adiantouse e preguntoulles:
‑ A quen buscades?
Respondéronlle:
‑ A Xesús de Nazaret.
Díxolles El:
‑ Eu son.
Estaba tamén con eles Xudas, o que o entregaba. Cando lles dixo “Eu son”, botáronse para atrás e caeron ao chan.
Entón, preguntoulles outra vez:
‑ ¿A quen buscades?
Eles contestaron:
‑ A Xesús de Nazaret.
Xesús respondeulles:
‑ Díxenvos que "son eu": así que, se me buscades a min, deixade marchar a estes.
Así cumpriuse a palabra que dixera: "non perdín ningún dos que me deches".
Entón Simón Pedro, que tiña unha espada, desenvaiñouna e feriu ao garda do Sumo Sacerdote, rabenándolle a orella dereita. O nome do garda era Malco.
Pero Xesús díxolle a Pedro:
‑ Mete a espada na vaíña. E logo, non hei beber o cáliz que me deu o Pai?.
Entón a patrulla, o tribuno e mailos gardas dos xudeus, agarraron a Xesús e prendérono.
Levárono primeiro onda Anás, que era sogro de Caifás, o Sumo Sacerdote daquel ano.
Seguían a Xesús Simón Pedro e mais outro discípulo. Este discípulo, por ser coñecido do Sumo Sacerdote, entrou con Xesús no adro do palacio do Sumo Sacerdote. Pedro estaba fóra, na porta. Entón saíu o outro discípulo ‑o coñecido do Sumo Sacerdote‑, falou coa porteira, e fixo entrar a Pedro.
A porteira preguntoulle a Pedro:
‑ Non es tamén ti dos discípulos dese home?
El contestou:
‑ Non son.
Entón o Sumo Sacerdote interrogou a Xesús acerca dos seus discípulos e da súa doutrina. Xesús respondeulle:
‑ Eu falei á vista do mundo, publicamente; eu sempre ensinei na sinagoga e no templo, onde se xuntan tódolos xudeus, e non falei nada ás agachadas. Por que me preguntas a min? Pregúntalles aos que me oíron de que lles falei: eles saben ben o que dixen.
Ao dicir isto, un dos gardas alí presentes, deulle unha labazada a Xesús.
Levaron entón a Xesús de onda Caifás ao Pretorio. Era a amañecida. Eles non entraron no Pretorio para non se contaminaren e así poderen comer a Pascua. Saíu entón fóra Pilatos, onda eles, e preguntou:
‑ Que acusación traedes contra este home?
Eles responderon:
‑ Se este non fose un malfeitor, non cho entregabamos.
Díxolles entón Pilatos:
‑ Collédeo vós e xulgádeo segundo a vosa Lei.
Os xudeus contestáronlle:
‑ Non nos é lícito matar a ninguén.
Así se cumpriu a palabra de Xesús, sinalando con que morte había morrer.
Entón entrou Pilato outra vez no Pretorio, chamou por Xesús e preguntoulle:
‑ Es ti o Rei dos Xudeus?
Xesús respondeu:
‑ Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?
Pilato replicou:
‑ E logo son eu xudeu?. A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: que fixeches?
Xesús contestoulle:
‑ O meu reino non é deste mundo. Se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase aos xudeus; pero o meu reino non é de aquí.
Díxolle entón Pilato:
‑ Logo ti es Rei?
Xesús respondeu:
‑ Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ao mundo, para dar testemuño da verdade. Todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.
Pilato preguntoulle:
‑ Que é a verdade?
E, dito isto, saíu onda os xudeus e díxolles:
‑Eu non atopo nel culpa ningunha.
Daquela, entregóullelo para que o Crucificasen. Entón colleron a Xesús. Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota en hebreo. Alí o crucificaron, xunto con outros dous, un a cada lado, e Xesús no medio.
Escribiu Pilato un título e púxoo na cruz. O escrito era: Xesús o Nazareno, o Rei dos Xudeus. Moitos dos xudeus leron este título, porque o sitio onde Xesús foi crucificado estaba cerca da vila, e estaba escrito en hebreo, latín e grego.
Os sumos sacerdotes dixéronlle a Pilato:
‑ Non escribas "O Rei dos Xudeus", senón que el dixo "Son Rei dos Xudeus".
Pilato respondeu:
‑ O escrito, escrito está.
Ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e mais María a Magdalena. Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
‑ Muller, velaí o teu fillo.
Despois díxolle ao discípulo:
‑ Velaí a túa nai.
Desde aquela hora o discípulo acolleuna con el. Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo: "Teño sede". Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. Cando probou Xesús o vinagre dixo: Está cumprido. E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.
Entón os xudeus, como era o Día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado ‑pois era grande aquel día de sábado‑, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen.
Viñeron, logo, os soldados, e rompéronlle as pernas ao primeiro e mais ao outro que crucificaran con el. Pero ao chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza; e no instante saíu sangue e auga.
Despois disto, Xosé o de Arimatea, que era discípulo de Xesús ‑anque ás agachadas, por medo aos xudeus‑, rogoulle a Pilato que lle deixase retirar o corpo de Xesús. Pilato accedeu. Foi e retirou o corpo. Foi tamén Nicodemo ‑aquel que primeiramente viñera onda Xesús de noite‑, levando unha mestura de mirra e áloe de case cen libras.
Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume sepultar entre os xudeus, enfaixárono en panos, con aromas. No sitio onde crucificaran a Xesús había un xardín, e no xardín un sepulcro novo, que aínda non usara ninguén. Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois o sepulcro estaba cerca.
PALABRA DO SEÑOR

PALABRA ENRAIZADA
(Facemos unha breve reflexión que axude a entender a celebración e a situar, no día a día, os textos que acabamos de proclamar)

ð Unha celebración austera e sinxela, como é a de hoxe tenta que comprendamos que o noso paso pola vida ha ser tamén un esforzo por ser austeros e sinxelos. Sen aparencias, sen buscar nin quedar ben nin que nos vexan, sen pretender mostrar o que non somos. Venres Santo é unha metáfora da sinxeleza e austeridade da vida á que estamos chamados tod@s, pero especialmente os que nos queremos chamar cristiáns, seguidores de Xesús. É unha boa ocasión para preguntarnos de que xeito imos integrando os momentos de dor, tristura e fracaso –as cruces– que a tod@s nos van chegando. Hoxe vemos como Xesús non cae na pasividade da resignación, senón que loita buscando sentido a canto tiña feito e compartido. Trata de transmitirnos que diante da sensación de fracaso é necesario facer outras lecturas que nos axuden a ver os feitos con outros ollos. Uns ollos que transcendan o puramente empírico, e que nos axuden a coñecernos mellor e a descubrir as razóns que nos levan a actuar do xeito no que actuamos. Aos ollos dos que non entenderon a lóxica na que Xesús se moveu ao longo da súa vida, a cruz foi un fracaso, o final daquela experiencia que tanto ilusionara e movera corazóns e persoas. Pero se afondamos un pouco nesta experiencia, seguro que somos capaces de descubrir que a súa morte foi entrega de xenerosidade, de esperanza e de triunfo. Que tamén nós esta tarde, logo de ter camiñado ao longo da coresma intentando deixar atrás o noso corazón de pedra, aprendamos que a quentura e o latexo do corazón que achega, acolle, escoita e ama é moito máis importante que as cruces que van aparecendo e que é necesario superar para non caer no derrotismo. Venres Santo non é tristura, senón xermolo de esperanza e cambio.

FRATERNIDADE ORANTE

1.       POLA IGREXA
a.   Para que traballe cada día pola sinxeleza, a superación de actitudes soberbias e a busca de canto achega e une e o faga con humildade, serenidade e respecto a todas as persoas.
b.   Señor, no teu Fillo Xesucristo manifestaches a forza da túa mensaxe a todo o mundo. Protexe a obra do teu amor: fai que a túa Igrexa sexa perseverante na fe e no testemuño. P.X.N.S. Amén.

2.     POLO PAPA
a.    Recemos polo Papa Francisco, para que o seu ministerio sexa un ministerio de fidelidade ao evanxeo e de esperanza para cantos agardan del actitudes de achegamento aos pobres e renovación da vida da Igrexa.
b.   Señor, Deus de amor e paz,acolle as oracións que presentamos polo noso papa Francisco. Que a forza do Espírito o siga alentando na tarefa de ser continuador da renovación da Igrexa que con tanta esperanza comezou o Concilio Vaticano II. PXNS. Amén

3.     POLA UNIDADE DOS CRISTIÁNS

a.    Recemos pola unidade dos cristiáns, divididos por enfrontamentos e discrepancias. Para que Deus, Pai e amig@, os axude a superar rupturas e os reúna nunha soa Igrexa guiada pola busca do entendemento.
b.   Deus, ti que es amor e acollida, danos azos para que os cristiáns que buscamos seguir ao teu Fillo Xesús vivindo o Evanxeo, traballemos para superar canto nos desune e afasta de ser unha verdadeira Igrexa comunitaria. P.X.N.S. Amén.

4.    POLOS QUE NESTE MOMENTO ESTÁN A VIVIR A CRUZ

a.   Recemos tamén por tódalas persoas que están a vivir situacións de cruz e dor: a cruz da dor e da enfermidade, do paro, da inxustiza, do maltrato, do engano, da perda da súa casa, da ruptura familiar...Para que sintan a solidariedade cercana de cant@s compartimos a fe no Deus no que confiamos e sempre se nos mostra como irmán e amigo.
b.   Señor Deus, que unes corazóns rotos e desunidos pola tristura. Que sintamos sempre a forza da túa presenza nos momentos de dificultade e desamor que ás veces chegan as nosas vidas. P.X.N.S. Amén.

5.     POLOS QUE PERTENCEN A OUTROS CREDOS RELIXIOSOS

a.   Recemos polas persoas que pertencen a outros credos relixiosos, para que con sinceridade e confianza, busquen e atopen co camiño que nos leva a tod@s a crer nas persoas como fillas de Deus.
b.   Señor da acollida e da misericordia, fai que cantos non teñen a Cristo como guieiro das súas vidas, descubran e coñezan que só quen camiña buscando canto fai dos seres humanos centro da vida, atopará o camiño que nos fai felices. P.X.N.S. Amén.


6.    POLOS NON CRENTES

a.   Recemos tamén por cantos no teñen un sentido trascendente da vida, e non admiten a Deus coma guía e amigo, para que coa coherencia e fidelidade ás súas conviccións acaden o agasallo de chegar a El.
b.    Deus Pai/Nai, que fixeches ao ser humano dignidade e respecto; concédelles que, no medio dos gozos e tristuras da vida, perciban os sinais da túa presenza manifestada en amor gozoso por facer a vida máis doada a tod@s. P.X.N.S. Amén.


7.     POLOS QUE TEÑEN A RESPONSABILIDADE DE GOBERNAR

a.    Recemos polos gobernantes, que foron elixidos para favorecer e desenvolver o ben común; para que o seu traballo non busque o seu enriquecemento, senón o servizo e a entrega aos demais.
b.   Señor e dador da vida e da dignidade, afasta de cantos foron elixidos para o servizo público e a busca do ben común, a tentación do abuso e do enriquecemento persoal. Dálles azos para que sexan sempre fieis á túa invitación de traballar por canto faga a vida das persoas o máis feliz e humana posible. P.X.N.S. Amén.





ADORACIÓN DA CRUZ

1) INVITACIÓN PARA MOSTRAR A CRUZ
Comeza agora o momento da adoración da cruz. Desde o fondo da igrexa imos subindo con ela tapada, avanzamos ao longo do corredor, á vez que imos destapando cada un dos brazos e cantando –facémolo tres veces- xunt@s:
Desde o fondo da Igrexa, tres persoas con velas traen a cruz

Mirade a árbore da cruz, na que estivo cravada a salvación do mundo

Vinde adorala
           
            Unha vez chegado quen preside/dirixe a celebración, diante do presbiterio, mostrámoslle á asemblea a cruz e invitamos a cantos participan na celebración a achegarse para adorala individualmente. Namentres dura a adoración soa música clásica.Non cantamos para favorecer o clima de silencio e recollemento que o momento suxire.



COMUÑÓN

Comezamos a última parte da celebración de hoxe dirixíndonos ao lugar onde temos colocado o Pan consagrado na celebración do Xoves. Levámolo ao altar.

Noso Pai
Año de Deus
Distribución da comuñón
Oración

Señor da misericordia e da esperanza, renováchesnos coa morte e resurrección do teu Fillo Xesucristo. Grazas por seguir dándonos novas oportunidades, a pesares das nosas dúbidas e das nosas desconfianzas. P.X.N.S. Amén.

BENDICIÓN

Que a túa bendición, Señor, nos acompañe sempre. Ti que nos reuniches para celebrar a morte do teu Fillo, acompáñanos para que camiñemos cara á celebración da esperanza da resurrección. Veña sobre nós o teu perdón, concédenos o teu consolo, acrecenta a nosa fe e consolida a cantos conformamos a comunidade. P.X.N.S. Amén.
CANTOS

ð LECTURAS: A túa palabra
ð ADORACIÓN DA CRUZ: Música clásica de fondo
ð COMUÑÓN: Ti es o pan do ceo



Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel