Ir al contenido principal

6 pascua a


UNHA ENTREGA SEMPRE SOLIDARIA: A FRATERNIDADE COA PERSOA ENFERMA
Descarga o arquivo
Lecturas
ESCOITA ACTIVA

        A Igrexa española celebra hoxe a Pascua do Enfermo. E faino, como ocorre sempre, neste sexto domingo do tempo pascual. A celebración de hoxe quere pór diante nosa o importante que ten que ser para cantos formamos parte das comunidades cristiás facer da caridade espello no que poder mirarnos cada día. Sen ela, a fe esvaece e morre. Con ela crece, madura e desenvólvese ata facerse creativa e sempre novidosa.

        Comecemos logo a celebración predispoñendo o corazón para acoller a quen necesite das tiritas da achega e da axuda e da presenza solidaria a quen está mergullado na triste dor da enfermidade

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·        Que non viremos a cara diante da situación na que viven as persoas enfermas, SEÑOR, RENOVA EN NÓS A FORZA DA CARIDADE.

·        Que non fagamos do noso tempo esquecemento para cos máis necesitados e débiles. CRISTO, RENOVA EN NÓS A FORZA DA CARIDADE.

·        Que non convertamos a nosa vida e pragmatismo que só busca o noso beneficio, esquecendo a dor dos demais, SEÑOR, RENOVA EN NÓS A FORZA DA CARIDADE.

PALABRA ENRAIZADA

û  Moitas veces, a nosa maneira de entender a relación con Deus é semellante á que temos co supermercado, tenda ou comercio ao que imos habitualmente: recorremos a El para suplir as nosas carencias. É mais, tentamos compralo para o noso interese prometéndolle grandes cousas -case sempre materiais que pouco ou nada teñen que ver co eixe vital ao que nos chama Xesús desde o evanxeo: “Cada vez que llo fixestes a un destes máis pequenos...”. Mal sabemos nós que, a diferenza nosa, Deus nin se compra nin se deixa comprar. Seguro que mesmo se ri das nosas ocorrencias materialistas. Para El o fundamental, o importante, o máis urxente son sempre as persoas; e de xeito máis privilexiado, as que están a pasar por situacións de especial dificultade. Deus é alegría, e busca que nós, seguidores seus, saibamos vivir e levar esta alegría a quen puidera necesitala. E todos sabemos -nisto a experiencia tennos chegado a tod@s-, que a enfermidade, pola dureza, dor e tristura que provoca, necesita persoas alegres -que non falsas de sorriso postizo-, que se fagan presentes para levar a alegría de corazón que tamén levaba Xesús, e que souberon poñer en práctica os apóstolos na primeiras comunidades, tal e como nos di a primeira lectura que temos proclamado hoxe.

û  Desde esta alegría entendemos este texto que tan ao cerne chega do sentido cristián da vida, da primeira carta de Pedro: “saber dar razón da nosa esperanza”; é dicir, saber trasladar as nosas conviccións ao que facemos e dicimos, o que supón convencemento e sinceridade. Deus non é un estraño que nos fala por control remoto, senón que se fai presente como forza e dinamismo na nosa vida. Para que nos tería valido un Deus de moita grandiosidade que se esquece da vida, dos sufrimentos e da dor dos seus?. Para nada!!!!!!!!. Si, porque un Deus das e nas alturas nin dá sentido nin pode ocupar espazo no corazón das persoas. E xa sabemos: cando alguén non é capaz de estar no corazón, convértese en baleiro e non significa nada. Porén, o deus cristián, o deus de Xesús, non só significa moito, senón que ao facerse un coma nós, a súa identificación converteuno no mellor testemuño do que os seus seguidores estamos chamados a facer da nosa vida. E para iso é necesario saber a razón e o por que da súa presenza en nós. De aí que Pedro insista en que temos que saber dar razón da nosa esperanza. Non nos valen, xa pasou o tempo, as palabras ocas, inda que soen moi ben e se digan moi alto, senón os xestos sinxelos e convencidos a través dos que manifestamos que El si ocupa un lugar fundamental nos nosos corazóns. Tan fundamental que necesitamos mostralo servindo aos demais desde e con amor. Porque alí o recoñecemos. E isto é necesario facelo sen impoñer, senón propoñendo, para que quen queira, e desde a súa liberdade poida dicir: sígote e acóllote...Inda que iso supoña incomprensión e, moitas veces, sufrimento.

û  Por iso, se seguimos esta folla de ruta trazada por Xesús, e tan ben recollida polos Apóstolos cando puxeron por escrito a súa mensaxe, entendemos, sen necesidade de moitas explicacións, que o amor é cerne e guieiro da nosa vida, de canto fagamos e sexamos capaces de compartir. Desde ese amor somos capaces de superar as contradicións do mundo, non para demonizalo, senón para facelo mellor, para colaborar na súa transformación, para dar a coñecer nel e desde el, o traballo compartido na pluralidade de opcións e visións presentes nel. E nesta tarefa nunca estaremos orfos nin ao pairo. A presenza do Espírito faranos sentir que o noso traballo, o noso esforzo e a nosa esperanza nin son palabras baleiras nin recurso lingüístico para embobar aos que nos escoitan. Son verdadeiras conviccións que nos levan a facer da fe expresión da caridade, cumio e cerne da mensaxe de Xesús, que cura corazóns e sanda feridas dos irmáns que van quedando nas beiras desta sociedade de mercaderes, incapaz de termar dos máis débiles e mancad@s.

FRATERNIDADE ORANTE

Diante do Deus que nos chama a facer da nosa vida imaxe da esperanza que move o corazón, dicimos:

QUE FAGAMOS DOS MANDAMENTOS EXPRESIÓN DE AMOR

ü Para que a Igrexa non se deixe engaiolar pola ansia de poder e dominio, e saiba poñer nos corazóns rotos das persoas tiritas de caridade solidaria e xusta, OREMOS.

QUE FAGAMOS DOS MANDAMENTOS EXPRESIÓN DE AMOR

ü Para que nas nosas comunidades non caiamos na tentación de crenos únicos, mellores e cumpridores de ritos e normas, esquecendo que, como persoas que somos, necesitámonos e necesítannos; o que nos ten que levar a ser sinxelos e a practicar a humildade, OREMOS.

QUE FAGAMOS DOS MANDAMENTOS EXPRESIÓN DE AMOR

ü Para que fagamos da nosa vida compromiso de servizo e preocupación polos máis necesitados e enfermos da nosa contorna, evitando que a indiferenza aniñe en nós, OREMOS.

QUE FAGAMOS DOS MANDAMENTOS EXPRESIÓN DE AMOR

üPolas persoas que, con amor e entrega agradecida, dedican o seu tempo, a súa vida e as súas forzas a coidar das persoas enfermas, OREMOS.

QUE FAGAMOS DOS MANDAMENTOS EXPRESIÓN DE AMOR

Grazas, Señor, por abrirnos os ollos e o corazón para saber estar preto de quen necesita das nosas tiritas de entrega, xenerosidade e compañía. P.X.N. S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Señor, Ti que sabías escoltar, acoller e acompañar a quen estaba enfermo coa delicadeza de quen non busca o recoñecemento, senón transmitir agarimo e entrega.

Señor, Ti que tratabas aos enfermos con aquela delicadeza que facía que se achegaran a Ti sen medo e con confianza; dáme esa mesma dozura, ese mesmo agarimo, ese mesmo sorriso para saber transmitirlles que a través de min ti estás alí. Ao seu lado, na súa dor, no seu sufrimento.

        Que eu saiba calar a tempo, acompañar sen facer barullo, estar sen facerme nin imprescindible nin importante, para non agonialo nin entristecelo, senón para quererte queréndoo. Amen.

CANTO GOZOSO

ð ENTRADA: Non vou so

ð LECTURAS: Todo o mundo unha familia

ð OFERTORIO: Déixate querer

ð COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...