Ir al contenido principal

Apóstolo 2017


DESDE A FRAXILIDADE DE SABÉRMONOS VASOS DE BARRO, GRAZAS, SEÑOR, POR POÑER EN NÓS O GRAN TESOURO DA DIGNIDADE COMPARTIDA CON TODAS AS PERSOAS
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Temos unha festa (Nº 6) LECTURAS: Pai, Pai, póñome nas túas mans
OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
COMUÑÓN: Eu soñei (Nº 58)

ESCOITA ACTIVA

Desde a paz do Señor que hoxe nos convoca á súa mesa, comezamos a celebración cos ollos abertos á realidade difícil e complexa na que vivimos e cos pés no chan nun mundo cheo de dificultades pero tamén de persoas dispostas a non deixarse levar pola rutina e o desespero. Reunímonos no nome do Señor para compartir este momento de fe e esperanza no día no que celebramos a festa do Apóstolo Santiago e da Nosa Terra, Galicia. Que este gran tesouro do que gozamos, terra e fe, sexan sempre motivos que fagan que non nos deixemos abater ante os problemas e dificultades que o cáliz da vida, non sempre doada, nos vai presentando. Unámonos entón para agradecer a forza da fe que, unha vez máis, queremos celebrar en comunidade.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*      Porque esquecemos moitas veces a nosa fraxilidade, créndonos sempre infalibles; SEÑOR, AXÚDANOS A SER HUMILDES E SERVIZAIS.
*      Porque en moitas ocasións as nosas decisións son arroutadas e pouco pensadas, polo que producen dor e feren aos demais; CRISTO, AXÚDANOS A SER HUMILDES E SERVIZAIS.
*      Porque nos custa recoñecer que necesitamos da axuda dos demais se non queremos que o fracaso apareza na nosa vida; SEÑOR, AXÚDANOS A SER HUMILDES E SERVIZAIS.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

·      A vida é un tesouro. Un tesouro que non sempre sabemos e queremos prezar. Pero este tesouro é fráxil, e se non o coidamos pode romper ou podemos perdelo. Por iso debemos estar constantemente pendentes del, e iso a tod@s nos custa porque supón esforzo, atención e dedicación. É un tesouro que vai sumando novos aspectos e situacións á nosa realidade. Un tesouro que ten pasado -non debemos esquecer quen somos e de onde vimos-; que se vai desenvolvendo, crecendo e madurando no presente -temos que saber onde estamos, de xeito realista e sen buscar fabulacións a modo de teatro que nos fagan vivir nunha burbulla- e ten futuro -que nos pon no camiño de mirar cara diante e non perder o rumbo-. Cando non seguimos estes pasos e pretendemos dar saltos no tempo -ao que lle chamamos habitualmente, "queimar etapas"– a nosa experiencia de vida vólvese contra nós e non poucas veces non fai máis ca producirnos tristura e pesadelo. De aí a frase á que se refire Paulo cando nos di que os vasos que levan este gran tesouro que é a vida son de barro; polo que temos que estar sempre pendentes, termando dela, abrindo novos horizontes, madurando e reflexionando os pasos que imos dando. E isto é todo un reto ao que non lle podemos dar as costas, pois facelo suporía darnos as costas a nós mesmos. E inda que non nos guste, ou nos resulte máis cómodo deixar que a rutina sexa a que vaia guiando canto facemos e decidimos, se non lle poñemos coto, acaba volvéndose contra nós e mergullándonos nun mar de lamentos, erros e decepcións. Coidemos logo o tesouro e fagamos o posible para que nin rompa nin que ninguén se quede con el.

·      Conservar un tesouro, preocuparnos del, coidalo sen que iso supoña enfrontarnos aos demais ou volvernos egoístas e individualistas, pídenos un plus de esforzo que non sempre estamos dispostos a poñer da nosa parte. Un plus que nos levará a decidir tendo que aceptar unhas cousas e rexeitar outras; un plus que nos suporá non deixarnos levar por cantos de sereas que son pan para hoxe -quizais- pero fame para mañá; un plus que vai poñendo de manifesto que o esforzo, a dor, o fracaso... tamén forman parte de todo ese proceso que chamamos vida. Non sempre triunfamos no que facemos, pero si deberiamos aprender sempre de canto nos ten pasado, para evitar que se volva repetir. E claro, isto non todo o mundo está disposto a facelo ou quere prestarlle atención. Nada é doado; pero si poñemos todo da nosa parte para tentar acadalo, sen desesperar, si que se volve unha experiencia gratificante e alentadora para nós. Madurar desde a experiencia fainos tomar conciencia de que somos humanos e temos que estar permanentemente en actitude atenta, afastándonos da mediocridade das situacións de conforto.

·      É este o cáliz do que todos -ninguén escapa- temos que beber. O cáliz ao que se refire o Evanxeo de hoxe. Seguir a Xesús non é entrar na dinámica da rutina, as costumes, os ritos sen contido... nos que temos convertido a maneira de vivir a fe. Necesitamos volver ao Evanxeo, ao primixenio, ao importante: a persoa de Xesús. Pero isto lévanos a que pensemos as decisións que tomamos, a que sexamos coherentes co que elas supoñen, a que vaiamos madurando, personalizando e dando razón e por que do noso ser cristiáns e cristiás. E aquí, se non cambiamos o noso xeito de actuar, temos moita vivencia superficial de fe, e pouco de fe persoal e comprometida cos valores do Evanxeo. Uns valores que temos que ir vivindo cada día como compromiso co mundo, a xente, a lingua e a cultura onde esteamos. E nós hoxe estamos en Galicia, e entre todos temos que traballar por non desconectar dos problemas das persoas, e esforzarnos por manter o legado que outros que viviron antes ca nós nos deixaron. O legado da lingua, a cultura e a identidade. Neste día de Santiago e de Galicia, fagamos memoria agradecida de onde vimos; saibamos vivir cos pés no chan do mundo no que estamos; e non renunciemos a abrir camiños de futuro para deixárllelos aos que veñen tras de nós.

FRATERNIDADE ORANTE

Porque Deus sempre se fai presente no sentir comunitario, invitándonos a facer da nosa oración momento de esperanza, recemos xunt@s dicindo:
QUE FAGAMOS DA VIDA EXPERIENCIA DE SERVIZO AOS DEMAIS
¨    Para que sexamos unha Igrexa sempre preocupada polas persoas; unha Igrexa en saída, disposta a levar servizo, xenerosidade e entrega no seu xeito de actuar e achegarse a quen o necesite, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA VIDA EXPERIENCIA DE SERVIZO AOS DEMAIS
¨    Para que nas nosas comunidades non practiquemos nin a indiferenza nin a exclusión coas persoas, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA VIDA EXPERIENCIA DE SERVIZO AOS DEMAIS
¨    Por nós, para que o tesouro da fe que recibimos no bautismo saibamos coidalo non enterrándoo e baleirándoo de contido, senón enchéndoo de comportamentos e actitudes que nos acheguen ás persoas tendéndolles a man que acolle e non exclúe nin silencia dereitos e liberdades, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA VIDA EXPERIENCIA DE SERVIZO AOS DEMAIS
¨    No Día de Galicia, pedímoslle ao Señor que acollamos con gozo e esperanza a posibilidade de rezar na nosa lingua e de conservar a riqueza cultural que nos deixaron as xeracións de homes e mulleres que traballaron pola terra, a cultura e a lingua, con non poucas dificultades, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA VIDA EXPERIENCIA DE SERVIZO AOS DEMAIS
Señor, alenta e acompaña canto poñemos nas túas mans na nosa oración comunitaria. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DIFERENCIADA

O Señor invítanos a ser agradecidos: agradecidos coas persoas que van pasando pola nosa vida ofrecéndonos a súa man; agradecidos coas oportunidades que imos tendo para ser mellores persoas e máis felices; agradecidos porque podemos compartilo, celebralo e expresalo reunidos en comunidade e na nosa lingua. Por todo iso, cantamos xunt@s:
1.      Pola vida que regalan os teus dedos, polo sol que nos esperta cada alba, pola noite que agarima os nosos soños, pola lúa que nos enche de nostalxia, Gracias, Señor, graciñas.(bis)
2.      Polos cumes onde raia a luz do día , polos vales froitidores da fartura, polos mares polivantes de inquedanza, pola calma, polo vento e pola chuvia, Gracias, Señor, graciñas.(bis)
3.      Polos nenos en quen brilla o teu sorriso, pola idade na que o amor con forza bate, pola aquela en que a fe se madurece, pola hora na que a vida é señardade, Gracias, Señor, graciñas.( bis)
4.      Pola casa e mais o pan, polo traballo, pola busca dos que labran e non teñen, polo empeño comunal de uns e outros, polo albor do mundo xusto que pretendes, Gracias,Señor, graciñas. (bis)

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...