Ir al contenido principal

23 domingo TO B 2015

NON NOS CREA PARA O MEDO, SENÓN POR AMOR


RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS

o ENTRADA: Con ledicia imos todos ao altar
o LECTURAS: Canta aleluia
o OFERTORIO: Gracias, Señor, graciñas
o COMUÑÓN: O amor é o meirande

OLLOS ABERTOS

Deus créanos por amor. Para El non somos nin un capricho nin un xoguete co que se vai entretendo. Non. No seu crearnos por amor fainos iguais uns aos outros. Nin a cor, nin a lingua nin a cultura, e moito menos as características físicas son relevantes aos ollos de Deus. Para El somos iguais, sen distingos de ningún tipo. E neste ser iguais compartimos, tod@s sen excepción, a súa presenza en nós; por iso dicimos que somos a súa imaxe e semellanza, e polo tanto posuidores do mesmo respecto e sacralidade que a nós nos merece Deus. De aí que ningún tipo de exclusión, violencia ou desprezo pode ser xustificable para un cristián. Entendemos, logo, por que Francisco, unha e outra vez, chámanos a non converter os mares en cemiterios nin os pasos fronteirizos en campos de reclusión. Hoxe estalles a pasar a outros, quen nos di que mañá non nos pasará a nós? Xustificariamos que fixeran con nós o que se está a facer cos irmáns que veñen de África escapando da persecución e da fame? Con non velos no telexornal xa estamos tranquilos? Nos guste ou non, seguimos sendo iguais e irmáns uns dos outros.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Porque deixamos que o desprezo e a exclusión aniñen no noso corazón; SEÑOR, QUE NON ESQUEZAMOS QUE SOMOS IGUAIS.
  • Porque somos de memoria fráxil e rapidamente esquecemos que, inda que nós non suframos, hai persoas ao noso redor que nos necesitan; CRISTO, QUE NON ESQUEZAMOS QUE SOMOS IGUAIS.
  • Porque nos empeñamos en crear fronteiras que dividen, cando o que debemos facer é achegar corazóns; SEÑOR, QUE NON ESQUEZAMOS QUE SOMOS IGUAIS.
PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
Tres frases poden axudarnos a comprender a Palabra de Deus que temos proclamado, e a facer a reflexión desde ela para a nosa vida:
  • Collede ánimo, non temades (Isaías): Esta primeira frase do profeta Isaías vainos mostrando que a fe que cantos estamos aquí afirmamos posuír e compartir non leva nin ao pesimismo nin á sensación de derrota e fracaso na que moitas veces nos movemos os que nos chamamos seguidores de Xesús. Dámonos conta do contrasentido entre a proposta que nos fai Deus desde a súa palabra, e a resposta que nós imos dando? Unha resposta que sempre vai marcada polo noso interese, sen ser capaces de erguer a vista e ver máis alá de nós mesmos? A invitación a coller ánimo e superar o temor móstranos un rostro, unha imaxe de Deus no concreto, no acompañamento, na preocupación por nós e canto nos rodea –a casa común, como ben di Francisco-. Claro que necesitamos ánimo para moitos momentos da vida! Pero ese ánimo temos que ser capaces de descubrilo en todo canto nos vai facendo crecer e madurar como persoas; en canto nos axuda a superar atrancos; en canto vai facendo que sexamos capaces de entender que a fe é suma -por iso somos comunidade-, e non resta e supresión de quen non pensa coma nós ou ten outro xeito de entender e vivir a súa relación con Deus desde o seu compromiso por facer do mundo lugar libre de exclusión. E nesta tarefa non ha ser o medo o que nos atenace, senón a confianza a que nos mova. Por iso, unidos ao profeta, teremos que dicir, insistindo todo canto faga falta: non teñades medo. O medo o que nos fai é mediocres e faltos de esperanza.
  • A fe non cadra con certos distingos entre persoas (Santiago): Santiago, continuando coa proposta de igualdade e superación de canto de negativo hai en nós, fai fincapé nunha actitude que, estando xa presente naquel século primeiro no que escribe a súa carta, tamén o está hoxe, XXI séculos despois: a facilidade e capacidade que temos de diferenciar entre os nosos e os outros; entre os que nos caen ben e os que aborrecemos; no doado que nos resulta ser bos, xenerosos e mesmo solidarios cos que simpatizamos, namentres somos despiadados con quen consideramos non ser dos “nosos”. Contra destes distingos fala o apóstolo Santiago, e contra estes distingos temos tamén que falar e actuar nós. Como conxugar a fe nun Deus que se fai un de nós, que se entrega xenerosamente aos pobres, enfermos, entristecidos, excluídos e pobres, coas actitudes que tantas veces -moitas delas sen disimulo ningún- realizamos nós cada día nas cousas que facemos: familia, compañeiros de traballo, veciños ou persoas coas que topamos e ás que lles damos as costas?
  • Prohibiulles contalo a ninguén: o segredo mesiánico (Marcos): Para Xesús o importante non estaba nos focos dos que buscaban que se coñecese o que facían para darse importancia e, deste xeito, lle renderan pleitesía e submisión. Todo o contrario: para Xesús -sempre, e así o vai deixando claro Marcos ao longo do evanxeo-, facer o ben poñendo á persoa –imaxe e semellanza de Deus– no centro do actuar, non ha ser unha proposta publicitaria, mediática ou multitudinariamente “tuiteada”, senón un traballar sen cansar por facer o ben cambiando os corazóns e movendo vontades para facer as cousas de xeito distinto e xerando novidade e renovación. E facéndoo sempre sen medo nin vergoña. Porque se o Evanxeo é boa noticia, esta ha entenderse sempre sabendo presentar esa novidade que El nos trae con linguaxe, cultura e formas que cheguen aos corazóns das persoas e as movan a cambiar as cousas, comezando por aquelas que, inda que nos parezan pequenas e sen importancia, van marcando tendencia e camiño a seguir. Non fagamos repicar as campás para que tod@s saiban o bos que somos e o ben que o facemos, senón que, acheguémonos a quen está afastado, a quen nos resulta pesado, incómodo ou insoportable, e tentemos mostrarlle, co noso actuar claro e comprensible, que Xesús é capaz de cambiarnos. Así, e entre tod@s, acabaremos cambiando o que na distancia nos parece imposible cambiar.

FRATERNIDADE ORANTE

Porque o amor de Deus é rebordante, rezamos xunt@s dicindo: 
SEÑOR, QUE ACTUEMOS SEN PRÉSA PERO SEN PAUSA
  • Para que a Igrexa non se preocupe tanto do que din os medios de comunicación, canto de saber estar ao lado dos máis esquecidos e débiles da nosa sociedade, OREMOS.
SEÑOR, QUE ACTUEMOS SEN PRÉSA PERO SEN PAUSA
  • Para que nas nosas parroquias creemos entre tod@s un clima de boa relación, escoita, acollida e colaboración con quen nos necesite, OREMOS.
SEÑOR, QUE ACTUEMOS SEN PRÉSA PERO SEN PAUSA
  • Para que os enfermos, os que están solos, os que nunca son visitados, atopen en nós as mans que os axuden, o sorriso que os anime e a compaña que lles falta, OREMOS.
SEÑOR, QUE ACTUEMOS SEN PRÉSA PERO SEN PAUSA
Señor, volvemos unirnos nesta oración comunitaria para agradecer e sentir a forza da túa presenza entre nós. P.X.N.S. Amén.

OÍDOS ATENTOS

Deus, que por amor fixeches de nós imaxe e semellanza que nos iguala a Ti:
  • Que nunca renunciemos á  liberdade que coa que nos creaches
  • Que sempre poñamos os ollos de quen está ao noso lado, para que as súas  bágoas de exclusión e menosprezo, se convertan en sorrisos de esperanza.
  • Que non reduzamos o amor á utilización da outra persoa para o noso propio beneficio e entretemento, como se fose un obxecto que compramos para xogar con el.
  • Axúdanos a vivir coa fonda convicción de que somos persoas –homes, mulleres, nenos e nenas-, iguais  e coa mesma liberdade e dignidade.
  • Dános azos para loitar cada día na busca de canto fai do mundo casa común para tod@s e cobertor no que sintamos a calor diante do duro inverno dunha sociedade cada día máis marcada pola exclusión e a violencia.
  • Que a nosa sexa unha oración enraizada nos problemas e ilusións; nos gozos e as esperanzas; nos fracasos e logros dos homes e mulleres do noso tempo. 
  • E que a ideoloxía que distingue, separa e diferenza non creza nin aniñe nunca no noso corazón. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...