Ir al contenido principal

Todos os Santos 2014



POLA VIDA REGALADA NOS IRMÁNS E NAS IRMÁS QUE NOS DERON TESTEMUÑO DE AMOR: GRAZAS, SEÑOR, GRACIÑAS!

Descarga o ficheiro


ESCOITA ACTIVA
Os cristiáns celebramos hoxe, dun cabo a outro do mudo, a festa da esperanza. Nin trucos nin tratos, senón o amor de Deus acompañándonos e mostrándonos que o final do camiño non é a morte, senón a vida...e unha vida en plenitude. A plenitude para quen soubo poñer vida e confianza nun proxecto e nun estilo de facer as cousas marcados polo amor. Fagamos, logo, memoria leda de xustiza agradecendo a Deus o testemuño de tantas persoas que dando o mellor de si, deixáronos o testemuño de que a felicidade non está nin no ter nin no sentirse ben prescindindo dos demais, senón no camiño compartido de pasar, coma Xesús, facendo o ben e poñendo sorrisos de cercanía e mans de solidariedade nos labios e nas vidas de quen os necesiten. Grazas, Señor, polo testemuño de tantos homes e mulleres que foron para nós agasallos de fidelidade ao Evanxeo!.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·        Por non saber poñer ollos de esperanza nas vidas dos que están ao noso redor, SEÑOR, TÉNDENOS A TÚA MAN.
·        Por esquecer que a fe é un camiño de encontro comunitario e non de soidade individualista, CRISTO, TÉNDENOS A TÚA MAN.
·        Por esquecernos de que a felicidade, para que sexa plena, ha ser compartida e ofrecida a quen a necesita, SEÑOR, TÉNDENOS A TÚA MAN.
PALABRA ENRAIZADA
·        Pola vida que regalan os teus dedos”, cantamos moitas veces nas celebracións comunitarias. Esa vida que vai facendo que tomemos conciencia de que non a facemos solos nin ao noso aire; esa vida na que imos descubrindo a capacidade que temos de transmitir aos demais ilusións que nos animan, e de compartir dificultades que nos entristecen. Por toda esa vida, nós, damos grazas a Deus. Pero podemos facelo porque outras moitas persoas, desde hai séculos, foron tamén regalando coas súas vidas testemuños de confianza e entrega para cos que estaban ao seu redor, o que fixo que moveran corazóns e axudaran a superar a tentación do egoísmo individualista. E agradecid@s, nós, vimos hoxe celebralo. Si, celebralo porque o seu esforzo non foi en van, senón que serviu para abrir camiños de renovación, de superación de dificultades e de ánimo para non abandonar proxectos cando os problemas ían aparecendo. E neste día reunímonos agradecidos para recoñecer estes testemuños que tanto teñen suposto para as nosas vidas,e para as vidas de tantos outros que non coñecemos, pero que, coma nós, tamén hoxe se reúnen agradecidos porque necesitamos recoñecer que paga a pena facer cousas para que os que veñan detrás as gocen e lles axuden a ser máis felices. Neles ábrensenos a todos un ceo e unha terra novos que non se esgotan nin en nós nin nos que pensan coma nós, senón que se abren a todos, a unha multitude inabarcable que dun cabo ao outro do mundo vai sementando para que o froito da bondade, a solidariedade, a fraternidade, o acompañamento... non se esgote nunca.
·        Benaventurados os que saben amar” nos dicía o evanxeo e que tantas veces cantamos ao rezar xuntos. Unha benaventuranza que non é teórica, que non queda en palabras, que non se esgota nun feito, senón que se vai desenvolvendo e mostrándose no quefacer cotián de todo canto compón a vida dunha persoa. Ser benaventurado é ser feliz, sentirse a gusto co que un fai, saberse agradecido porque descubre que a vida non se pecha co sentirse a gusto de xeito individual prescindindo dos demais. A benaventuranza vainos facendo tomar conciencia de que non todo está no final, a modo de xuízo polo que teñamos ou non teñamos feito; senón que a benaventuranza supón ir enchendo a vida de sentido, de comportamentos de achega a quen se sente necesitado, de tarefa, sempre inacabada, por unir esforzos e traballar para que o ben, a dignidade, o respecto das persoas, comezando polas máis débiles, non sexan palabras, senón actitudes que se viven e desenvolven facendo felices a outros,e dando sentido á vida de quen as leva a cabo. Hoxe, a todos e todas os benavenurad@s que xa non están, e que moitos deles foron familiares, veciños e amigos, nós queremos agradecérllelo lembrándonos deles e recuperando o mellor das súas vidas para que, seguindo o seu testemuño, tamén nós vaimos deixando regueiros de benaventuranza alí por onde pasemos. Por iso paga moitas veces a pena chorar, para que as bágoas se acaben convertendo en sorrisos de solidariedade, misericordia e paz. A esta mansedume, que non domesticación, é a que os chama a celebración que esta mañá estamos compartindo, e desde a que logo rezaremos e lembraremos a todos os benaventurados que repousan nos nosos camposantos parroquiais.
FRATERNIDADE ORANTE
“Felices os de limpos ollos”, cantamos moitas veces nas celebracións. Desde esa limpeza de ollos e corazón á que Deus non invita sempre, compartamos a nosa oración  comunitaria dicindo:
SEÑOR, GRAZAS POLO TESTEMUÑO E SINXELEZA DOS SANTOS
*       Que nunca deixemos de valorar, en toda a Igrexa e en tódalas igrexas, o testemuño gozoso e cheo de ilusión, proxectos e esperanzas das persoas que foron deixando en nós pegada de amor, xustiza e liberdade, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POLO TESTEMUÑO E SINXELEZA DOS SANTOS
*       Que cada día saibamos prezar nas nosas comunidades o exemplo calado, coherente e servizal de tantas persoas que saben poñer o seu corazón e as súas capacidades aos servizo de canto nos fai felices e mellores persoas, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POLO TESTEMUÑO E SINXELEZA DOS SANTOS
*       Que poñamos sempre o noso corazón ao servizo de canto fai que na vida de quen sofre, está só ou se sente esquecido agrome a esperanza de que non sempre os que mandan, os que teñen poder ou enganan son os que van saír vencedores, humillando a quen traballa sen buscar recoñecemento, senón fidelidade e compromiso coa causa de Xesús, a causa dos pobres, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POLO TESTEMUÑO E SINXELEZA DOS SANTOS
Grazas, Señor, por abrirnos o corazón á esperanza que nos invita a non deixarnos vencer polas dificultades, senón a loitar para poder chegar un día aos teus brazos agarimosos e gozar da felicidade plena. P.X.N.S. Amén.
  
MIRADA DE ESPERANZA
FELICES:
Os que poñen a súa alegría en alegrar a outros, 
porque eles experimentarán a alegría de Deus
Os que se fan dignos de que os seus amigos lles confíen os seus segredos, 
porque deles é o reino dos corazóns.
Os que loan, os que colaboran, os que dan, os que entregan, 
porque coa mesma medida que mediran serán medidos. 
Os que fan favores aos seus amigos, aforrándolles a molestia de pedilos; 
porque eles coñecerán que o gozo de dar é maior que o de recibir.
Os que seguen amando aos seus amigos cando os ven caídos en desgraza, 
máis aínda os que aportan o seu diñeiro, 
o seu tempo e a súa bondade para que non caian, 
porque eles serán levantados nos seus días.
Os que aman a Xesús Cristo que amou incluso aos descoñecidos,
aos ingratos, aos molestos, 
porque eles cumpren o mandato novo do Amor.
Os que teñen fame e sede de amor como quere Cristo, 
porque eles serán saciados coa amizade da familia de Deus.
Os que aman con corazón limpo, 
porque eles verán a Deus. 
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Benaventurados
LECTURAS: O amor é o meirande
OFERTORIO: Na nosa terra
COMUÑÓN:  Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...