CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE
CANTOS
· ENTRADA: Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2)
· LECTURAS: Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23)
· OFERTORIO: O amor é o meirande (Nº 120)
· COMUÑÓN: No colo de miña nai (Nº 49)
AQUECENDO O CORAZÓN
Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.
Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras para que as leve o vento. Todo o contrario. El non cansa de afirmar que se non somos quen de testemuñar, todo o que digamos non vai ter nin valor nin fondura algunha. Se iso é así, que nos está a pasar? Por que deixamos que as palabras soen pero sen facerlles caso?
Que a celebración que hoxe compartimos nos mova a facer do amor camiño polo que percorramos, sabendo sempre que nos precisamos unhas persoas a outras.
PRECISANDO DA MISERICORDIA
o Polas veces nas que tomamos o nome do amor en van; SEÑOR, QUE VENZAMOS A TENTACIÓN.
o Polas veces nas que fixemos da alegría palabra baleira; CRISTO, QUE VENZAMOS A TENTACIÓN.
o Polas veces nas que convertemos a amizade en interese; SEÑOR, QUE VENZAMOS A TENTACIÓN.
PALABRA PROCLAMADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Cando Pedro ía entrar, foi Cornelio á porta e botándoselle os pés, postrouse. Pero Pedro levantouno, dicíndolle:
‑Érguete, que eu tamén son un home.
Tomou entón Pedro a palabra e dixo:
‑Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta ó que lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa. Aínda Pedro estaba a dicir estas cousas, cando o Espírito Santo veu sobre tódolos que escoitaban a palabra. Tódolos crentes da circuncisión, que viñeran con Pedro, ficaron cheos de asombro, ó veren que o don de Espírito Santo tamén se espallaba sobre os pagáns, pois sentíanos falar en linguas e louvar a Deus. Entón Pedro dixo:
‑¿Pode alguén negarlle a auga do bautismo ós que recibiron o Espírito Santo o mesmo ca nós?
E mandou que os bautizasen no nome de Xesús Cristo. Entón pedíronlle que quedase con eles algúns días. Palabra do Señor
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN XOÁN
Meus amigos, amémonos úns ós outros, porque o amor vén de Deus; e todo aquel que ama naceu de Deus e coñece a Deus. O que non ama, aínda non coñece a Deus, porque Deus é amor.
O amor de Deus fíxose ver entre nós en que Deus mandou ó mundo o seu Fillo Unixénito, para que nos dese a súa vida. Hai amor dentro de nós, non porque nós teñamos amado a Deus, senón porque El nos amou a nós e mandou o seu Fillo para que expiase os nosos pecados. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Dilles Xesús ós seus discípulos:
Coma me amou o Pai, así vos amei eu: permanecede no meu amor. Se gardáde-los meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, coma eu gardei os mandamentos de meu Pai, e permanezo no seu amor. Díxenvos estas cousas, para que a miña alegría estea en vós, e a vosa alegría sexa plena.
Este é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros coma eu vos amei. Ninguén ten amor meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos. Vós sodes amigos meus, se facedes canto eu vos mando. Xa non vos chamo servos, que o servo non sabe o que fai o seu señor: a vós trateivos de amigos, pois todo o que lle oín a meu Pai déivolo a coñecer. Non me escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a vós; e púxenvos para que vaiades e levedes froito e o voso froito permaneza; de xeito que todo o que lle pidades ó Pai no meu nome, volo conceda. Mándovos isto: que vos amedes uns a outros. Palabra do Señor
PALABRA REMOÍDA
ü Deus non fai distincións: Así nolo di hoxe a primeira lectura, tomada do libro dos Feitos dos Apóstolos. E que ben acaído chega neste momento no que no mundo andamos facendo liorta uns contra dos outros. Unha liorta que enfronta, exclúe, xera violencia, minte, crispa... Diante deste panorama nada alentador, as persoas crentes temos esta palabra que vimos de escoitar que nos aquece o corazón e nos move –ou alomenos debera de movernos– a non ser así. Todo o contrario: a Palabra sempre é unha invitación a deixarnos enchoupar pola frescura da mensaxe deste Deus que non deixa de insistir en que só aprendendo a amar, e poñendo en práctica canto temos aprendido, podermos ser verdadeiras testemuñas cribles no medio deste noso mundo falto da credibilidade de quen fai o que di.
ü Amémonos porque o amor vén de Deus: Xoán tamén llo dicía a aqueles cristiáns e cristiás da primeira hora. Mellor aínda, poñíalles en relación o amor con Deus, porque Deus non pode ser nada máis que amor. E contra o que tantas veces escoitamos dicir, nin condena nin mete medo, simplemente, porque é amor, ama. Con que claridade llelo dicía Xoán a aqueles cristiáns e cristiás! E que lonxe estamos nós de vivilo, de anuncialo, de poñelo en práctica! Este é o noso reto hoxe. Porque non van ser as celebracións que se pechan nos templos nin as procesións que que se mostran con todo o seu barroquismo nas rúas, senón a nosa capacidade de testemuñar, dando razón coa nosa vida de que cremos no amor, que o tomamos en serio, que nos cambia interiormente e nos fai distintos no actuar cada día, as que farán crible e presente a mensaxe deste Deus amor no mundo.
ü Vós sodes os meus amigos: E quen mellor o pode entender e vivir somos aquelas persoas que nos chamamos seguidores e seguidoras del; aquelas persoas que libremente queremos levar á nosa vida de cada días todo canto nos deixou e invitou a poñer en práctica nas páxinas do Evanxeo. Deus é amor, si, pero nós temos que ser as testemuñas do seu amor. Un amor de verdade, sinxelo, acolledor, entregado, solidario, que sabe renovarse e vivirse en cada momento tendo en conta os “sinais dos tempos”. Só así cumpriremos o soño de Deus de facer do amor eixe da vida do mundo. E responderemos a iso que Francisco sempre nos di de que temos que ser unha Igrexa en saída. Isto esixe esforzo e capacidade para ter unha mirada de fraternidade que busca a amizade social. Como amigas e amigos deste Deus amor, non o deixemos esmorecer.
ORACIÓN COMPARTIDA
Unímonos agora para dar garzas a Deus coa ledicia do amor que del temos recibido, e que nos invita a compartir en fraternidade. Facémolo dicindo:
QUE VIVAMOS O TEU AMOR CON COBIZA
v Para que sexamos unha Igrexa cobizosa de amor, ledicia, esperanza e testemuño; Oremos.
v Para que nos esforcemos para que as nosas parroquias sexan berces de cobiza e acollida; Oremos.
v Hoxe celebramos en toda a Igrexa a Pascua da Persoa Enferma. Para que nós, seguindo o camiño aberto por Xesús, sempre fagamos das persoas enfermas centro do noso facer, da nosa oración, do noso actuar, Oremos.
v Hoxe é primeiro domingo de maio, o día da nai. Pedimos polas nosas nais, en cuxo colo escoitamos falar de Deus. Por todas as mulleres que dun cabo a outro do mundo están a levar a cabo a misión de dar e coidar a vida, Oremos.
v Para que nós sexamos persoas cobizosas buscando entendernos, escoitarnos e tendernos a man para seguir o teu camiño; Oremos.
Señor, danos azos para non deixar ser nunca persoas cobizosas do teu amor e da túa ledicia. P.X.N.S. Amén.
AGRANDANDO O CORAZÓN
Pidamos ao Señor que libere á Igrexa de quen a quere envellecer, esclerotizala no pasado, facela estática, volvela inmóbil. Pidamos tamén que a libere doutra tentación: crer que é nova porque cede a todo o que lle ofrece o mundo, crer que se renova porque oculta a súa mensaxe e se confunde cos demais. Non. É nova cando é ela mesma, cando recibe cada día a forza sempre nova da Palabra de Deus, da Eucaristía, da presenza de Cristo e da forza do seu Espírito. É nova cando é capaz de volver unha e outra vez á súa orixe.
Temos que atrevernos a ser diferentes, a mostrar outros soños que este mundo non ofrece, a ser testemuñas da beleza da xenerosidade, do servizo, da pureza, da forza, do perdón, da fidelidade á propia vocación, da oración, da loita pola xustiza e o común ben, de amor ás persoas pobres, de amizade social. (Francisco)
Comentarios