Ir al contenido principal

17 Domingo TO B 2015


UNHA CASA PARA TODAS AS PERSOAS ONDE O QUE SOBRE NON SE TIRE, SENÓN QUE SE GARDE E SE COMPARTA
Descarga o arquivo

CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Andarei
o   LECTURAS: Pan do ceo pan de vida
o   OFERTORIO: Eu soñei
o   COMUÑÓN: Ti es o pan do ceo
ESCOITA ACTIVA
Como nos custa entender e practicar que é necesario gardar, aproveitar, reutilizar e compartir as cousas! Estamos a crear unha cultura do agora e xa, e do só para agora; polo que o de aproveitar e gardar para outras veces vaise perdendo pouco a pouco. Ata non hai moito a roupa iámola pasando duns irmáns a outros; o que sobraba da comida do mediodía ceábase; cando comprabamos algo sempre buscabamos o que podía durar máis tempo... Agora todo mudou, e xa tamén nós imos entrando na dinámica do para un tempo, para un só uso, e canto sobra hai que tiralo. Non é de estrañar que os colectores de lixo estean cheos e non haxa vertedoiros que nos cheguen. Porén, Xesús, volve insistir hoxe na importancia e necesidade de gardar, aproveitar e recoller as cousas para que poidan valer para outros veces. Seremos capaces de poñelo en practica nós e logo ensinárllelo aos máis novos, aos que veñen tras de nós?.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Polas veces nas que non valoramos nin agradecemos o moito que temos, SEÑOR, QUE NON ESTRAGUEMOS CANTO POIDAMOS COMPARTIR.
Polas veces nas que non somos capaces de coidar e recoñecer a importancia dos amigos, CRISTO, QUE NON ESTRAGUEMOS CANTO POIDAMOS COMPARTIR.
Polas veces nas que temos convertido as nosas relacións coas persoas en simples acordos económicos e interesados, SEÑOR, QUE NON ESTRAGUEMOS CANTO POIDAMOS COMPARTIR.

PALABRA ENRAIZADA
·      O que resoa da primeira lectura do libro dos Reis que temos escoitado é esa invitación a compartir: “dállos á xente para que coman...”. Como poder entender, senón, a confesión nun Deus que ama, acolle, perdoa e sempre ofrece misericordia! Se El é capaz de mostrársenos dese xeito, como non o imos facer nós tamén uns para cos outros. Todos temos a experiencia de compartir, de repartir con outro/s e de chegar para todos. É máis, cando ten sido así, ninguén queda con fame porque descubre que fixo posible que outros puideran comer. Nunca tanto coma hoxe esta palabra se ten feito realidade. Neste tempo de vacas fracas, no que o que antes sobraba agora non chega, é un bo momento, non só para abrir a man ao compartir, senón tamén para pensar o importante que é pararnos areflexionar sobre cales han ser os eixes da nosa vida, os principios, as opcións que a guíen, os valores e actitudes sobre as que temos que ila desenvolvendo. Cando o tempo, o saber, as cousas, as capacidades... se poñen ao servizo dos demais e non se gardan nin enterran nun só, ninguén queda nas beiras e a fartura da que nos fala Deus móstrase como rostro humano e solidario.

·      Poñerlle rostro e imaxe ás nosas actitudes vainos humanizando e axudándonos a descubrir que nin a fe se pode reducir aos rezos de dentro da igrexa nin se pode converter nun conxunto de normas que quen non as cumpre, ou non é capaz de cumprilas, non ten outra que borrarse e apartarse do seu camiñar como Igrexa. Cando entenderemos que se Deus non exclúe, nós non somos quen de facelo! Quen somos nós para decidir que os que comparten con nós a mesma dignidade son uns ninguén, namentres nós crémonos posuidores da verdade e do dedo que sinala e dirixe quen pode e quen non pode ser dos nosos? Deus non fai exclusións, por que nos arrogamos, entón, ese cometido? Paulo dicíalle aos Efesios que tiñan que baixar os fumes; que o camiño polo que ían non era o que respondía ao seguimento de Xesús, que as actitudes de superioridade e autosuficiencia había que desterralas, por iso lles propón –nos propón tamén a nós– un estilo de vida que responde á invitación de Xesús: humildade, mansedume,unidade, paz... e todo desde unha mesma fe, celebrada, compartida e vivida como resposta á chamada que, nunha mesma dignidade, invítanos a non pasar pola vida sen mirar ás beiras, porque nelas, como insiste unha e outra vez o papa Francisco, están os descartados dos que pensan que non hai máis mirada que a de fronte. Saber mirar para os lados lévanos a percibir  que a sola fe, o so bautismo e o so Señor fanse visibles desde a humanidade do noso corazón para cos “ninguén” aos que os poderosos ignoran e dos que prescinden.

·      Por iso entendemos entón as palabras de Xesús no evanxeo, ao chamar a entrar na metodoloxía do seu proxecto –da súa proposta e estilo de vida-, un proxecto que se ha mover entre a chamada que El nos fai e a resposta que nós deamos. E que se vai desenvolvendo poñendo en práctica o sentar con quen nolo pida; sabendo erguer a vista para mirar aos ollos; invitando a outros que tamén senten e compartan; e sempre sen sentir vergoña de recoller os anacos que, namentres para outros son sobrantes, para nós son persoas necesitadas do cariño que lle negaron, da solidariedade que outros converteron no seu propio aproveitamento e a paciencia e fidelidade, diante dos atrancos, mentiras e dificultades que vaian poñendo no camiño os poderosos para que non os molesten nin os impliquen. Os sobrantes dos que mandan e deciden, seguen a ser, tamén hoxe, os preferidos de Deus. Tamén o son para nós?.

FRATERNIDADE ORANTE

Unamos palabra e corazón para sentir o gozo de compartir unha mesma oración mirando para as beiras nas que están os preferidos de Deus, inda que non o sexan dos que deciden e mandan. Desde esta oración que nos une dicimos xunt@s:
SEÑOR, QUE SAIBAMOS APROVEITAR O QUE TEMOS
*      Pola Igrexa, para que loite, se implique e non abandone nunca a palabra de esperanza que nos invita a recoller e valorar o sobrante, nun momento da historia no que os pequenos e débiles ven ameazada a súa vida e dignidade ao ser tratados como números e tantos por cento, OREMOS.
SEÑOR, QUE SAIBAMOS APROVEITAR O QUE TEMOS
*      Para que nas nosas comunidades agrome de verdade a preocupación polos excluídos, polos que sofren, polos que se senten sobrantes aos que ninguén se achega nin lles presta atención, OREMOS.
SEÑOR, QUE SAIBAMOS APROVEITAR O QUE TEMOS
*      Para que nós vaimos construíndo a nosa vida desde actitudes pacientes que non se deixan envolver polas treboadas efémeras que fan moito barullo, pero que van deixando pousos de esquecemento, abandono e tristeza nos corazóns e vidas das persoas, OREMOS.
SEÑOR, QUE SAIBAMOS APROVEITAR O QUE TEMOS
*      Para que neste día no que en toda a Igrexa facemos memoria agradecida do traballo, entrega e xenerosidade dos avós, tamén nós saibamos mostrarlle o noso agarimo e o recoñecemento sincero e comprometido do seu labor, sen o cal moitas familias veríanse, neste momento de crise e dificultade, no máis absoluto abandono, OREMOS.
SEÑOR, QUE SAIBAMOS APROVEITAR O QUE TEMOS
Grazas, Señor, por abrirnos os ollos e o corazón a ver a realidade máis alá das nosas propias comodidades e preguizas. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
Noso Pai: necesitamos do teu Espírito:
  • para comprender as necesidades de todas as persoas
  • para participar con xenerosidade nos teus plans
  • para iniciar nesta vida a salvación da vida eterna
  • para responder ao Evanxeo coa promoción da fe
  • para superar o materialismo que impregna as nosas vidas
  • para sumarnos ao esforzo actual de solidariedade
  • para comprometernos en promover a paz e a xustiza
  • para encher o noso corazón da túa presenza
  • para renovar a nosa forma de orar e meditar.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...