Ir al contenido principal

23 Domingo TO A 2017

DEUS QUERE MISERICORDIA... 

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)

LECTURAS: Eu soñei (Nº 58)

OFERTORIO: Todos xuntos (Nº 56)

COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)

ESCOITA ACTIVA

Vivimos nunha sociedade deshumanizada, na que a valía das persoas é proporcional ao rendemento que delas podemos obter. Unha sociedade de descartes, como di o papa Francisco, que bota fóra á xente maior, prescindindo así de toda a súa ampla experiencia de vida e que bota fóra tamén aos nenos e á mocidade porque non son rendibles, xa que hai que investir na súa formación. E é que a lei do mercado, a lei da oferta e da demanda, non permite sentimentos, non lle convén que perdamos o tempo en pensar. O resultado está á vista: non cremos no que facemos, fáltanos capacidade para a tenrura, poñemos a norma por riba das persoas, contentámonos co cumprimento, esquecemos valores e conviccións... E deste xeito ímonos baleirando por dentro, ímonos insensibilizando, e mesmo desculpamos e adoptamos comportamentos a todas luces inmorais, que escravizan ás persoas.



E resulta que chega Xesús e dinos que o amor é a primeira e a única lei... Que paradoxo, non si?. Prestemos atención á súa palabra e deixemos que vaia renovando e revitalizando a nosa vida, porque se non hai amor, para que serve a lei?... Simplemente para facernos escravos dela.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*      Por ter esquecido que o cumprimento é estéril se non vai acompañado do servizo á persoa, SEÑOR, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.

*      Por ter promovido comportamentos e actitudes legalistas e baleiros na nosa maneira de facer as cousas, CRISTO, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.

*      Por non prestar atención á situación das persoas que están ao noso lado e buscan en nós un corazón misericordioso, SEÑOR, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

·      Son moitas as ocasións nas que deixamos de lado o respecto e a tolerancia á hora de xulgar as opinións e accións dos demais, sobre todo se non son dos nosos. Ezequiel, na primeira lectura de hoxe volve insistir no que é o tronco da vida de fe: o recoñecemento da dignidade da persoa e o afastamento de toda idea que supoña vinganza, rancor ou violencia cara aos demais. Crer, rezar, participar en accións solidarias... só terán sentido se o facemos guiad@s polo respecto que todas as persoas nos merecen... pois todos somos presenza de Deus e a fe ha levarnos a un compromiso no mundo e co mundo para denunciar calquera atropelo contra a dignidade das persoas, sexa no lugar que sexa e sexa no ámbito que sexa: eclesial, laboral, xudicial, político...... A salvación xógase na casa do mundo, tomándoo en serio, e non evadíndonos en rezos rituais ou costumes cheas de tópicos. Un bo inicio para esta nova xeira pode ser que non encirrar dentro de nós sentimentos de enfrontamento, provocación inútil ou desprezo cara aos demais.

·      E se camiñamos por ese vieiro de empatía, misericordia, colaboración e servizo, chegaremos ao pleno cumprimento da lei, é dicir ao amor. Non fagamos del una frase puramente poética ou unha fermosa palabra comodín que sempre acae ben. Poñámoslle vida, actitudes, preocupación polos demais, cercanía, solidariedade, capacidade de escoita, tempo compartido con quen o necesita.... Abrámoslle as portas a Deus e abrámoslle ás portas aos demais. Se nós somos capaces de amar, quen nos vexa será capaz de descubrir quen é e por que dixo Xesús o que dixo: amádevos. O seu mandado de amor, como nos lembra o Evanxeo de hoxe, lévanos a arriscar, canto somos e temos, polos irmáns. Insistir unha e outra vez. A tempo e a destempo, con constancia e paciencia. Constancia e paciencia que nos conforman como persoas decididas a poñer a nosa referencia non só en nós, no que nos peta, nos gusta ou nos apetece.

·      Porque nunha sociedade que prema a cantidade sobre a calidade, nós, os seguidores de Xesús, primamos a calidade sobre a cantidade. Cando falaba do Reino, Xesús non puña o til en grandes pretensións sociais, senón que se refería a el coma lévedo oculto, sal transformadora, pequena semente..... Na Igrexa de Xesús non se pode estar de calquera xeito: por costume, por inercia ou por medo. Trátase de xuntarse no seu nome, conscientes de que sempre precisamos conversión. Xesús, como nos lembra o evanxeo de Mateu que vimos de proclamar, tróuxonos un novo tipo de relacións que nós estamos chamados a poñer en práctica: relacións baseadas na verdade (dicir si, dicir non, non basearse en suposicións, senón en datos certos); relacións de franqueza, que nos leven a plantexar os problemas cara a cara; relacións de liberdade, respecto e tolerancia; relaciones de amabilidade e comprensión; relacións de desbloqueo (non gardar as cousas, porque nos pechan aos demais e o día menos pensado estoupan e causan graves feridas.... ás veces incurables); relacións de esperanza, sen perder nunca a perspectiva de que todos podemos cambiar; relacións cinguidas polo amor.

FRATERNIDADE ORANTE

Poñemos por riba do altar a nosa oración comunitaria e dicimos xunt@s:

GRAZAS, SEÑOR, POR QUERER MISERICORDIA E NON SACRIFICIOS

Para que na Igrexa teñamos sempre presente que por riba do cumprimento da lei están as persoas, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR QUERER MISERICORDIA E NON SACRIFICIOS

Moitas veces nas nosas parroquias volvémonos inxustos e insensibles cara aos demais, estando sempre dispost@s a xulgal@s, pero poucas veces a escoital@s. Para que abandonemos este atallo e collamos o camiño do amor e da comprensión mutua, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR QUERER MISERICORDIA E NON SACRIFICIOS

Por cada un e cada unha de nós, para que sempre esteamos dispost@s a pedir perdón a quen ofendemos e tamén a perdoar a quen nos ten ofendido a nós, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR QUERER MISERICORDIA E NON SACRIFICIOS

Grazas, Señor, por abrirnos a mente e o corazón a unha vivencia do Evanxeo que pasa por aprender a ver na xente a túa presenza gozosa e esperanzada. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DIFERENCIADA

Onde reina a competencia desleal, nós anunciamos a lealdade.

Onde reina o afán de poñerse por riba dos demais, nós anunciamos a igualdade.

Onde reina o desexo de figurar, nós anunciamos o servizo.

Onde reina a dificultade para as relacións mutuas, nós queremos estar sempre dispoñibles.

Onde reina a explotación, nós anunciamos a solidariedade.

Onde reina a inxustiza, nós traballamos a prol da xustiza.

Onde reina o pasotismo, nós anunciamos o compromiso e a implicación.

Onde reina o silencio, nós anunciamos a denuncia profética.

Onde reina o rancor, nós anunciamos o perdón e a misericordia.

Onde reina a lei, nós anunciamos o amor como única e verdadeira lei.

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…