Ir al contenido principal

Nadal 2018

Deixemos que a Palabra volta luz chegue e transforme os noso corazón

Cantos
Panxoliñas

Oídos atentos
Ao longo do Advento  invitábasenos a  incorporar a nosa vida a forza da Palabra para que alumeara luz  en nós. Esta Luz chega hoxe na sinxeleza do nacemento dun neno que, na contracorrente do noso mundo, non loce nas cousas importantes, senón na sinxeleza do pequeno e humilde. Deus nace sen impoñer, oprimir ou violentar; nace para ofrecerse como berce onde compartir a quentura  tenra e agarimosa, no medio dun mundo cheo de palabras baleiras e comportamentos enfrontados.
    Cambiemos entón o enfrontamento en Paz, e acheguémonos ao berce da esperanza que hoxe se nos ofrece sen exclusións!

Acollendo a túa misericordia
1. Polas veces nas que temos rexeitado achegarnos ao teu berce de perdón e misericordia. Señor, segue  nacendo en nós.
2. Porque a nosa palabra e os nosos feitos, non sempre van polo mesmo camiño. Cristo, segue nacendo en Nós.
3. Por ter coida na tentación de darlle as costas a quen nos pedía tempo e sorrisos. Señor, segue nacendo en nós.


Facendo da  Palabra vida
Mirando o que a festa do nacemento de Xesús cos ollos do capitalismo liberal, que tanta forza ten na nosa sociedade,  o que hoxe estamos a celebrar non ten moito sentido ao ir contracorrente do que son modas, influencias, imposicións ou eixes que moven  o mundo actual.
    Non é entón estraño que para moit@s o Nadal non teña sentido nin signifique nada. Mesmo din que valeu para o tempo  no que a ciencia non marcaba o ritmo das cousas; pero non para agora, tempo de tecnoloxías e racionalidade mercantilizada – todo se compra e vende -. Porén, e fronte a esta opinión, segue a haber millóns de persoas para as que a celebración de hoxe non é nin algo do pasado nin unha porta aberta a irracionalidade e á emotividade baleira e frustrante, ao contrario. Para os que seguimos crendo na forza e actualidade da proposta evanxelizadora de Xesús, Nadal non é un tempo de sorriso fácil e mentireiro, senón o tempo de aquecer os corazóns e renovar as actitudes desde o sinxelo que: que nos fai mellores nais e pais, fillos e fillas, cidadás e cidadáns ... homes e mulleres dispostos a non deixarse roubar a esperanza nin a ser dominados polo consumo e o baleiro que nunca enche e sempre desacouga e desilusiona.
    Como nos di Isaías na primeira lectura, o mensaxeiro que chega anunciándonos que hai outras miradas máis enriquecedores que a da falsa ilusión, o engano ou o sorriso ficticio e esmorecente. As miradas do Mensaxeiro que  nos traen a capacidade para non calar ante o inxusto, o escravo, o corrupto, o... que fai das persoas monicreques nas mans dos poderosos. Deus ven, chega con sinxeleza pero tamén coa forza da súa Palabra para berrala con forza no medio dun mundo que está moito máis cómodo dándolle as costas e facendo oídos xordos aos seus berros a prol das persoas e da súa dignidade.
    Nos nacementos que fixemos este ano quixemos deixar sinal desta chegada facéndolle oco aos migrantes que teñen deixado a vida no mar  tentando buscar o respecto a súa vida ameazada e a súa dignidade maltratada. Aí é onde ten fondo sentido dicir bo Nadal!, porque estariamos querendo mostrar que Deus nace en nós para non deixar que nin no pensamento nin na palabra desprecemos a quen, sentíndose excluíd@, do mundo das luces e o consumo, busca só ser acollid@.
Vivamos, celebremos e compartamos desde esta invitación o que para nós, os cristiáns, segue a significar dicir NADAL !

No sentir comunitario
    Porque Deus chega  non na indiferenza senón  no compromiso, compartamos a oración comunitaria dicindo xunt@s: Grazas por ofrecernos luz e vida , Señor.
1. Para que non teñamos medo nin vergoña a seguir celebrando, desde a contracorrente do noso mundo efémero e superficial, que Deus nace para quedarse e camiñar con nós. Oremos. Grazas por ofrecernos luz e vida , Señor.
2. Para que  de verdade celebremos o Nadal como un verdadeiro nacemento que nos cambia interiormente e nos urxe a un actuar sincero, honesto e sempre servizal. Oremos. Grazas por ofrecernos luz e vida , Señor.
3. Para que non nos deixemos levar polo superficial e externo, e sigamos compartindo a confianza que Deus pon en nós para non  abandonar nas beiras do mundo aos excluídos e ignorados do noso mundo. Oremos. Grazas por ofrecernos luz e vida , Señor.
    Escoita, acolle e acompaña canto hoxe poñemos  no teu berce para que senta o teu conforto e a túa quentura. Por Cristo o noso Señor. Amén.

Agradecendo a túa tenrura
    Coñeces a tentación das grandes palabras. Falamos moitas veces de fraternidade nacional, humana, relixiosa. Presentamos esquemas ideais e pensamos que todo está resolto ou ven en camiño de fácil solución. Pois ben, cando pechamos o prego de programas, descubrimos que as cousas seguen como foron. Que pasou entón? Que temos esquecido algo: só se pode construír o edificio da gran fraternidade nun amor de aceptación e de respecto, en convivencia, alí onde se eduque ao ser humano para tal fin. Sen ese enraizamento antropolóxico e sen todo o despregue da pedagoxía do fraterno os restantes aspectos do amor será imposible acadalos.  
                                                   ( Xabier Pikaza, Palabra de amor. )

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...