Ir al contenido principal

26 domingo TO B 2015


DA PANTASMA DOS CIUMES.... LÍBRANOS, SEÑOR!!!!
Descarga o arquivo

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Vinde axiña
  • LECTURAS: Todo o mundo unha familia
  • OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas
  • COMUÑÓN: O amor é o meirande

OLLOS ABERTOS

Moitas veces, para favorecer os nosos propios intereses, para quedar ben, ou mesmo por envexa e por ciumes, facemos comentarios sobre as persoas que sabemos que non son verdade. Non nos importa inventar, esaxerar ou mesmo mentir sobre como é, que di ou que fai alguén... con tal de desacreditalo como persoa.
Porén, o Señor hoxe fainos unha invitación a non deixarnos atrapar nesta mesquiña gaiola da calumnia para abrirnos a descubrir a pluralidade das presenzas do Espírito en cada un e cada unha de nós. Non podemos vivir sempre desconfiando, condenando posicións e iniciativas que non se axusten aos nosos desexos e aos nosos esquemas. Non é propio da Igrexa de Xesús estar sempre vendo inimigos por todas partes. El invítanos a aledarnos do que xentes e institucións alleas á Igrexa poidan estar facendo por un desenvolvemento máis humano da vida. Son dos nosos, porque traballan pola mesma causa: a dignidade do ser humano, fill@ de Deus.
Que a celebración que agora comezamos se converta nunha escola na que aprendamos que sinceridade, verdade e dignidade non han confundirse con celos, envexa ou interese.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Por ter esquecido que non son as prohibicións, senón as convicións maduras as que logran que as cousas muden ou deixen de facerse; SEÑOR, QUE NON SEXAMOS EXCLUSIVISTAS.
  • Por non ternos esforzado o suficiente por botar fóra do noso corazón a pantasma dos ciumes, que nos converte en persoas mesquiñas, inseguras e amargadas; CRISTO, QUE NON SEXAMOS EXCLUSIVISTAS.
  • Porque seguimos sen apostar por un comercio xusto e un consumo responsable, estragando e despilfarrando moito, sen parar a pensar que detrás hai explotación, escravitude e manipulación; SEÑOR, QUE NON SEXAMOS EXCLUSIVISTAS.

PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN

  • Os ciumes teñen feito sufrir moito a moitas persoas. Cantas veces a felicidade nas relacións de parella, de amizade, de traballo.... ten fracasado por mor dos ciumes, por non fiarse da outra persoa, por non ser quen de remar na mesma dirección?. E a esta actitude non son alleas a nosa Igrexa e as nosas comunidades cristiás: se alguén fai algo, rapidamente dicimos que algún beneficio sacará; xa están mangoneando os de sempre, non teñen outra cousa que facer.... Hai veces nas que nalgunhas comunidades hai un pequeno grupo de persoas que acaparan as principais tarefas e responsabilidades sen compartilas nin contar co resto, que pouco a pouco van quedando marxinados. Outras persoas pretender reter certos cargos considerados social ou eclesialmente relevantes coma se fosen vitalicios, non favorecendo a súa renovación e mesmo poñéndolle atrancos ás persoas que os suceden, ás que non se cortan en criticar. Hainos tamén que ningunean e desacreditan o que fan outros grupos ou persoas, sempre preparad@s para buscar posibles erros pero pasando por alto os éxitos dos demais. Conclusión: permanentemente comparámonos cos demais e crémonos superiores, os únicos, os bos. Por que seremos tan mesquiños?. Acaso non será porque temos complexo de inferioridade ou porque non estamos segur@s do que facemos?. Será porque nos gusta dominar e impoñer o noso a toda costa?. Os discípulos non tiñan claro, non lembraban que a súa pertenza ao grupo de Xesús foi un agasallo. Ningún deles, ningún de nós, presentamos diante do Mestre un concurso de méritos para ser elixid@, senón que foi Xesús o que se presentou diante deles, diante de nós, e chamounos, a pesares dos defectos, erros ou debilidades. En cada persoa, Deus sementou as sementes do ben: cómo e cándo comecen a xermolar e a dar froito, iso depende de nós. Ás veces, coma Xoán e o resto dos discípulos, nós tamén temos ciumes daquelas persoas que sen pertencer ao noso grupo, ao noso partido, ou mesmo á nosa relixión, actúan mellor ca nós. Si, en demasiadas ocasións a nosa Igrexa é exclusivista. Por desgraza e cada vez máis frecuentemente, moit@s crentes que traballan polo ben, a xustiza ou a paz son excluíd@s ou post@s en entredito só porque “non eran dos nosos”, da nosa liña. Cantos Xosués e Xoanes seguen empeñados en defender unha exclusividade -que, por suposto, ninguén posúe-; antepondo ao amor intereses mesquiños ou criterios de autoridade e exclusividade absolutamente rexeitados por Xesús. Moisés pregúntalle a Xosué se se volveu celoso. Nós tamén teriamos que facernos hoxe esa mesma pregunta. Son os ciumes que nos acosan cando nos achegamos a alguén importante e queremos usar con exclusividade os beneficios da súa amistade. Son os ciumes derivados do noso afán de protagonismo e de querer estar sempre en todas as salsas. Son os ciumes quen os impiden aledarnos dos proxectos innovadores doutras persoas. Son os ciumes que nos converten en persoas amargadas, ríxidas, encorsetadas. Son os ciumes derivados de non querer recoñecer a presenza do Espírito entre nós, entre todos nós.
  • Porque o Espírito é o mesmo, cómpre saber recoñecelo nas persoas, nas accións, nos proxectos que non buscan excluír a ninguén. A dura sentencia “non é dos nosos”, está na orixe de guetos, discriminacións e intolerancias. E nun mundo dividido e confundido, moitas veces os cristiáns e as cristiás esquecemos que temos unha mensaxe e unha tarefa: traballar pola unidade, loitar para erradicar canto divide e enfronta. O noso posto está en contra da desigualdade que divide a pobos en desenvolvidos e subdesenvolvidos, en traballar contra da inxustiza que explota e marxina, en denunciar todo aquilo que vai contra a dignidade da persoa segregando en clases, castes, cidadáns de primeira e de segunda, bos e malos. Isto quere dicir que deberiamos alegrarnos cando se traballa, desde outras instancias, a prol do Reino, que é xustiza e paz. Pero significa tamén que podemos e debemos sumar os nosos esforzos aos de todas as persoas de boa vontade, aínda que non compartan a nosa fe ou a expresen de xeito distinto. A fe non pode ser un pretexto para o separatismo ou a discriminación, senón que é forza de Deus para xuntar esforzos, valorando canto hai de auténtico nos demais. Non nos afoguemos, pois, en etiquetas e nomes: católico, ateo, ortodoxo, agnóstico.... vaiamos máis ao fondo para descubrir o fondo que hai en cada persoa. Se o Espírito é xeneroso, que nós non o encorsetemos no noso ríxido esquema.
  • Só se somos capaces de deixar atrás o noso afán de protagonismo e a nosa vocación de xuíces frustad@s. Só se somos capaces de liberarnos do materialismo que nos afoga e nos leva a acaparar e posuír. Só se buscamos primar o ser sobre o ter, tal e como nos di Santiago na súa carta, tomando en serio o noso compromiso cristián e a nosa opción polos pobres e pequenos, seremos quen de dar un testemuño convincente de que paga a pensa apostar por Deus, de que a relixión dá sentido á nosa vida. Nestes momentos que estamos a vivir, de tanta dificultades nos que cada día son máis as persoas abocadas ao paro, nos que os comedores sociais están cada vez máis ateigados de xente, nos que en demasiados fogares hai que facer verdadeiros milagres para chegar a fin de mes e noutros non se chega nin tan sequera facendo milagres, necesitamos resituarnos, pararnos e pensar con sinceridade e sen tentar enganarnos a nós mesmos sobre cales son as necesidades fundamentais da nosa vida. Oxalá que saiamos hoxe da nosa celebración cheos da esperanza que nos ofrece a fe para non calar e ser cómplices dos poderosos e explotadores.
 

FRATERNIDADE ORANTE

Moitas veces o noso corazón vólvese de pedra e non é quen de sentir o sufrimento de tantas persoas ás que as situacións da vida, e o actuar doutra xente ten levado á infelicidade. Querendo traballar para que nós non fagamos o mesmo, dicímosche:
DANOS UN CORAZÓN QUENTE
  • Pola Igrexa, para que non perda tempo, forza e enerxía en condenar, impoñer ou desconfiar, senón que desde unha actitude aberta, inclusiva e misericordiosa sexa quen de transmitir o amor de Deus a todas as persoas, crentes ou non, OREMOS.
    DANOS UN CORAZÓN QUENTE
  • Para que as nosas comunidades nunca se convertan en guetos excluíntes ou en falsos tribunais de xustiza e así, deixando a un lado ciumes e afán de protagonismo, saibamos ser compaña para quen esta só, escoita para quen esta desesperanzado, consolo para quen está triste, alento para quen está enfermo, acollida para quen é ninguneado e menosprezado, OREMOS.
    DANOS UN CORAZÓN QUENTE
  • Por cada un e cada unha de nós, para que aprendamos a valorar todo o bo que hai no corazón das persoas que nos rodean e saibamos ser agradecid@s por canto nos ensinan e nos transmiten coa súa vida, OREMOS.
    DANOS UN CORAZÓN QUENTE
    Señor, axúdanos a esforzarnos cada día por facerlle a vida máis feliz a todas as persoas que comparten con nós a inquedanza por un mundo mellor, no que ninguén sexa excluído. PXNS. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA

Señor, son moitas as persoas que deixaron pegada en min,
moitas as que me axudaron a descubrirme,
a espertar , a cambiar e a enriquecerme.

Aquela persoa que, inesperada e oportuna, soubo escoitarme con comprensión.
Aquela que, aínda estando lonxe, sentín preto.
Aquela que, coa súa bondade, fíxome ser sinxelo.
Aquela que, corrixíndome con agarimo, esixiume camiñar.
Aquela que, experimentando a súa debilidade, fixo que me sentira pobre.
Aquela que, coa súa experiencia de gratuidade, me abriu un mundo de relacións fraternais.
Aquela que, coa súa vida incansable, invitoume a loitar.
Aquela que, coa súa necesidade de min, fixo que me sentira único.
Aquela que se atreveu a dicirme: quérote.
Aquela que anunciou en min a boa nova de que Ti me queres.

Son o que son grazas a moitas persoas, pequenas e grandes, amigas e anónimas.
Déixame darche as grazas por elas, que me marcaron para sempre coa súa vida e frescura.
Déixame darche as grazas, cantarche e louvarte por todas elas, fillas túas, irmás miñas.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...