Ir al contenido principal

26 domingo TO A 2017



DO DITO AO FEITO... HAICHE UN GRAN TREITO
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Amigos nas penas
LECTURAS: Benaventurados (Nº 119)
OFERTORIO: Eu soñei (Nº 58)
COMUÑÓN: Acharte presente (Nº 51)
ESCOITA ACTIVA
A celebración de hoxe é unha invitación a que nos preguntemos, dun xeito sincero, que significa realmente Deus no noso quefacer cotián. O que se opón moitas veces á fe non é a increnza, senón a falta de vida. Que importa o credo que pronuncian os nosos beizos se falta logo na nosa vida un mínimo esforzo de seguimento de Cristo?; que importa que un fillo lle diga a un pai que vai traballar na viña se logo en realidade non o fai?. Non será que temos reducido a nosa fe a palabras, ideas ou sentimentos?.
A Palabra proclamada quere axudarnos, unha vez máis, a descubrir que a verdadeira fe, hoxe coma sempre, é a que viven aqueles homes e mulleres que traducen en feitos o Evanxeo. Porque.... do dito ao feito, haiche un gran treito. Que non nos quedemos en palabras que leva o vento. Camiñemos cara ao compromiso.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
*        Polas veces nas que lle temos esixido aos demais esforzo, colaboración e implicación; mentres que nós botamos balóns fóra e seguimos sen comprometernos para non complicarnos a vida, dicímosche: LÉMBRATE, SEÑOR, DA TÚA MISERICORDIA.
*        Porque facemos o que non debemos e esiximos o que non estamos dispost@s a facer, pedímosche: LÉMBRATE, CRISTO, DA TÚA MISERICORDIA.
*        Por non ter sido capaces de vivir o teu amor nas nosas comunidades, perdendo tempo e enerxías en romper a unidade e en enfrontarnos uns contra outros, dicímosche: LÉMBRATE, SEÑOR, DA TÚA MISERICORDIA.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·        Hoxe tamén, coma nos tempos do profeta, moitas veces culpamos a Deus de tantas cousas: da fame no mundo, da morte de tanta xente inocente, mesmo das catástrofes naturais. E é que ás veces a nosa imaxe de Deus está máis preto da dun mago ou dun cura-todo, para o que nós non seriamos máis que simples monicreques nas súas mans. Lonxe disto, o profeta fálanos dunha responsabilidade individual que cada un e cada unha de nós debemos ter sobre aquilo que dicimos e , sobre todo, sobre aquilo que facemos. Deus creounos e salvounos para que sexamos libres, capaces de tomar decisións e responsabilizarnos delas, sen botar balóns fóra.
·        Porque son demasiadas as persoas que, confesándose cristiás, terminan por instalarse comodamente na súa fe, sen que a súa vida se vexa afectada no máis mínimo pola súa relación con Deus. Cristiáns que se desdobran e cambian de personalidade segundo se axeonllen para rezar ou se entreguen ás súas ocupacións cotiás. Deus non penetra na súa vida familiar, no seu traballo, nas súas relacións sociais, nos seus proxectos e intereses. A fe é para elas un costume, un reflexo, unha medida de seguridade, unha relaxación persoal.
·        Na parábola dos dous fillos que vimos de proclamar no Evanxeo, o importante non son as palabras que estes din, senón a súa conduta. Non estaría de máis que tod@s nós, que formamos a Igrexa, tomaramos boa nota deste recadiño que hoxe nos manda Xesús: a fe non é algo que se posúa, senón algo que ten que vivirse. Ser crente é algo máis que recitar fórmulas de fe ou confesar a nosa simpatía pola concepción cristiá da vida.... cómpre esforzarse na práctica por chegar a ser cristiáns e cristiás verdadeir@s, e non só de boquilla. Dito doutro xeito: a ortodoxia temos que saber conxugala coa ortopraxe. Non vale con dicir “vou”, hai que ir. Velaí o cerne da cuestión. Pero claro, que difícil é!!!!!!!!!!!. Porque son demasiadas as ocasións nas que dentro da nosa Igrexa poñemos o acento na ortodoxia e esquecémonos por completo da ortopraxe. Como chamarlle senón á actitude de tantos e tantos membros da xerarquía que reducen a fe a un mero culto que proporciona uns suculentos cartiños?, como temos a cara de “falar no nome de Deus” para acusar, condenar ou ferir a quen temos enfronte?, como casar unhas celebracións solemnísimas cunha frialdade e un afastamento entre nós?, como é que nos confesamos cristiáns e cristiás, mesmo de celebración e comuñón dominicais, e logo explotamos aos nosos traballadores, coméndolles a suor e a saúde?, como falamos de ser crentes e non somos responsables no noso traballo?, que sentido ten dicir que Deus é importante na nosa vida se logo non estamos dispost@s a mover nin un dedo para que isto cambie?. Que ben nos vai aquilo de “xuntémonos e ide”.
·        Teñamos entón coidadiño, porque non vaia ser que aqueles que se sintan perfectos, en posesión da verdade absoluta, aqueles que se cren con máis dereitos que os demais, aqueles que xulgan e censuran.... se atopen coa sorpresa de que os pobres, os agnósticos, os ateos, as mulleres (mesmo as prostitutas) lles leven a dianteira para entrar no reino dos ceos.
FRATERNIDADE ORANTE
Con actitude de confianza, pómonos en disposición de compartir as nosas preocupacións e ledicias, mostrando a nosa solidariedade na oración. Por iso dicimos xuntos:
QUE LEVEMOS Á VIDA O QUE REZAMOS
Pola Igrexa, que formamos tod@s nós, para que, sabéndonos mediación e presenza de Deus na familia, no barrio, na parroquia, no traballo... non renunciemos nunca a actuar sen medo e conforme ás nosas crenzas, OREMOS.
QUE LEVEMOS Á VIDA O QUE REZAMOS
Polas nosas parroquias, para que nunca nos falte o valor de saber rectificar equivocacións, e de descubrir o alento e a forza da fe á hora de construír proxectos, facer propostas e unir esforzos, OREMOS.
QUE LEVEMOS Á VIDA O QUE REZAMOS
Por nós, para que nunca separemos a relixión da vida, o dicir do facer, o rezar do actuar, OREMOS.
QUE LEVEMOS Á VIDA O QUE REZAMOS
Grazas, Señor, porque segues a confiar en nós e incansablemente maniféstasnos a túa misericordia. Danos azos para saber descubrir que fe e obras teñen que ir sempre unidas. PXNS.
MIRADA DIFERENCIADA

Concédenos, Señor,
un pouquiño de calor para a nosa frialdade,
un pouquiño de consistencia para o noso barro,
un pouquiño de auga para a nosa sede,
un pouquiño de luz para os nosos momentos de escuridade,
un pouquiño de ledicia para as nosas penas,
un pouquiño de paz para a nosa loita de cada día,
un pouquiño de tenrura para as nosas fraquezas,
un pouquiño de amor para o noso egoísmo,
un pouquiño de ilusión para a nosa desgana,
un pouquiño de auxilio para as nosas necesidades,
un pouquiño de firmeza para as nosas decisións,
un pouquiño de vida, para a nosa vida.

Concédenos, Señor,
un pouquiño de escoita para a túa Palabra,
un pouquiño de sabedoría para sermos felices,
un pouquiño de tempo, para aprender a ser fillos e fillas.

Aínda que non che pidamos nada, ou che digamos o contrario…
Concédenos, Señor.

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…