Ir al contenido principal

Nadal 2016

Nacer e celebrar no canto de consumir e frivolizar: Nadal
Descarga o ficheiro

SINAL DO NADAL
1- Ao comezo da celebración imos ata o nacemento e colocamos a figura do Neno. Onde non haxa nacemento, pódese colocar no berce que adoita estar diante do altar a figura do Neno, e que logo se dará a bicar no remate da celebración. O que queremos significar é que o berce, antes baleiro, convértese agora en berce no que tod@s somos acolid@s, por riba de raza, xénero, relixión ou cultura. Porque confesar a fe é facer do noso actuar imaxe do Evanxeo.
CANTO AGRADECIDO
PANXOLIÑAS
  • §  ENTRADA: 
  • §  LECTURAS 
  • §  OFERTORIO: 
  • §  COMUÑÓN: 
  • §  BICADO DO NENO:
ESCOITA ACTIVA
Logo dun tempo de Advento no que nos temos ido esforzando por superar a seca da árbore que se fora esgotando pola falta de viveza, ilusión e xenerosidade;  e dispostos a que as follas que foron xurdindo nas pólas da árbore se manteñan cheas de savia durante moito tempo, achegámonos hoxe á nosa igrexa parroquial para facer confesión de fe comunitaria na que expresemos que o nacer de Xesús pídenos a nós estar dispostos a romper co reducionismo de converter este día de Nadal nun día de familia e comida, para reafirmar que o que celebramos, poñendo o mellor de nós, fainos pousar a nosa mirada no pequeno, o sinxelo, o que non é nin famoso nin importante como para saír na televisións; levándonos a acoller ao Deus neno que hoxe, superando non poucas dificultades, críticas e descualificacións, segue a querer nacer en nós para cambiarnos o corazón, de xeito que coma os pastores, tamén nós digamos con verdadeiro gozo e convencemento: gloria a Deus nas alturas, e na terra paz, fraternidade e xustiza! Dispoñámonos logo a participar deste camiño que nos veu invitar a seguir o Xesús neno.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Ø Porque seguimos necesitando purificar o noso corazón de todo canto nos fai esquecer que Nadal é nacer para cambiar a nosa maneira de mirar e mirarnos; GLORIA A DEUS NO CEO E MAIS NA TERRA.
Ø Porque nos deixamos vencer pola falsa alegría, a que non cambia o corazón, nin nos move ao perdón nin ao cambio de actitudes; GLORIA A DEUS NO CEO E MAIS NA TERRA.
Ø Porque nos sobran sorrisos e nos falta misericordia verdadeira e xenerosa; GLORIA A DEUS NO CEO E MAIS NA TERRA.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
o   "Que fermosos son sobre os montes os pés do mensaxeiro de boas novas": As palabras do profeta Isaías son anuncio de cambio ante a chegada daquel que nos ofrece un xeito novo de ver a realidade. Unha visión que non só queda na contemplación, senón que urxe a cambiar, a transformar esa realidade. A fermosura que hoxe comezamos é a fermosura que expresa que nada está perdido, que todo pode ser de xeito diferente. Ante o derrotismo no que tantas veces nos movemos, acoller en cada un/a de nós a quen nace vai supor un xeito novo de estar no mundo, de ser activos e colaboradores, de unir e non separar. Deus chega para quedar, pero para que iso poida ser así é necesario que nós tamén nos preparemos para que poida ter oco na nosa vida. E isto xa non depende de ninguén máis ca de nós. Que estamos dispostos a cambiar, a facer de novo, a deixar de facer... para que a nosa mirada sobre o mundo sexa a mirada que nos ofrece este Deus que se fai un dos nosos? Violencia, inxustiza, indiferenza, abuso, corrupción,explotación, utilización das persoas como se fosemos cousas... non entran na mirada que Deus ten de vernos e de ver o mundo.Queremos, de verdade, que naza ou preferimos facer un remedo do nacemento e tranquilizarnos convertendo o Nadal en consumo, gasto, luces de cores e simples adornos? Deus non vén para facer caixa en tenda e grandes almacéns, senón para cambiar o noso corazón e así ,entre todos, poder cambiar o mundo.
o   "En moitas ocasións e de moitos xeitos veulles falando Deus en tempos pasados aos nosos devanceiros": E se El vén insistindo unha e outra vez desde hai tempo e moitas veces, xa deberiamos ter a disposición para acoller a mensaxe que trae e para poñela en practica. Celebrar que El nace supón estar disposto a seguir o camiño que antes ca nós foron seguindo homes e mulleres ao longo dos séculos; un camiño que, tendo as súas dificultades, deixa pegadas de solidariedade, acollida, respecto, dignidade... para os que o seguen e para cantos o van descubrindo a través do testemuño dos que fan das palabras vida, actitudes e comportamentos. Hoxe tócanos a nós ser os mensaxeiros que mostren este camiño, e non seremos cribles se non o tomamos en serio, se non poñemos nel o mellor de cada un de nós, se non superamos os nosos prexuízos e rompemos barreiras que dividen, colocan fronteiras e establecen que uns son os bos, nós; e outros os malos, os demais. E a estes non lles queda outra que aguantar. Sen darnos conta de que a proposta, a mirada e a acción de Deus é outra. Non nos estaremos a trabucar de camiño?
o   "E a Palabra fíxose carne,e plantou entre nós a súa tenda".Para que non nos trabuquemos e poidamos logo avanzar, Deus faise presente no seu Fillo. A "Palabra" fíxose un de nós, e agora non só compartimos a mesma experiencia; senón que nos envolve a mesma dignidade e o mesmo respecto de uns cara aos outros. A súa irrupción entre nós cámbianos e cambia tamén o xeito de ser e estar uns cos outros. Non apaguemos a forza desta luz que hoxe, unha vez máis e tamén de xeito novo, irrompe na historia da nosa vida dándonos novas oportunidades. Que non lle neguemos nin a acollida nin o recoñecemento. El volveu de novo onda nós, aprendamos a recoñecelo!
FRATERNIDADE ORANTE
A Aquel que chegou na noite de salvación e paz, diriximos a nosa oración comunitaria e dicimos xunt@s:
QUE SEMENTEMOS A TERRA DE VERDADEIRA PAZ
      Hoxe, máis ca ningún outro día, pedimos pola Igrexa, para que traballe por superar actitudes que exclúen, discriminan, separan e diferenzan; e se empeñe en seguir a senda que nos veu traer Xesús de esforzarnos por comprender e traballar por un mundo mellor desde os de embaixo; OREMOS.
QUE SEMENTEMOS A TERRA DE VERDADEIRA PAZ
      Hoxe, máis ca ningún outro día, lembremos aos homes e mulleres da nosa parroquia que teñen máis dificultades, que están solos, aos que ninguén fai caso nin lles prestamos atención, para que non caiamos respecto a eles na indiferenza que os exclúe e os fai invisibles; OREMOS.
QUE SEMENTEMOS A TERRA DE VERDADEIRA PAZ
      Hoxe, máis ca ningún outro día, pedimos por cada un e cada unha de nós, para que sexamos capaces de cambiar o corazón, de superar o falso sorriso, de deixar atrás as segundas intencións e a desconfianza, e mostremos verdadeira alegría  por acoller, escoitar e prestar atención a quen ninguén lle fai caso; OREMOS.
QUE SEMENTEMOS A TERRA DE VERDADEIRA PAZ
      Hoxe, máis ca ningún outro día, lembramos a todas as persoas voluntarias, especialmente ás dos grupos de Cáritas das diferentes parroquias do mundo, que traballan na gratuidade do seu tempo para aquecer os corazóns das persoas que sofren, están solas ou se senten sen medios nin posibilidades de que as escoiten e lle presten atención; OREMOS.
QUE SEMENTEMOS A TERRA DE VERDADEIRA PAZ
      Hoxe, máis ca ningún outro día, esforcémonos por sentir o gozo de rezar xunt@s e de saír de aquí con ánimo gozoso e convencemento de que a fe que nos veu traer o Neno que nace pobre segue a manter viva en nós a chama da bondade, a xenerosidade e a busca do que une e nos fai persoas de esperanza agradecida; OREMOS.
QUE SEMENTEMOS A TERRA DE VERDADEIRA PAZ
Grazas, Señor, por seguir nacendo no corazón de cada un e cada unha de nós, a pesares das nosas incoherencias e cansazos. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Fronte a individualismo crecente, ao anonimato no que vivimos, á indiferenza ante a realidade do outro, Cáritas chama, neste día no que nace quen veu traer ao mundo unha mirada humana e fraterna, a ser en común, porque nada do humano nos é indiferente, porque somos todos responsables de todos.
Di Francisco da comunidade parroquial que é e está chamada a ser comunidade de comunidades, santuario onde os sedentos van beber para seguir camiñando (…), ámbito de viva comuñón e participación. Si así é a comunidade cristiá, Cáritas, como expresión organizada da caridade da comunidade, tamén está chamada a xerar comunidade e a promover a comuñón e a participación.
A comunidade é o espazo onde cremos que podemos acompañar e ser acompañados, xerar presenza, anuncio, denuncia, e outro estilo de vida que posibilite espazos liberados onde quen sofre, atopa consello; onde quen ten sede, atopa fontes para saciarse; onde quen necesita consolo, atopa acollida e cariño. Se somos comunidade deste xeito, estaremos no camiño de ir buscando solucións ás inxustizas, incomprensións e esquecementos que sofren as persoas, e responderemos á chamada que nos fai Xesús, cando nos di que cada vez que o fagamos aos e polos demais, a El llo estaremos a facer. Como tamén nolo pide Francisco cando nos invita a non quedar só dentro da igrexas.
                                    (A partires das ideas de: Cáritas, Llamados a ser en común)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor