Ir al contenido principal

3 Advento 2015

Só coa alegría que nos trae Xesús, seremos capaces de dar razón da nosa esperanza
SINAL DE ADVENTO: Colocamos no taboleiro a silueta dos pais/nais.
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5)
LECTURAS: A túa palabra (Nº 25)
OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
COMUÑÓN: Volve Señor (Nº 90)
ESCOITA ACTIVA
Na metade do Advento, os textos fálannos da alegría. A alegría que El nos trae, pero tamén a alegría que nós temos que ir vivindo, compartindo e manifestando. Si que é verdade que os tempos e a situación están difíciles, que as cousas non saen como en principio as pensabamos; que a dor e a enfermidade seguen a chamar a nosa porta, e ás veces parece que con moita forza e con moita frecuencia. Pero non nos enganemos: iso non é máis que a vida, a nosa vida. Imos camiñando entre dor e alegría; entre tristura e esperanza; entre fracaso e gozo. Iso sabémolo. Tampouco deberiamos esquecer que a fe non nos quita nada do anterior –non seriamos humanos se así fose-... pero si que nos dá unha perspectiva nova: non desesperanzamos.
Que a celebración de hoxe renove a forza da alegría que nos trae Xesús para que ante as dificultades saibamos poñerlle esforzo, constancia e forza para superalas. E para un crente El é quen nolo ofrece. Acollámolo.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Por vivir na tristeza e esquecer a esperanza, SEÑOR, QUE O CORAZÓN SE ABRA Á TÚA MISERICORDIA.
·      Por esquecer que somos iguais e merecemos o mesmo respecto, CRISTO, QUE O CORAZÓN SE ABRA Á TÚA MISERICORDIA.
·      Por non querer dar a cara por quen sufre ou é maltratado, SEÑOR, QUE O CORAZÓN SE ABRA Á TÚA MISERICORDIA.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
ü Xúbilo significa alegría. A alegría que sae de dentro, do profundo de cada un de nós. A alegría que nos fai sentir iguais e nos abre a recoñecernos no ben que somos capaces de facerlle aos demais. Por iso, como di o profeta Xoel, o Señor alédase e faino con xúbilo na capacidade que temos de ir facendo o ben, e intentando poñer sorrisos e esperanzas nas vidas e nos corazóns das persoas que van quedando atrás, ás que ninguén fai caso nin se preocupan delas. Prepararnos para acoller a Xesús úrxenos a cambiar as nosas actitudes de negatividade e esquecemento dos demais en presenza e compromiso.
ü Por iso é grande. Non a grandeza aparente, senón a grandeza de quen pon no centro do seu actuar e do seu proxecto para a humanidade ás persoas. Que importante é que recordemos iso neste momento no que os números, os resultados, o posuír é o que vai tendo éxito, atención; e o máis triste, é o que desexa unha gran maioría dos seres humanos. Non desexamos ser mellores, solidarios, xustos, honestos, non. Desexamos ser ricos, famosos, importantes... Temos pensado algunha vez a onde nos levan estas actitudes? Que mellor ca hoxe, no domingo da alegría, para facelo, pasando pola peneira da nosa reflexión o noso xeito de actuar, para ver se isto nos converte en mellores persoas e máis felices.
ü Contamos cunha gran axuda. Dicíallo Paulo aos filipenses: El está preto, nin garda distancia, nin se vai. Tampouco nos dá as costas nin nos ignora. Ao contrario, está e camiña con nós, poñéndose ao noso lado. Os seus gozos e tristuras son os nosos. Porén, nós moitas veces somos os que nos afastamos del, os que marcamos a distancia, os que sentimos vergoña de confesar nel a nosa fe, por iso necesitamos a conversión. Pero non unha conversión calquera, senón a que nos esperta e nos abre á solidariedade. Inda estamos a tempo, neste Advento, de cambiar as cousas, de mirarnos e descubrir en que fallamos; de volver darnos unha nova oportunidade. Só quen é consciente do cambio, de que todo canto o que o facía infeliz foi quedando atrás, entende por que sigue a vir de novo sen cansar. Que facemos nós?
FRATERNIDADE ORANTE
Recemos logo xunt@s desde a alegría do corazón, que non a alegría ritual, e digamos:
QUE A ALEGRÍA DO CORAZÓN REBORDE NA NOSA VIDA
v Para que a Igrexa sexa casa común de esperanza e alegría, OREMOS.
QUE A ALEGRÍA DO CORAZÓN REBORDE NA NOSA VIDA
v Para que as nosas parroquias sexan berce de acollida, escoita, axuda e colaboración, OREMOS.
QUE A ALEGRÍA DO CORAZÓN REBORDE NA NOSA VIDA
v Para que nós fagamos deste tempo de Advento tempo de cambio, reflexión e esperanza real e transformadora, OREMOS.
QUE A ALEGRÍA DO CORAZÓN REBORDE NA NOSA VIDA
Grazas,Señor, por este acubillo ledo e xeneroso no que compartimos os nosos gozos, tristuras e esperanzas poñéndoas baixo o teu agarimo. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
VILO VIR CADA DÍA QUE AMANECE.
Velo vir en cada irmán que saudamos cada mañá.
Velo vir en cada irmán ao que sorrimos.
Velo vir en cada irmán ao ofrecemos a nosa man.
Velo vir en cada palabra de bondade que dicimos.
Hai que aprender a “ver vir a Deus, que sempre está vindo”.
Sabemos que está; pero cada día faise novo.
Sabemos que nos ama; pero cada día con un amor novo.
Sabemos que espera mito de nós; pero cada día é unha esperanza nova.
Velo vir en cada neno que nacerá neste tempo de Advento.
Velo vir en cada amigo que atopamos no camiño...
O que importa é que nós saibamos velo vir.
Non sexa que Deus veña e atope as portas con chave.
Non sexa que Deus veña e pase de largo.
Non sexa que Deus veña e non nos atope na casa.


(Caritas, Advento e Nadal)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Propostas para o Domingo 25 TO B

25 domingo TO B 2015  HAI PERSOAS QUE SERVEN UN DÍA E SON BOAS. HAI OUTRAS QUE SERVEN UN ANO E SON MELLORES. OUTRAS SERVEN MOITOS ANOS E SON MOI BOAS... PERO TAMÉN HAI AS QUE SERVEN TODA A VIDA: ESAS SON IMPRESCINDIBLES E IMPORTANTES Descarga o ficheiro Domingo 25 TO B 2012  https://remoldapalabra.blogspot.com/2012/09/domingo-25-to-b.html DOMINGO 25 TO B 2009 https://remoldapalabra.blogspot.com/2009/09/domingo-25-to.html

Domingo 22 TO B 2018

A PALABRA INVÍTANOS A FUXIR DAS FALSAS FIDELIDADES E A NON ESQUECER QUE O ÚNICO IMPORTANTE, O QUE VERDADEIRAMENTE NOS FARÁ FELICES, É AXUDAR, COMPARTIR, EMPATIZAR COA XENTE, NA QUE DEUS SE NOS MOSTRA
Descarga o ficheiro CANTO GOZOSO ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)
LECTURAS: Benaventurados (Nº 119)
OFERTORIO: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
COMUÑÓN: Déixate querer (Nº 61) PARA NON PERDER O PASO
En máis dunha ocasión tennos matado a nosa “pretendida e excesiva” fidelidade. Si, inda que nos resulte estraño, quen algunha vez non se deixou levar polo que manda a letra, esquecendo ás persoas que vían que esa mesma letra os facía infelices?. Quen, en máis dunha ocasión, non se ten amarrado á literalidade para xustificar os propios medos e inseguridades?. Quen non ten posto as normas por diante do corazón das persoas para pretender ter tranquila a súa conciencia?.

A Palabra invítanos hoxe a fuxir destas falsas fidelidades, e a non esquecer que o único importante, o que verdadeirament…