Ir al contenido principal

Xoves Santo


ESQUEMA


Descarga o ficheiro

1)       CANTO DE ENTRADA

2)     ESCOITA ACTIVA

3)     CORAZÓN MISERICORDIOSO
4)    GLORIA
5)     ORACIÓN COLECTA
6)    PROCLAMACIÓN DA PALABRA
1ª Lectura: Ex 12,1-8.11-14
2ª Lectura: 1 Co 11,23.26.
Evanxeo: Xn 13,1-15

7)     PALABRA ENRAIZADA
8)     CREDO
9)    FRATERNIDADE ORANTE
10)      NOSO PAI
11)   PAZ
12)COMUÑÓN
13) TRASLADO AO MONUMENTO
14)       ALTARES: RETÍRANSE OS MANTEIS




CANDO ESTAMOS DE FESTA PREPARÁMONOS -POR DENTRO E POR FÓRA- PARA SENTIR A LEDICIA DA CELEBRACIÓN. NA FESTA DE HOXE É O SEÑOR MESMO O QUE NOS CONVIDA, QUE A NOSA PREPARACIÓN NOS FAGA SENTIR QUE PAGOU A PENA DEIXAR ATRÁS O CORAZÓN DE PEDRA PARA GOZAR, EN COMUNIDADE, CO NOSO CORAZÓN DE CARNE.
CANTO DE ENTRADA: Grazas, Señor, graciñas

ESCOITA ACTIVA
Di o noso refraneiro que hoxe era un dos días do ano ao que o sol non lle podía facer fronte, pola forza do seu relumeamento. Pois si. Porque a pesares de que cada vez o mundo secularizado nos leva a esquecer a Deus, a non telo como guieiro da vida ou mesmo a prescindir del, El quere seguir con nós, e por iso nos ofrece este día de festa para que lembremos sempre que quedou para ser un dos nosos; e fíxoo utilizando un xesto que todos entendemos en toda a súa fondura: colleu pan e viño e déullelos a compartir aos que estaban con el naquela Cea.
A partires dese momento, sempre que nos reuniumos no seu nome, o pan e mais o viño volven poñerse por riba do altar para que poidamos gozar da súa presenza; pero non a distancia, senón dunha presenza que vai con nós, que nos acompaña, que non nos deixa.
Nesta tarde, reunidos no seu nome, volveremos repetir aquel xesto da Derradeira Cea, para facer vivo e presente entre nós a súa persoa e a súa mensaxe. E farémolo dando grazas por canto El ten suposto na nosa vida, e polo moito que ten incidido para que os nosos corazóns deixen de ser de pedra para ser de carne e experimentar a grandeza do amor e do servizo, que hoxe tamén agradecemos desde o recoñecemento do traballo dos voluntari@s e das Caritas de todo o mundo,e do servizo de cantos viven o seu sacerdocio como entrega xenerosa á causa de Xesús desde “os gozos e as esperanzas, as tristuras as angustias” dos que conforman as súas comunidades.
Comecemos agradecidd@s esta celebración que nos une máis alá de fronteiras, linguas e culturas.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

ü Porque non sempre o amor é motor dos nosos comportamentos e actitudes, SEÑOR, QUEDA SEMPRE CON NÓS.
ü Porque non sempre o pan da Eucaristía nos move a ser solidari@s e servizais, CRISTO, QUEDA SEMPRE CON NÓS.
ü Porque non sempre somos respectuosos co pan que recibimos e a invitación a recoñecerte en quen está só, triste e necesitado, SEÑOR, QUEDA SEMPRE CON NÓS.
GLORIA
(Cantado)

LECTURAS

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO
O Señor díxolles en Exipto a Moisés e a Aharón:
- "Teredes este mes polo primeiro dos meses, o mes principal de todo o ano. Dicídelle a toda a comunidade de Israel: No día dez deste mes que cada un busque un año por familia e por casa. Se a familia é moi pequena para comer o año enteiro, que se xunte co veciño máis próximo á súa casa, botando conta das persoas. O año será estimado conforme ao que cada un poida comer. O año será sen defecto, macho e dun ano. Pode ser o mesmo un año coma un cabrito. Gardarédelo ata o catorce deste mes e, entre lusco e fusco dese día, inmolarao a comunidade toda de Israel en asemblea. Colleredes o sangue e mollaredes con el as xambas e o lintel das casas nas que se vai comer. Comerdes a carne esa noite, asada no lume, con pan sen levedar e con verduras amargas.
Comerédelo deste xeito: a cintura cinguida, as sandalias nos pés, o caxato na man. Comerédelo ás presas, pois é a Pascua do Señor.
Esa noite pasarei eu por todo o Exipto e ferirei de morte todos os primoxénitos, desde os dos homes ata os do gando. Farei cumprida xustiza con todos os deuses de Exipto. Eu, o Señor. O sangue será o sinal das casas onde vós habitades. En vendo o sangue, pasarei sen me deter, e así, cando eu fira a Exipto, non vos tocará a vós a praga exterminadora.
Este día quedaravos na memoria e faredes nel festa ó Señor. Será festa de precepto por tódalas xeracións.

PALABRA DO SEÑOR
CANTO: Ti es o Pan do Ceo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO AOS CORINTIOS
Irmáns e irmás:
Eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan e, despois de dar grazas, partiuno e dixo: "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en lembranza miña". Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en lembranza miña".
Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volte.

PALABRA DO SEÑOR
CANTO: Xesús é Señor


PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN

Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa que amara ós seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.
E mentres ceaban -xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase-, sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans, e que saíra de Deus e ía onda Deus, ergueuse da mesa e deixou a túnica; e collendo unha toalla, cinguiuse con ela. Despois, botou auga nunha palangana e comezou a lavarlles os pés ós discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida. Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
- Señor, ¿vasme lavar os pés ti a min?
Xesús respondeulle:
- O que eu fago, ti non o entendes agora; halo comprender despois.
Pedro replicoulle:
- Ti non me lavaras os pés a min endexamais.
Xesús respondeulle:
- Se non te lavo, non terás parte comigo.
Exclamou Simón Pedro:
- Señor, daquela os pés, as mans e maila cabeza.
Dille Xesús:
- Quen se bañou, non precisa máis que lavar os pés, pois está todo limpo; e vós estades limpos, aínda que non todos.
Sabía quen o había de entregar: por iso dixo "non todos estades limpos".
Despois que Xesús lles lavou os pés e vestiu a súa túnica, sentou outra vez e preguntoulles:
-¿Comprendedes o que fixen convosco?. Vós chamádesme "Mestre" e "Señor" e dicides ben porque o son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros. Deivos así un exemplo, para que, coma eu fixen convosco, así fagades tamén vós.

PALABRA DO SEÑOR
PALABRA ENRAIZADA
*    Aprender a celebrar gozando co que se celebra. A historia do pobo de Israel é unha historia convulsa, difícil, e na que moitas veces dá a impresión –como tamén pasa con nós hoxe– que non tiñan aprendido nada despois de todo canto tiñan pasado: exilios, deportacións, voltas, guerras, escravizacións...A pesares de todo iso, Deus segue con eles, non se vai nin os abandona. Ao contrario, se algo imos descubrindo a medida que lemos os textos da biblia é que diante das infidelidades do pobo, mantense a fidelidade de Deus. Isto danos unha clave para entender a celebración de hoxe, e canto temos escoitado na primeira lectura. A pascua que eles celebran é lembranza dunha experiencia profunda que coma pobo tiñan vivido; unha experiencia liberadora e verdadeiramente comunitaria: Deus non os deixa solos, sae na súa procura, vainos buscar para traelos á casa. Tamén hoxe, cantos celebramos nas igrexas de todo o mundo este día de Xoves Santo, somos chamados a volver ollos, corazón, oídos e mans para acoller a Deus que segue chamando nas nosas portas, insistindo, unha e outra vez, na necesidade dese cambio de corazón do que vimos falando ao longo de toda a coresma. Non é un rito, tampouco un mirar ao pasado, senón unha actualización continua e constante desta experiencia de saber que non imos solos, que Deus, que non pode ser outra cousas máis que misericordia, sae permanentemente na nosa busca. Seremos tan orgullosos que estariamos dispostos a poñer pistas falsas para que non nos atopara?. Ou máis ben, canto temos ido deixando atrás ao longo da coresma nos ten axudado a que o noso corazón latexe desde esa mesma misericordia de Deus, que nos faga sentir cos irmáns e descubrir neles e con eles a presenza daquel que nos chama a camiñar cara á pascua?

*    Comprometerse a transmitir aquilo no que se cre. Paulo lémbranos onde está o sentido cristián do que esta tarde celebramos: a Última Cea. Nela Xesús déixanos un sinal para que non esquezamos nunca que segue entre nós. Un sinal sinxelo e fácil de entender. Sen eles a vida non podería continuar, xa que o pan e o viño, na nosa cultura occidental son moi significativos para que entendamos e valoremos a importancia do alimento. Sen pan a vida esmorece, e do mesmo xeito, sen o pan da Eucaristía, presenza e encontro de Xesús con nós e cos demais, a fe sería algo artificial e sen raíz en nós. Por iso tod@s entendemos a importancia de non gardar este pan para nós, senón que é necesario compartilo, dalo a coñecer, abrilo aos outros. Que é senón evanxelizar mais que compartir, traballar por facer da vida unha experiencia liberadora e rachar coas inxustizas que nos impiden ver no irmán un igual, fill@ de Deus. Só desde esta tarefa evanxelizadora Deus faise presenza e salvación para os que o acollen e loitan por mostralo e achegalo a quen inda non o coñece. Isto mesmo lle ocorreu a Paulo: recibira o testemuño do que acontecera na derradeira Cea, e sente a urxencia e a necesidade de dalo a coñecer. Do mesmo xeito, correspóndenos hoxe seguir o vieiro que seguiu Paulo, xa que temos que ser os que sigamos transmitindo aos que veñen tras de nós a grandeza desta experiencia liberadora ocorrida naquel encontro de gratuidade solidaria que foi a Cea na que Xesús institúe este sinal que chamamos Eucaristía e no que hoxe nos unimos dun cabo ao outro do mundo. Desde ela entendemos por que reunirnos para facer presente a Xesús entre nós, non pode ser máis ca froito de experiencia e do testemuño solidario e servizal ao que os que nos chamamos cristiáns estamos convidad@s.

*    Estar sempre dispoñibles a recoñecernos humildes e servizais. E esta servicialidade e solidariedade temos que repetila non só cando nos xuntamos nas igrexas para rezar, senón no que cada día facemos, como a mellor das expresións para mostrar que o sentido da vida non está en pecharnos nos templos e ignorar o que pasa fóra, senón en comprometernos -desde o que rezamos e celebramos nos templos-, para poder manifestar en cada unha das experiencias e realidades que vivamos –canto fagamos e digamos–que non pode haber fidelidade ao proxecto de Xesús sen caridade; e esta non podería ser tal se non se mostra no xeito solidario de entregarnos servindo a quen o necesite. Podemos, daquela, entender por que hoxe é un día especial para cantos, no nome da Igrexa, e como Igrexa, dedican o seu tempo e as súas enerxías ao voluntariado nas Cáritas parroquiais. E entendemos tamén a razón pola que hoxe somos invitados a rezar polos que decidiron vivir a súa vida como servizo agarimoso e entregado a través do ministerio sacerdotal. Non pode haber amor fraterno sen servizo, e viceversa. Por iso, ao dicir que Deus é amor, estámolo dicir todo.
FRATERNIDADE ORANTE
            Nesta tarde de amor e servizo mostramos o noso agradecemento a Deus, que en Xesús tennos ofrecido un exemplo de humildade e servizo, para que a nosa vida sexa plena e se afaste do baleiro que non ten horizontes e nos mergulla no sensentido e na angustia. Por iso dicimos xunt@s:
QUE O AMOR DE XESÚS ROMPA AS CADEAS DAS NOSAS ESCRAVITUDES
*    Señor, mais alá dos datos estatísticos, co que sempre nos atopamos é con persoas que van quedando nas beiras dos camiños: enferm@s, parad@s, enganad@s, explotad@s, maltratad@s, abusad@s ... Para que desde a Igrexa que tod@s formamos e que hoxe celebra a festa do amor e do servizo, non manteñamos a boca pechada sen denunciar estas situacións que fan das persoas monicreques, e non imaxe túa, OREMOS.
QUE O AMOR DE XESÚS ROMPA AS CADEAS DAS NOSAS ESCRAVITUDES
*    Señor, que neste momento tan importante e necesario para a Igrexa, onde se está a volver á esperanza e á ledicia que nos trouxo o Concilio Vaticano II, acollamos e busquemos de levar a nosa vida e á realidade pastoral das nosas parroquias, a necesaria renovación que a Igrexa sempre necesita e que a fai máis fiel ao Evanxeo, e máis libre no seu actuar, como nos invitaches ao quedarte con nós no pan e no servizo, OREMOS.
QUE O AMOR DE XESÚS ROMPA AS CADEAS DAS NOSAS ESCRAVITUDES
*    Señor, estamos a vivir un momento difícil no que as persoas, para os que teñen poder e cartos, non son o centro, senón peóns que queren mover ao seu antollo para obter beneficios. Neste día de Xoves Santo, día de solidariedade e compromiso por mellorar as cousas, queremos unirnos a tódal@s que poñen ás persoas por diante do que é útil, rendible ou mediático, non caendo na tentación de vivir con un corazón de pedra, senón de carne, OREMOS.
QUE O AMOR DE XESÚS ROMPA AS CADEAS DAS NOSAS ESCRAVITUDES
*    Lembrámonos tamén dos voluntari@s das Cáritas e dos sacerdotes que, sabéndose Igrexa de Xesús, entregan o mellor do seu tempo e da súa vida para levar sorrisos de xustiza e paz alí onde hai pobreza, explotación e engano, OREMOS.
QUE O AMOR DE XESÚS ROMPA AS CADEAS DAS NOSAS ESCRAVITUDES
Que esta oración comunitaria, na festa do amor comprometido e do servizo entregado, sexa sempre o vieiro que nos leve ata ti. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
(Lémola no momento da Adoración)

Sentad@s á mesa,
o Mestre e os discípulos.
Xa non volveremos comer xunt@s,
ata que cheguemos á Casa do Pai.
A verdade é que vos quero tanto.
Non sei por que, pero quérovos infinito,
como só un Deus pode querer.
Dicides que son Señor,
hoxe serei o voso escravo, o voso servo.
Póñome aos vosos pés, os de Xoán, os de Xudas...
os teus e máis os meus.
Algúns cheiran mal, pero El lávaos.
Sentad@s á mesa comeron do Año,
Año de Deus e de tod@s.
Hoxe son o voso compañeiro.
Parte o pan: é o meu corpo que se está a romper!.
Comédeme ben, hoxe quere ser o voso alimento.
Quero estar dentro de vós, en comuñón de morte.
Bebede tamén a copa.
Será a última vez que a bebamos xunt@s.
É o meu sangue, que se está a verter.
Quero circular polas vosas veas,
que o meu Espírito regue as vosas células.
Quérovos máis cá miña vida.
Vou morrer por vós.
Gardade ben esta palabra,
será a miña esixencia e o meu sinal:
querédevos uns aos outros
como eu vos estou querendo.
Amádevos forte, amádevos moito, amádevos sempre.
Seredes os discípulos do Amor.
E o máis avantaxado,
será o que ame coma min.
(Caritas , La hermosura de la caridad. Cuaresma  y pascua 2014. páx.131)
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Grazas, Señor, graciñas
GLORIA
LECTURAS: Ti es o Pan do Ceo/Xesús é Señor
OFERTORIO: Pan do ceo, pan de vida
SANTO: Oh Señor noso Deus
PAZ: Douvos un mandato novo
COMUÑÓN: O amor é o meirande
ADORACIÓN SANTÍSIMO: Salve, Santo Sacramento

(Ao final da celebración sácanse os manteis e déixanse os altares nus, para concentrar todo no lugar a onde levamos a Eucaristía. Alí poñeremos o signo coresmal).

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel