Ir al contenido principal

Sagrada Familia

Esforcémonos por construír familias incluíntes que sintan a achega de comunidades transformadoras, e transformen a soidade en encontro  de escoita e acompañamento
Cantos

    Entrada.- Eu soñei que algunha vez     ( 58 )
    Lecturas.-   Como che cantarei  ( 28 )
    Ofertorio.-  Na nosa terra  ( 36  )
    Comuñón. -  No colo da miña nai  ( 49)


Abrindo os ollos e mirando aos lados

    Celebramos este domingo a festa da Sagrada Familia. Desde ela somos invitad@s a poñer ollos e corazón nas familias, as nosas e as outras; por moi diversas e diferentes que sexan.

    Ser familia é estar enxergado@s polo amor, non pola burocracia. Traballemos logo para superar prexuízos e poñer corazón cheo de latexos que achegan e comparten.

    Neste tempo de Nadal gozamos de momentos de reencontro, en tempo e vivencias, coas persoas que nos queren e ás que queremos, facendo da ledicia guieiro  no que convivir. Pero hai moitas persoas, cada día máis, que non poden sentir este gozo porque están solas, inda que ao seu redor haxa moita xente.
    Como di Francisco:  «Unha das máis grandes pobrezas de do noso tempo é a soidade, froito da ausencia de Deus na vida das persoas e da fraxilidade das relacións». Ante esta realidade, as parroquias estamos chamadas a ser verdadeiras   familias, construíndo comuñón de persoas.
   
    Que a celebración na que agora estamos a participar nos axude a aquecer o corazón para facer das nosas familias berces de quentura.  
Corazón misericordioso

  • Grazas, Pai, porque es bo, e a túa misericordia renova as nosas fraxilidades. Señor, aléntanos a non separar.
  • Grazas, Pai, pola vida que nos das, por tódalas túas bendicións, a pesares das nosas teimosías ensoberbiadas. Cristo, aléntanos a non separar.

  • Grazas, Pai, por ser fonte de amor, aínda que nós nos empeñemos en ser océano de discordia. Señor, aléntanos a non separar.
Palabra encarnada

  • Como diciamos no limiar, a celebración deste domingo fainos unha chamada para que na oración comunitaria que compartimos, teñamos moi presentes as nosas familias. Porque dicir familia é dicir comunicación, comuñón de sentimentos, vida compartida e participada, solidariedade fraterno -  filial, ... toda unha vivencia fonda e esperanzadora que axude a romper a dinámica, tan perversa, na que nos movemos hoxe, do interese e da comenencia . Unha dinámica que vai facendo que as persoas se sintan e descubran soas, abandonadas, illadas e moi esquecidas.

  • Traballemos logo e esforcémonos para que as nosas comunidades parroquiais sexan verdadeiras testemuñas de tempo compartido e vida acompañada. Porque ser cristián hoxe non supón que nos convertamos en persoas de ritos e tradicións.  Iso puido, quizais, valer para un tempo pasado, pero non nos vale para hoxe. Se queremos ser comunidades verdadeiramente cristiáns o que temos é que esforzarnos por levar o evanxeo coa nosa presenza . O que supón que debemos vencer a tentación de xulgar aos demais desde o noso cumio, para mordernos moito máis a lingua e abrir as mans para acoller e escoitar . Porque detrás de cada experiencia persoal hai un feixe de vivencias, case sempre descoñecidas, que nos han levar a ser cautos e non arroutados, nas valoracións que tantas veces facemos ao chou sobre a situación de tantas familias que non pasan por bos momentos e situacións. A diferenza do campo, aquí si que temos que aprender a poñerlle porta aos nosos comentarios. Se somos capaces de conseguilo , estaremos facendo a mellor das sementeiras.

  • O papa Francisco recolle, na exhortación Amoris laetitia unha proposta do sínodo sobre a familia: «Unha das maiores pobrezas da cultura actual é a soidade, froito da ausencia de Deus  na vida das persoas e da fraxilidade das relacións. Asemade, hai unha sensación xeral de impotencia fronte á realidade socioeconómica que a miúdo acaba por aplastar ás familias [...] Con frecuencia, as familias séntense abandonadas polo desinterese e a pouca atención das institucións”.

  • Xosé e María saíron preocupados na procura de Xesús ,e  tapárono “ dialogando”, non xulgando nin créndose superior, senón facendo do diálogo actitude que suscitaba atención e  escoita. Nós, nas nosas parroquias tamén temos que evitar facer xuízos sobre o que lles pasou a estes ou a aqueles; sobre  como viven ou con quen aqueles e os demais alá, para ,dunha vez, poñernos en camiño e facer como nos di o evanxeo que fixo Xesús: escoitar, dialogar e propoñer formas de acoller para que ninguén se senta excluído ou a marxe. Como familia de familias que debe ser a parroquia , saiamos ao encontro de quen sofre, do enfermo, do necesitado, dos maiores ... en definitiva, de todas e cada unha das persoas que sofren soidade e desamparo.

Pés no chan e confianza en Deus
Unidos á Familia de Nazaret, e sentíndonos familia humana, recemos xunt@s dicindo: Renova a nosa alegría, Señor.
  • Pola Igrexa, para que no  seu interior e nas relacións co mundo demostre que somos unha verdadeira familia que sabe amar, perdoar e valorar a cada persoa. Oremos. Renova a nosa alegría, Señor.
  • Polos matrimonios e familias, especialmente polos que atravesan diferentes dificultades, para que, como crentes, esteamos preto deles, escoitando e non xulgando. Oremos. Renova a nosa alegría, Señor.
  • Polos avós, para que nos últimos anos da súa vida non lles falte o cariño familiar. Oremos. Renova a nosa alegría, Señor.
  • Polas parroquias e a nosa de modo particular, para que se sinta chamada a construír unha comuñón de persoas polo amor de Deus, saíndo ao encontro de quen sofre o desamparo e a soidade. Oremos. Renova a nosa alegría, Señor.
           Escoita, Señor, a pregaria da túa Igrexa, que pon a súa confianza no teu amor e a súa mirada no fogar de Nazaret. Por Xesucristo, o noso Señor.

Aquecendo o corazón
Meu Pai, abandónome a ti. Fai de min o que queiras. O que fagas de min, agradézocho; estou disposto a todo, acéptoo todo. Con tal que a túa vontade fágase en min e en todas as túas criaturas; non desexo nada máis, meu Deus. Poño a miña vida nas túas mans. Doucha, meu Deus, con todo o amor do meu corazón, porque ámote e porque para min amarte é darme, entregarme nas túas mans sen medida, con infinita confianza, porque ti es o meu Pai.
( Charles de Foucauld)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...