Ir al contenido principal

Trindade 2024

 UN AMOR DE COMUÑÓN AO SERVIZO DA IGUALDADE 

 

CANTO GOZOSO

  • Entrada: Con ledicia vimos ( 3)
  • Lecturas: Benaventurados ( 119)
  • Ofertorio: Déixate querer ( 61)
  • Comuñón: Ide e pregoade (55)

OÍDO ATENTO

A Igrexa ten como un dos seus eixes o ser comunidade. Comunidade que se reúne, que comparte a mesma esperanza, que camiña de xeito solidario poñendo corazón e mans ofrecidas para quen o precise, que se sabe portadora dunha misión de esperanza, a pesares das desesperanzas que poida atopar no mundo no que está presente.
Neste domingo, sabéndonos comunidade, celebramos a festa da Santísima Trindade, a festa da comuñón en igualdade do Deus Pai, Fillo e Espírito Santo. Deixemos logo que este amor derramado na Trindade do Deus amor, enchoupe tamén cada momento das nosas vidas.

CORAZÓN DE MISERICORDIA

  • Pola nosa falta de amor. SEÑOR, ENCHÓUPANOS DE SINXELEZA.
  • Pola nosa falta de comuñón. CRISTO, ENCHÓUPANOS DE SINXELEZA.
  • Por non tratarnos con igualdade. SEÑOR, ENCHÓUPANOS DE SINXELEZA.

PALABRA OFRECIDA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO DEUTERONOMIO

Faloulle Moisés ó pobo dicindo:
Pregúntalles ós tempos antigos, que houbo antes de ti desde o día en que Deus creou a humanidade sobre a terra, e desde un cabo do ceo ata o outro cabo do ceo: ¿Houbo algo tan grande coma isto ou oíuse algo semellante? ¿Escoitou algún pobo a voz de Deus falándolle desde o medio do lume, tal coma ti a escoitaches, e seguiches vivindo? ¿Ou intentou algún deus vir coller para si unha nación do medio doutros pobos, con castigos, con sinais e prodixios, con guerra, con man forte e brazo estendido, con terrores grandes, de maneira semellante a todo o que o Señor, o voso Deus, fixo no voso favor en Exipto ós teus propios ollos?
Recoñéceo hoxe e dálle voltas no teu corazón: o Señor é Deus, arriba no ceo e abaixo na terra, e que non hai outro. Garda os seus mandatos e leis que eu mando hoxe: serache bo para ti e para teus fillos despois de ti, e alongara-los teus días sobre a terra que o Señor, o teu Deus, che vai dar para sempre". Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

Irmáns e irmás:
Cantos se deixan guiar polo Espírito de Deus, eses son fillos de Deus. Pois non recibistes un espírito de escravitude, para volverdes ó medo. Non. Vós recibistes un espírito de fillos adoptivos, gracias ó que podemos gritar: ¡"Abbá": Pai! Este mesmo Espírito, xuntamente co noso, dá testemuño de que somos fillos de Deus. E, se fillos, tamén herdeiros: herdeiros de Deus e coherdeiros con Cristo; xa que, se padecemos con el, é para sermos tamén despois glorificados con el. Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Os once discípulos fóronse para Galilea ó monte onde Xesús os citara. E véndoo, prostráronse ante el, anque algúns dubidaban. Xesús, achegándose, díxolles:
‑Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo. Palabra do Señor.

PALABRA REMOÍDA

O amor de Deus, para aquelas persoas que o queiran acoller, vai enchoupando a nosa vida; toda ela. E esta é unha afirmación raíz da fe cristiá; unha afirmación que non se pode quedar en abstracto, senón que debe concretarse no noso día a día de relacións e vivencias. Nesta relacionalidade e xeito de vivir é como mellor podemos entender que é e que queremos celebrar coa festa deste domingo, a festa da Santísima Trindade. Si, porque Deus só pode entenderse como un amor en relación que se vai manifestando no mundo desde o principio da historia. Un Deus Pai que agarima e acompaña; un Deus Fillo que asume a mesma condición ca nós, mesmo na dor e sufrimento; un Deus Espírito Santo que vai alentando o noso día a día sen deixar que a desesperanza, a tristura e o desacougo vaian ocupando espazo na nosa vida. E todo isto, só e unicamente por e desde o amor. Que mellor exemplo que a festa de hoxe para entendelo e vivilo!
Por iso podemos dicir Pai, amigo e compañeiro ao referinos a Deus. Non é unha couso nin un algo, é un Alguén que sabemos que está, que non nos deixa, que sentimos nas alegrías e dificultades, que sabemos compañeiro no camiñar, moitas veces duro e difícil, da nosa vida. Acabamos de escoitalo na carta que Paulo lle escribe aos cristiáns e cristiás de Roma naquel xa lonxano século primeiro; pero tamén nolo segue a dicir a nós vinte e un séculos despois. Deixemos logo que este amor de Deus vaia enchoupando todo canto dicimos, facemos e pensamos, para que deste xeito poidamos tamén nós experimentar o sabernos en comuñón de relación igualitaria, solidaria, fraterna e leda entre todas e todos nós. A imaxe do amor de relación do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
De xeito que poidamos, sabendo que non imos cadaquén ao seu aire, senón seguindo as mesmas pegadas, ir tamén polo mundo e anunciar coa coherencia da nosa vida o amor de Deus desde a nosa maneira de tratarnos, querernos, relacionarnos e vivir.
Francisco, o papa, co seu xeito de falar, cos seus xestos de estar sempre ao lado das persoas máis excluídas, e coa súa insistencia en facer do diálogo, a misericordia e a escoita maneiras de ser crentes neste noso mundo tan marcado polo individualismo, estanos dando a mellor das testemuñas para que sexamos cribles neste visibilizar o amor de comuñón e relación do Deus trinitario. Vaiamos e pregoemos

ORACIÓN COMPARTIDA

O Deus amor invítanos nesta mañá a seguir sendo persoas pregoeiras de paz e diálogo nun mundo enfrontado e individualista, por iso unímonos para dicir: SEÑOR, QUE SEXAMOS PEGADAS DE DIÁLOGO E PAZ.
  • Para que sexamos Igrexa de comuñón e paz neste noso mundo crispado e individualista. Oremos. 
  • Para que sexamos comunidades parroquiais acolledoras, alegres, solidarias e pacíficas. Oremos.
  • Para que non nos deixemos abater pola tristura, nin preocupar polo número, senón que saibamos descubrir que a nosa tarefa é ser luz e paz co noso xeito de vivir e de tratarnos unhas persoas a outras. Oremos.
Coa forza da comuñón trinitaria, que saibamos ser no mundo fermento de paz e diálogo. P.X.N.S. Amén.

CORAZÓN AQUECIDO

“Nesta festa celebramos a Deus: o misterio dun único Deus e este Deus é o Pai e o Fillo e o Espírito Santo. ¡Tres persoas, pero Deus é un! O Pai é Deus, o Fillo é Deus, o Espírito é Deus.

Hoxe celebramos este misterio, porque as Persoas non son adxectivos de Deus: non. Son persoas, reais, distintas, diferentes; Non son -como dicía aquel filósofo- «emanacións de Deus». Non, non! Son persoas". A celebración de hoxe, pois, fainos contemplar este marabilloso misterio de amor e luz do que procedemos e cara ao que se orienta o noso camiño terrestre.

No anuncio do Evanxeo e en todas as formas da misión cristiá, non podemos prescindir desta unidade á que Xesús chama entre nós, seguindo a unidade do Pai, do Fillo e do Espírito Santo: non podemos prescindir desta unidade. A beleza do Evanxeo esixe ser vivida -unidade- e testemuñada na harmonía entre nós, que somos tan diferentes”. ( Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...