Ir al contenido principal

31 domingo TO C 2016


Se cremos no Deus da vida, por que o noso actuar é tan pouco vitalista
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
ENTRADA: Con ledicia vimos (Nº 3)
LECTURAS: Pai, Pai, póñome nas túas mans
OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá (Nº 34)
COMUÑÓN: Acharte presente na vida (Nº 51)
ESCOITA ACTIVA
Falar da vida, vivir a vida, crear vida... son todas elas expresións que escoitamos e utilizamos moitas veces. Non sei se cando isto ocorre somos conscientes do que supón respecto a como debemos de comportarnos e facer as cousas. Porque se a vida é un don que temos que ir desenvolvendo, por que non somos quen de demostralo desde a nosa maneira de valorar o que somos, de querernos sen aparentar, de respectarnos sen necesidade de que ofendamos aos que non pensan coma nós, non falan coma nos ou non rezan coma nós? Si, a todos se nos escapa a lingua para dicir cousas que despois, cando hai que concretalas, non somos capaces de darlle continuidade coa nosa maneira de actuar. Por iso o papa Francisco, na súa exhortación sobre a Ledicia do amor, insiste moitas veces na necesidade de deixar atrás as palabras bonitas, as medias verdades, as aparencias, que non din nada; para construír a vida desde o realismo da sinxeleza, a acollida e a colaboración.
Que a celebración de hoxe nos axude a pensar, desde a vida de cada unha das persoas que nela participamos, se o que facemos e a maneira de facelo supón respecto á vida, toda vida, e á dignidade que ela encerra.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Para que sexamos construtores de vida aprendendo a respectar e querer a quen pensa distinto a nós; SEÑOR, QUE VIVAMOS A VIDA DESDE A TÚA ESPERANZA.
  • Para que non deixemos que o desánimo nos converta en cristiáns de ritos e costumes, esquecendo que é no que facemos cada día onde debemos mostrar que Ti es a nosa forza; CRISTO, QUE VIVAMOS A VIDA DESDE A TÚA ESPERANZA.
  • Para que o enfrontamento, a mentira, a desconfianza e o orgullo non tapen a necesidade de recoñecer as nosas equivocacións; SEÑOR, QUE VIVAMOS A VIDA DESDE A TÚA ESPERANZA.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*      A sabedoría de Deus, como tantas veces temos manifestado e escoitado uns e outros, non se identifica coa acumulación de coñecemento, senón co ir despregando, na nosa relación duns cos outros, a capacidade de saber escoitarnos, de dedicarnos tempo, de non deixarnos levar das présas, ou de valorar a experiencia dos que xa teñen pasado polo que nós estamos a pasar. É entón, unha sabedoría pouco ao uso do que se entende agora. Para El, o importante non son as licenciaturas, doutorados ou os moitos idiomas que saibamos falar. O importante para Deus, por iso El é sempre contrapunto para a maneira de pensar que temos ás persoas, é saber poñer no centro da nosa maneira de facer as cousas aos homes e mulleres que rin, choran, sofren, gozan, vense necesitados de tenrura ou saben que poden levar alegría a quen está solo, desacougado ou triste. Por iso esta mañá a Palabra non pode deixarnos indiferentes, despois de escoitala, respecto a como nós imos facendo as cousas, porque a forza de non parar e pensar nelas, acabamos por volvernos indiferentes ante canto lle pasa aos que están ao noso redor. E xa sabemos, que, como nos di esta Palabra, inda que El é amigo da vida, tócanos a nós facer que esta amizade creza, madure e se estenda cara aos demais.

