Ir al contenido principal

Corpus 2017


No mundo líquido e individualista, construamos cultura de compaixón e achegamento
CANTOS
Entrada: Que ledicia miña (Nº 4)
Lecturas: Escoita ti (Nº 26)
Ofertorio: Ti es o pan do ceo ( Nº 54)
Comuñón: Pan do ceo, pan de vida (Nº 53)


ESCOITA ACTIVA
         Hoxe é o día do Corpus Christi, do Corpo de Cristo; a festa da Eucaristía. E todos os anos neste día os bispos españois escriben un texto coa finalidade de que nos axude a entender e celebrar con verdadeiro sentido cristián esta festa relixiosa e cristiá. O deste ano ten coma título: “Chamados á comuñón". Con el quérennos lembrar que sen capacidade para atoparnos, camiñar xuntos, saber comprendernos, ser xenerosos, poñer a nosa mirada e o corazón no facerlle o ben a quen vemos que se sente necesitado, ou esforzarnos para que o perdón e a misericordia estean por riba da vinganza, o comentario ferinte ou as palabras fóra de ton; sen todo iso, non pode haber Eucaristía. É dicir, que non nos chega con vir á igrexa os domingos, por moi constantes que nisto sexamos, senón que a Eucaristía non non se pecha nas paredes dos nosos templos, senón que se prolonga nas rúas. Esas rúas polas que hoxe vai pasar a custodia co pan consagrado, presenza de Cristo no medio do mundo, o noso, tan necesitado de pan que alimente a xenerosidade e as ansias de encontro e sentido participativo e comunitario.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
1.            Porque o noso actuar non se asenta no que favorece o respecto, a axuda e o perdón cara aos demais; SEÑOR, QUE PRACTIQUEMOS O PERDÓN E ESQUEZAMOS O RANCOR.
2.            Porque non somos coidadosos coa natureza, casa común, que Deus nos entregou para que a custodiásemos e coidaramos; CRISTO, QUE PRACTIQUEMOS O PERDÓN E ESQUEZAMOS O RANCOR.
3.             Porque son moitas as veces nas que pechamos os ollos a canto pasa ao noso redor, despreocupándonos da dor e tristura de quen temos ao lado; SEÑOR, QUE PRACTIQUEMOS O PERDÓN E ESQUEZAMOS O RANCOR.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·      Moisés, estando o pobo en Exipto, fálalle moitas veces de que teñen que abandonar a súa zona de conforto para volver a plantexarse, de xeito comunitario, a volta á súa terra. Dilles que, como pobo de Deus, non era o sometemento senón a liberdade o que había mover as súas decisións e o seu xeito de comportarse. Para iso era necesario cambiar e non deixar que os días descorresen de xeito anodino e rutinario; tiñan que tomar decisións, non podían esquecer onde estaban as súas raíces. Tiñan historia compartida. O seu mundo non comezaba nin acababa en Exipto. As palabras de Moisés van callando no corazón e na mente daqueles israelitas que estaban sometidos ao control dos exipcios, e pouco a pouco comezan a perder os seus medos, a lembrar que tiñan historia, moita historia común; pero que tamén a eles lles tocaba seguir facendo historia para as xeracións que virán despois deles. Todo iso vainos levando a recuperar o sentido comunitario á hora de traballar, o desexo de volver á súa terra e vivir libremente, eles e os seus descendentes; de non esquecer endexamais que non están solos, que Deus segue, sen cansar, ao seu lado. Pois ben, todo isto que Moisés lle ía facendo caer na conta aos israelitas en Exipto, pode tamén axudarnos hoxe a nós. Porque a palabra de Deus non se fai vella, senón que se actualiza en cada momento e situación histórica; e hoxe somos nós os que temos que facer memoria de pertencer a unha comunidade que ten a Xesús como guieiro, unha comunidade que recibiu o legado da fe dos teus antepasados: pais, avós... unha comunidade que ten historia que nos chega do pasado e que ten como compromiso e tarefa non deixala morrer, senón transmitirlla ás xeracións que veñan tras de nós. A fe, a mensaxe de Xesús, a continuidade da comunidade cristiá non vai depender de ninguén máis ca de nós, da nosa ilusión, da nosa alegría, da nosa capacidade de seguir o camiño que nos mostra Xesús. Porque só cando un é testemuña esperanzada de algo importante pode facer que os demais poñan nela os seus ollos e o seu corazón. Como lle ocorreu ao pobo de Israel en Exipto, tócanos hoxe a nós ser os transmisores da identidade que nos fai tamén sentírmonos pobo de Deus, Igrexa, en camiño e sempre en actitude de ler os sinais dos tempos para, desde eles, seguir anunciando que Xesús vive entre nós. A festa de Corpus non é máis que un pequeno sinal ao lado de moitos outros.
·      E o Señor non sae ás rúas soamente hoxe porque as adornamos con flores. Iso é o menos importante. O Señor sae ás rúas para dicirnos que somos os continuadores daqueles aos que invitou dicíndolles: "Ide e anunciade", non “quedade e durmide”. O pan e o viño que sempre poñemos por riba do altar non son unha representación do pasado nin un remedo de mala obra de teatro realizada por actores afeccionados, senón actualización e presenza de que Deus quere estar nas rúas porque é nelas onde se viven os "gozos e as esperanzas, as tristuras e angustias" das persoas que temos o mundo como casa común. E se a casa é de todos, a todos nos corresponde termar dela para que non se veña abaixo. Temos pensado moito nisto? Ser hoxe corpo de Cristo é ser cidadáns do mundo, o que esixe conservalo, coidalo, custodialo para que todos sen exclusión teñamos acubillo nel; para que todos sen exclusión sexamos respectados e recoñecidos como persoas; para que todos sen exclusión compartamos tellado que nos protexe ante as inclemencias da vida, que moitas veces chegan en forma de furacán. Aquí é onde está a verdadeira e auténtica comuñón que neste día do Corpus Christi celebramos os seguidores de Xesús.
·      Esforcémonos entón por vivir unidos, por celebrar con cariño, acollida e respecto; por comportarnos de maneira que os nosos ollos non se queden parados nas custodias de ouro e prata que saen hoxe ás rúas, senón nas custodias de carne humana –as persoas- que non só hoxe, senón que tódolos días están nas nosas rúas porque non teñen onde vivir, non teñen quen pare con eles e lles dedique un pouco do seu tempo e da súa atención; non teñen quen os visite e lle leve compañía e tempo compartido, se faga voz que é escoitada polos que toman decisións e mandan pero que son incapaces de ver se esas decisións son un servizo aos máis excluídos e descartados, ou só titular de periódico que ao día seguinte xa se ten esquecido. Corpus é a celebración do recoñecemento do Deus que camiña polas nosas rúas dentro da custodia de carne dos corazóns entristecidos e magoados que, cada día, seguen a ser máis. Camiñemos polas nosas rúas non vendo como pasa este Deus presente nos "ninguén", os cada vez máis marxinados, senón uníndonos para que poidan ser resarcidos do esquecemento e desprezo ao que os temos levado para que entre todos poidamos de verdade ser casa común baixo cuxo tellado todos teñamos oco.
FRATERNIDADE ORANTE
Chamados a construír entre todos nós unha espiritualidade de comuñón que nos leve a preocuparnos dos demais, e non só do noso; digamos xuntos neste día no que o Señor nos invita a poñer a nosa mirada nas rúas e a recoñecelo nos máis pobres:
QUE CONSTRUAMOS CANLES PARA VIVIR A COMUÑÓN COS QUE SOFREN
æ Para que a Igrexa sexa de verdade tellado onde poder acubillarse cantos se senten sen casa, sen traballo, sen familia ou sen ninguén que os escoite, alente e axude; OREMOS.
QUE CONSTRUAMOS CANLES PARA VIVIR A COMUÑÓN COS QUE SOFREN
æ Para que pensemos se nas nosas parroquias estamos a facer o esforzo por preocuparnos de que ninguén quede sen teito onde descansar, comida coa alimentarse ou compañía para vencer a soidade e superar o individualismo no que tantas veces nos movemos; OREMOS.
QUE CONSTRUAMOS CANLES PARA VIVIR A COMUÑÓN COS QUE SOFREN
æ Para que nós fagamos da comuñón unha verdadeira experiencia de poñer a nosa mirada e o noso corazón nas persoas que máis sofren e ás que menos caso se lles fai; e sexamos para elas alimento que os acolle, acompaña e nunca os rexeita; OREMOS.
QUE CONSTRUAMOS CANLES PARA VIVIR A COMUÑÓN COS QUE SOFREN
Señor, que sexamos  custodios  da casa común que nos deches e de canto nela puxeches. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DIFERENCIADA
       Queremos ser ámbito de comuñón e construtores de comunidade. Necesitamos cultivar unha verdadeira espiritualidade de comuñón ao estilo daqueles primeiros cristiáns que vivían unidos e tiñan todo en común, porque eran asiduos na ensinanza dos apóstolos e en partir o pan.
            A “Espiritualidade de comuñón significa ante todo unha mirada do corazón cara ao misterio da Trindade que habita en nós, e cuxa luz ha de ser recoñecida tamén no rostro dos irmáns que están ao noso lado”.
            A “Espiritualidade de comuñón significa, ademais, capacidade de sentir ao irmán de fe na unidade profunda do Corpo místico e, por tanto, como “un que me pertence”, para saber compartir as súas alegrías e os seus sufrimentos, para intuír os seus desexos e atender as súas necesidades, para ofrecerlle unha verdadeira e profunda amizade”.
            A “Espiritualidade de comuñón é tamén capacidade de ver ante todo o que hai de positivo no outro, para acollelo e valoralo como regalo de Deus: un “don para min”. Ademais de ser un don para o irmán que o ten recibido directamente”.
                     (Da mensaxe dos bispos españois para a festa do Corpus Christi 2017)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor