Ir al contenido principal

1 domingo advento 2020 B

Fagamos do Advento unha escaleira de igualdade

SINAL DE ADVENTO

Ao comezar este tempo de Advento propoñemos un sinal que nos axude a ir interiorizando e visibilizando este camiño que nos vai levando ata o día de Nadal; o día do nacemento de Xesús.
Para este ano temos escollido a imaxe dun neno recén (naipelo) nacido. Pero será unha imaxe que iremos construíndo ao longo de cada unha destas catro semanas. Sobre o taboleiro que sempre poñemos diante do altar colocamos unha cartolina cor morada, e cada domingo colocaremos unha parte do corpo do neno de xeito que chegando ao día de nadal teñamos a imaxe completa do neno que nos lembrará que o sentido cristián do Nadal segue a ser acoller, facéndolle oco, a Xesús no noso corazón, na nosa vida. Comezamos esta primeira semana colocando as pernas.

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Volve Señor (Nº 90)

  • LECTURAS: Contade as marabillas do Señor

  • OFERTORIO: Eiquí están Señor (Nº 32)

  • COMUÑÓN: No colo da miña nai (Nº 49)

ESPERTANDO Á RENOVACIÓN

Poñémonos hoxe no camiño de prepararnos para celebrar con sentido cristián o tempo de Nadal. Na liturxia cristiá, a este tempo chamámoslle Advento, espera. Porque namentres esperamos imos preparando o noso corazón a acollelo, a facelo presente en nós. Non ha ser un tempo de costume nin rito nunca, pero moito menos este ano, no que todos os que falan refírense ao nadal como tempo de abrir negocios ou comer ou cear seis ou dez xuntos. Non. Nadal é celebrar que Deus se fai presente na historia para cambiala, para darlle sentido e horizonte de esperanza. Que a salvación chega a cada un e cada unha de nós e ao mundo para cambialo, para facelo mellor, para converter a fraternidade en camiño desde onde se desenvolvan as relacións entre todas e todos nós.

ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA

  • Volve, Señor, tráenos o espertar a recoñecer que necesitamos arrepentirnos de canto non facemos ben. VOLVE, SEÑOR, PARA QUE CAMIÑEMOS NA CONVERSIÓN.
  • Volve, Señor, tráenos a fraternidade que fomos esquecendo polo noso egoísmo. VOLVE, SEÑOR, PARA QUE CAMIÑEMOS NA CONVERSIÓN.
  • Volve, Señor, tráenos a capacidade de recobrar a mirada de misericordia que moitas veces temos perdido. VOLVE, SEÑOR, PARA QUE CAMIÑEMOS NA CONVERSIÓN.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Ti, Señor, es o noso Pai,
o "noso Redentor desde sempre" é o teu Nome.
¿Por que, Señor, nos deixaches extraviar lonxe dos teus vieiros,
e fixeches endurecer o noso corazón apartándose do teu respecto?
Baixaches, coa túa presenza tremeron os montes.
Señor, ti es o noso Pai.
Nós somos o barro e ti es o oleiro,
pois obra das túas mans somos todos nós.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MARCOS

Estade logo á espreita e atentos, que non sabedes cando será o momento.
É coma un home que foi ó estranxeiro, deixando a casa e mais a facenda nas mans dos seus criados, encargándolles a cada un o que tiña que facer; e ó porteiro ordenoulle que velase.
Vixiade vós, polo tanto, pois non sabedes cando chegará o amo da casa: se á tardiña ou con noite cerrada, se co canto do galo ou no amencer. Non vaia ser que chegue de repente, e vos atope durmindo. E o que vos digo a vós, tamén llelo digo a todos: ¡Estade en vela!

PALABRA DO SEÑOR

NA ESCOITA DA PALABRA

Son dúas as ideas ao redor das que a Palabra de Deus nos invita a comezar este tempo de Advento: encontro e vixilancia. Encontro porque non pode haber celebración nin vida se non se fai a través do encontro cos irmáns e coas irmás. Encontro para vernos, falar, compartir, construír, escoitar... As persoas só podemos ser e definirnos como tales desde o encontro, pois este fai que non sexamos invisibles nin ignoradas. Encontro é presenza, realidade concreta, posibilidade de dialogar para poñer en marcha procesos, á vez que nos lembra que non podemos ir sos, ao noso aire, como se os demais non estiveran nin existiran. E vixilancia para que non deixemos que entre en nós todo aquilo que non fai posible encontrarnos, e mesmo pon distancia, e non só física, entre as persoas e o que senten, sofren, propoñen ou fracasan. A vixilancia evita que caiamos na inxenuidade de quen se deixa enganar por quen só busca sacar tallada utilitarista das persoas; por moito que use palabras coma irmás, Deus ou comunidade. Vixiemos para encontrarnos! E deixémonos modelar polo Alfareiro que só nos quere felices e sempre dispostos a poñer ás persoas por riba das cousas ou dos beneficios.
Este esforzo por non deixarnos manipular por quen non busca outra cousas que invisilizarnos ou aproveitarse de nós para as súas comenencias, ben pode ser unha tarefa sobre a que reflexionemos ao longo deste advento. E do mesmo xeito que imos configurando o neno do taboleiro, vaiamos tamén modulando a nosa vida, de xeito que deixemos atrás aquelas cousas que nos van levando a perder a capacidade de crer que outro xeito de vivir, sentir, compartir e encontrarse é posible. Sen necesidade de baleirar de sentido as palabras nin de trabucalas nin tampouco de estar permanentemente coa sensación de quen nos están examinando. Advento é inicio de camiño para ir deixando atrás canto nos estorba e nos afasta a uns dos outr@s, todo aquilo que se vai acumulando no corazón e na vida pola rutina do paso do tempo.
E neste camiño cadaquén, como nos di Xesús no evanxeo, ten a súa tarefa. Non renunciemos a ela! Non deamos as costas á realidade! Non deixemos que outras persoas sexan as que acaben falando, decidindo e mesmo afirmando que falan, fan e actúan no noso nome! Vixiade, vixiemos. De xeito que cando o Señor chegue, nos atope preparad@s, ledos e dispost@s a comezar coa ledicia de saber que non camiñamos sos.

COMPARTINDO O QUE NOS UNE
Rezamos comunitariamente desde esta invitación ao encontro e á vixilancia da que nos fala hoxe a palabra de Deus. Fagámolo dicindo

QUE SAIBAMOS RECOÑECERTE NA VIVENCIA DA FRATERNIDADE

  • Aléntanos, Señor, para que fagamos do noso ser Igrexa experiencia de escoita, diálogo e participación, e non simple obediencia ao que nos mandan, Oremos
  • Acompáñanos, Señor, no camiño de cada día a atoparnos cos veciños e veciñas, de xeito que construamos entre nós unha relación de encontro, colaboración e axuda entre tod@s, Oremos.
  • Que este tempo de Advento, Señor, sexa unha verdadeira oportunidade para deixar atrás todas esas actitudes e comportamentos que endurecen o noso corazón e entristecen a nosa vida, Oremos.

Deixándonos acompañar por Ti neste camiño do Advento, queremos que os nosos pasos sexan de fraternidade e reconciliación. P.X.N.S. Amén.

AGRADECENDO O DON DA FE

O fundamental do advento é: Deus vén a nós, insiste en buscarnos. Moito nos debe querer. Moito debemos valer para que nos procure con tanta insistencia. Tanto, que rematará por facerse home, por enviar ao seu propio Fillo para demostrarnos o seu amor e a súa aposta pola vida. Pero isto de pouco serve se non atopa corazóns preparados, corazóns que latexan e senten ao 100%. Si estamos distraídos, si os nosos erros nos bloquean, si o corazón o temos dividido… xa pode insistir Deus! Deixaremos pasar outra oportunidade. Ao mellor non! 

(http://www.jovenesdehonianos.org/archivos%20pdf/Adviento/Ad )

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...