Ir al contenido principal

4 Advento 2016 A


ACHÉGASE A SALVACIÓN... DEIXEMOS QUE REVERDEZA O NOSO CORAZÓN
SINAL DE ADVENTO
Colocamos a derradeira folla na nosa árbore.


CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Volve, Señor (Nº 90)
o   LECTURAS: Benaventurados (Nº 118)
o   OFERTORIO: Camiñar sen Xesús (Nº 69)
o   COMUÑÓN: Vén axiña visitarnos (Nº 86)
ESCOITA ACTIVA
         Estamos xa na última semana do Advento. Unha semana que require de nos un esforzo por non caer en dúas tentacións. A primeira, a de deixarnos levar, pensando: “xa non hai nada que facer....total é a ultima! . A outra, vivir un Nadal meramente externo, pois o ambiente: comercios, rúas, decoración.... invítanos a mergullarnos neste consumismo baleiro e sen sentido.
Pola contra, nós estamos chamados a deixar reverdecer na nosa vida, no noso corazón as actitudes que María, Xoán, Xosé e tantos homes e mulleres de ben, souberon vivir e poñer ao servizo de quen estaba preto, buscando levarlles o sorriso e o acougo que lles faltaban.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Polas escravitudes que nos imos creando e que impiden que nos sintamos verdadeiramente libres; SEÑOR, REVERDECE O NOSO CORAZÓN RESECO.
·      Porque seguimos pedindo grandes sinais, pechando os ollos diante de tantas e tantas manifestacións da salvación de Deus presentes no noso mundo; CRISTO, REVERDECE O NOSO CORAZÓN RESECO.
·      Polas nosa maneira de tratar aos que están máis preto de nós, que moitas veces pon de manifesto a nosa pouca sensibilidade para o que eles pensan ou fan; SEÑOR, REVERDECE O NOSO CORAZÓN RESECO.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Ao longo da historia da salvación atopamos a un Deus que vai ofrecendo a mans cheas a súa salvación. Un Deus que, lonxe de intereses mediáticos, grandes oropeis, tribunas públicas, pompas e boato, está presente no pequeno, nas cousas sinxelas, no humilde.
No tempo de Moisés, Deus, o Deus dos pobres, fixo opción polo pobo oprimido, non polo pobo opresor. Non quere a tiranía dos exipcios nin a escravitude dos hebreos. Quere que todas as persoas, fillas súas, teñamos a mesma DIGNIDADE e IGUALDADE.
No tempo de Xeremías, Isaías, Baruc…, Deus, o Deus dos profetas, fixo unha opción polo pobo desterrado, non polo pobo conquistador. Lonxe da prepotencia babilónica e da dependencia de Israel, Deus quere para todas as persoas a LIBERDADE.
No tempo de Xoán Bautista e de María, Deus, o Deus das promesas, fixo opción polos sinxelos, polos austeros e polos humildes. Non quere a violencia nin o protagonismo, quere o RESPECTO e a SOLIDARIEDADE.
No tempo de Francisco, Deus, o Deus de Xesucristo, fai opción polos empobrecid@s e expoliad@s, pol@s marxinad@s e excluíd@s, pol@s febles e pacífic@s. Nunca poderá bendicir cegas ambicións e riquezas manchadas co sangue e a suor das persoas despoxadas da súa dignidade, porque El quere a XUSTIZA e a PAZ.
Porque como nos lembra Paulo, unha cousa é certa: Deus elíxenos, chámanos a formar parte do seu pobo. Non somos nós os que chamamos a súa porta, é El o que peta na nosa. Que grandeza a súa!. E que lonxe do que as veces entendemos, dicimos ou pensamos. Quere vir onda nós, sentir o que sentimos e aledarse coas nosas ledicias. Por que nos custa tanto entendelo?. Nós, moitas veces vivimos coma o rei Acaz, perdid@s entre as manifestacións da forza e do poder dalgúns que din traballar polo ben: fundamentalismos de todo signo que pretenden defender a pureza dunha relixión, dunha raza, dunha nación... Fronte disto, Deus maniféstanos que está presente alí onde se lle devolve á persoa a súa dignidade. Por que temos cambiado o sentido da súa mensaxe?. Que máis e mellor esperanza ca esta?. Abrámoslle a porta, rachemos as pechaduras do noso corazón e digamos con sinxeleza: grazas por vir, pasa e senta con nós.
FRATERNIDADE ORANTE
De novo, sentíndonos unidos nunha mesma fe, e dispostos a compartir a solidariedade na oración, dirixímonos a Deus para que aprendamos a ser verdadeiros  sementadores do seu Reino dicindo:
ACHÉGASE A SALVACIÓN, ACOLLÁMOLA
Pola Igrexa, para que saiba descubrir a presenza do Mesías esperado no traballo comprometido de tantas persoas que son capaces de arriscar a súa vida na defensa da xustiza e o cambio de estruturas inxustas, OREMOS.
ACHÉGASE A SALVACIÓN, ACOLLÁMOLA
Polas nosas comunidades, para que nos preparemos con máis intensidade para o encontro co Señor: visitando enfermos, falando con persoas soas, perdoando antigos desencontros, comprendendo situacións e persoas, acollendo a quen se sinta desprezado, OREMOS.
ACHÉGASE A SALVACIÓN, ACOLLÁMOLA
Por cada un e cada unha de nós, para que este tempo que hoxe rematamos sexa alento e forza que nos axude a vivir desde a sinxeleza, a austeridade e a profundidade o tempo de Nadal que peta na porta do noso corazón, OREMOS.
ACHÉGASE A SALVACIÓN, ACOLLÁMOLA
Grazas, Señor, por  facernos caer na conta de que non son as rutinas, senón a sinceridade no facer e pensar, o que nos achega a Ti e aos irmáns. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Grazas, Señor, porque nos invitas a endereitar os vieiros,
a preparar o camiño para que veñas.
Grazas, Señor, porque queres contar con nós.
Grazas, Señor, porque queres entrar na nosa casa e facer dela unha nova morada.
Grazas, Señor, porque te lembras de nós,
e poste no camiño polo que imos camiñando para que te atopemos,
porque Ti xa nos atopaches.
Grazas, Señor, porque vés, porque estás, porque estarás.
Grazas, Señor.

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…