Ir al contenido principal

Ascensión 2014 A

QUE A NOSA BOCA SEXA MEDIO DE ACLAMACIÓN DA SABEDORÍA DE DEUS
Descarga o ficheiro
Lecturas
ESCOITA ACTIVA
Mirar os acontecementos da nosa historia só cara arriba é propio da maxia. Miralos cara atrás é propio da superstición. Porén nós, coma cristiáns, temos unha mirada propia: cara arriba, confiando en Deus; cara ós lados, buscando aos irmáns; e cara adiante, construíndo futuro con optimismo, coa ledicia de sabérmonos acompañad@s.
Mais sempre temos a tentación da mirada máxica ou supersticiosa. A Pascua é tempo de espabilar, de renunciar a estas tentacións, de liberarnos das cadeas que escravizan. Busquemos coa mirada a Cristo, miremos ao irmán e comecemos esta celebración recoñecendo nel a imaxe do Resucitado.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
*        Porque moitas veces caemos na tentación de desconectar da realidade e pasar de todo, SEÑOR, QUE BOTEMOS RAÍCES DE FRATERNIDADE.
*        Porque esquecemos que a nosa vida ten que ser un canto para aclamarte, e non para esquecerte, CRISTO, QUE BOTEMOS RAÍCES DE FRATERNIDADE.
*        Polo noso costume de botarlle a culpa do que lle ocorre á Igrexa aos demais, sen facer autocrítica sobre a nosa falta de ilusión e testemuño, SEÑOR, QUE BOTEMOS RAÍCES DE FRATERNIDADE.
PALABRA ENRAIZADA
*        A pregunta que se lle fai hoxe na lectura do libro dos Feitos aos apóstolos, ben se nos podería facer a nós moitas veces. Porque... canto non temos mirado ao ceo para non comprometernos nunha tarefa que nos correspondía, deixando que a fixeran outros, cargándolles o traballo?; cantas veces non temos mirado ao ceo para evitar mirar de fronte a quen busca en nós unha man que axude, unha palabra que alente ou unha compaña que aparte da dor e soidade nas que está vivindo?; cantas e cantas veces -teriamos que preguntarnos- cando miramos para outro lado, cambiamos de conversación ou fixemos oídos xordos ás voces que nos buscaban e esperaban de nós unha resposta acorde co que somos: seguidores de Xesús?. Por iso ten sempre tanta actualidade a palabra de Deus que lemos nas celebracións; por iso non pasa de moda; por iso sempre podemos atopar nela aspectos que nos axuden a asentar e mellorar a nosa vida. Máis alá dos costumes ou tradicións nas que temos convertido a fe, ao que nos chama Xesús sempre e especialmente hoxe, na festa da Ascensión, é a non desconectar do mundo. Porque é no mundo onde El quere que deamos razón da nosa fe, das nosas conviccións, da nosa resposta de non quedar mirando cara ao ceo como se foramos papamoscas. A mellor aclamación que podemos facer a Deus non é con rutinas nin con oracións repetidas sen pensar no que dicimos, senón cos nosos feitos cheos de esperanza, alegría e sinceridade. Iso si que move corazóns e fai preguntarse a aqueles que nos ven de lonxe e sempre están dispostos a cuestionar o que facemos. Diante disto só hai unha resposta: o convencemento do que facemos. Responsabilidade, coherencia, honestidade, solidariedade, xustiza, colaboración... teñen que ser as actitudes que, como resposta a Xesús, podemos ofrecer para dicir que paga a pena seguir confesando a fe en Deus, creador e Señor; no seu Fillo Xesucristo e no Espírito Santo. Con tanta compaña ao noso lado, nunca poderemos dicir que estamos solos e abandonados por El. Abramos os ollos, limpemos os oídos a ofrezamos as mans.
*        Paulo tentaba de explicarlle isto mesmo aos cristiáns de Éfeso cando lles dicía que Deus puxo baixo os seus pés tódalas posibilidades que permiten que o mundo sexa un lugar de inclusión e non de exclusión; un lugar de encontro e non de soidade; un lugar de diálogo e non de autoritarismo. Deus puxo ao noso dispor esta capacidade de transformación e cambio. O que ocorre é que para nós é moito máis doado dar as costas e buscar autoxustificacións ás nosas covardías, aos nosos individualismos, ás nosas comodidades... en lugar de saír e buscar, saír e atopar, saír e construír. O seguimento de Xesús ou é comunitario ou non é. Porque El o quixo así. Porque El o viviu así. Porque El nolo ofreceu así. De ninguén máis ca de nós vai depender acollelo e poñelo en práctica para mostrárllelo aos outros: a quen está afastado, a quen está rebotado, a quen está decepcionado coa nosa pouca ilusión e convencemento á hora de facer vida o que dicimos no credo: creo en Xesucristo. O sometemento baixo os seus pés non é escravitude, senón liberdade para facer posible entendemento e diálogo coa nosa vida.
*        Hai cincuenta anos, o Papa Paulo VI, tentando poñerlle rostro ás palabras de Xesús escribiu unha encíclica que leva por título “Eclesiam suam”, na que chamaba, unha e outra vez, ao diálogo como medio desde e polo que camiñar cada día no cara dentro e no cara fóra da Igrexa. Tanto tempo despois, segue en pé e vivo este chamamento. Porque a Igrexa será verdadeiramente de Xesús se é unha Igrexa dialogante, fraterna e con capacidade de escoitar e saír ao encontro dos demais, sen ter que pedir documentos que identifiquen nin “pedrigís” que nos fagan crer mellores e superiores ca os demais.
*         Só deste xeito, na sinxeleza de quen cre construíndo encontro e entendemento; e non na imposición de quen se cre superior e mellor aos demais, seremos capaces de responder ao envío que Xesús nos fai tamén a nós hoxe: “Ide e facede discípulos de tódolos pobos”. A universalidade da proposta de Xesús, a universalidade da proposta cristiá, ten que ser sinxela, respectuosa e partir sempre da realidade. Sen ideas fixas nin precomprensión excluíntes. Só deste xeito seremos capaces de comprender que El está connosco.
FRATERNIDADE ORANTE
Presentemos a nosa oración comunitaria, sabendo que a universalidade da fe lévanos a pensar non só en nós, senón en tódalas persoas necesitadas da forza da oración e da man solidaria dos que nos chamamos amig@s de Xesús. Dicimos logo xunt@s:
QUE ONDE ESTEAMOS, LEVEMOS A TÚA PAZ
ü  Para que sexamos unha Igrexa que sabe mirar ao mundo traballando pola xustiza e o ben común; e ao ceo para agradecer a forza da túa presenza, OREMOS.
QUE ONDE ESTEAMOS, LEVEMOS A TÚA PAZ
ü  Para que non cansemos nunca de renovar proxectos, ofrecer ideas, alentar colaboracións e unir vontades, facendo das nosas parroquias lugares de entendemento e non de enfrontamento, OREMOS.
QUE ONDE ESTEAMOS, LEVEMOS A TÚA PAZ
ü  Para que aprendamos a vivir o noso cristianismo como unha experiencia de gozo e non como unha carga pesada que nos condena, infantiliza e nos enche de medo, OREMOS.
QUE ONDE ESTEAMOS, LEVEMOS A TÚA PAZ
Señor, que a festa da Ascensión nos axude a tomar conciencia do noso compromiso de ser sal que dea sabor e azucre que adoce as relacións duns cos outros no medio dun mundo que se sabe crispado e violento. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
          Xesús marcha, pero quedan tantas cousas por facer! Entón, envía aos seus discípulos para que continúen a súa obra. Xa anteriormente Xesús mandáraos ás aldeas, porque El non podía chegar a todas.
Xesús deuno todo para dar a coñecer ao Pai e adiantar o seu Reino. Agora os apóstolos e os discípulos deben seguir facendo o que Cristo e coma Cristo.
Rematou a hora de Cristo e agora comeza a hora dos cristiáns e das cristiás; a hora da Igrexa.
(Cáritas, La hermosura de la caridad, p. 244)
CANTO GOZOSO
ð  ENTRADA: Ti es camiño e verdade
ð  GLORIA
ð  LECTURAS: Oh, Señor, escólleme
ð  OFERTORIO: O Señor é o meu pastor
ð  PAZ: Démonos todos a man

ð  COMUÑÓN: Ide e pregoade

Comentarios

Entradas populares de este blog

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...