Ir al contenido principal

27 Domingo TO 2020 Ciclo A

NA VIÑA DE TOD@S, O ESFORZO TAMÉN HA SER COMÚN. NON CARGUEMOS SOBRE OS DEMAIS O QUE SÓ A NÓS CORRESPONDE

CANTO GOZOSO


  • ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)

  • LECTURAS: Escoita ti (Nº 26)

  • OFERTORIO: Ti es o pan do ceo (Nº 54)

  • COMUÑÓN: Señor Xesús, bendito sexas (Nº 52)

POÑENDO OS OLLOS NA REALIDADE

Traballar na viña do Señor, facelo sen exclusións e poñendo da nosa parte o mellor, é a invitación que nos fai hoxe o Evanxeo. Pensemos o que serían as nosas vendimas se o traballo das persoas que, coma nós, poñen o seu tempo e esforzo para recoller a uva, non fose nin recoñecido nin valorado. Sería unha actitude inxusta e prepotente. A superar inxustiza e prepotencia é ao que nos invita a celebración de hoxe. Iso supón, un esforzo da nosa parte por revisar comportamentos e actitudes coas que andamos pola vida.
Que o Señor, que nos chama a traballar na súa viña, atope en nós acollida e gratitude!

RENOVANDO O CORAZÓN

  • Porque non acabamos de comprometernos no coidado da túa viña, e deixamos que a intransixencia nos domine; SEÑOR, QUE NON FAGAMOS DA VIDA CANSEIRA.
  • Porque non deixamos que a forza da túa savia dea en nós os mellores froitos; CRISTO, QUE NON FAGAMOS DA VIDA CANSEIRA.
  • Porque sempre somos dos que vemos o malo en todas as persoas e a perfección só en nós; SEÑOR, QUE NON FAGAMOS DA VIDA CANSEIRA.

PALABRA PROCLAMADA


PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS


Voulle cantar ao meu amigo a canción do meu amor á súa viña.
Tiña o meu amigo unha viña nunha das fértiles ladeiras.
Cavou, quitoulle as pedras, e plantouna de cepa selecta;
construíu no medio dela unha torre e tamén dispuxo un lagar;
esperaba que dese boas uvas, pero só llas deu agraces.
E agora, habitantes de Xerusalén e homes de Xudá,
facede, por favor, de xuíces,
entre min e a miña viña.
¿Que máis lle puiden facer á miña viña que non llo fixera?
¿Por que, esperando eu que dese boas uvas, deu tan só agraces?
Pois agora vouvos dicir o que lle vou facer á miña viña:
quitarlle o valado para que sirva de pasteiro,
romperlle a cerca e que se volva un torreiro.
Convertereina nun ermo, non se podará nin cavará;
o cardo e mais a silveira medrarán nela;
aos mesmos trebóns mandareilles que non chovan sobre ela.
Si, a viña do Señor dos Exércitos é a casa de Israel;
e os homes de Xudá, a súa preferida plantación.
Esperaba deles o cumprimento do dereito, e velaí: sangue vertido.
Esperaba deles xustiza, e velaí: berros de auxilio.

PALABRA DO SEÑOR


PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU

Naquel tempo díxolle Xesús aos seus discípulos:
Escoitade outra parábola:
Dunha vez había un propietario que plantou unha viña; rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo, arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe.
Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados ós viñateiros, para cobrar as rendas. Pero os viñateiros agardáronos, e a un zorregáronlle, a outro matárono e a outro apedrárono. De novo mandou outros criados, máis numerosos; pero tratáronos do mesmo xeito.
Por último, mandoulles o seu propio fillo, dicindo para si: "O meu fillo hano respectar". Pero os viñateiros, ó veren o fillo, comentaron: "Este é o herdeiro: veña, matémolo, e a herdanza será nosa". E agarrárono, botárono fóra da viña, e matárono.
Ben, ¿e cando veña o señor da viña, que fará cos viñateiros aqueles?
Respondéronlle:
A eses malvados faraos morrer de mala morte, e arrendaralles a viña a outros viñateiros, que lle paguen as rendas no seu tempo.
Díxolles entón Xesús:
¿Seica non lestes nunca na Escritura:
A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal: esa pedra colocouna o Señor, ¡que regalía para nós!?
Por iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus, e daráselle a un pobo que produza bos froitos.

PALABRA DO SEÑOR

REMOENDO NA PALABRA

A viña volve ser outra vez a imaxe que nos achega a Palabra de Deus este domingo. Tod@s nós conformamos a viña que o Señor vén coidando permanentemente. A súa preocupación, a súa paciencia, o convencemento de que sempre acabará dando froito é todo un estímulo de esperanza para nós, que o temos como a auga que fai que a viña non seque nunca, a pesares das securas polas que pasamos tantas veces na vida. Pero inda que El vaia termando da viña, tócanos a nós comprometernos tamén no seu coidado, xa que por moito que El queira, se nós lle damos as costas, ningún froito se vai obter. Temos que traballar tod@s á vez, implicarnos e comprometernos para que dea froito; o froito que nos faga ter unha mirada da nosa realidade real, coas nosas pobrezas e fraquezas, pero non desesperada ante elas. De aí que non podemos traballar sós na viña, precisamos uns dos outros, para que o froito chegue, sexa abundante e ninguén se senta excluíd@. Esforcémonos logo por poñer o mellor de nós nesta viña na que nos vai a vida.
Este traballo na viña esixiranos ser persoas nobres, audaces, creativas, xustas, recoñecedoras do que os demais aportan... é dicir, vai pedir de nós a superación do individualismo para espertar ao sentido comunitario. Non como un retrouso que escoitamos moitas veces, senón como unha acción que nos saca das nosas preguizas e canseiras e fai que os demais non sexan nin números nin cousas, senón fillas e fillos de Deus, polo tanto irm@ns e comprometidos en facer da Casa Común espazo de encontro e recoñecemento, non invisibilidade, dunh@s e outr@s. Tócanos laiarnos pouco, mellor nada, e arrimar o ombreiro todo canto poidamos.
E cando cheguemos onda dono da viña, saberemos presentarnos coa mochila chea de bo froito, facendo do encontro con El experiencia plena de felicidade persoal e comunitaria; gozo no compartir e celebrar que sempre hai camiño, e luz, en cada un dos nosos amenceres; que non podemos deixarnos levar nin polo desánimo nin polo pesimismo, porque, se sabemos acoller a quen chega á viña, o que nos aporta enriquécenos e sempre nos acaba ofrecendo sentido e alegría desde o compartir de/ con quen fai e sabe poñer as persoas no centro no canto dos cartos, o poder, o prestixio, o carreirismo eclesiástico ou as ansias de impoñerse aos demais sen respectar a pluralidade dunha Casa Común onde collemos tod@s. Debemos logo esforzarnos para que o traballo na viña sexa constante e permanente, sen deixarnos levar das nosas canseiras ou das cegueiras que non nos deixan ver a cantos con nós están tamén na viña. A viña sempre é invitación á comuñón desde o ser comunidade plural e aberta.

COMPARTINDO O COMPROMISO

Agradecemos a vida e compartimos a oración comunitaria dicindo:
QUE SEXAMOS PERSOAS DE PAZ E ACOLLIDA
Para que fagamos da Igrexa viña traballada que dá froitos de solidariedade, servizo e quentura de corazón, OREMOS.
QUE SEXAMOS PERSOAS DE PAZ E ACOLLIDA
Para que nas nosas comunidades non deixemos que o medo nos distancie e nos faga invisibles a unh@s e a outr@s; OREMOS.
QUE SEXAMOS PERSOAS DE PAZ E ACOLLIDA
Para que non nos deixemos engaiolar polos cantos de serea que nos acaban convertendo en persoas individualistas, soas e permanentemente insatisfeitas; OREMOS.
QUE SEXAMOS PERSOAS DE PAZ E ACOLLIDA
Aléntanos, Señor, no noso camiño de cada día, para que non perdamos nunca nin a paz nin a esperanza. P.X.N.S. Amén.

BUSCANDO ACOUGO ESPERANZADO

Ti es, Señor, pedra firme e asentada,
pedra que dá raíz e consistencia ao edificio.
Nós precisámoste porque non acabamos de asentar;
de facer do noso camiñar unha construción forte e segura.
En Ti atopamos a anclaxe desde a que encarar a vida;
unha vida que nos trae alentos e desalentos,
ledicias e tamén tristuras, ilusións e máis dalgún fracaso.
Pero se aprendemos a poñer en Ti o cimento,
cando nos veñamos abaixo
sabemos que a túa man vai estar para amortecer a caída.
Grazas, Señor.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Propostas para o Domingo 25 TO B

25 domingo TO B 2015  HAI PERSOAS QUE SERVEN UN DÍA E SON BOAS. HAI OUTRAS QUE SERVEN UN ANO E SON MELLORES. OUTRAS SERVEN MOITOS ANOS E SON MOI BOAS... PERO TAMÉN HAI AS QUE SERVEN TODA A VIDA: ESAS SON IMPRESCINDIBLES E IMPORTANTES Descarga o ficheiro Domingo 25 TO B 2012  https://remoldapalabra.blogspot.com/2012/09/domingo-25-to-b.html DOMINGO 25 TO B 2009 https://remoldapalabra.blogspot.com/2009/09/domingo-25-to.html

12 Domingo TO 2020 A

A FE, EXPERIENCIA DE CONFLITO
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5)LECTURAS: A túa palabra é o meirande ben OFERTORIO: Velaquí, Señor, o viño (Nº 37)COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)ESCOITA ACTIVASempre que unha persoa cuestiona cousas, prodúcese unha crise na que hai que decidir, tomar postura, situarse… O cuestionamento desinstálanos, fai que non nos creamos na seguridade eterna e permanente. Nunha palabra, fainos avanzar cara adiante. O mesmo ocorre coa nosa relación con Deus. A fe non pode ser unha experiencia de estancamento, ao contrario, ten de mobilizarnos, remoernos por dentro, deixarnos inqued@s; por iso ten que ser sempre unha experiencia de conflito, tensión, reorientación… que nos leve a avanzar coa realidade na que estamos e vivimos. Ten, entón, que implicar a nosa vida, encamiñarnos a non esquecer que os nosos ollos han permanecer sempre abertos, e así aprender a distinguir e camiñar, non pola seguridade de quen pensa sempre que ten a razón e a verdad…

13 domingo TO A 2020

A TENRURA E A ACOLLIDA,
SINAIS DA PRESENZA DE DEUS PAI/NAIDescarga o ficheiro

CANTO GOZOSOENTRADA: Eu soñei (Nº 58)LECTURAS: Escoita ti (Nº 6) OFERTORIO: Non vou so (Nº 60)COMUÑÓN: Acharte presente na vida (Nº 51)ESCOITA ACTIVAAcollida. Velaí a actitude e a tarefa á que hoxe nos convida a Palabra que imos proclamar. E, como nos custa!!!!!! Porque acoller significa ser capaces de descubrir nas persoas, en todas as persoas, a presenza de Deus que nos interpela. Acoller supón, xa que logo, un esforzo constante para que, nun mundo ferido pola globalización da indiferenza, nós apostemos pola cultura do encontro, na que como ben di o papa Francisco, ninguén é descartado nin adxectivado, senón na que todas as persoas son buscadas porque son necesarias para reflexar o rostro do Señor.

Que a celebración que agora comezamos nos axude a descubrir a tenrura, o encontro e a acollida como sinais da presenza de Deus. CORAZÓN MISERICORDIOSOPor non saber nin acoller nin escoitar a quen se achega a nós b…