Ir al contenido principal

1 Domingo de Coresma 2017 A



MUDAR O CORAZÓN DE PEDRA NUN CORAZÓN DE CARNE


SINAL DE CORESMA
O sinal que temos escollido para o advento é un debuxo dun corazón que cada semana iremos enchendo con distintas pezas que forman un crebacabezas. Queremos representar con el que a coresma é tempo de mirar cara dentro para ir mudando o corazón de pedra nun corazón de carne. As pezas serán diferentes (en cor e forma) para representar así ese poliedro do que tanto nos fala o papa Francisco (cfr. EG 236), un poliedro que recolle o mellor de cadaquén. 

Nesta primeira semana poñemos a primeira peza no crebacabezas.



CANTO GOZOSO
ENTRADA: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)
LECTURAS: Arrepentido (Nº 13)
OFERTORIO: Pai, Pai, eu póñome nas túas mans (Nº 85 C)
COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (nº 103)


ESCOITA ACTIVA
          Comezamos hoxe o tempo da Coresma, que quere ser un novo comezo, un camiño que nos leva a un destino seguro: a Pascua de Resurrección, a vitoria de Cristo sobre a morte. Estamos chamados a volver a Deus de todo corazón, a non contentarnos cunha vida mediocre. Pero que difícil é manterse fiel a uns ideais!. Que mágoa dá ver a facilidade coa que nos deixamos arrastrar por costumes e xeitos de vivir que se van implantando pouco a pouco na nosa sociedade baleirándoa de humanidade. É o que Francisco chama “cultura do descarte”, que tende a impor un xeito de vida no que tiramos ás persoas cando xa non nos serven; ou no fenómeno da corrupción, en xente que vende o seu cargo, a súa responsabilidade e a súa dignidade por un prato de lentellas, aínda que sexan millóns de lentellas; ou como damos culto a modas que terminan por deshumanizarnos, converténdonos en escravos dos cartos, do éxito, do prestixio....sacrificándolles todo. familia, amigos, veciños... a vida enteira.
E é que a tentación é sempre a mesma: ter en vez de ser. Que este tempo de coresma que hoxe comezamos, nos axude a discernir, a tirar polo camiño da opción fundamental: abrirnos a Deus e adoralo só a El.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • “Di que estas pedras se convertan en pan”. Porque en demasiadas ocasións seguimos empreñando do aire e tentando comerciar contigo, caendo na tentación do consumir en vez do compartir, SEÑOR, QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.
  • “Tírate de aquí abaixo”. Polas moitas veces nas que che seguimos pedindo probas e solucións aos nosos erros, caendo na tentación da infantilidade en lugar da liberdade e a responsabilidade, CRISTO, QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.
  • “Dareiche todo isto se te postras ante min”. Polas veces nas que buscamos ser centro de atención, que nos recoñezan o moito que valemos e facemos, que nos rendan pleitesía, caendo na tentación da egolatría, sen ter descuberto que o noso é o servizo, SEÑOR, QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
  • Creada por Deus por amor e para o amor, a persoa é un ser modelado por El co po da terra e animado polo alento divino. Estamos, pois, chamados á apertura a Deus, á relación con El. Nembargantes, ás veces, pretendemos substituír a Deus, rebelámonos contra El, queremos ser coma El. Entón chega o caos, e descubrímonos nus, sen rumbo, coma perdid@s. Cando tentamos construír a nosa vida á marxe de Deus, atopamos o fracaso.
  • Porén, Deus non cesa no seu empeño de buscármonos e de ofrecernos a súa salvación. O pecado, o mal, non ten a última palabra, senón que como nos dirá Paulo “onde abundou o pecado, sobreabundou a graza”. A pesares da forza do pecado, do mal; a graza é moito máis forte. Cristo sálvanos a tod@s, en que medida estamos dispost@s a acoller nas nosas vidas a salvación que Cristo nos ofrece?, como amosamos no noso quefacer cotián a ledicia de sabérmonos salvad@s por Cristo?, por que nos custa tanto entender que esta salvación é para tod@s, sen distinción ningunha?.
  • Ó longo do noso camiño somos conscientes da presenza do mal ó noso redor e mesmo dentro de nós. Na sociedade de hoxe, coma naquela dos tempos de Xesús, son moitas as tentacións que nos rodean e que mesmo ás veces nos abafan: a sede de poder, a abundancia de bens materiais, o éxito a calquera prezo....Ás veces parécenos que “todo vale”. Pero porque non todo vale, Ti ensínasnos que somos quen, coa forza do Espírito, de vencer o mal co ben; Ti ensínasnos que por riba de todo debemos buscar facer a vontade de Deus, marcándonos o camiño a seguir: a pobreza, o servizo, a humildade. Hoxe, no comezo do tempo coresmal é un bo momento para mirar cara dentro e empezar o camiño da nosa conversión.

FRATERNIDADE ORANTE
Grazas, porque a pesares das nosas canseiras e da nosa pouca ilusión, segues a plantexarnos retos anovadores e estimulantes para facer a nosa vida experiencia de gratuidade e transformación. Por iso che dicimos:

GRAZAS POR TERTE FEITO COMPAÑEIRO DE CAMIÑO 
Pola Igrexa, que formamos cada un e cada unha de nós, para que descubramos que Deus nos quere no mundo, no conflito, alí onde se xogan os seus intereses, que son os intereses das persoas pobres e marxinadas, OREMOS.
GRAZAS POR TERTE FEITO COMPAÑEIRO DE CAMIÑO 
Polas nosas comunidades, para que nos esforcemos sempre, pero máis neste tempo de Coresma, en ser expresión do amor de Deus, que se fai compañeiro de camiño de todas as persoas, OREMOS.
GRAZAS POR TERTE FEITO COMPAÑEIRO DE CAMIÑO 
Por cada un e cada unha de nós, para que aprendamos a enfrontarnos con tantas tentacións que nos afogan: o consumismo, o pesimismo, a soberbia, a apatía ou o desamor, OREMOS.
GRAZAS POR TERTE FEITO COMPAÑEIRO DE CAMIÑO 
Señor,Ti coñeces a nosa fraxilidade. Escoita a nosas oración e concédenos comezar o camiño coresmal coa forza da túa Palabra, para que venzamos as tentacións e cheguemos cun corazón anovado ás festas pascuais. PXNS. Amén.


MIRADA ESPERANZADA

“A Palabra de Deus é unha forza viva, capaz de suscitar a conversión do corazón para orientalo de novo cara Deus. Pechar o corazón ao don de Deus que nos fala ten como consecuencia pechar o corazón ao don do irmán e da irmá.
A Coresma é tempo propicio para anovarse no encontro con Cristo vivo na súa Palabra, nos sacramentos e no próximo. O Señor móstranos o camiño a seguir.
Que o Espírito nos guíe a realizar un verdadeiro camiño de conversión para redescubrir o don da Palabra de Deus, ser purificados do pecado que nos cega e servir a Cristo presente nas persoas necesitadas”.
 
Francisco. Mensaxe para a Coresma 2017



Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...