Ir al contenido principal

Corpus 2020

O PODER DE CADA PERSOA. CADA XESTO, CONTA. 

(CAMPAÑA CÁRITAS. CORPUS 2020) 

CANTO GOZOSO 

  • ENTRADA: Benaventurados (Nº 118) 

  • LECTURAS: Salve, Santo Sacramento (Nº 117) 

  • OFERTORIO: Pan do ceo (Nº 54) 

  • COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida (Nº 53) 

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN 

Celebramos hoxe o día do Corpus. E facémolo dun xeito diferente, dun xeito especial. 

A pandemia mundial que xerou o coroavirus obrigounos a dispoñer das nosas vidas dunha forma inimaxinable hai tan só uns meses. Os hábitos cotiáns, a forma de relacionarnos e a xestión das nosas emocións desbordáronnos. A enfermidade, a morte e o illamento, deixaron paso á inseguridade económica e laboral, á falta de recursos básicos, á perda de emprego ou aos ERTES. Emerxe unha sociedade moito máis fráxil e vulnerable cunha folla de roteiro máis chea de incertezas que de certezas. 

Pero non estamos sós. Cristo resucitou. En centos de signos e xestos experimentamos que o Señor sae ao noso encontro para transformar o noso dó en alegría e aplausos, en compaña e conversas telefónicas, en entrega e axuda veciñal, en multiplicación de pans e peixes, en sanación e coidado, en xenerosidade e servizo á cidadanía.  

Por iso, neste novo tempo faise aínda máis imprescindible celebrar a vida e o encontro, encomendar e dar grazas a Deus, porque Xesús, o Señor, quedou connosco e convídanos a sentar á mesa para facernos pan coma El e compartir o que somos, todos os dons que conforman o noso ser, para poñelos ao servizo dos demais e da súa fraxilidade, que tamén é a nosa. 

Como Igrexa, como comunidade cristiá, temos o reto de acompañar e coidar a fraxilidade e tamén cultivar a solidariedade emerxente para que non quede só nunha reacción ante a ameaza compartida, senón nunha forma nova de ser e estar no mundo. 

NECESITAMOS DA TÚA MISERICORDIA 

  • Polas veces nas que o medo nos impide apoiar, escoitar e axudar a quen precisa de nós, SEÑOR, FÁRTANOS CO PAN DA MISERICORDIA. 

  • Porque precisamos da túa forza e do teu alento para estar, como María, ao pé da cruz, acompañando a tanta xente crucificada, CRISTO, FÁRTANOS CO PAN DA MISERICORDIA. 

  • Para que xunto contigo sexamos todas e todos un só Corpo, SEÑOR, FÁRTANOS CO PAN DA MISERICORDIA. 

ESCOITANDO A TÚA PALABRA 

Como diciamos ao comezo, a pandemia mundial do coroavirus deixounos grandes retos por diante que non podemos abordar sós, nin como individuos nin como organizacións de forma unilateral. Necesitamos debuxar en común novos escenarios de vida e posibilidade para todos, e xerar novos espazos de encontro para sandar xuntos. É momento de axudarnos e de sumar esforzos. Como ben din os nosos bispos na súa mensaxe con motivo da festividade do Día da Caridade: “Este traballo de transformación do mundo non podemos levalo a cabo sós. Necesitamos de todos e particularmente das nosas autoridades políticas, civís, económicas e relixiosas. Necesitamos persoas con moita paciencia, coa mirada posta nos máis fráxiles da nosa sociedade, e cunha firme vontade de chegar a acordos e de aplicalos. 

Todas as persoas que se sintan convidadas a reconstruír a sociedade dunha maneira nova, todas xuntas e cada unha, temos o poder, a posibilidade e a oportunidade de cambiar e transformar o noso estilo de vida de forma que reflicta o ser e o facer de Xesús. El chámanos polo noso nome e convídanos a percorrer un itinerario vital como fixera noutro tempo con Moisés: 

  • ABRE A PORTA. Aos berros impotentes das persoas migrantes que este verán chegarán ás nosas costas, ao silencio de quen vive afogado na soidade, a quen vive desafiuzado do seu fogar, a quen precisa que compartas o teu pan para poder comer. “Velaquí, Eu estou á porta e chamo” (Ap 3,20). Abres ou fas o xordo? 

  • NON TEÑAS MEDO: Non levantes máis muros nin fronteiras. Non deixes que o medo bote as súas raíces no teu corazón. Confía, cre na bondade e no amor, e abre os teus brazos para acoller aos demais. O encontro con outras persoas vaite encher de vida e novidade. Atréveste? 

  • DÉIXATE TOCAR: Deixa a un lado prexuízos e os estereotipos que imaxinaches sen coñecer e sen saber. Arríscaste a darlle unha oportunidade a quen lle puxeches algunha etiqueta? 

  • SAL AO ENCONTRO: Sal do teu lugar de conforto e atópate con Deus, que habita en cada persona.En cada encontro farás posible que comece a brotar a fraternidade. 

  • PONTE EN MARCHA E CAMIÑA EN COMUNIDADE: Ide e anunciade a todos a boa noticia, escoitabamos hai uns domingos no Evanxeo. Non podemos quedar aí, no asento de sempre. Temos que ser sinais de vida, lumieiras para outras persoas e así abrir horizontes de esperanza para mellorar o mundo.  

REZAMOS EN COMUNIDADE 

Cristo faise Pan; e nós somos invitad@s a compartilo ofrecéndollo aos irmáns e ás irmás que non o teñen. Desde esta invitación dicimos xunt@s:  

SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA XUSTIZA 

  • Para que toda a Igrexa, que hoxe celebra a festa da túa presenza na mesa do noso mundo, non se deixe intimidar polos que non queren que con voz alta e clara, fale na defensa dos máis débiles, explotados e esquecidos, OREMOS. 

SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA XUSTIZA 

  • Para que sexan respectados os dereitos de todas as persoas que sofren: pobres, excluídas, refuxiadas, desempregadas, enfermas, maiores, desesperanzadas, explotadas, violadas..., OREMOS. 

SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA XUSTIZA 

  • Para que as persoas que teñen responsabilidades públicas de goberno xeren realidades que satisfagan as necesidades de todas as persoas: terra, traballo decente, teito digno e asequible, sanidade e educación universais, OREMOS. 

SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA XUSTIZA 

  • Polas persoas que traballan como Igrexa pola solidariedade, a xustiza e a denuncia de calquera explotación da xente máis indefensa, para que o seu traballo sexa o espello no que sempre nos miremos á hora de actuar como seguidoras e seguidores de Xesús, OREMOS. 

SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA XUSTIZA 

  • Polas nosas comunidades parroquiais, para que sexan comunidades de esperanza onde se acolle e se escoita, comunidades nas que hai encontro e perdón, comunidades onde podemos sandar e facernos cargo da xente máis fráxil, comunidades proféticas que toman partido e denuncian as inxustizas, comunidades inclusivas, espazos de acollida, onde cadaquén se sinta coma na súa casa, comunidades formadas por persoas que realizamos xestos sinxelos, cotiáns, gratuítos, cargados de amor e de esperanza, capaces de reconstruír a vida, OREMOS.  

SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA XUSTIZA  

Grazas, Señor, por volverte pan que alimenta o camiño da nosa vida, dándonos azos para traballar pola xustiza. P.X.N.S. Amén. 

PARA REFLEXIONAR 

Quen ten ollos para ver e oídos para escoitar 

descubre sinais de esperanza. 

As persoas débiles descobren que se fan fortes e invencibles cando se xuntan; 

non para pisotear os dereitos dos demais, 

senón para impedir que sexan pisoteados os seus dereitos fundamentais.... 

que non son un agasallo dos gobernos nin dos poderosos, 

senón un agasallo de Deus para todas as persoas. 

(Heder Cámara)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel