Ir al contenido principal

Trindade 2017


UN DEUS QUE NON QUERE CAMIÑAR SO

CANTO GOZOSO

*    ENTRADA: Que ledicia a miña
*    LECTURAS: Canta aleluia
*    OFERTORIO: Na nosa terra
*    COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

ESCOITA ACTIVA

Nunha sociedade na que as redes sociais, en cuestións de segundos son quen de poñer en contacto a milleiros de persoas dun cabo a outro do mundo e de mobilizar e convocar a xente que, malia non coñecerse, comparte uns mesmos ideais; atopámonos co feito de que moita xente, moitas familias viven hoxe na máis absoluta das incomunicacións: comparten a mesma casa, a mesma mesa, o mesmo espazo… pero pouco falan e non se coñecen entre eles. Son incapaces de abrir o corazón para compartir desánimos, plans, proxectos ou ilusións.
Porén, a festa que celebramos hoxe, a Trindade, vén dicirnos que o Deus que se manifesta en Cristo e que envía o Espírito para alentar a nosa vida non quere camiñar só e incomunicado, senón que entra en comuñón con nós. Que non pechemos o corazón á súa chamada.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*      Porque moitas veces negámonos a abrir o corazón cando precisamos que nos escoiten, preferindo afogarnos na desesperanza e no desánimo, SEÑOR, TOCA O NOSO CORAZÓN.
*      Porque non estamos dispost@s a implicarnos en facer cousas por e para @s outr@s, e preferimos ir só ao noso, CRISTO, TOCA O NOSO CORAZÓN.
*      Polas veces nas que, no teu nome, facemos distingos e diferenzas entre as persoas, sen dar entendido que o mundo é de tod@s, SEÑOR, TOCA O NOSO CORAZÓN.

PALABRA ENRAIZADA

“O Señor, Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade”: A Palabra de Deus que vimos de escoitar móstranos unha vez máis unha imaxe de Deus chea de tenrura. Porén, dentro da nosa sociedade son demasiadas as persoas para as que Deus é unha palabra con connotacións negativas, que trae malos recordos, alguén en quen non interesa pensar, alguén de quen hai que pasar se queremos ser felices e vivir plenamente. Cabería preguntármonos que parte de culpa temos nós coma Igrexa neste asunto. Frases como “castigo de Deus”, “Deus premia aos bos e castiga aos malos”, “sufrir no nome de Deus”…. e outras lindezas polo estilo tan comúns na nosa linguaxe, van presentando unha imaxe falsa, de tirano e dominador, que, ao final e a pesares de ser só unha pantasma que non existe na realidade, acabamos por crer e, polo tanto, transmitir.
Porén, a Palabra insiste en que Deus non grita, non se impón, non coacciona, non se exhibe nin se ofrece en espectáculo, senón que é discreto e respecta ata a fin a liberdade das persoas. Deus só é amor e, precisamente por iso, só pode amar; non pode manipular, humillar, abusar e destruír. Deus só pode achegarse a nós para que nós sexamos nós mesmos.
Agora ben, o amor que nos trae Deus non é o das telenovelas baratas de hoxe si e mañá non, senón que é o de saber acoller, perdoar, escoitar, abrirse aos demais. Un amor que non é desconfiado nin interesado, nin está á espreita para pasar factura do que facemos mal. A festa que celebramos hoxe é un bo momento para cambiar de tocata.

“Traballade, animádevos, andade de acordo, vivide en paz e o Deus do amor estará convosco”: E neste amor é no que estamos chamad@s a medrar e a camiñar na nosa vida. Hoxe é un bo momento para que nos preguntemos cal é a nosa aportación, alí onde estamos, para favorecer a comunicación e as relacións de uns para cos outros. Paulo, na súa carta, márcanos o roteiro das relacións cos demais irmáns e irmás. De que nos vale participar nas celebracións e rezar moito se logo non sentamos ao lado daquela persoa que non nos cae ben; se cando botamos o pé fóra imos murmurando d@s veciñ@s; se non nos comprometemos en cousas que favorecen o ben común na nosa comunidade, no noso barrio, no noso concello….; se seguimos empeñados en defender o indefendible para non perder a nosa tranquilidade, se somos incapaces de mover un dedo para axudar a quen precisa de nós; se enmudecemos cando lle están cortando un traxe a alguén, se encirramos entre dúas persoas que tiveron un desencontro ou non “perdemos o tempo” visitando, escoitando ou acompañando a quen está triste, solo ou desesperanzado… Aínda temos moito camiño por andar; pero hoxe é un bo día para comezar.

“Deus enviou ao seu Fillo non para condenar, senón para que o mundo se salve”: Porque….se Deus non condena, quen somos nós para condenar, xulgar ou separar entre bos e malos?. Se El non quere que ninguén se perda, nós estamos chamad@s a facer nada que supoña que outras persoas sufran, desconfíen, discutan ou se pelexen. A fe supón forza, alento, compromiso na tarefa de facer do mundo a casa de tod@s, sabendo que non somos os únicos nin estamos solos. Hoxe, os cristiáns e as cristiás celebramos a festa da Trindade, que lonxe de ser un dogma ou un misterio inexplicable é un acontecemento e unha revelación: Deus, por medio de Xesús, entra en comuñón con nós, culminando a Historia da Salvación e derramando o Espírito nos nosos corazóns. Sabéndonos salvados, construamos tamén nós salvación alí onde esteamos.E o primeiro paso é o de esforzarnos por non poñer nunca  nin tristura nin desesperanza na vida das persoas que nos rodean. Non é doado, necesita esforzo, pero como temos escoitados, nin estamos sos nin camiñamos sen rumbo: Deus está e maniféstasenos de moitas maneiras.Descubrámolo!

FRATERNIDADE ORANTE

Agradecid@s pola túa compaña, dicimos xunt@s:

QUE TRABALLEMOS POLA COMUÑÓN


  • Pola Igrexa, para que supere e bote fóra tantos prexuízos que a fan crer que só nós ou os que pensan coma nós somos @s elixid@s por Deus, OREMOS.

QUE TRABALLEMOS POLA COMUÑÓN

  • Polas nosas comunidades, para que, vivindo a verdadeira comuñón á que nos chama a nosa fe, sexamos capaces de traballar xunt@s, dándonos azos, animándonos e vivindo en paz para así mostrarlles a todas as persoas o amor de Deus, OREMOS.

QUE TRABALLEMOS POLA COMUÑÓN


  • Por cada un e cada unha de nós, para que sabéndonos mans, beizos e corazón de Deus, nos poñamos en marcha e sexamos compaña, sorriso, esperanza e tenrura para todas as persoas, OREMOS.

QUE TRABALLEMOS POLA COMUÑÓN

Grazas, Señor, por facernos caer na conta que non é desde o individualismo ou o illamento, senón na pluralidade e na comuñón como podemos facer presente a túa mensaxe de amor. P.X.N.S. Amén


MIRADA DIFERENCIADA

Non lle teñas medo aos que agochan a verdade,
ou, créndose donos dela,
manipúlana, dosifícana e véndena.
Rebélate,
manifesta en todos os sitios,
en todo momento,
a tempo e a destempo,
a túa fe na vida e na irmandade
adquirida ao amparo do Pai,
ao lado de Xesús,
á sombra do Espírito,
no seo da comunidade.
Fíate de Xesús,
responde á súa chamada;
fíate do Pai,
descansa no seu colo;
fíate do Espírito,
loita e se libre.
Estás investindo a vida
no proxecto máis grande e venturoso
posto nas nosas mans.
Non teñas medo!.
Confía en Deus!.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...