Ir al contenido principal

3 Coresma 2017 A


Fagamos deste tempo de coresma unha experiencia que axude a desendurecer o noso corazón
SINAL DE CORESMA
Seguimos cubrindo o corazón cunha terceira peza do crebacabezas. 


Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Eu sei de quen me fiei (nº 64)
o   LECTURAS: A auga do Señor (Nº 125)
o   OFERTORIO: Eiquí están, Señor (Nº 32)
o   COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
ESCOITA ACTIVA
         O papa Francisco agasallounos cunha encíclica chamada "Laudato si", na que nos chama a tomar conciencia do compromiso que todos temos de coidar a nosa casa común, o mundo no que vivimos. Este coidado é tarefa de tod@s, non só dos que toman decisións ou moven os cartos dun país para outro buscando a mellor rendibilidade. Non. A tarefa do coidado tamén se dirixe a nós para que en cada unha das cousas que facemos descubramos que todo é importante, que non debemos nin desprezar nin estragar o que temos. Porque nas nosas mans está en facer casa común o que é de tod@s. E nesta tarefa e coidado do mundo hai un ben, cada vez máis escaso, que debemos coidar e aproveitar: a auga. Grazas a ela podemos falar de vida nas persoas e nos demais seres da creación. É un ben que debemos aproveitar e consumir con responsabilidade, porque o moito de ben que fagamos hoxe, suporá a posibilidade de vivir para as xeracións que veñan atrás de nós. Comecemos esta celebración co corazón posto no presente, pero aberto sempre a deixarlle un mundo mellor aos que van vir despois.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Para que nos esforcemos por coidar o mundo que Deus puxo nas nosas mans, facendo un uso responsable da cousas que temos; SEÑOR, ALÉNTANOS NO COIDADO DAS NOSAS COUSAS.
·      Para que  aproveitemos este tempo de coresma para deixar atrás comportamentos e actitudes que nos levan a consumir irresponsablemente o que non necesitamos; CRISTO, ALÉNTANOS NO COIDADO DAS NOSAS COUSAS.
·      Para que non caiamos na tentación de facernos insensibles á necesidade que temos de compartir con quen non ten: tempo, sorrisos e axuda material; SEÑOR, ALÉNTANOS NO COIDADO DAS NOSAS COUSAS.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Israel púxose en camiño para liberarse da escravitude: de canto o ataba a Exipto; pero tamén de todo o que os fora afastando da Alianza que, coma pobo, fixeran con Deus: “serei o voso Deus, seredes o meu pobo“. A infidelidade, o esquecemento, a vida á marxe do proxecto de Deus leváraos a ser un pobo escravizado, triste e sen esperanza, sen posibilidades para as xeracións que viñan detrás. Pero o seu pórse en camiño non foi doado: seguían a laiarse; mesmo querían dar volta atrás na súa decisión de ser libres. A nós, como lle ocorreu a Israel, pode tamén pasarnos o mesmo: queremos ser libres; pero non abandonamos as actitudes que nos fixeron perder a liberdade. A coresma, como tempo de revisión persoal e renovación, quere ser o comezo deste camiño de liberación; pero teremos que ser nós os que logo vaiamos convertendo todo o camiño en experiencia liberadora, deixando atrás o que sabemos que non facemos ben, as actitudes que fan que o corazón siga a ser de pedra. Israel botaba en falta a auga, por iso se rebelaba. Tamén nós nos rebelamos ante un proxecto de Deus que nos ofrece a auga en forma de solidariedade, xustiza, acollida e respecto. Tamén nos imos rebelar contra este proxecto porque nos saca as cores e nos mostra que sen o noso esforzo non sairemos nunca da mediocridade?

O Señor, a pesares da dureza do noso corazón, segue a falarnos. Por que nos custa tanto escoitar a súa voz? Non vemos a inxustiza, o sufrimento, o engano, a... ao noso redor? Non nos damos conta de que se non cambiamos non deixaremos nunca de laiarnos? Tomemos en serio a coresma, poñámonos en camiño, fagamos todo o que estea na nosa man por buscar a felicidade, a do corazón, non a do disimulo, para coidar a casa de tod@s, a casa común. Onde todos temos un recuncho. Desde aquí poderemos entón entender que a esperanza que nos ofrece Xesús e da que sempre falamos, non é unha palabra oca, senón un compromiso, unha esixencia por parte de cada un de nós para que, en tempo de pensamento líquido e medias verdades, non renunciemos ás nosas conviccións e desterremos caer na tentación da mentira.

E exemplo de non deixarse levar de medias verdades, ou mesmo de mentiras, témolo na actitude de Xesús. El vence prexuízos –os xudeus non se levaban, máis aínda, desprezaban, aos samaritanos– e non lle dá as costas á samaritana: falou con ela, escoitouna, enriquecéronse a través da palabra dun e outra. E nese enriquecemento a sede dun e outra quedou saciada a través da súa capacidade de pararse e falar, o respecto dun para coa outra, que os levou a entrar en diálogo e superar prexuízos; a palabra como capacidade que tod@s temos para explicarnos fronte ao silencio que encirra odio e crea distancia e descoñecemento duns cos outros. Entre Xesús e a samaritana estase poñendo en escena unha actitude, hoxe esquecida, pero máis que nunca necesaria: por moitas que sexan as opinións, por moito que nos parezan lonxe unhas das outras, por moito... fagamos o esforzo por escoitarnos e ver de entendernos. Esta é a verdadeira auga que necesita hoxe o noso mundo, esa casa común que entre tod@s temos que ir construíndo e conservando. Non deixamos que ninguén nola destrúa!

FRATERNIDADE ORANTE
A auga do Señor limpa o noso corazón. Compartamos agora este manancial de oración comunitaria que nos une e achega uns aos outros e digamos xunt@s:
GRAZAS,SEÑOR, POLA AUGA DO TEU MANANCIAL
Para que sexamos Igrexa disposta a deixarse limpar pola auga do Deus que non cansa de falarnos de que só coidando a casa común, o mundo no que vivimos, poderemos convivir, querernos e axudarnos uns aos outros; OREMOS.
GRAZAS,SEÑOR, POLA AUGA DO TEU MANANCIAL
Para que sexamos verdadeiro manancial para cos nosos veciños: estando ao seu lado cando nos necesiten, acompañándoos cando a dor golpee os seus corazóns, aledándonos cando a felicidade chame nas súas portas... OREMOS.
GRAZAS,SEÑOR, POLA AUGA DO TEU MANANCIAL
Para que nós non deixemos secar o manancial que nos chama a ser sensibles á construción dun mundo que ten que poñer a mirada e o corazón nas persoas, non nas cousas, as ganancias ou o poder, OREMOS.
GRAZAS,SEÑOR, POLA AUGA DO TEU MANANCIAL
Grazas, Señor, por espertar en nós a sensibilidade a mirar o mundo con ollos de humanidade e non de destrución. PXNS. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Bendito, Pai, polas persoas que pan traballan.
Bendito, Pai, pola terra que os seus bens nos regalou.
Bendito sexas, Xesús, pola xente que loitou e loita,
canda Ti, durante o día por unha terra mellor.
Bendito, Pai, pola auga que reverdece as nosas terras e sacia a nosa secura.
Bendito sexas, Espírito,
pola forza da quentura coa que fas latexar o noso corazón.
Bendito sexas, Señor,
porque a terra, a auga, o sol e máis os froitos,
sexan sempre elementos de vida para nós.

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…