Ir al contenido principal

28 domingo TO C 2019


SE NOS ESFORZAMOS POR FACER DA VIDA AGASALLO, DESCUBRIREMOS O IMPORTANTE QUE É DICIR GRAZAS
Cantos
    Entrada.- Vaiamos ao altar  ( 133 )
      Lecturas.- Cantádelle ao Señor unha cantiga nova
Ofertorio.-  Grazas, Señor, na mañá  (117 )
Comuñón.- Déixate querer  ( 61  )
Mirada en derredor
         Todas e todos temos a experiencia de recibir de cando en vez un agasallo. E que ben senta dicir grazas mirándolle aos ollos a quen pensou en nós cando o escolleu e mercou! Non para restablecer unha relación de dependencia ou submisión con esa persoa de por vida, non; todo o contrario: para mostrar a alegría de descubrir que para quen nos agasallou non somos algo indiferente ante quen se vira a cara, senón alguén, con nome e apelido, que nos apreza e quere mostrar o recoñecemento deste aprezo desde o respecto e a igualdade.
         E disto, de agradecemento, non burocrático e frío, senón sentido e desde o corazón, é do que nos fala a Palabra de Deus hoxe. Un agradecemento que se nos invita é a facer extensivo a tantas persoas que van pasando pola nosa vida deixando pequenos recendos do seu amor e agarimo.
Humildade construtiva
  1. Por non saber ser persoas agradecidas. SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA SOBERBIA DO ESQUECEMENTO.
  2. Por ignorar a tantas persoas que foron pasando pola nosa vida  tendéndonos a súa man. CRISTO, QUE NON CAIAMOS NA SOBERBIA DO ESQUECEMENTO.
  3. Por non querer entender que valorar o que outras persoas fan por nós, é responder a facer da vida Evanxeo. SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA SOBERBIA DO ESQUECEMENTO.
Palabra para remoer
  1. Naaman atopou no Xordán a paz que desde facía tanto tempo viña buscando. A paz interior que vai inundando a vida, dándolle un sentido verdadeiramente pleno e gozoso. Aquela foi para el auténtica alga purificadora e capaz de xermolar unha mirada distinta dun mesmo e da realidade. Quizais, tamén nós, necesitamos hoxe, mesmo neste momento, atopar mesmo o noso propio Xordán onde poder experimentar o gozo de sentírmonos limpos e con capacidade de experimentar a paz de quen se esforza, sen buscar nin premios nin recoñecemento, do traballo ben feito, do respecto cara ás persoas que nin pensan coma nós nin lles gusta o nós facemos, do tempo dedicado a facer cousas para que todas e todos as poidamos gozar, sen obsesionarnos en que nolas recoñezan, as publiquen ou todo o mundo fale do boas persoas que somos. Non, este non é o camiño. Simplemente temos que ser honestos e consecuentes coa fe no Deus de Xesús, e comportarnos do mesmo xeito que nos gustaría que se comportasen con nós: facéndonos sorrir. E nestes tempos de tanta crispación e tan pouco sorriso, que importante é atopar  referentes que saben ser agradecidos poñendo o mellor dos sorrisos nos seus beizos e nos seus ollos.

  1. As marabillas do Señor vanse mostrando no día a día da vida. Son unhas marabillas nas que vai pondo de manifesto que nos fala a través e por medio das persoas que non gardan para si os seus talentos, senón que os poñen ao servizo e as dispor dos demais. Cantas persoas non se teñen cruzado na nosa vida ofrecéndonos o mellor de si mesmas para que nós foramos aprendendo, superando atrancos ou recuperando a esperanza e as ilusións! Vemos logo que desde a perspectiva de Deus o marabilloso non está na grandeza do que xunta moita xente ou leva moitos cartos organizar, senón na sinxeleza de quen vai pondo presenza, alento, amizade, igualdade, recoñecemento do valor e sentido da outra persoa... O pequeno e sinxelo. Si. Porque nesta sinxela pequenez é onde se nos revela e mostra o Deus que fai marabillas nos ollos e corazón das persoas coa axuda tamén doutras persoas. Como diría Francisco, facendo visible a santidade de quen vive na porta do lado. Non perdamos logo o tempo en facer da vida espectáculo, e traballemos por converter o noso tempo en humanidade ofrecida.

  1. Quizais nós non nos atoparemos con dez gafos, como se atopou Xesús, pero si atoparemos persoas que estean soas, que teñen dor, ás que os plans non lles saíron como pensaban, as que lle foron fallando tódolos resortes e non acaban de ver norte e sentido na súa vida. Nestas situacións, que non son tan raras nin estrañas, seguro que nos temos visto moitas veces. Cal ten sido a nosa maneira de actuar? Ao estilo de Xesús, ou de xeito contrario? Porque é aquí, nestas pequenas cousas, onde cada un e cada unha de nós se vai xogando a forza da fe, e a sinceridade coa que acollemos a mensaxe de Xesús nas nosas vidas. Unha fe enchoupada de vivencia humanizadora, de amor, tal e como dicía Paulo. Que a fin e remate, é do que nos van examinar na nosa “tardiña baixa da vida”. Apostemos entón en vivir con Cristo, para camiñar, polo seu vieiro, tamén cara á plenitude da que El xa nos foi abrindo o camiño. E que mellor que ser agradecidos e agradecidas por este gran agasallo que nos deixou, devolvéndollo en forma de presenza, viva e respectuosa, desde o traballo dos esquecidos e descartados do noso tempo. Fagamos da samaritanía testemuño dunha Igrexa en permanente saída que non queda na calor do centro, se non que se fai presente, na friaxe, moitas veces conxelación, das periferias!


Gratitude compartida
    Recemos ao Señor presentando a nosa oración e dicindo: GRAZAS, SEÑOR, POR ENSINARNOS A AGRADECER.

  1. Para que fagamos do traballo da Igrexa no mundo un compromiso por coidar e curar as feridas que o noso desapego e desamor foron poñendo no corazón das persoas; Oremos. GRAZAS, SEÑOR, POR ENSINARNOS A AGRADECER.
  2. Para que loitemos, nas nosas parroquias, contra a tentación de desprezar as persoas por ser coñecidas e saber delas só o aparente, sen esforzarnos por descubrir e valorar o moito que teñen de bo. Oremos. GRAZAS, SEÑOR, POR ENSINARNOS A AGRADECER.
  3. Para que saibamos ser persoas agradecidas recoñecendo o moito que nos teñen aportado, en forma de educación, ensinanza, cultura, exemplo e testemuño tantas persoas que foron pasando pola nosa vida facéndonos o ben, e converténdose nas nosas mellores mestras. Oremos. GRAZAS, SEÑOR, POR ENSINARNOS A AGRADECER .
       Grazas, Señor, por invitarnos a compartir a oración comunitaria desde os teus ollos e o teu corazón posto nas persoas, e non nos éxitos nin o poder. Por Cristo o noso Señor. Amén.

Sensibilidade para construír
Non podemos deixar de lado os valores que desde o evanxeo
constrúen unha sociedade máis humana.
A xustiza é mellor ca vinganza.
O diálogo mellor ca confrontación.
A tenrura é mellor ca imposición.
A acollida é mellor co rexeitamento.
A información é mellor ca credulidade.
A misericordia é a salsa da xustiza.
A verdade é o contrario non só da mentira senón tamén da falsa información...
A apertura é mellor ca fronteira.
A vida é o oposto á morte e tende á unidade, non á separación.
(José Luis Saborido Cursach)


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...