Ir al contenido principal

14 Domingo TO B 2015

Superar a tentación de ser gregarios e vulgares: “porque o fan todos”. Un desafío para a Igrexa que conformamos os cristiáns hoxe

Descarga o ficheiro

RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
o   ENTRADA: Con ledicia vimos
o   LECTURAS: Grazas, Señor, na mañá
o   OFERTORIO: Benaventurados
o   COMUÑÓN: Eu soñei
OLLOS ABERTOS
O mundo móvese. Non é unha realidade estática, senón que cambia cada vez máis rápido. As cousas, inda que pase pouco tempo, van quedando vellas. Seguro que o percibimos cando falamos de roupa, cancións, mobles...Isto fainos estar moi atentos a canto ocorre ao noso redor para non quedar atrás, para ser capaces de percibir estes cambios e poder comprendelos e ver de que xeito son ou non bos para nós. Conclusión: a vida convértese nun permanente estar atentos para que as cousas non nos atopen co pé cambiado.
Todo isto supón ter claro que, nunca tanto coma hoxe, é necesario buscar tempo para a reflexión. Unha reflexión que evite deixarnos levar nin do primeiro que vemos nin do que fan todos, para, tendo pensado ben as cousas, evitar caer na vulgaridade de repetir o que vemos que fan moitos... que non porque sexan moitos, ha ser o mellor ou o máis conveniente. A este tempo é ao que nos invita hoxe Xesús. Só quen pensa ben as cousas é capaz de superar comentarios, críticas ou descualificación, veñan de onde veñan.
         Poñámonos logo na xeira que nos propón o Evanxeo de hoxe de non ter medo ao que dirán, para poder estar nun mundo que vai moi de présa con actitudes que saben pensar, valorar e distinguir o importante do secundario.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Porque cando facemos as cousas con présa equivocámonos máis que acertamos, SEÑOR, QUE PENSEMOS ANTES DE ACTUAR.
û  Porque somos débiles e deixámonos influír polo que fan moitos, sen que iso sexa facer o mellor, CRISTO, QUE PENSEMOS ANTES DE ACTUAR.
û  Porque a presión por facer o que fai a maioría lévanos a ter actitudes que non valoran nin defenden o traballo dos que teñen máis e mellor experiencia ca nós, SEÑOR, QUE PENSEMOS ANTES DE ACTUAR.

PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN

·      A obstinación é unha actitude que nos converte en persoas con moi pouca capacidade para escoitar e aprender o que outros, pola súa experiencia ou formación, poden ensinarnos. E nós estamos a vivir neste momento un período de obstinación, no que todos cremos ter as solucións e respostas, polo que se converte nun verdadeiro problema parar e atender ao que outros nos poidan dicir; a ver e aprender de outros xeitos e maneiras de facer e entender as cousas distintas ás nosas. E a obstinación nunca vén soa, senón que chega acompañada de individualismo, soberbia, orgullo e falta de empatía para cos demais. Deste xeito acabamos converténdonos nuns ”sabeo todo” incapaces de escoitar e atender o que os demais nos poidan dicir e ensinar. É propia esta actitude de nenos pequenos, pero parece que, cada vez máis, se estende tamén cara os maiores, o que fai que sexamos, e de xeito cada vez máis rápido, duros de corazón e incapaces de sentar, escoitar e dialogar para chegar a acordos. E isto ocórrenos en todos os ámbitos da vida. Na lectura de Ezequiel, Deus aparece enviando ao profeta onda ao pobo para facerlle ver que o seu comportamento obstinado faino insatisfeito e infeliz. Non necesitariamos tamén nós hoxe prestar un pouquiño máis de atención a outras voces, e non solo ás que pensan e ven a vida como eu a vexo? Non necesitariamos romper eses comportamentos obstinados que tantas dificultade e desencontros nos teñen traído? Deus segue a falar hoxe a través da voz e dos comportamentos de moita xente, os profetas do noso mundo. Seremos capaces de descubrilos e prestarlles atención? Ou seguimos na nosa obstinación?

·      Superar esta actitude obstinada supón que poñamos os ollos, non en nós mesmos –caeriamos no círculo vicioso do “primeiro eu, logo eu e despois... eu”-, senón naquel que nos ofrece un camiño e nos invita a percorrelo na súa compaña. Se somos capaces de descubrir e entender que temos que deixar de mirarnos a nós mesmos –Narciso acabou afogándose por non distinguir a realidade da imaxe que vira proxectada sobre a auga do río– para comezar a ter outras miras que saian de nós para atoparse coa posibilidade de ser felices e mellores compartindo, colaborando, dando do noso, seremos capaces de entender que  máis alá de nós mesmos hai vida, hai persoas, hai proxectos, hai... capacidade de crecer e madurar, de ser verdadeiramente humanos e de estarmos a gusto co que facemos e como o facemos. Vencer a obstinación humanízanos, pero tamén nos descubre que a realización persoal non está no eu, senón no nós. Recoñecéndonos débiles, aprendemos que non somos únicos, e que nos necesitamos uns aos outros para ir superando esa debilidade.

·      Superado o complexo de soberbia e superioridade, e situados na tarefa común, desde o traballo por facer do mundo a casa de todos, a “casa común”, descubrimos que desde a desconfianza coa que ás veces actuamos, é moi difícil entender e vivir ao estilo que nos pide Xesús. Para El o camiño é a humildade e a sinxeleza á hora de facer e dicir as cousas. O evanxeo vén marcado non polas imposicións, senón polas actitudes que poñendo á persoa no centro, buscan responder á invitación de Xesús de recoñecernos iguais, e de vencer a tentación de crernos superiores e mellores ós outros. El viviuno na súa propia carne: “non é fillo de... o seu pai non é carpinteiro ...de onde lle veñen a este estas cousas?. No fondo o que buscaban os seus veciños era prolongar o clasismo e manter a imposibilidade da superación de clases .Outros moitos tamén o pensan hoxe, e non queren mesturarse cos que consideran que son menos ou, para eles, non teñen nivel. Por iso os cristiáns temos que ser creativos e xeradores de ilusión nunha realidade social lastrada polo desencanto e o pesimismo. Aí, para superalo temos que estar, e a isto nos invita Xesús hoxe desde o evanxeo. Non desprezar, senón prezar. Este é o verbo que temos, constantemente, que conxugar.

FRATERNIDADE ORANTE

Neste momento de silencio, poñemos na man de Deus todas as nosas inquedanzas. Facémolo dicindo:

QUE NON FAGAMOS DO DESPREZO ACTITUDE DA NOSA VIDA

*      Para que entre todos os que nos chamamos seguidores de Xesús, formemos unha Igrexa que sexa verdadeiramente fraterna e solidaria, no medio dun mundo lastrado pola dor e a incomprensión dos máis débiles, OREMOS.
QUE NON FAGAMOS DO DESPREZO ACTITUDE DA NOSA VIDA



*      Para que nos esforcemos por facer das nosas parroquias berces de escoita, acollida e colaboración, OREMOS.

QUE NON FAGAMOS DO DESPREZO ACTITUDE DA NOSA VIDA


*      Para que as nosas actitudes non se enroquen no pesimismo e o desánimo de que nada pode cambiar, e nos deixemos guiar pola invitación de Xesús a ser humildes, xenerosos e sempre solidarios, OREMOS.
QUE NON FAGAMOS DO DESPREZO ACTITUDE DA NOSA VIDA

Na túa man poñemos, Señor, canto temos rezado xuntos na nosa oración comunitaria. P.X.N.S. Amén.

OÍDOS ATENTOS

"Coa súa oración, Xesús quere levarnos á fe, á confianza total en Deus e á súa vontade, e quere demostrar que ese Deus que amou ao home enviou ao mundo o seu único Fillo; El é o Deus da vida, o Deus que trae esperanza e é capaz de transformar unha situación humanamente imposible. Tamén a oración confiada dun crente é, así, un testemuño vivo da presenza de Deus no mundo ".
"En Xesús, verdadeiro Deus e verdadeiro home, a atención ao outro, especialmente se sofre ou pasa necesidade (...) lévao a ir ao Pai. (...) Pero tamén, por outra banda, á comuñón co Pai, ao diálogo constante con El.
Do mesmo xeito, a profunda conexión entre o amor a Deus e ao próximo, tamén debe estar presentes na nosa oración, que "abre a porta a Deus que nos ensina constantemente a saír de nós mesmos para poder chegar aos outros, especialmente en tempos de proba, para así levarlles conforto, esperanza e luz a quen poida necesitalas”. (Bieito XVI)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...