Ir al contenido principal

4 domingo da Pascua 2019

PASTORES DE AMOR E POR AMOR NUN MUNDO DE INTERESES E CONSUMO RELIXIOSO
Descarga o ficheiro
Cantos

Entrada.- Que ledicia miña ( 4)
    Lecturas.- Escoita ti a palabra de Deus  (26)
    Ofertorio.-  Eu soñei  (58)
    Comuñón.- Acharte presente (51 )

Mirada poliédrica

    No día do Bo Pastor, festa litúrxica que no cuarto domingo de pascua nos invita sempre a ser propositivos e non autoreferenciais – mirar só para nós mesmos– que grande oportunidade de reflexionar sobre a importancia de ser unha Igrexa sinodal; unha Igrexa que non camiña como se fose unha pirámide que o ve todo desde arriba, senón como un poliedro onde tod@s, por diferentes que sexamos, temos cabida. Que mellor momento para tomar conciencia de que se queremos que a Igrexa cambie e sexa distinta, tamén temos que cambiar nos para colaborar, participar, expresarnos e decidir. A Igrexa é sinodal -xunt@s– e nesta sinodalidade renovemos o noso compromiso pola creatividade de quen non repite fórmulas do pasado, e si aposta pola novidade de canto a achega máis ao estilo de Xesús, o Bo e mellor de tódolos Pastores.

Corazón periférico
  • Para que deixemos atrás as présas e non teñamos medo a entrar e sentar ao abeiro de Deus; SEÑOR, PASTOREA O NOSO CORAZÓN.
  • Para que non reneguemos de acompañar e axudar aos nosos pastores nas súas debilidades; CRISTO, PASTOREA O NOSO CORAZÓN.
  • Para que non fagamos do individualismo resposta á nosa maneira de vivir a fe; SEÑOR, PASTOREA O NOSO CORAZÓN.

Palabra encarnada

  1. Dinos a primeira lectura dos Feitos dos Apóstolos que acabamos de escoitar, que Paulo e máis Bernabé, estando en Antioquía, entraron na sinagoga e sentaron. Estas dúas palabras poden servirnos de fío condutor desde o que reflexionar hoxe sobre a palabra de Deus. Para poder coñecer e falar dunha cuestión é necesario prestar atención, comprender, estudala, reflexionala…  e iso non sería posible se non nos achegamos a ela de maneira tranquila e repousada. O entrar e sentar móstrannos que quen queda fóra, quen non sente nin experimenta, quen cre ou vive a fe de oídas, non fai nada máis que repetir ritos e fórmulas, pero non acolle e pasa polo corazón o escoitado e transmitido. Esta é entón a clave para que a palabra de Deus sega a ter presenza e actualidade en nós: entrar e sentar. Entrar na dinámica do Deus que se mostra no rostro dos demais, especialmente dos que temos máis preto; sentar para dedicarlles tempo, comprender canto lle pasa, acompañar as súas tristuras e silencios. A fe cristiá é un proxecto de amor que se vai realizando desde a cercanía do Deus que entra no noso corazón e senta ao noso lado. Non é unha fe de distancia nin na distancia. Por iso El é Pai e nós fillos. E exerce con nós unha paternidade de oportunidades e acompañamento. Como o pastor fai co rabaño que ten encomendado. Non escapa nin o deixa só, senón que vive e convive entre el. Cando entramos e sentamos, somos capaces de comprender, polo que nin as ameazas nin os medos –cando veñan, e virán– non nos desesperanzarán, ao contrario, achegarannos a vivir a fraternidade para sentírmonos non illas, senón comunidade que acolle e aquece –sinodalidade en comuñón-.

  1. E no medio do “mundo de xente” coa que conformamos a sociedade iremos descubrindo o rostro de Deus nos rostros, incomprendidos e esquecidos, de tantas persoas ás que ninguén lle fai caso e coas que ninguén conta. E, tristemente, cada día son máis. Nesa situación e nesa realidade está Deus, nada escondido, por certo, pero invisible moitas veces aos nosos ollos, porque estamos empeñados en descubrilo na suntuosidade das nosas fórmulas rituais e das nosas presenzas aparentes e notorias. Porén, El aparece no pequeno, esquecido, estarrecido e mergullado do noso mundo. E estas non queren ser palabras retóricas, senón visualización da imperfección do noso mundo sempre tan ás carreiras e sen tempo para pararnos e entrar desde un como estás, dime, aquí estou, cóntame, acompáñote, non vas quedar só… que non sempre son as palabras que saen dos noso beizos nin fan latexar o noso corazón. Seremos logo capaces de “enxugar os seus ollos de toda bágoa”?
  2. O reto váinolo lanzando Deus cada día e en cada momento. Tamén hoxe a través da figura do bo pastor. E así como o pastor pon a vida ao servizo e coidado das súas ovellas, mesmo afrontando a presenza do lobo e sen escapar nin deixalas soas; ao contrario. Dese mesmo xeito Xesús ponse ao servizo das persoas, de tódalas persoas –El non fai exclusións nin distingos-; pero non é o del un servizo a curto prazo e en función dos réditos políticos, económicos, relixiosos… senón un servizo de entrega xenerosa que fai que agrome a confianza e que se lle vaian achegando. Non mete medo, non espanta, non xulga nin condena, acolle. Faino desde o agora e para o ata despois, por iso a súa acollida non ten réditos de ilusionismo a tempo parcial, senón que se prolonga no tempo por ser unha acollida de salvación e sentido; unha acollida de trascendencia e plenitude. Unha acollida propiciada polo goce da pascua. Nesa acollida é na que El invita a camiñar a tódolos pastores, servidores, das comunidades de xeito que quen entre e sente poida ser escoitado e respectado. Sen medo a contaminarse, perder tempo ou levar consigo o cheiro de quen se lle achegou. Se queremos ser comunidades en camiño da pascua, necesitamos pastores que camiñen con nós sen medos e con moita esperanza. Non a esperanza empastada e ficticia, de quen non cre nela, senón a esperanza vivida e compartida de quen se ve enriquecido no compartir a súa vida con outras vidas. As vidas nas que se mostra, hoxe e sempre, Deus.

Pés no chan e confianza en Deus
Compartamos a oración comunitaria desde a confianza en Deus e os servizo aos demais e digamos: Que aprendamos a mirarnos con ollos de servizo e misericordia.
  • Para que traballemos sinodalmente, facendo da Igrexa servizo e compromiso coas persoas, ao estilo de Xesús, o Bo pastor. Oremos. Que aprendamos a mirarnos con ollos de servizo e misericordia.
  • Para que nos esforcemos por construír nas nosas comunidades espazos de escoita, acompañamento e dispoñibilidade, compartindo tempo e sorrisos coas persoas que nos precisen, Oremos. Que aprendamos a mirarnos con ollos de servizo e misericordia.
  • Para que neste día do Bo pastor tomemos conciencia de que debemos implicarnos e participar en tódalas accións que fagan da Igrexa espazo de comuñón e participación, e dos seus pastores servidores e non impositores, Oremos. Que aprendamos a mirarnos con ollos de servizo e misericordia.
Aléntanos sempre Señor na tarefa de servir e construír ao estilo de Cristo, o Bo Pastor. Amén.

Corazón aquecido
En moitas situacións sentimos a necesidade de facer números: comezamos a mirar cantos somos... e somos poucos, despois vemos a cantidade de casas e obras que hai que soster... e son moitas... Parecera que a balanza está sempre en 'números vermellos… Non é así: facer números pódenos levar á tentación de mirarnos demasiado a nós mesmos, e “encorvados” sobre a nosa realidade e miserias podemos rematar case como os discípulos de Emaús, proclamando o kerigma cos nosos labios namentres o noso corazón se encerra nun silencio marcado por unha sutil frustración”.
                            ( Francisco en Macedonia do Norte .Maio 2019)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...