Ir al contenido principal

24 Domingo TO B 2105

A vivencia da fe ou é solidariedade ou non é fe.
Sen feitos que a fagan crible, a fe non serve para nada”
Descarga o ficheiro
RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
o   ENTRADA: Camiñando pola vida
o   LECTURAS: Camiñarei na presenza
o   OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas
o   COMUÑÓN: Déixate querer
OLLOS ABERTOS
Isaías e Santiago volven poñer diante dos nosos ollos onde está o importante, e onde debemos poñer o secundario e accidental da vida de fe. Unha fe que non se viva desde un actuar que ten a defensa e dignidade do ser humano no centro, non é máis que ideoloxía, intolerancia e dogmatismo. Unha tríade que pon as normas, as leis e ideas por riba das persoas. E, contra do que din aqueles que teñen medo a perder poder e mando, non han ser o medo, a desconfianza e a dependencia, para que outros decidan por un, o noso xeito de actuar e comportarnos. Se Deus nos creou libres e iguais en dignidade, non podemos deixarnos levar nin do costume nin da inercia que fai que non nos preguntemos; non unha, senón moitas veces: por que creo? De que xeito a fe me enriquece como ser humano? Cómo as miñas conviccións relixiosas me fan mellor persoa, veciño, compañeiro de traballo, pai ou nai? Si, son estas as preguntas que temos que facernos cada día. Pero debemos facérnolas nós tentando de buscar resposta, non deixándonos levar do que fan todos, do que din os que “mandan” ou do que é tradición. E iso por que? Porque a fe sen razón –reflexión, sentido, racionalidade, coherencias lóxica– non é máis que manipulación. E Deus non nos quere manipulados senón libres.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Por quedar na miña comodidade e non saír en defensa dos máis débiles e necesitados; SEÑOR, QUE NON ME AVERGOÑE DE CONFESARME SEGUIDOR TEU.
û  Por reducir a miña fe a ritos e costumes, e non a feitos que humanicen, respecten e acollan; CRISTO, QUE NON ME AVERGOÑE DE CONFESARME SEGUIDOR TEU.
û  Por non querer asumir que a fe non é postureo, senón compromiso e coherencia no actuar; SEÑOR, QUE NON ME AVERGOÑE DE CONFESARME SEGUIDOR TEU.
PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
  • Estes tempos nos que parece que unha gran maioría dos que conformamos os países que antes se chamaban de cultura cristiá –Europa– renegan das súas raíces e da súa fe, é o momento no que os que nos sentimos e esforzamos por vivir a mensaxe de Xesús deamos razón e sexamos testemuñas gozosas e sen medo da nosa fe. É dicir: que os medos, as desconfianzas, as vergoñas e todo canto vai levando a que a dimensión relixiosas esmoreza en nós, non sexa o que prime e domine na nosa vida e no noso xeito de actuar e comportarnos. Cando Francisco nos chama a empeñarnos en defender a casa común na que todos compartimos teito –o mundo– temos que sacar o mellor de nós para impedir que a economía, o poder e os intereses escuros que dirixen o mundo se apropien del e reduzan ás persoas, principalmente ás máis débiles e pobres –as que viven nas periferias da miseria, como diría o Papa- a simples datos de balances de contas ou a números ou tantos por cento, que so fan encher a súa faldriqueira de materialismo en forma de dominio e cartos. Se queremos ser coherentes e sinceros con nós mesmos –a Deus, inda que o intentemos, é moi difícil que o enganemos– non podemos botarnos atrás na loita pola dignidade das persoas. Estamos a ver nestes días como algo que en principio non tiña por que ser motivo de discordia, como é o novo hospital de Vigo, estase a converter nun rebumbio de enganos, mentiras e desconfianzas, da que os únicos que saímos perdendo somos os usuarios del, os pacientes. Por iso é tan importante non deixarnos enganar, e non permitir que os que mandan acaben por converternos en persoas escépticas e desconfiadas. Seguindo o vieiro que nos abre e que nos invita a seguir Isaías na primeira lectura, que tampouco nós escondamos a cara cando teñamos que defender o que son dereitos e melloras polas que moita xente durante moitos anos, mesmo séculos, foi quen de dar a súa vida. Se eles o fixeron, e nós renunciamos, que mundo imos deixar para os que veñen tras de nós?
  • E o que dá coherencia e sentido a esa defensa non son as palabras -que sendo importantes, porque as cousas hai que pensalas e formulalas para que non se convertan en arroutos que veñen e se esquecen- senón as obras, tal como nos recorda Santiago na súa carta. A súa pregunta a aqueles cristiáns da primeira hora, segue a ter a mesma forza hoxe para nós, cristiáns nesta Europa decrépita e cada vez máis deshumanizada: que proveito nos ten a nós dicir que temos fe se non o acompañamos cos nosos feitos? Poderemos rezar moito, ir moitas veces á Franqueira ou a Lurdes, mesmo meternos nun caixón de mortos para saír na procesión; pero se logo somos dos que berramos cos veciños, levámonos mal con todos os da familia, somos capaces de pelexar por un metro de terra ata mallarnos ou levantarlle o legón a quen o intente, mentimos para pagar menos a facenda ou para cobrar unha paga sabendo que de non ser por esta mentira non a mereceriamos por non cumprir os baremos esixidos... que cristianismo é o noso? Para que vimos á celebración? A isto se refería naquel tempo o texto de Santiago. Hoxe tamén se pon diante dos nosos ollos e resoa nos nosos oídos para que fagamos unha paradiña e pensemos se de verdade a nosa fe en Xesús é sincera, real e honesta, ou se move na rutina, o ritual e o costume, como se fose algo desconectado de todas as demais cousas da vida. A forza da fe cristiá non está, inda que isto o escoitaramos moitas veces, en vir á Misa, senón en vivir poñendo ao servizo dos demais o mellor dun, para facer do sitio no que vivimos un cachiño de mundo humanizado e feliz. Despois, froito diso, e non de rutinas nin costumes, vir á Igrexa para celebralo dando grazas e pedíndolle a Deus forza para nunca renegar deste camiño.
  • Deste xeito poderemos logo responder tamén nós á pregunta que Xesús lles fai aos discípulos, pois co noso testemuño, co noso actuar, estariamos dicindo quen é Xesús para cada un e cada unha de nós, os que nos chamamos os seus seguidores. Ser seguidor del non é un título que se saca nunha universidade, nin un billete de premio que se dá por ir moito á misa; e moito menos a suma total de misas, novenas ou procesións nas que teñamos participado. Non. Ser seguidor de Xesús é querer poñerse no seu camiño e intentar percorrelo loitando pola xustiza e sabendo que cando lle dicimos irmán a alguén, estamos emparentando con Aquel que dá razón e sentido á fe na que fomos bautizad@s: Xesús.
FRATERNIDADE ORANTE
Unimos palabra e corazón para presentarlle ao Señor a nosa oración comunitaria, e dicimos xunt@s:
QUE O NOSO ACTUAR TEÑA A SÚA RAÍZ EN TI
¨      Para que cantos conformamos a Igrexa non teñamos nunca medo de anunciar con alegría e esperanza a mensaxe de Xesús desde a entrega xenerosa ás persoas que son excluídas polos ricos e poderosos, OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR TEÑA A SÚA RAÍZ EN TI
¨      Por todas as persoas que viven na incomprensión, a soidade e o esquecemento por parte das institucións públicas e privadas, para que nós nunca lles deamos as costas, senón que saibamos ser a súa voz e a súa defensa, OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR TEÑA A SÚA RAÍZ EN TI
¨      Para que os enfermos, os excluídos,os enganados e os criticados por ser diferentes e non deixarse dominar polos que manipulan, enganan e abusan dos máis débiles, atopen en nós a man que os alente e o tempo que os acompañe, OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR TEÑA A SÚA RAÍZ EN TI
¨      Nestes días nos que en todo o Estado os nosos nen@s e mozos comezan un novo curso, poñemos o traballo e esforzo de cantos conforman a comunidade educativa na túa man, Señor. Que aprendan a descubrir e valorar o gran don dunha educación gratuíta e de calidade, OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR TEÑA A SÚA RAÍZ EN TI
Señor, hoxe lémbrasnos, unha e outra vez, que a fe sen obras non ten nin forza nin sustancia. Que nunca a deixemos esmorecer coa nosa covardía e a nosa falta de esperanza. PXNS. Amén.
OÍDOS ATENTOS
Qué tipo de mundo lle queremos deixar aos que nos sucedan, aos nenos que están crecendo? Esta pregunta non afecta só ao ambiente de maneira illada, porque non se pode plantexar a cuestión de modo fragmentario. Cando nos interrogamos polo mundo que queremos deixar entendemos sobre todo a súa orientación xeral, o seu sentido, os seus valores. Se non está a latexar esta pregunta de fondo, non creo que as nosas preocupacións ecolóxicas poidan lograr efectos importantes. Pero si esta pregunta se plantexa con valentía, lévanos inexorablemente a outros inqueritos moi directos: Para que pasamos por este mundo? para qué viñemos a esta vida? para que traballamos e loitamos? para que nos necesita esta terra? Por iso, xa non basta dicir que debemos preocuparnos polas futuras xeracións. Requírese advertir que o que está en xogo é a nosa propia dignidade. Somos nós os primeiros interesados en deixar un planeta habitable para a humanidade que nos sucederá. É un drama para nós mesmos, porque isto pon en crise o sentido do propio paso por esta terra.

(L.s. 160)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor