Ir al contenido principal

4 Domingo Pascua A



O TESTEMUÑO DO RESUCITADO É PARA NÓS CAMIÑO DE SEGUIMENTO E DE MADUREZ PERSOAL
Descarga o arquivo
ESCOITA ACTIVA
No día do Bo Pastor, e nun mundo tan orfo de pastores que queiran, agarimen e se entreguen para servir con naturalidade e sen actitudes ambiguas e desconfianza; reunímonos para comezar a celebración rezando xunt@s e agradecendo a Deus que poidamos ter persoas que nos acompañen e fagan posible que as nosas comunidades poidan seguir xuntándose e gozando deste encontro festivo do domingo. Damos grazas e pedimos para que, entre tod@s, sigamos facendo dos nosos encontros de oración momentos de fe compartida, de vida entregada e de esperanza vivida sempre no nome do Señor.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
(Podemos substituír esta parte pola aspersión á comunidade e o canto, A auga do Señor)

  • Porque somos dos que criticamos, mais non dos que colaboramos, SEÑOR, QUE NON NOS CREAMOS MÁS CA NINGUÉN. 
  • Porque nos sobra intolerancia e nos falta humildade, CRISTO, QUE NON NOS CREAMOS MÁS CA NINGUÉN. 
  • Porque necesitamos paciencia e atéiganos a imprudencia, SEÑOR, QUE NON NOS CREAMOS MÁS CA NINGUÉN.

PALABRA ENRAIZADA
·        O sentido comunitario que tiñan cantos formaban parte dos primeiros grupos de cristiáns axudoulles a sentirse fortes e protexidos diante das dificultades e mesmo dos ataques e persecucións que tiveron que sufrir. Ao longo de todo este tempo pascual, o libro dos Feitos dos Apóstolos iranos mostrando como, día a día, ían descubrindo a necesidade de axudarse, de preocuparse uns polos outros, de non sentirse anónimos uns cos outros. Coñecíanse e recoñecíanse, e non só, inda que tamén, ao partir o pan. O seu recoñecemento era polo seu xeito de actuar, pola maneira de facer e dicir as cousas, pola súa entrega e coherencia para non deixarse levar da presión social ao saberse grupo minoritario, perseguido e sempre no punto de mira dos que desconfiaban deles. Tamén nós, nestes tempos de pluralidade e multitude de opcións relixiosas ou non, estamos chamados a presentar a alegría da fe como unha actitude fundamental que nos faga mostrar que acoller e seguir a Cristo na nosa vida non só é unha decisión en liberdade, senón, o que é máis importante, unha opción que pon en acción toda a nosa vida e conviccións. Que non todo vale, que non podemos/debemos ser pasotas diante de situacións e comportamentos de inxustiza e opresión. Que a fe ten que asentarse non na nada do que non vemos, senón na confianza de quen acolle a Xesús resucitado na súa vida...non para encher tempo e entreterse en rezos, senón para facer unha sementeira de evanxeo nun mundo -o noso- necesitado de Boas Novas de salvación e esperanza. Que importante o testemuño que nos deixaron aqueles primeiros cristiáns!. 

  • Seguindo este mesmo vieiro da primeira lectura, a primeira carta de Pedro fai un chamamento á constancia, a non virse abaixo diante das dificultades; a saber botar áncoras que impidan que as cousas sexan sempre tan relativas que a dignidade e o respecto que nos merecen as persoas dependa do “cristal co que as mire cadaquén”, esquecendo que dignidade e respecto son dons que veñen “de serie” para quen acolle e decide vivir a fe en Xesús no seu vivir cotián. Non virse abaixo ás primeiras dificultades, saber buscar o positivo diante dunha manchea de problemas, aprender a deixar de laiarse para aproveitar eses folgos en construír e superar atrancos son actitudes que como seguidores de Xesús e polo tanto cristiáns confesantes debemos poñer cada en día en valor –práctica– superando a tentación da rutina ou do pesimismo de quen non sabe descubrir que nos luscos e fuscos da vida faise sempre presente Deus. O que nos falta, moitas das veces, é capacidade de escoita para descubrir esa presenza. Sabendo quen é o noso norte e o noso Pastor, non trabucaremos de camiño. É verdade, tamén, que seguiremos tendo atrancos e dificultades, pero nunca nos sentiremos solos.

  • Entrar pola porta do curral, contra do que moitos pensan, non é sinónimo de gregarismo, sometemento ou manipulación. Todo o contraio, entrar por esta porta lévanos a descubrir, e a senti-lo gozo, de saber que non estamos solos, que ao noso lado hai moitas persoas que, coma nós, teñen o mesmo horizonte e camiñan por vieiros parecidos aos nosos, sen que por iso se sentan nin domesticados nin sometidos, senón totalmente libres. A diferenza dos pastores que queren controlar, mandar, impoñer, xulgar ou condenar, Xto, o noso pastor, simplemente quere marcar camiño termando de nós, e deixando que ese camiño que El nos invita a seguir o fagamos sen prexuízos nin imposición, senón sentíndonos libres e con capacidade de optar e decidir. E porque o coñecemos e sabemos quen é, non temos nin medo nin vergoña a dicir que o seguimos e que nel atopamos acougo e sempre agarimo.

FRATERNIDADE ORANTE
Presentemos agora a nosa oración comunitaria a Deus, Pastor que sempre terma de nós, e digamos xunt@s:
QUE NOS ESFORCEMOS POR CONSTRUÍR A VIDA DESDE A ALEGRÍA
·        Para que nos esforcemos por ser unha Igrexa sinxela, libre e sempre na procura da xustiza, OREMOS.
                                                                                                                                       
QUE NOS ESFORCEMOS POR CONSTRUÍR A VIDA DESDE A ALEGRÍA
·        Para que non caiamos na tentación de ser duros cos débiles e sumisos cos fortes, e así non sexamos coma @s mediocres, que si o fan, OREMOS.

QUE NOS ESFORCEMOS POR CONSTRUÍR A VIDA DESDE A ALEGRÍA
·        Para que na nosa vida termemos de nós e dos demais, e así, se chega o lobo que mata, domina , engana, oprime ou afoga a nosa liberdade, saibamos facerlle fronte e non deixemos que nos manipule, OREMOS.

QUE NOS ESFORCEMOS POR CONSTRUÍR A VIDA DESDE A ALEGRÍA
·        Polas persoas que alentan, animan e acompañan as celebracións das nosas comunidades, para que fagan sempre este servizo con ledicia e transmitindo con sinceridade a esperanza de Xesús, OREMOS.

QUE NOS ESFORCEMOS POR CONSTRUÍR A VIDA DESDE A ALEGRÍA
Señor, que canto agora compartimos nesta oración comunitaria, nos axude a non deixarnos levar de actitudes e comportamentos que nos fan infelices e desenganados. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Envía ,Pai, traballadores ás túas comunidades
·        Para que se multipliquen na Igrexa coma pastores santos.
·        Para que non haxa mercedarios nin burócratas que utilicen e enganen ás persoas.
·        Para que haxa pastores responsables que defendan e busquen o benestar dos pobos, evitando prepotencias e corrupcións.
·        Para que os máis débiles e indefensos sexan protexidos e valorados.
·        Para que non falten misioneiros e samaritanos que evanxelicen aos pobres.
·        Para que os mozos e maiores non se pechen á chamada de Deus.
·        Para que esta celebración nos teña axudado a sentírmonos especialmente bendicidos e alimentados por Cristo pastor. Amén.
(Do texto de Caritas, coresma e pascua, 2014. 213)
CANTO GOZOSO
*                   ENTRADA: Ti es camiño e verdade
*                   LECTURAS: Oh, Señor, escólleme
*                   OFERTORIO: O Señor é o meu pastor
*                   COMUÑÓN: Bendito Ti, Señor Resucitado

Comentarios

Entradas populares de este blog

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...