Ir al contenido principal

Santos 2016


SER FILL@S: UNHA ESIXENCIA QUE FAI DO ENVÍO TAREFA PERMANENTE NA BUSCA DE SER QUE TODAS AS PERSOAS SEXAN FELICES
CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Eu soñei (Nº 58)
o   LECTURAS: Benaventurados (Nº 118)
o   OFERTORIO: Deixade esta terra
o   COMUÑÓN: Gracias, Señor, graciñas (Nº 50)
ESCOITA ACTIVA
O que nos define aos cristiáns e ás cristiás é que somos fill@s. Fill@s no Pai e fill@s desde o Pai. Isto convértenos en axentes de fraternidade a través do noso actuar, do noso ver e do noso pensar: pés e mans, ollos e razón postos ao servizo de facer do lugar onde esteamos experiencia de reconciliación, misericordia e entendemento.
       En tempos de tanta convulsión, enfrontamento e desconcerto que levan a moitas persoas a afastarse da mensaxe de Xesús, celebrar a festa de Tódolos Santos quere, unha vez máis, recalcar que nin estamos a cumprir cun rito nin tampouco nos deixamos levar de modas televisivas e alleas á nosa cultura, senón que festexamos que o camiño da fraternidade, que se concreta en pasar facendo o ben, como fixo Xesús, é posible tamén hoxe, no aquí e agora da vida de cada un e cada unha de nós. Os testemuños de tantas persoas así o acreditan, e convértense para nós en exemplo a seguir para facer das nosas pegadas xenerosidade e solidariedade que poñan sorrisos en tantos corazóns magoados e entristecidos pola dor.
         Que este día non sexa só de lembranza das persoas que xa non están, senón de ilusión e esperanza para que os que agora estamos, deixemos tamén pegada, ao estilo de Xesús, que alegre, acompañe e faga da relación cos demais unha experiencia de verdadeira comuñón fraterna.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Porque moitas veces deixamos que a fe se converta nun mercado que pensamos podemos comparar con cartos; SEÑOR, NON PERMITAS QUE CAIAMOS NA TENTACIÓN.
·      Porque cada vez nos custa máis celebrar a fe, e caemos no costume de cumprir ritos baleiros; CRISTO, NON PERMITAS QUE CAIAMOS NA TENTACIÓN.
·      Porque seguimos pensando que a santidade é cousa do pasado, sen darnos conta que só se queremos ser santos, poderemos seguir as pegadas de Xesús; SEÑOR, NON PERMITAS QUE CAIAMOS NA TENTACIÓN.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
"Non lle fagades mal á terra nin ao mar, nin ás árbores...” Estas palabras da primeira lectura, do libro da Apocalipse, axúdannos a afondar na idea de que a santidade non se estreita nin se restrinxe aos templos ou ao cumprimento de ritos que se foron pasando xeración en xeración ao longo dos anos. Todo o contrario. A santidade non é rito, senón compromiso e realización de todo canto axude a coidar, protexer e dar vida ao plan de Deus no mundo. Un plan que ten como raíz coidar e custodiar a terra que pisamos, o aire que respiramos e ás persoas coas que facemos posible que a tarefa que Deus puxo nas nosas mans teña continuidade cada día, facendo do mundo lugar habitable. O coidado do mundo ("casa común", como lle chama o papa Francisco) non é algo alleo a nosa fe, senón unha dimensión esencial desde a que ir realizando o proxecto de Deus de "crecer e ser moitos". E así o entenderon tantas persoas que antes ca nós puxeron esforzo e tempo para acadar este obxectivo; homes e mulleres aos que hoxe recoñecemos, agradecidos, como pioneiros de santidade á que tod@s estamos chamados. Homes e mulleres que souberon aproveitar recursos, transformar refugallos, valorar a terra. Homes e mulleres anónimos, pero sempre presentes na lembranza dos que hoxe estamos aquí rezando e agradecendo o seu testemuño. Homes e mulleres que, sen estar no calendario, foron verdadeiros faros no camiño das nosas vidas aprendéndonos a coidar a natureza, e desde ela, a termar con amor uns doutros.
Hoxe queremos dar grazas polo seu exemplo, polo tempo posto a prol desta tarefa e por non renegar dela a pesares das dificultades, atrancos ou mesmo incomprensións que tiveron que sufrir. O camiño da santidade non é unha peana en igrexas e capelas, senón o esforzo por facer que o proxecto de Deus se vaia desenvolvendo a través da sinxeleza da vida entregada, con cariño e tenrura, ao servizo dos demais. Por iso, hoxe, facemos memoria agradecida de pais e nais, de avós e avoas, de irmáns e irmás, de veciños de veciñas, de... tantas persoas que fixeron o posible por facernos felices, séndoo elas tamén. A grandeza deste día é celebrar unha santidade con nome e apelidos, con rostro e cercanía, que pon de manifesto que sendo fill@s no Deus Pai, descubrimos a Xesús coma o Irmán desde o que compartimos esta fermosa tarefa de deixarlles aos máis novos un mundo no que poidan vivir, gozar e sentir que é posible a felicidade que nos ofrece Xesús vivindo as Benaventuranzas, tal e como acabamos de escoitar no Evanxeo. Felices tod@s aqueles aos que hoxe celebramos. E felices tamén nós que podemos gozar na nosa memoria do seu recordo e do tempo compartido con eles!
FRATERNIDADE ORANTE
Porque a santidade é un camiño que tod@s temos que esforzarnos por acadar, recemos agora xunt@s para que o Señor sexa a forza que nos alente nesta tarefa. Facémolo dicindo:
GRAZAS POLO TESTEMUÑO DA XENTE BOA E XENEROSA QUE BUSCOU FACER FELICES AOS DEMAIS
v Para que en toda a Igrexa este día de Tódolos Santos, sexa un día para celebrar que as sementes de fraternidade que puxeches nos nosos corazóns, foron dando froitos de boas obras ao servizo de cantos habitamos a "casa común" que nos deches, OREMOS.
GRAZAS POLO TESTEMUÑO DA XENTE BOA E XENEROSA QUE BUSCOU FACER FELICES AOS DEMAIS
v P ara que desde o silencio do corazón de cada un e cada unha de nós, fagamos memoria agradecida de tantas persoas que pasaron pola nosa vida, "facéndonos o ben", OREMOS.
GRAZAS POLO TESTEMUÑO DA XENTE BOA E XENEROSA QUE BUSCOU FACER FELICES AOS DEMAIS
v Por cada un e cada unha de nós, para que tamén nos esforcemos, con xenerosidade e misericordia, por escoitar, acompañar, axudar e comprender a cantos se nos achegan buscando que lles dediquemos un pouco do noso tempo, OREMOS.
GRAZAS POLO TESTEMUÑO DA XENTE BOA E XENEROSA QUE BUSCOU FACER FELICES AOS DEMAIS
v Para que poidamos seguir reuníndonos moitas veces máis, non por rutina nin costume, senón con xenerosidade agradecida, para compartir a fe que nos une e nos fai sentir necesitados de axudarnos uns aos outros, OREMOS.
GRAZAS POLO TESTEMUÑO DA XENTE BOA E XENEROSA QUE BUSCOU FACER FELICES AOS DEMAIS
Acompaña, Señor, o noso esforzo por facer da nosa casa común, do mundo que puxeches nas nosas mans, lugar de encontro, colaboración e entendemento. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Pai, neste día queremos darche grazas, no nome do Señor Xesús, polo testemuño de tantos homes e mulleres dos que te valiches para mostrarnos a forza e fondura do teu amor.
         Grazas por facer da misericordia, e non do rancor, vieiro polo que camiñar: acollendo, escoitando, acompañando e axudando a quen de nós necesitou; ou cando fomos nós os necesitados. Grazas, Pai.
         Grazas por non deixar que as dificultades, o agobio, a angustia ou a desesperación nos enguliran roubándonos a esperanza. Grazas porque sempre houbo alguén, ou moit@s, que se achegaron a nós e nos botaron unha man para non caer na perda do sentido. Grazas, Pai.
         Grazas porque hoxe, reunidos no teu nome, temos rezado xunt@s recoñecendo que non teriamos sido nada sen a túa compaña e a dedicación de tantas persoas ás que agora en silencio lembramos, e ás que lle agradecemos todo o amor e a entrega que puxeron en nós para que fósemos mellores e máis felices. Grazas, Pai.
         Dános sempre un corazón co que poder e saber agradecer. Porque sen Ti e sen cantos ao noso lado nos acompañan co sorriso do corazón, sería moito máis difícil, cando non imposible. Porque te sabemos e os sabemos con nós: Grazas, sempre e por sempre, Pai. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…