Ir al contenido principal

15 Dominog TO B 2015


GRAZAS POR CHAMARNOS A SER POLITICAMENTE INCORRECT@S
Descarga o ficheiro

RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
o   ENTRADA: Andarei na presenza do Señor

o   LECTURAS: Non vou so
o   OFERTORIO: Eu sei de quen me fiei
o   COMUÑÓN: Ide e pregoade
OLLOS ABERTOS
Cantas veces na nosa vida temos calado diante de inxustizas notorias contra nós ou contra os nosos irmáns. Cantas veces temos “comulgado con rodas de muíño” para non ter problemas, para evitar represalias, por medo ao qué dirán ou qué pensarán. Cantas veces deixamos que pisen os nosos dereitos ou que non respecten a nosa dignidade por sentirnos inferiores, por vergoña, por non armar balbordo. E resulta que o Señor hoxe dinos que non quere que sexamos politicamente correctos, senón profeticamente correctos; que non quere que sexamos mudos, xordos ou cegos, senón que debemos ter os ollos, os oídos e os beizos ben abertos. Que esta celebración que agora comezamos nos dea folgos e alento.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Por ter calado ou mirado cara outro lado diante de tantas e tantas inxustizas, sen ter o valor de denuncialas profeticamente, SEÑOR, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.
  • Porque non valoramos nin agradecemos na nosa vida cotiá o feito de que nos escollas para sermos fill@s e mensaxeir@s do teu amor, CRISTO, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.
  • Porque na nosa vida de fe somos moito máis partidarios de impoñer que de espertar e invitar por medio do testemuño dunha vida coherente, SEÑOR, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.
PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
As lecturas de hoxe chámannos a tomar conciencia da nosa tarefa de profetas do Señor no medio do mundo. Desde esta afirmación entendemos o que nos di Paulo de que fomos elixid@s na persoa de Cristo, para ser mediador@s da súa presenza, sendo a súa voz, o seu corazón e as súas mans. Esta mediación esíxenos honestidade no sentir e actuar de cada día, sendo capaces de ver a persoa de Cristo en todos aqueles que nos rodean, inda que isto, moitas veces non resulte doado, e pida de nós un esforzo de comprensión e verdadeira misericordia. Porque El nos elixiu, tod@s asumimos a responsabilidade de levar a Cristo no noso actuar e tamén no noso saber escoitar, acoller e traballar para ser fermento de esperanza diante de tantas tristuras e dificultades que a vida lle vai presentando ás persoas.
Conscientes de que esa é a nosa tarefa, Xesús envíanos, como enviou aos apóstolos, para que sexamos esa presenza súa alí onde nos atopemos. O envío non é simplemente un ide, senón que pide de nós unha resposta persoal: aquí estou. E aí onde se fai presente a nosa reposta de dispoñibilidade e participación en canto supoña que o chamado de Xesús non é unha teoría imposible de vivir. Foron moitas as persoas, homes e mulleres, que nos dous mil anos de historia, e o que é máis importante, tamén hoxe, responderon e están a responder a este envío. Por que somos tan cegos para non velo?. 
Pero, ollo!. Xesús non envía aos seus discípulos de calquera xeito. Para colaborar no seu proxecto e para prolongar a súa misión deberán coidar o seu xeito de vida. Velaí algunhas recomendacións que nos lembra Marcos:
  • non lles dá poder sobre as persoas que irán atopando no seu camiño, senón autoridade para liberalas do mal; é dicir, os seus discípulos humanizarán a vida, aliviarán o sufrimento e farán medrar a liberdade e a fraternidade.
  • só levarán caxato e sandalias, Xesús imaxínaos como camiñantes, nunca instalados, sempre en camiño, sen atarse a nada, só co imprescindible.
  • sen pan, sen alforxa, sen cartos, para que non vivamos agoniados pola nosa propia seguridade, non vaia ser que un día se esquezan dos pobres e vivan encerrados no seu propio benestar.
  • sen túnica de reposto, para vestir coa sinxeleza dos pobres, para que sexan profetas no medio da xente, para que a súa vida sexa sinal da cercanía de Deus a todas as persoas, sobre todo ás máis necesitadas.

Para @s seguidor@s de Xesús non é malo perder o poder, a seguridade e o prestixio social que tivemos cando a Igrexa o dominaba todo. Pode ser un factor positivo se nos conduce a unha vida máis fiel a Xesús. O poder non transforma os corazóns; a seguridade do benestar afástanos das persoas pobres; o prestixio énchenos de nós mesmos. Xesús, pola contra, imaxina aos seus seguidores doutro xeito: liberados de ataduras, identificados cos últimos, coa confianza posta totalmente en Deus, curando a quen sofre, buscando para todas as persoas a paz. Só así seremos quen de introducir no mundo o seu proxecto.
FRATERNIDADE ORANTE
Con sinxeleza de corazón e co compromiso de traballar por ir cambiando o que nos afasta de ti, dicimos xunt@s:
QUE A VERDADE NOS FAGA LIBRES
¨     Pola Igrexa, para que non viva nin do triunfalismo de que sempre o fai ben e de que a única e a mellor nin da nostalxia de que calquera tempo pasado foi mellor, OREMOS.
QUE A VERDADE NOS FAGA LIBRES
¨     Polas nosas comunidades, para que non nos deixemos levar da superficialidade de valorar máis ás persoas “máis importantes”, senón que saibamos poñer no centro do noso sentir e do noso actuar aos pequenos e marxinados, seguindo o proxecto de Xesús, OREMOS.
QUE A VERDADE NOS FAGA LIBRES
¨     Para que cada un e cada unha de nós, para que descubramos na nosa vida a ledicia de sabérmonos salvad@s e querid@s por Deus, converténdonos así en testemuñas vivas do evanxeo, que nos leva a anunciar a súa boa nova e a transformar o noso mundo, OREMOS.
QUE A VERDADE NOS FAGA LIBRES
Grazas, Señor, por invitarnos a valorar e sentir o gozo de sermos fill@s dun Deus que nos quere e nos invita a querer aos demais. PXNS.

OÍDOS ATENTOS
Para o camiño, Señor,
non levo ouro nin prata, nin cartos no peto;
fíome da túa palabra.
Non teño alforxa,
abonda coa túa compaña e co pan de cada día.
Para apoiarme, un caxato e máis nada,
que os irmáns e as irmás animan e dan a man
cando o camiño se fai duro,
cando sangro, tropezo e caio.
Túnica, chega coa posta,
pois non teño nada que agochar
e o frío e a calor son máis liviáns en familia,
E sandalias, unhas de quita e pon,
ben axustadiñas para que non fagan callo as cousas,
para andar lixeiro e non esquecer o chan que piso
cando o teu Espírito me ergue, me leva e me arrastra.
Case lixeiro de equipaxe...
Sígote!!!!. Iso bástame.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...