*      Abrir a nosa relación aos demais e superar a tentación de empobrecernos en nós mesmos, supón todo un esforzo, unha tarefa que non sempre é doada. Moitas veces verémonos sen ánimo, sen forza, incapaces de deixar atrás o fracaso dunha relación, a contestación que non esperabamos de quen tanto queriamos, a dor e o sufrimento dalguén que tanto necesitamos e queremos; en fin, moitas situacións que a todos, nun momento ou outro da vida, nos teñen chegado. Para os primeiros cristiáns estas situacións tampouco eran doadas de entender e vivir, por iso necesitaban a presenza, física ou por carta, daqueles que os foran incorporando á fe en Xesús. E un dos que asume esta tarefa é Paulo, e na carta que hoxe temos escoitado aos Tesalonicenses, dilles que inda que as dificultades van seguir estando presentes nas súas vidas, é necesario asentar a busca da forza para afrontalas en Xesús: no seu proxecto de comunidade, que fai posible que nos vaiamos axudando uns aos outros; no seu alento permanente, que non deixa que as dificultades escurezan ou destrúan as conviccións de fe; na necesidade de valorar a forza da oración realista, sincera, auténtica e verdadeira, a oración de quen se pon na man de Deus sen renunciar a esforzarse e afrontar canto a vida vai poñendo no camiño que día a día temos que ir realizando. A esperanza plena e final chegará, claro que chegará! acaso non o confesamos sempre que rezamos o credo? pero non poderá ser plena se antes non fomos capaces de arrimar o ombreiro para ir superando, entre todos, os problemas e dificultades, persoais e comunitarios, que a todos se nos presentan. Non é logo a nosa unha fe de mirar para o ceo sen poñer os pés no chan, senón todo o contrario!.

*      E a capacidade de poñer sempre os pés no chan e non escapar das dificultades fainos ver que sempre, todos, estamos necesitados uns dos outros. Isto axuda a que aprendamos a ser dialogantes, solidarios e abertos a ver máis alá da situación persoal de cada un de nós. A salvación, esa palabra que tanto escoitamos, supón que o que nos agarda ao final ao lado de Deus, será froito de toda a capacidade e esforzo que puxemos por poñer os ollos, non só nas cousas que nos conveñen e interesan, senón na capacidade que temos de xerar encontro e relación cos demais. No Evanxeo vemos isto na actitude que Xesús mostra con Zaqueo. Outros, tendo en conta o seu pasado -recadador de impostos, ao servizo sempre do inimigo: os romanos- xa lle terían dado as costas. Pero Xesús non. Ao contrario: achégase, escóitao, acompáñao, entra na súa casa... porque só cando nos achegamos e somos capaces de deixar atrás xenreiras, envexas, rancores e todo canto nos enfronta -a uns e a outros, porque as cousas non teñen só unha dirección- conseguiremos entrar no proxecto de salvación ao que nos chama e invita Xesús. Remexamos dentro de nós para non deixar pasar esta oportunidade que, desde a actitude do Zaqueo que se recoñece necesitado de cambiar, axude a que tamén nós cambiemos para ser mellores persoas, verdadeiros crentes e auténticos cidadáns esforzados por crer de verdade no proxecto de construír a casa común.
FRATERNIDADE ORANTE
Porque Deus é un Deus de vivos e para os vivos, compartamos a oración comunitaria dicindo:
SEÑOR, GRAZAS POR QUEDAR NA NOSA CASA
  • Para que a Igrexa sexa sempre casa común onde poder expresar a fondura de canto nos doe, nos aleda, nos anima ou nos entristece, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR QUEDAR NA NOSA CASA
  • Para que a relación entre nós nas nosas parroquias sexa verdadeiramente fraterna, solidaria e con capacidade de perdoar e pedir perdón uns aos outros, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR QUEDAR NA NOSA CASA
  • Para que canto temos compartido, rezado, reflexionado e vivido na celebración de hoxe nos axude a tomar conciencia de que só afrontando os problemas do aquí da terra, entenderemos o que significa a plenitude do amor de Deus, alí no ceo, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR QUEDAR NA NOSA CASA
Señor da vida e de vida, acompaña sempre o noso camiñar en comunidade, para que a salvación que nos ofreces poidamos acollela desde a solidariedade dos que nos sabemos fill@s do Deus que nunca nos deixa sós. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Sinaláchesnos un anaco da viña e dixéchesnos: “vinde e traballade”. Mostráchesnos unha mesa baleira e dixéchesnos: “enchédea de pan”. Presentáchesnos un campo de batalla e dixéchesnos: “construíde a paz”. Sacáchesnos ao deserto coa alba e dixéchesnos: “erguede a cidade”. Puxeches unha ferramenta nas nosas mans e dixéchesnos: “É tempo de crear”.
Escoita ao mediodía o rumor do traballo co que o ser humano se afana na túa herdade e crece cada día entre as súas mans a obra das túas mans.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...