Ir al contenido principal

Santa Maria 2019

Feliz 2019, feliz nin!!!!!!!!!
SINAL: Colocamos nun lugar ben visible esta imaxe





CANTO GOZOSO

Panxoliñas

ENTRADA:
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:

BENDICIÓN NO COMEZO

Que Deus nos bendiga todos os días do ano,
Que Deus nos sorría todos os días do ano,
Que Deus se fixe en nós todos os días do ano,
Que Deus nos conceda a súa paz todos os días do ano
O regalo máis feliz e o máis completo para as persoas é o amor. Por iso, de todo corazón, que o amor de Deus Pai, que se nos regala no seu Fillo Xesús feito Neno, encha os vosos corazóns e estea sempre convosco.

ABRINDO AS PORTAS DO CORAZÓN

Bos días e feliz 2019 para todas e para todos vós. O mes de xaneiro que hoxe comezamos fala de inicios. E que mellor xeito de iniciar o ano que da man de María, testemuña gozosa de reivindicación do papel feminino na sociedade e na Igrexa e denuncia profética de calquera intento de reducir á muller a un mero obxecto ou a unha mera posesión.

Desde e con María, nesta mañá brindamos porque 2019 sexa un ano nin: nin desigualdade, nin patriarcado, nin violencia, nin machismo, nin unha máis, nin unha menos.

NECESITANDO DA SÚA MISERICORDIA

  • Porque non nos decatamos de que se tratamos mal ás persoas estamos maltratándoas, SEÑOR, BENDÍCENOS COA TÚA PAZ.
  • Porque tantas veces os nosos silencios e a nosa indiferenza nos converten en persoas cómplices de moitas inxustizas; CRISTO, BENDÍCENOS COA TÚA PAZ.
  • Porque seguimos ancoradas e ancorados no machismo; SEÑOR, BENDÍCENOS COA TÚA PAZ.

ESCOITAMOS O ECO DA PALABRA

  • Do mesmo xeito que nos nacementos que fixemos este ano quixemos deixar sinal da chegada do Neno Deus facéndolle oco ás persoas migrantes que teñen deixado a vida no mar tentando buscar o respecto á súa vida ameazada e á súa dignidade maltratada, neste primeiro día do ano queremos pousar a nosa mirada noutra lacra da nosa sociedade: as mulleres asasinadas, maltratadas, violadas, prostituídas... despoxadas da súa dignidade. A nosa é unha árbore nin, porque lle pedimos a Deus por mediación de María que 2019 sexa un ano no que non haxa:
  • NIN DESIGUALDADE: O papa Francisco afirma na súa exhortación Evangelii gaudium que “a inequidade é a raíz de todos os males sociais” (EG 202). En xeral, a nosa sociedade non acaba de considerar, de maneira real e sen dobres verdades, á muller como unha igual ao home. Na superficie, no que non é profundo, parece que si se avanzou… pero se afondamos un pouco máis nas situacións, rapidamente descubrimos como á muller segue sendo á que lle corresponde asumir e compatibilizar tarefas dentro e fóra da casa (dupla xornada), ou atopámonos coa fenda salarial (en España os homes cobran ata un 20% máis). Queiramos ou non admitilo, o noso mundo aínda está lonxe da igualdade entre xéneros e da complementariedade. Os datos obxectivos amósannos que, máis alá de leis e boas intencións, a realidade segue a estar marcada polas desigualdades en todos os ámbitos sociais.
  • NIN PATRIARCADO: O patriarcado é a estrutura da sociedade que coloca aos homes por enriba das mulleres. Isto quere dicir que todos os postos importantes (na política, nas institucións, na relixión....) desde os que se toman as decisións sobre como debe ser o futuro están ocupados por homes, o que implica que estas decisións tomaranse en función dos intereses masculinos. Exemplo deste patriarcado hainos a moreas: homes-ámbito público; mulleres-ámbito privado; mulleres coidadoras, uso sexista da linguaxe...
  • NIN VIOLENCIA: Son máis de 1000 as mulleres vítimas da violencia de xénero no noso país desde o ano 2003, que foi o ano no que se empezaron a contar. 2018 pecha coa cifra de aproximadamente 50 mulleres asasinadas. Desde a fenda salarial ata o feminicidio hai un longo regueiro de diferentes ataques e formas de violencia: acoso na rúa, malos tratos físicos, acoso sexual no traballo, violacións e agresións sexuais, matrimonios forzados, infravaloración, bromas e chistes de contido sexual referidos ás mulleres, a defensa dos ciumes como parte inherente do amor, control sobre a parella, control económico, paternalismo.... En fin: todo aquilo que trae consigo a consideración da muller coma unha propiedade ou un obxecto e que tan ben describiu o asasino de Laura Luelmo cando afirmou: “encapricheime dela”. Pero non é non; e se non hai un si explícito, segue sendo non.
  • NIN MACHISMO: Contrariamente ao que cre moita xente, machismo e feminismo non son termos opostos. O feminismo busca a igualdade de dereitos entre mulleres e homes, mentres que o machismo é todo aquilo que promove unha visión inferior das mulleres, desde os comentarios inocentes como “iso non é para nenas” ou “váiseche pasar o arroz” ata a presión sobre os corpos infrinxida cun bombardeo constante de anuncios para que modifiquemos a nosa aparencia. O machismo está fortemente enraizado nas estruturas da nosa sociedade... e non digamos da nosa Igrexa. Cantas mulleres ven negado o acceso ao mundo laboral por medo a unha futura baixa por maternidade ou a unha posible falta ao traballo se algunha das crianzas se pon enferma?, cantas mulleres teñen que facer verdadeiras filigranas para poder conciliar a súa vida laboral e familiar?, cantas mulleres son escravizadas en traballos clandestinos, xa sexa en pequenos obradoiros téxtiles xa sexa como empregadas domésticas, xa sexa coidando a persoas dependentes… sen ningún tipo de contrato, de seguridade social, sen un soldo digno?... E a nivel eclesial, nas nosas parroquias: cantas mulleres son relegadas a un papel secundario, de meras “empregadas domésticas”?, cantas mulleres ven negada a súa presenza en consellos de pastoral, liturxia ou comisións económicas polo simple feito de ser mulleres?, cantas mulleres son silenciadas, negándoselles a participación na toma de decisións, nin sequera na súa propia casa?.... O machismo está moi presente na sociedade, por iso cómpre que todas as persoas crean no feminismo e se involucren ao cento por cento na loita pola igualdade.
  • NIN UNHA MÁIS: Son demasiadas as Carrapuchiñas Vermellas acosadas, maltratadas, violadas, asasinadas por demasiados Lobos Feros que, abusando da súa “presunta superioridade”: física, de poder, económica... buscan saciar os seus baixos instintos. Basta de minutos de silencio, de lazos morados, de bágoas de impotencia, de silencios cómplices!!!!!! Actuemos.
  • NIN UNHA MENOS: Isto non é un conto de príncipes e princesas, de dragóns e castelos. Isto é a vida real, e non queremos perder a ninguén no camiño. Como Paulo lle lembraba aos Gálatas: “Deus mandounos ao seu Fillo, nacido de muller... grazas ao cal xa non somos escravas e escravos, senón libres”. Que esta liberación, que nos chega da man de María, nos axude a liberarnos de vellos e rancios prexuízos cara ás mulleres para camiñar na igualdade real, da que Xesús é un bo exemplo.
Que María, nai de Deus, raíña da paz, nos conceda un ano 201    9 nin!!!!!

DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA

Na festa de Santa María, e neste comezo do ano nin, dicimos agora:
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
  • Por unha Igrexa renovada e fiel ao Evanxeo, que valore, escoite e teña en conta ás mulleres, dándolle voz e voto na toma de decisións; OREMOS.
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
  • Por unhas comunidades cristiás que nunca discriminen ás mulleres e que sempre estean dispostas a denunciar calquera tipo de violencia cara elas, OREMOS.
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
  • Por todas as mulleres vítimas: da violencia, dos prexuízos, dos complexos, do maltrato, do silencio, do machismo... para que coa nosa axuda sexan capaces de erguerse e empoderar; OREMOS.
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
  • Por todas as mulleres do mundo, para que nos decatemos de que non é tempo de mirar atrás e vivir do pasado, senón que é tempo de erguer a mirada, perder o medo e construír esperanza sen complexos, sabéndose iguais, nunca inferiores, aos homes; OREMOS.
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
Grazas, Señor, por crearnos iguais en dignidade a homes e mulleres. Axúdanos a traballar arreo para que a igualdade sexa unha realidade na nosa vida de cada día. P.X.N.S. Amén.

PARA POÑER O CORAZÓN NA ESPERANZA

Non che desexo un ano marabilloso no que todo sexa bo. Este é un pensamento máxico, infantil, utópico.
Deséxoche que te animes a mirarte, e que te queiras como es.
Que teñas o suficiente amor propio para pelexar moitas batallas e a humildade para saber que hai batallas imposibles de gañar e polas que non paga a pena loitar.
Deséxoche que non te permitas os “non podo” e recoñezas os “non quero”.
Deséxoche que escoites a túa verdade e que a digas con conciencia plena de que só é a túa verdade, e non a da outra persoa.
Que te expoñas ao que temes, porque é o único xeito de vencer o medo.
Que aprendas a tolerar as “manchas negras” da outra persoa, porque cadaquén ten as súas.
Que non te condenes por equivocarte, non somos persoas todopoderosas.
Que medres ata onde e cando queiras.
Que logres ser feliz, sexa cal sexa a realidade que che toque vivir.
Que teñas un ano nin.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel